O Autor


A persoa histórica. Dúas rúbricas, un só autor.

A produción poética do noso autor aparece agrupada, separada por xéneros, baixo dúas rúbricas distintas [1] , a saber: un conxunto de dezaoito cantigas de amor situadas baixo a rúbrica Roy Fernandiz de Santiago, e outro grupo de sete cantigas de amigo situadas baixo a rúbrica Roy Fernandiz clerigo

A primeira dúbida que se nos presenta é, pois, a de se se trata de dous poetas, ou se, pola contra, as composicións pertencen a un mesmo autor e pasaron á tradición manuscrita recollidas con separación de xéneros, segundo un principio clasificatorio seguido polas compilacións máis antigas. A separación por xéneros da obra de Roi Fernandiz non será, en todo caso, irrelevante, como veremos no seu momento.

A identificación entre os dous poetas, Roy Fernandiz clerigo, autor de sete cantigas de amigo, e Roy Fernandiz de Santiago, autor de dezaoito cantigas de amor, é aceptada pola crítica sen obxeccións de ningún tipo.

Se o Roy Fernandiz clerigo está presente en B/V con cantigas de amigo unido a Martin Moxa, formando parte do coñecido como 'grupo de clérigos' ou 'compilación de clérigos' [2] , e se o Roy Fernandiz de Santiago autor das cantigas de amor está tamén unido a Martin Moxa, na mesma secuencia, en A, e está incluído tamén na mesma compilación clerical, todo parece indicar que estamos ante unha única persoa, posto que sería demasiada casualidade que dous poetas compartisen o mesmo nome, a mesma condición de clérigos e a mesma colocación nos cancioneiros, así como que se especializasen cada un nun só dos dous xéneros amorosos.

Temos, ademais, a fortuna de contar cun documento que consideramos como a proba máis importante que nos permite afirmarnos neste sentido: trátase do testamento dun Rodericus Ffernandi, feito en Salamanca a 17 de decembro de 1273 [3] , ao longo do cal, en diversas ocasións se fai referencia á dobre condición de clérigo e de compostelán do testante:

'Ego Rodericus Ffern andi Compostellanus domnj A[ldefonsi] Regis Legionis / et Castelle clericus. ac Salamantinus scolaris';

'Post hec / ego Roderic us Ffernandi clericus supra dictus apud Compostellanam ciuitatem et diocesim de rebus meis sic ordi-/no et dispono';

'Item do, lego, Petro / Ffernandi ffratri meo terciam partem omnium bonorum meorum que in ciuitate et diocesi Compostellana / habeo et habere debeo, tam de auolencia et patrimonio quam de ganancia' ; etc.

Porén, non hai no documento ningún dato que faga referencia á condición de trobador do testante, nin tampouco contén indicios indirectos ao respecto.

Como se dixo, baixo as dúas rúbricas transmitíronsenos só cantigas pertencentes aos xéneros amorosos, polo que tamén carecemos das referencias a personaxes ou feitos históricos que, aquí e alí, se atopan de vez en cando nas cantigas de escarnio, e que a miúdo se mostran fundamentais á hora de, polo menos, situar cronoloxicamente os seus autores. Temos, iso si, unha cantiga de amigo (XXV) que alude a que o amigo vai a Sevilla servir ao rei [4] . A cidade andaluza foi conquistada en 1248, durante o reinado de Fernando III. Pero o servizo ao rei do ficticio amigo da moza das cantigas non tiña por que implicar necesariamente a súa participación na campaña militar de conquista da cidade, e simplemente podía aludir á estancia do amigo na cidade andaluza nos anos posteriores á toma da mesma, cando tanto o rei santo coma o seu fillo Afonso X estableceron nela a corte, mentres continuaba o proceso de reconquista [5] . Lémbrense outras expresión tópicas paralelas a el rei servir, que fan alusión a que o amigo se vai á corte: a cas del rei, con el rei morar.

Non temos datos que nos permitan confirmar a presenza do noso clérigo na conquista de Sevilla [6] . O seu nome non aparece tampouco entre os beneficiados no Repartimiento da mesma.

