Cantigas: I II III IV V VI VII VIII IX X XI XII XIII XIV XV XVI XVII XVIII XIX XX XXI XXII XXIII XXIV XXV

Cantiga: XI      - Quand' eu non podia veer

Comentario literario.

 

Contido e ornato estilístico.

Roi Fernandiz utiliza de novo o motivo tópico do ‘desexo de veer a senhor’, e unha vez máis faino desde a perspectiva rara do desexo xa cumprido. Pero ao contrario do que ocorría nas cantigas IV e X en que o poeta, como vimos, mostraba o seu prazer por ver a dama, os efectos do cumprimento do desexo de veer a senhor son neste caso, totalmente opostos, e enmárcanse dentro dos cauces habituais de negatividade das cantigas de amor: a visión da senhor, lonxe de facer esquecer a coita, tal como cuidava o poeta, fai que esta aumente. Unha vez máis constátase que se o xénero das cantigas de amor está rexido por algún tipo de lóxica, esta é a lóxica do paradoxo, pois non deixa de ser paradoxal que se un dos tópicos máis recorridos do xénero é o da coita derivada do desexo insatisfeito de veer a senhor, e se se presenta en multitude de ocasións o motivo da visión da senhor como unha solución positiva á coita, logo resulte todo o contrario. Por esta razón D’Heur (1975:471) inclúe esta cantiga entre as vinte “les plus représentatives de l’ideologie qui les fonde”. O caso é que se tradicionalmente se lles achacou ás cantigas de amor a súa monotonía e uniformidade, non é menos certo que moitos motivos tópicos non son tan estereotipados e repetitivos como se considera tradicionalmente, xa que vistos en conxunto presentan variacións importantes, algunhas de tal calibre que mesmo dan lugar a situacións paradoxais como a que se rexistra no noso texto. Porque no noso caso non só hai unha contradición intratextual consistente en que unha causa ten un efecto absolutamente contrario ao esperado, senón que ese efecto contraría tamén abertamete o resultado que podería esperarse tendo en conta un gran número de textos do xénero en que a visión da dama amada se presenta como única solución posíbel contra a coita.

Parece que sobre esta cuestión das consecuencias positivas ou negativas do cumprimento do desexo de ver a dama, foron varios os poetas que se pronunciaron nas súas cantigas, e mesmo podería dicirse que se estableceu unha especie de polémica literaria, diferida, da que nos dá noticia Roi Paez de Ribela na terceira estrofa da cantiga A 190, B 341, ao mesmo tempo que se decanta por un dos bandos [1] :

E vej’a muitos aqui razõar
qu’é a mais grave coita de soffrer
veê’-la om(e) e ren no[n] dizer.
Mais pero lh’eu non ousasse falar,
a mayor coita de quantas og’ei,
perderia, se a visse u sei (CA, 190).

Ante unha formulación máis xeral da cuestión, o noso trobador non se mostra sempre partidario da mesma postura, o que é mostra de que os sentimentos que están en xogo son pura ficción literaria. Xa se viu cómo nas cantigas IV e X Roi Fernandiz se mostra extremadamente alegre porque a visión da senhor amada lle fixo esquecer todas as coitas padecidas. Pola contra nesta cantiga, así como na cantiga XIV onde retoma o tema, o noso trobador móstrase partidario da postura contraria: a de que a visión da senhor non só non cura a coita senón que a aumenta, aínda que non explicita claramente o motivo concreto de que isto suceda, senón que el mesmo parece o primeiro sorprendido ao constatar cómo nada de canto cuidava se fixo realidade, senón todo o contrario [2] .

A cantiga de Roi Fernandiz ten como motivo principal, polo tanto, o do aumento da coita trala visión da senhor.

As tres estrofas están construídas de xeito que se establece unha antítese entre os versos do corpo da estrofa mailo primeiro hemistiquio do verso inicial do refrán, onde o poeta expresa qué era o que cuidava que ía acontecer, e o resto do estribillo onde se expresa o que realmente ocorreu. Isto dá lugar a que o contido non progrese dunha estrofa para outra, senón que unha e outra vez se insiste no mesmo, para intensificar a idea de sorpresa do poeta ante o incumprimento das súas previsións, aparentemente baseadas na lóxica do xénero, que acabaron nun resultado totalmente diferente. As tres estrofas son basicamente paralelas desde o punto de vista do contido, pois todas tratan o motivo da ‘visión da amada como liberadora da coita’ (motivo a) que abarca ata a metade do primeiro verso do refrán, e conclúen con outro motivo oposto a este: o aumento da coita trala visión da senhor (motivo b). Matizado, iso si, o primeiro deles, de forma diversa: centrándose nas dúas primeiras estrofas na situación de afastamento e consecuente perda do sén, mentres que na terceira estes versos iniciais inciden no fracaso de todo o planeado. O esquema de disposición dos contidos en antítese repetida ao longo da cantiga é, xa que logo, o seguinte: ab ab ab.

Ao longo do texto atópanse numerosas repeticións e correlacións que en conxunto tecen unha rede de paralelismos tendentes a enfatizar a idea principal do mesmo: a discordancia entre o que se cuidava (ou, no fondo, se desexaba) e a realidade.

A antítese, que como diciamos se concentra nos dous últimos versos da estrofa e primeiro hemistiquio do primeiro verso do refrán, fronte ao resto do refrán, presenta unha estructura especular, de quiasmo, que ten o seu centro converxente precisamente na epístrofe ou conversio per clauzas que opón os dous hemistiquios do primeiro verso do refrán, o subxuntivo da hipótese fronte ao indicativo perfecto, imbricando as dúas partes da estrofa de forma maxistral: sol que a viss’e poi-la vi.

