Esta publicación, O cancioneiro de Roi Fernandiz, clerigo de Santiago é o resultado dun traballo de investigación realizado no marco do proxecto “As cantigas do cancioneiro de clérigos galego-portugués. Edición e estudo”, con código PGIDIT06CSC20401PR, subsidiado pola Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación da Consellería de Economía e Industria da Xunta de Galicia no seu programa de CSC do ano 2006.
O volume consta de diversas seccións relativas a cuestións varias sobre o autor e a súa obra, que poden consultarse situando o cursor e premendo sobre o título que se desexe. Na primeira delas estúdanse os datos biográficos que nos aproximan á figura real do clérigo compostelán Roi Fernandiz. Noutra sección trátase a complexa cuestión da transmisión manuscrita. Noutro dos apartado faise un tratamento de conxunto da poética do autor, incidindo nos aspectos máis salientábeis en relación coa escola trobadoresca da que forma parte.
No relativo á obra poética, á parte dese apartado introdutorio de carácter xeral, cada unha das cantigas é comentada polo miúdo nos seus diferentes aspectos: imaxes dos manuscritos, transcrición paleográfica -é posíbel consultar simultaneamente a imaxe do manuscrito e a correspondente transcrición paleográfica-, referencia a edicións precedentes, edición crítica propia -con xustificación dos pasos máis complexos-, aparato de variantes, esquema métrico e estrófico, comentario literario, retórico e estilístico, etc.
Finalmente, inclúese un glosario completo, tanto das formas léxicas coma das palabras gramaticais, no que se remite á totalidade das súas ocorrencias no corpus do autor. Noutras seccións recóllese un índice completo das rimas así como a bibliografía. Por último, inclúense dúas táboas, unha de correspondencias e outra de estruturas estróficas.
O feito de ser esta unha obra xurdida no seo dun proxecto de investigación implica que, alén da autoría individual, teñamos que facer mención necesariamente de persoas e institucións que, dun xeito ou doutro, colaboraron nela.
En primeiro lugar, cómpre agradecerlle á Universidade de Vigo (nomeadamente, aos seus bibliotecarios, Vicerreitoría de Investigación, Servizo de Publicacións e persoal da Facultade de Filoloxía e Tradución) todas as facilidades para desenvolver do mellor xeito posíbel a nosa investigación.
Na súa última fase, o proxecto de investigación contou coa inestimábel e exemplar colaboración, como bolseira, de Ana María Outón Barral.
As transcricións paleográficas incluídas neste volume son responsabilidade de X. Bieito Arias Freixedo e Alexandre Rodríguez Guerra. Neste punto cómpre agradecer publicamente a amabilidade e profesionalidade con que nos acolleron todos os membros da biblioteca do Palacio da Ajuda (Lisboa).
Por último, merece tamén unha mención de recoñecemento o especialista en informática Félix Antonio Medina Méndez, que foi o encargado de interpretar as nosas ideas e transformar con man mestra a súa virtualidade nun CD executábel.
Servizo de publicacións da Universidade de Vigo - 2010 | Xosé Bieito Arias Freixedo |