Se a nosa hipótese de reconstitución da cantiga XXIV é correcta, a alusión á estancia do amigo en Sevilla, ao servizo do rei, só é concibíbel na época, incluso literariamente, se nese momento o monarca se atopa alí, ben sexa na campaña militar para a conquista da cidade, ben sexa na corte alí establecida con posterioridade á mesma. Pero, que rei? Fernando ou Afonso? Non o sabemos, pero o dato é importante porque nos presenta a un Roi Fernandiz en plena actividade poética nos mediados do século XIII, o que é absolutamente compatíbel coa data do testamento.

O testamento contén outros datos importantes. Móstranos unha persoa cunha certa posición económica, con propiedades en Salamanca e en Galicia, tanto en Compostela coma nas terras de Avaña. Menciónase a súa condición de 'Salamantinus scolaris'. Este título de escolar, non implica que fose estudante, senón que con el se aludía tanto aos alumnos coma ao estamento docente do Estudio salmantino [7] . Ademais, Roi Fernandiz quere que algunhas das mandas estipuladas no seu testamento sexan executadas con cargo ao diñeiro que lle deben os conservadores do Estudio salmantino [8] , o que parece indicar que o noso clérigo cobraba un salario probabelmente como profesor do mesmo. Así o considera Beltrán de Heredia, baseándose nestes mesmos datos: 'catedrático muy probable de la Universidad... Consta que tomó parte en la vida universitaria', e conxectura, talvez pola condición de poeta do noso autor, que 'no parece aventurado suponer que regentó alguna cátedra de gramática' [9] . O feito de que sexa o notario da Universidade quen redacte o testamento, e de que o faga 'propria manu', a petición do testante, inciden, por un lado, na pertenza de Roi Fernandiz ao estamento universitario, e por outro, no estatus elevado de que gozaba dentro do mesmo.

O P. Beltrán de Heredia, tanto no estudo que acompaña ao Cartulario coma na monografía sobre as orixes da Universidade de Salamanca, demostra con abundante documentación a influencia da Igrexa e da Escola compostelá, que vivira durante todo o século XII un dos períodos de maior esplendor, na igrexa e no futuro Estudio salmantino. Esta influencia deixaríase notar desde o inicio do proceso de creación do mesmo, xa que entre os conselleiros de Afonso IX neste asunto habería membros do Cabido compostelán, relacionados polo tanto coa Escola compostelá [10] , e a presenza de galegos, sobre todo composteláns, no Cabido e no Estudio salmantinos, iría en aumento ata acaparar durante o século XIII os mellores cargos en ambas as institucións, o que orixinou máis dun enfrontamento co clero local e a necesidade de intervención mediadora pontificia e real [11] .

Neste marco encádrase perfectamente o noso Roi Fernandiz, clérigo e de Santiago, formado talvez na Escola compostelá, como profesor no Estudio salmantino. O feito de que se faga enterrar na catedral salmantina indica probabelmente a súa pertenza ao Cabido desta igrexa.

Máis arriscado resulta asegurar en que cátedra exercía a docencia. Na carta magna citada máis arriba promulgada por Afonso X en 1254, o rei sabio ordena o Estudio e realiza a dotación de cátedras [12] . Alúdese a un maestro en leys,...vn maestro en decretos,... dos maestros en decretales,... dos maestros en logica,... dos maestros en la gramática,...dos maestros en fisica,...vn maestro en organo. Faise referencia tamén a vn estaçionario e a un apo[te]cario, así como aos respectivos salarios.

No testamento do noso clérigo hai unha única referencia a libros: Et omnia supradicta statim compleantur per domos meas et libros meos / Codicis et Institucionum, quos et quas ad ea soluenda uolo et mando uendj, et per debita et / per omnia bona mea mobilia et inmobilia que Salamanti[ce] habeo et habere debeo . Se non deixa de ser curioso que esta única alusión aos libros sexa unha orde para vendelos, tamén parece deducirse que o valor dos mesmos era considerábel, xa que merecen unha mención especial xunto coas casas e xunto con todos os bens mobles e inmobles que posúe en Salamanca.

