Cantigas: | I | II | III | IV | V | VI | VII | VIII | IX | X | XI | XII | XIII | XIV | XV | XVI | XVII | XVIII | XIX | XX | XXI | XXII | XXIII | XXIV | XXV |
1. Sobre a frecuencia da fórmula inicial Quando (eu) + verbo en 1ª persoa, vid. S. Reckert- H. Macedo, 1976: 215-216.
3. BRAGA oudas por evidente erro tipográfico.
4. Na contracción al está presente a forma el do artigo. Coa utilización dos alomorfos non evolucionados do artigo, xuntamente con outros recursos como o -e paragóxico e mesmo arcaísmos léxicos como cor, encadrados nunha estrutura paralelística, o poeta consegue cubrir toda a cantiga cunha especie de pátina arcaizante. Dª. Carolina Michaëlis cualifica esta forma como hispanismo (cf. Glossário, s. v. al). BRAGA por la a pesar da lectura diplomática de Monaci pola.
5. BRAGA sei'al. Engade un i inexistente nos manuscritos, aínda que segundo os seus criterios de edición debería grafar j. A colocación do apóstrofo neste autor estará tal vez influenciada pola lectura diplomática de Monaci, que transcribe: se al , tal como vén no manuscrito da Vaticana. NUNES Engade [j] en se[j]a. (Ídem nos vv. 11 e 17). Nestes mesmos versos 5, 11 e 17, este autor separa o artigo do verbo e coloca o apóstrofo despois do artigo: l' mare. No v. 4 representa a contracción da preposición a co artigo sen apóstrofo nin antes nin despois do l. PAXECO-MACHADO restauran o e do artigo: [e]l. A restauración do e, innecesaria, obrigaría a facer sinalefa.
Non engadimos a consoante palatal, como fan Braga, Nunes ou Tavani, á forma do presente de subxuntivo sea, que aparece tres veces con esta forma no refrán. A forma sea coincidente coa do castelán e a do leonés, onde esta forma era a habitual xa no século XIII, rexístrase tamén en documentos galegos desde mediados dese século (cf. C. de Azevedo Maia, 1986: 829). Nos textos medievais documéntanse tres formas procedentes do latín vulgar SEDEAM, debido a que o grupo [dj] deu lugar a tres resultados distintos sea, seia e seja, de xeito semellante ao que ocorre noutras palabras (MEDIU > meo, MODIU > moio, HODIE > hoxe). O feito de que na actualidade se dean casos onde conviven, nunha mesma zona dialectal, dúas destas solucións (por ex. RADIU> raio, raxo) fai pensar en que isto xa era así no galego antigo (cf. C. Maia, 1986: 620-626; F. Fernández Rei, 1990: 100; RAG-ILG, 1995: 163; M. Ferreiro, 1995: 170).
Lémbrese que hoxe en día o paradigma sea, seas, sea, etc., é o maioritario en galego, se ben deba parte do seu éxito á interferencia do castelán.
Na forma sea’l subxace de novo alomorfo el do artigo, frecuente cando vai determinando ao substantivo rei, como pode comprobarse na cantiga XXV do noso autor. B. Pottier (1968: 214-216) propón como étimo a forma illu, que, usada de forma enfática ao referirse ao rei, sería acentuada na primeira sílaba. Pero o certo é que a forma se rexistra tamén acompañando outros substativos (no noso propio texto, contraído coa preposición a en al cor vv. 4 e 10) ou na CSM nº 104: el Corpo de Jhesu-Cristo. C. Cunha (1949: 74-75 e 1956: 114-115) é partidario tamén dunha orixe autóctona para esta forma e dá exemplos varios do seu uso con outros substantivos á parte de rei. Outros autores como C. Michaëlis ou Huber explicábana como castelanismo. R. Lorenzo (1977, II, s.v.) non se mostra convencido polas razóns favorábeis á orixe autóctona, e apunta a posibilidade de que se trate dunha forma introducida desde o reino leonés.
O e paragóxico do final dos dous versos do refrán constitúe, nas cantigas de carácter tradicional ou popularizante coma esta paralelística de Roi Fernandiz, en palabras de Celso Cunha "um recurso poético ou melódico directamente ligado à estrutura métrica desses cantares. Un recurso que, examinado do ponto de vista vocabular, corresponderia de início a uma simples realidade etimológica ou a uma criação ultracorreta, mas que nos séculos XII e seguintes se continuou a utilizar não como simples sinal arcaizante, denotador da antigüidade desses cantares, senão -e principalmente- por uma razão mais profunda, pertinente à sua própria estrutura rítmica, fundada no verso grave" (Cunha, 1984: 63). Non é o único caso na nosa lírica profana e pode rexistrarse este fenómeno tamén na lírica relixiosa (cf. CSM nº 115, vv. 9, 11, 13 e 27).
