Cantigas: I II III IV V VI VII VIII IX X XI XII XIII XIV XV XVI XVII XVIII XIX XX XXI XXII XXIII XXIV XXV

Cantiga: VIII      - Desque eu vi

Métrica.

 

Cantiga de amor de refrán formada por catro estrofas singulares das cales as tres primeiras están constituídas por catro versos tetrasílabos agudos monorrimos, de rima masculina polo tanto, máis un refrán monóstico de dúas sílabas con rima propia tamén aguda. A derradeira estrofa está constituída por un corpo de tres versos tetrasílabos agudos, de rima masculina polo tanto, única para os tres versos, e un refrán da mesma medida e natureza có das tres estrofas precedentes, pero aquí reduplicado en tres versos.

Coblas capdenals: 2 II, IV Deus; 2 III, 1 IV e non mi.

Dobre en rima: 1, 2 I eu vi, II veer, III mi ven, IV non mi val.

Rima derivada: 1/2 I, II.

Na cantiga combínanse dous esquemas métricos diferentes.

Un esquema para as tres primeiras cobras, que constitúe un caso único na escola:

4a 4a 4a 4a 2B
I:i eu
II:er eu
III:εn

(cf. Tavani, RM, esquema 7: 1).  Esta distribución de rimas rexístrase en dúas tensos provenzais, aínda que sen refrán e con outro metro (cf. Frank, RM, esquema 23). Mölk-Wolfzettel rexístrana así mesmo en dúas composicións francesas, tamén con metros moi diferentes ao da nosa cantiga (esquema 95).

E outro esquema para a derradeira estrofa:

4a 4a 4a 2B 2B 2B
IV al eu

(cf. Tavani, RM, esquema 19: 42). Na lírica occitana rexístranse cinco casos desta distribución de rimas, pero sempre en composicións de mestría e con outros metros. (cf. Frank, RM, esquema 67).

Como ben fixeron notar Alvar e Beltrán (1984: 240) “El arreglo de la melodía para la cuarta estrofa resultaría fácil por sumar todas ellas dieciocho sílabas”.

Pensamos que non pode descartarse por completo a posibilidade de que orixinalmente esta estrofa cuarta fose similar ás anteriores no que ao metro se refire, aínda que variase o esquema rimático, sendo o cuarto verso moir’ eu, moir’ eu (tetrasílabo), ao que seguiría o refrán moir’ eu. O esquema métrico-rimático sería, daquela, 4a 4a 4a 4b 2B. O cuarto verso da estrofa sería similar aos do corpo estrófico no metro e ao do refrán na rima. O feito de os dous sintagmas constituíntes do cuarto verso seren semellantes ao refrán, explicaría que nun momento indeterminado da tradición manuscrita este verso se desdobrase orixinando o novo tipo de estrofa con corpo e refrán de tres versos que nos transmitiron os manuscritos conservados. Ao non sernos transmitida a melodía do texto, carecemos da información que aquela podería proporcionarnos a respecto desta cuestión.

 

   Servizo de publicacións da Universidade de Vigo - 2010 Xosé Bieito Arias Freixedo