A mención fai especial referencia a libros Codicis et Institucionum, que sen dúbida se refiren ao Código e ás Institucións de Xustiniano, que son libros de dereito civil, o que nos inclina a pensar na hipótese de que Roi Fernadiz desempeñou o seu labor docente no Estudio Salmantino como maestro en leys. Agora ben, nunha constitución de 1225, Honorio III estendeu a prohibición de estudar leis a todos os presbíteros e dignidades eclesiásticas, prohibición que só derrogaría trinta anos despois o papa Alexandre IV, por petición do propio rei Sabio [13] -quen deixou na súa obra xurídica mostras máis que suficientes do seu interese polo dereito civil- polo que o noso clérigo só podería exercer ese labor docente despois de 1255.

Pouco máis podemos dicir sobre a persoa histórica, xa que polo que respecta á súa pertenza ao elenco de catedráticos do Estudio Salmantino, a carencia de documentación sobre este período imposibilita calquera precisión [14] .

Dada a súa máis que probábel condición de cóengo do Cabido da Catedral salmantina, as pescudas na documentación desta corporación relativa a este período talvez poidan darnos algún dato sobre o noso autor [15] .

O diploma máis importante para os nosos intereses é un datado o 12 de outubro de 1251 [16] que contén unha carta do Nuncio ao bispo de Salamanca, urxíndoo ao pagamento da 'vicesima' e doutras débedas á Igrexa de Roma e ao Imperio de Constantinopla. O mesmo documento contén a carta do bispo, onde detalla nominalmente as cantidades con que os membros do Cabido contribúen para satisfacer ese subsidio. Entre eles: 'domnus Rodericus VIII morabetinos'.... 'magister Rodericus IIII morabetinus minus tercia'. E no parágrafo seguinte, facendo referencia expresa á condición de cóengos dos citados anteriormente, engade: 'Item contribuerunt etiam cum canonicis in supra dictis morabetinis: P. Siso XI solidos et medium, Pascal Catus IV solidos, M. Pison X solidos et medium, Nafarrus VI dineros, Rodericus Fernandi VIIII solidos...'.

Temos, polo tanto, nun mesmo documento dous Rodericus incluídos entre os cóengos do Cabido salmantino, un dos cales ten ademais o título de magister que comparten só tres máis, e que se corresponde coa denominación empregada na carta real de Afonso X de 1254, citada máis arriba, para referirse aos catedráticos do Estudio salmantino.

Pero ademais, fóra do grupo dos cóengos, mais sen dúbida ligado co clero catedralicio salmantino, aparece un Rodericus Fernandi, que ben podería ser o mesmo que vintedous anos despois fai testamento en Salamanca. Un Rodericus Fernandi, relacionado co alto clero salmantino, entre os membros do cal se inclúen profesores do Estudio universitario, que se atopa no lugar adecuado para a súa proxección profesional tanto relixiosa coma laica, que o levará a desempeñar os cargos de profesor universitario e de cóengo dos que se fala no testamento.

A identificación do noso poeta co outro Rodericus que aparece no documento entre a nómina dos cóengos e que recibe o título de magister queda descartada. A figura dun Magister Rodericus, maestre Roderico, maestre Rodrigo, aparece como testemuña, na sección dos clérigos, en numerosos diplomas desde 1244 ata 1263. Este personaxe aparece en varias ocasións como testemuña en transaccións que afectan ao Cabido, co título de magister, abreviado Mgr. ou romanceado maestre. Por exemplo, nun documento de 1258 [17] lese 'testes qui presentes fuerunt: Maestre Rodrigo, Gondisalvo Pelaez, racioneros de Sancta Maria'; noutro de xaneiro de 1261: 'Testes: Mgr. Rodrigo'. Nun documento máis tardío, como é o testamento do bispo de Salamanca D. Domingo, que data de 1267, aparece de novo a figura dun 'maestre Rodrigo' a quen o bispo lle debía 'XVIII morabetinos', e que cronoloxicamente sería posíbel identificar co noso autor, aínda que neste mesmo documento se fai referencia a unha criada súa, 'Maria Iohan de maestre Rodrigo', que non coincide coa serventa de nome 'Mari Arie' que atopamos no testamento de Roi Fernandiz.

