Cantigas: I II III IV V VI VII VIII IX X XI XII XIII XIV XV XVI XVII XVIII XIX XX XXI XXII XXIII XXIV XXV

Cantiga: XV      - Esta senhor que ora filhei,

Xustificación da edición.

 

1. Para encadrar este verso na isometría da cantiga, é preciso facer sinalefa entre que ora, aínda que isto contraveña a regra xeral, defendida por Cunha como absoluta nos seus traballos (cf. Cunha, 1961: 58-74 e 135-165). A interpretación dos manuscritos é clara e non parece xustificábel unha alteración da súa lectura do tipo A senhor no canto de Esta senhor, que modificaría considerabelmente a vertente connotativa do verso.

3. BRAGA lh'agravon, lhi ; representa unha pausa e dálle ao verso unha interpretación difícil de entender, cando a lectura correcta parece estar clara, mesmo partindo unicamente da lectura diplomática de Monaci, trocando tan só o n por u. NUNES le en B: granoalha. A súa interpretación primeira do verso é por que lh'agrav'ou lhi non praz, pero na sección de Correcções e Aditamentos (p. 559) propón: "Tal vez se deva ler antes porque lh'é grav'ou lhi, etc.". Esta última é a lectura que nós cremos correcta, dado que a expresión seer grave (algo a alguén) está rexistrada con bastante frecuencia na nosa lírica medieval tanto profana coma mariana, co significado de 'resultar penoso, difícil, causar agravio'. Pola súa parte o verbo agravar está rexistrado por Nunes (Amigo, III, p. 579), como pronominal, co significado de 'sentir pena, desgôsto', que non lle acae no noso texto, xa que aquí se trata de causalo. O verbo agravar está rexistrado tamén por Lapa (Escarnho, p. 661) co significado de 'queixarse', que tampouco lle acae no noso contexto, á parte que non podería ir acompañado polo pronome de dativo lhe do noso verso; ao mesmo tempo neste mesmo glosario documéntase o verbo agravecer, co significado de 'importunar, aborrecer, irritar', isto é: ‘seer graue’, que si cadraría ben no noso caso. A lectura quelhs de B podería deberse a unha lectura dubidosa da última letra no exemplar, que o copista de B interpretou como s mentres que o copista de V a interpretou como a. Unha confusión entre as tres grafías non sería cousa rara. PAXECO-MACHADO por que lh agrauou lh a non praz, empéñanse en buscarlle sentido só a partir do manuscrito B.

4. NUNES de que, aínda que corrixe en nota (p. 559).

5. BRAGA assanhou-ss'ora , por lapso evidente do editor, que corrixe nos vv. 11 e 17.

6. A locución conxuntiva e pero, do segundo verso do refrán, ten un sentido que fluctúa entre a adversatividade ("asáñase agora contra min, pero comprácese moito niso ") e a concesividade ("asáñase agora contra min, aínda que (a pesar de que) se comprace niso"). Unha conxunción deste tipo só ten sentido se neste verso se expresa unha opinión do poeta: á senhor resúltalle grave o amor deste e assanha-se contra el, pero/aínda que (pensa o poeta) a ela prácelle a relación: faz seu prazer i. Pero hai outra posibilidade de interpretación. Tería sentido unha locución concesiva ou adversativa se o locativo anafórico i se referise ao primeiro verso do refrán, a que a senhor 'faz seu prazer' i, onde i = no feito de assanhar-se contra o poeta namorado? Son frecuentes os casos en que se fai alusión directa a que a senhor atopa prazer facendo sufrir ao poeta namorado. Como entender, pois, o refrán? Tanto se consideramos a locución adversativa como concesiva, o significado é equivalente: ‘a dama móstrase irada e con sanha contra o poeta porque a filhou por senhor, pero/aínda que, realmente aquela relación é do seu agrado’ (ou, se lle damos o segundo valor a i, ‘assanha-se con el, pero/aínda que goza facéndoo’).

Por fin, a última posibilidade de interpretación deriva de darlle á locución o valor conclusivo explicativo etimolóxico de pero (<PER HOC), equivalente a ‘por iso’, e é a seguinte: á senhor non lhi praz a relación que o poeta comezou con ela, e assanhase contra el, e como goza facéndoo, o resultado é que a relación lle resulta pracenteira. (D. Denis utiliza a locución con este valor na cantiga (B 509, V 92, Amor XL) v. 13 E pero quem vos diz que non/ trobo por vós....mente).

Resúltanos certamente difícil decidirnos por unha destas posibilidades de interpretación que conviven na expresión conscientemente ambigua empregada polo trobador.  (Para os diversos valores da locución e pero, véxanse os glosarios de Michaëlis, Mettmann, Lorenzo, s. v., así como o estudo de Mattos e Silva, 1989: 675-681).

8. En meresco eu faise sinalefa.

11-12. Para a rima de min e i cf. infra nota ao v. 20.

14. BRAGA queria ir modificando innecesariamente a correcta lectura de Monaci, que fai perfectamente sentido.

15. BRAGA lhe , afastándose da correcta lectura de Monaci. PAXECO-MACHADO ca lh i, interpretan o pronome lhi como contracción de lhe máis i.

16. PAXECO-MACHADO do sseu, pero en B lese de.

17. BRAGA coutra por evidente erro tipográfico.

20. BRAGA sey, ou , afástase incomprensibelmente, unha vez máis, da lección de Monaci, da que se deduce claramente o sentido. NUNES mi.

Nós lemos min, desenvolvendo o til de nasalidade presente nos dous manuscritos, xa que na lírica galego-portuguesa a rima de vogal nasal con vogal oral era perfectamente funcional (cf. Cunha, 1961: 173-200). A forma actual min xurdida pola progresiva nasalización da forma etimolóxica mi, alterna na escrita con esta, como pode comprobarse na presente cantiga na alternancia da forma sen nasalizar do primeiro verso do refrán da primeira estrofa, nos dous manuscritos, coa forma nasalizada nos dous manuscritos neste verso 20 e en V nos vv. 11 e 17.

 

   Servizo de publicacións da Universidade de Vigo - 2010 Xosé Bieito Arias Freixedo