7. BRAGA veo. Non reintegra a palatal i que falta no manuscrito tanto neste verso coma no v. 14. PAXECO-MACHADO ueo, debido ao pretendido carácter diplomático da súa edición, tampouco restauran o i neste verso.
Se ben para a forma ueo podería valer a mesma explicación aducida para o sea do v. 5, a nosa decisión de restaurar a palatal neste verso e no v. 14, explícase porque ao contrario do que ocorría coa forma sea, que era a única que se repetía en toda a cantiga, neste caso tamén aparece representada a forma ueio nos vv. 1 e 13. Ademais, e tamén en contraposición ao que ocorría con sea, non se rexistran nos textos antigos outras documentacións da forma ueo ou doutras formas paralelas con desaparición do iode, nin este último resultado se rexistra hoxe a nivel dialectal.
8. BRAGA nen as altas rocas. Afástase da lectura de Monaci de V, coincidente tamén con B, e torna o verso hipométrico. NUNES nen as [muit'] altas rocas; partindo probabelmente da lectura de Braga, soluciona o problema da hipometría, pero tampouco sabe interpretar o termo debrocas que le nos manuscritos, sinónimo de ribas e de costeiras. PAXECO-MACHADO de brocas. ÁLVAREZ BLÁZQUEZ nen as mui altas rocas a partir da lectura de Nunes.
Neste verso os primeiros editores teñen un pequeno problema coa palabra debrocas, claramente grafada en ambos manuscritos. Nunes, modifica o verso por completo e do orixinal nen as altas debrocas, crea un "nen as [muyt] altas rocas", suprimindo o deb- de debrocas para deixar só 'rocas' (que sería un castelanismo), e engadindo o adverbio 'muyt' no interior do verso. Pola súa parte Lang (1929: 193) le “nen as altas de brocas”; nunha nota a pé de páxina vese que interpreta correctamente o significado, xa que traduce las altas de brocas como ‘the high cliffs’, pero trata de xustificar erradamente a preposición de interposta entre o adxectivo e o substantivo como exemplo dunha estructura sintáctica común en castelán e portugués antigos, non descoñecida en francés e en italiano, na que o adxectivo e o substantivo aparecían segregados.
A palabra debrocas é sinónima dos termos ribas e costeyras. As tres aparecen no verso segundo de cada estrofa, e significan "ribeira, costa do mar, ou costa do mar en pendente". Unha sinonimia tripla que se encadra dentro da completa sinonimia conceptual entre as tres estrofas da cantiga e do entramado paralelístico da mesma.
Hoxe en día este substantivo non se conserva en galego nin en portugués, pero no galego actual existen unha serie de palabras coas que sen dúbida está relacionado. Por exemplo o verbo debrocar, que posúe diversos significados todos eles coa idea subxacente de "virar ou inclinar cara a abaixo". Outras palabras da familia vivas no galego actual son debrocado: 'caído, inclinado'; broco: 'curvo, volto cara a abaixo'; a locución de broco:'boca abaixo'; os verbos embrocar ou envorcar, brocar ou borcar, etc.
A primeira edición desta cantiga onde esta cuestión se resolve de maneira correcta é a de Stephen Reckert e Helder Macedo (1976: 135), onde se comenta o seguinte : "No segundo verso da estrofe 2, o "hápax" debrocas, incompreensível para os comentaristas, relaciona-se obviamente com o 'debrocar' (derrubar, derrocar) dos primeiros autos vicentinos". Tradúceno ao portugués actual como ‘despenhadeiros’.
10. BRAGA pela, por erro tipográfico?
11. BRAGA sei'al. Cf. nota ao v.5.
14. BRAGA veo-las. O feito de que este autor use aquí o guión tal vez é debido a que interpreta o las como pronome anafórico do antecedente ondas, interpretando á súa vez costeyras como adxectivo. Cf. nota ao v. 7.
15. BRAGA vem. Evidente erro tipográfico por veem.
17. BRAGA sei'al.Cf. nota ao v. 5.
Servizo de publicacións da Universidade de Vigo - 2010 | Xosé Bieito Arias Freixedo |