Noutros documentos da época aparece un D. Rodrigo cóengo da Catedral, que pode identificarse con algún dos dous Rodericus do documento de 1251. Así, en 1253 [18] o cóengo D. Rodrigo cómpralle a Juan Pérez 'fratri meo', unhas casas no barrio dos xudeus; noutro de abril de 1255 [19] aparece como testemuña un 'domnus Rodericus salamantinus canonicus'; noutro de 1258 [20] volve aparecer como testemuña: 'Testes: domnus Rodericus canonicus'. Estes rexistros deben ser identificados con algún dos outros dous Rodericus que aparecen na carta de 1251, onde rexistramos tamén por primeira vez a Rodericus Fernandi. Por unha parte é cronoloxicamente improbable, aínda que non imposíbel, que o Rodericus Fernandiz que testa en 1273 tivese xa os cargos de cóengo e profesor vintedous anos antes, e por outra hai datos nos documentos que son incompatíbeis con esa posibilidade. Así, no doc. de 1253, dise que D. Rodrigo ten un irmán chamado Juan Pérez, polo que queda descartada a identificación deste cóengo co noso poeta. Probabelmente sexa tamén este mesmo personaxe a quen se alude nunha carta de doazón, tardía, de 1296 [21] , na que se le: 'como yo, Maria Pascual, criada de don Rodrigo, canonigo que fue de Salamanca, doy por Dios et por alma de don Rodrigo et por la mia a Sancta Maria la canoniga de Salamanca, una cassa que yo he en la yuderia que me ovo dado don Rodrigo el sobredicho'. Viamos nun documento anterior cómo D. Rodrigo (Pérez) lle compraba a seu irmán Juan Pérez unhas casas no barrio dos xudeus. Por outra parte, no testamento de Roi Fernandiz de Santiago, aínda que se nomean as casas, é para vendelas, e a criada á que se fai referencia chámase Marie Arie, que talvez sexa a Maria Arias a quen outro cóengo da Catedral de Salamanca lle deixa douscentos maravedís e unha casa con distintas pertenzas en 1283 [22] .

Consideramos, pois, que o 'domnus Rodericus canonicus' e mailo 'magister Rodericus' que aparecen nos diversos diplomas mencionados, non poden identificarse co 'Rodericus Fernandi' que fai testamento en 1273, e que é máis posíbel que si poida facerse esa identificación co 'Rodericus Fernandi' que aparece no diploma de 1251, ao lado dos outros dous personaxes, aínda que a falta de máis datos non nos permite pasar do ámbito das hipóteses: estamos en 1251; hai tres anos que concluíu a campaña militar que culminou coa conquista de Sevilla, coa que o noso autor estivo directa ou indirectamente relacionado, nos seus primeiros anos como clérigo [23] . Agora, despois dese período de vida axitada, pasado o ecuador da súa vida, Roi Fernandiz decide asentarse. E que mellor lugar para facelo pode atopar un clérigo coa súa formación ca Salamanca, unha cidade onde se está a construír unha catedral, onde hai un Estudio universitario e onde, nunha e noutra institucións, os oriúndos de Galicia coma el detentan os principais cargos? Influencias para integrarse nestes círculos tan restrinxidos non lle habían faltar. Lembremos que no seu testamento nos informa de que era sobriño neto dun cóengo compostelán, quen ademais o herdara con varias propiedades: Item do, lego, / Johanni Martinide Auania clerico nepoti meo, tenenciam illam quam ego teneo. et primo te-/nuit domnus Didacus Sancij, quondamcanonicus Comp ostellanus, patruus meus, [c]um omnibus ele-/garijs, Iuribus, directuris et pertinencijs suis; quetenencia uocatur Abbadengoet here-/ditas de Pousada .


[1]  Cf. a sección dedicada á transmisión manuscrita da mesma.

 

[2]  Foi L. Stegagno Pichio, editora de M. Moxa, quen primeiro se decatou da asociación de varios autores que compartían a súa condición de clérigos (1968: 57-60).

 

[3]  Conservado no Tombo C-1º, fol. 46v-48, da Catedral de Compostela. Véxase no apéndice 1 a nosa edición íntegra deste documento. O documento está editado, con certas alteracións con respecto ao orixinal, en Beltrán de Heredia (1970: 619-622). A edición íntegra do Tombo C, a cargo do paleógrafo J. I. Fernández de Viana y Vieites, será proximamente publicada na Colección Histórico-Documental de la Iglesia Compostelana, segundo nos informou o arquiveiro da Catedral, D. Xosé María Díaz, a quen temos que agradecer as facilidades dadas para a realización da nosa consulta

Este Rodericus Ffernandi foi identificado por López Ferreiro (1902, V: 376) co poeta e clérigo compostelán e co homónimo a quen Afonso X nomeou seu capelán. Nós non puidemos comprobar este último dato, que será repetido por autores posteriores (cf. Couceiro Freijomil, 1952, II, 36).

 

[4]  A cantiga XXIV, á que lle falta un fragmento importante do refrán, probabelmente tamén alude a Sevilla e a este mesmo motivo (vid.).

 

[5]  Referíndose a Afonso X afirma Ballesteros Beretta (1984: 297): 'El rey encontraba grata su estancia en Sevilla, y prueba de ello es su prolongada estancia de muchos años. En Andalucía hasta el año 1269 y casi sin interrupción en Sevilla hasta 1265'.

 

[6]  C. Michaëlis, (CA, II, 477-478), contempla esta posibilidade como mera hipótese: 'se realmente assistiu á tomada de Sevilha, o compostellano havia de ir como subdito de S. Fernando, quer fosse no sequito do arcebispo de Santiago, que tanto deu que fallar, quer partisse na armada de Ramon Bonifaz juntamente com Pay Gomes Charinho'. No mesmo lugar a ilustre filóloga apunta a hipótese, sen fundamento, de Roi Fernandiz ser familiar de D. Gomez Garcia, abade de Valadolide, baseándose unicamente na súa colocación contigua no cancioneiro da Vaticana.

 

[7]  O mesmo título de escolar utilízase nunha importante carta real outorgada por Afonso X a esta Universidade en 1254, onde o rei ordena o Estudio e privilexios da mesma e na que como afirma Beltrán de Heredia (1983: 22) 'en la palabra escolares debe comprenderse por sinécdoque toda la Universidad'.

Este mesmo sentido corrobórao a cantiga 291 das Cantigas de Santa Maria, que versa sobre o acontecido a ũu scolar que liia en Salamanca, isto é, a un escolar que era profesor do Estudio salmantino. A cantiga revélase importante por outros datos que dela se poden tirar, a saber: a actividade da composición musical non era allea ao mundo universitario, nin, máis en particular, ao estamento docente. Concretamente, o escolar protagonista da cantiga, que estaba condenado por violación, foi tirado milagrosamente do cárcere pola Virxe, porque lle fezera hũa cantiga:

Enton, no carcer jazendo, a esta Sennor de prez
fez u]u cantar que disse a gran mercee que fez
Deus por ela ao mundo; e pois log' aquela vez
que o cantar ouve feito, o começou de cantar (Metmann, 291, vv. 40-43).

Non deixa de ser significativo que para exemplificar cómo por medio do canto se pode loar á Virxe, se busque como protagonista do milagre un escolar do Estudio de Salamanca, e talvez haxa que consideralo un indicio da intensidade que a composición poético-musical acadou neste ámbito académico en torno a este período.

 

[8]  O texto do testamento di así: 'Item mando / ffratribus minoribus Salamantinis pro missis celebrandis pro anima mea XX morabetinos, et predictos morabetinos / uolo et mando solui de illis quos mihi debent de sellario meo conseruatores studii Sala-/mantini'.

 

[9]  Beltrán de Heredia, 1970: 85.

 

[10]  Cf. Ajo G. y Sainz de Zúñiga, 1957: 200.

 

[11]  Cf. Beltrán de Heredia, 1970: 58-99. O historiador considera que da análise documental se poden extraer dúas conclusións claras:

'a) Los catedráticos en Salamanca durante el siglo XIII eran en su casi totalidad clérigos cultos, esto es, formados en centros académicos. El clero culto salmantino se identificaba con el catedralicio. Luego las cátedras iban a parar preferentemente a sus manos.

'b) Queda suficientemente probado que los puestos de más relieve en el cabildo salmantino durante aquel siglo los ocupaba personal oriundo de Galicia, porque entre ellos abundaba el elemento académico. Luego este mismo personal era el preferido para el desempeño de las cátedras.

Sobre esta cuestión incide A. García y García (1998: 503): 'La presencia de gallegos en Salamanca por lo menos desde el s. XIII es intensa, y se debe, en buena parte, al hecho de que Salamanca era sufragánea de Santiago, junto con otras diócesis del reino de León, de Castilla y de Portugal, mientras que las diócesis gallegas eran sufragáneas de Braga. Salamanca, en este contexto, era la cabeza de puente que los arzobispos compostelanos utilizaban para controlar de alguna manera sus diócesis sufragáneas tan alejadas de Santiago. Bajo este aspecto, la diócesis compostelana era como la cabeza de un gran cuerpo situado todo fuera del ámbito territorial de Galicia. Esto explica la presencia abundante de clérigos gallegos en los cargos importantes de la diócesis salmantina y en el Estudio de la misma ciudad. Estos clérigos gallegos eran de formación más canonística que teológica. Procedían generalmente de Bolonia, y más tarde del propio Estudio salmantino que, como se sabe, sigue más las tradiciones boloñesas que las parisinas en su régimen y organización'.

 

[12]  Deste documento, do que só se conserva unha copia do século XVII (cf. Beltrán de Heredia, 1983: 22), pode verse unha transcrición en Ajo G. y Sainz de Zúñiga, C. M. (1957: 438-440), na parte dedicada ao século XIII da sección titulada 'Cartulario de las Universidades Hispánicas'. No estudo citado de Beltrán de Heredia hai un amplo comentario do mesmo.

 

[13]  Cf. Beltrán de Heredia, 1983: 39-40.

 

[14]  Beltrán de Heredia lamentábase desta circunstancia: 'El hecho se ha cumplido plenamente respecto a la primera época de la Universidad, en que durante los dos últimos siglos de la Edad Media nadie se cuidó de conservar los escasos registros que podían servir para trazar con precisión las líneas fundamentales de su trayectoria histórica' (1970: 11).

Polo que respecta á documentación privada, publicada polo profesor Ángel Vaca Lorenzo (1996), o documento máis antigo por el editado data de 1388, máis dun século despois da data do testamento do noso autor.

 

[15]  A documentación, que na actualidade se atopa distribuída entre os Arquivos Diocesano e da Catedral de Salamanca e o Arquivo Histórico Nacional, foi publicada en 1977 polo Departamento de Historia Medieval da Universidade de Salamanca, a cargo de J. L. Martín Martín, L. Miguel Villar García, Florencio Marcos e Marciano Sánchez.

 

[16]  Cf. J. L. Martín et al., 1977, doc. 237b.

 

[17]  Cf. J. L. Martín et al., 1977, doc. 291.

 

[18]  Cf. J. L. Martín et al., 1977, doc. 244.

 

[19]  Cf. J. L. Martín et al., 1977, doc. 254.

 

[20]  Cf. J. L. Martín et al., 1977, doc. 273.

 

[21]  Cf. J. L. Martín et al., 1977, doc. 439.

 

[22]   Cf. J. L. Martín et al., 1977, doc. 392.

 

[23]  O feito de tomar como motivo de dous dos seus poemas a campaña de Sevilla, dá idea da atracción e convulsión que uns acontecementos desta envergadura exercían na época. No noso autor polo menos, aínda que non participase nos feitos, si influíron; sen descartar a posibilidade de que os propios textos fosen concibidos como instrumentos propagandísticos ao servizo desta causa (cf. comentario ás cantigas XXIV e XXV).

 
   Servizo de publicacións da Universidade de Vigo - 2010 Xosé Bieito Arias Freixedo