Á antítese contribúe o feito de que nos versos terceiro e cuarto de cada estrofa se repiten os termos cuidar e coita en tres construcións que manteñen correspondencias paralelísticas, nucleadas por outros tantos verbos sinónimos entre si: I perder, II non teer, III quitar, que á súa vez son antónimos do aver do segundo verso do refrán. O resultado é un correlato entre o paralelismo formal e o conceptual: o desexo de perder, non teer, quitar (a coita) que culmina a súa expresión no primeiro hemistiquio do primeiro verso do refrán, choca frontalmente contra a decepcionante realidade do aumento da coita; unha oposición xenialmente verbalizada por medio da estrutura especular a que aludiamos máis arriba.

O verbo cuidar está presente nas tres cobras, adquirindo a repetición maior importancia na terceira, onde aparece un total de tres veces: no v. 13 formando parte do primeiro termo dunha nova antítese baseada formalmente nunha epístrofe que coincide tamén co artificio das rimas derivadas (v. 13 cuidei acabar/ v. 14 non acabei); mentres que nos vv. 15 e 16 a repetición do verbo cuidar constitúe un caso de anadiplose co que se culmina a enfatización das ilusións do poeta, que contrastan así máis rotundamente coa realidade expresada no refrán. Estes vv. 15-16 encerran na súa formulación un grao considerábel de ironía, pois non deixan de ser unha constatación de que ilusións dese tipo son propias de ilusos. E neste mesmo sentido de autorreproche irónico, adquire certa relevancia a repetición do pronome eu como suxeito explícito do verbo cuidei, que tamén terá correlato no refrán, onde o mesmo eu sofre os efectos contrarios aos desexados: ouv’eu maior coita. Coma se, finalmente, a idea principal desta estrofa conclusiva fose non xa o non cumprimento do tópico (veer=prazer, veer=perder coita) [3] , senón a censura pola propia insensatez e inxenuidade do poeta que concibira ilusións de que isto ía acontecer así.



[1]  Roi Paez parece circunscribir o motivo da polémica ao ámbito do campo sémico da ‘reserva da dama’; a cuestión sería: ver a senhor e non ousar confesarlle o amor aumenta a coita, ou mesmo neste caso sería o remedio para esquecela?

 

[2]  Non son raros os textos que tratan este motivo de que o feito de ver de novo a dama non só non é beneficioso para o poeta, senón que aínda aumenta a súa coita. O noso propio poeta retomará o motivo na cantiga XIV (cf.), coa matización importante da actitude optimista -unha vez máis- adoptada polo poeta. O resultado negativo final non obedece sempre ás mesmas causas, e estas non sempre están explicitadas; o habitual é que a maior coita se deba a que despois de ver a senhor o poeta se atopa de novo sen poder vela, ou a que o poeta non se atreveu a falarlle cando a viu.

Rexistramos o motivo na cantiga B 67 de Fernan Rodriguez de Calheiros onde o poeta, que puido ver a senhor, laméntase na terceira estrofa:

Tod’aquel ben que m’ela fez enton
e de que m’eu depois muito loei,
por meu mal foi, ca polo meu ben non,
ca de fera guisa lh’o lazerei (CA, nº351,  terceira estrofa).

En B 73, de Pero Garcia de Ambroa, o poeta foi ver a senhor, pero non ousou falarlle, polo que agora a coita será mui mayor.

En  B 220 de Pero Garcia Burgales tamén se expresa a causa de que ver a senhor aumentase a súa coita: non foi capaz de declararlle o seu amor, porque todo o que tiña pensado dicirlle esqueceulle ao contemplar a súa fermosura e ao sentila falar,

por aquesto ey ja sempr’a viver
en mayor coyta que ante vivya  (vv. 19-20);
desque a vi, muyto me vay peor  (v. 23);
e dobrou xi m’a coyta que avya! (v. 28)  (Blasco, nº33);

de paso o Burgales alude indirectamente ao motivo aducido máis arriba por Roi Paez de Ribela como centro de polémica, o medo á senhor, tal vez con ánimo de entrar na mesma achegando un novo punto de vista, para negar que sexa o medo á senhor ou calquera outro medo (v. 9  ca non outro pavor), a causa do que a el lle acontece.

Tamén a primeira estrofa da cantiga  B 894, V 479 de Martin Moxa nos serviría como formulación do motivo que estamos tratando, aínda que con importantes matices, pois aquí, coma na cantiga XIV do noso poeta, contrástase o mal derivado de non ver a dama co mal derivado de vela -que xa se dá por suposto-; no seu caso, coma nos que acabamos de citar, o poeta puido ver a senhor pero non lle ousou falar, polo que sufriu tal coita que houbo de morrer.

Atanto querria saber,
d’estes que morren con amor,
qual coyta teen por mayor:
d’ir hom’en tal loguar vyver
hu nunca veja sa senhor,
ou de guarir hu a veer
possa e non lh’ouse falar (Stegagno, 9, primeira estrofa).

Na cantiga B 810, V 394 de Pai Gomez Charinho, a coita do poeta é a maior, pois sófrea tanto cando ve a dama coma cando non a ve:

ca mi uén dela, por uus non mentir,

mal se a uei’ e mal sse a non uir (Monteagudo, 18, vv. 14-15).

Esta postura paradoxal será levada ao extremo na cantiga B 447 de Pero Viviaez, onde se trata o motivo do ‘amor de oídas’ e onde o poeta, que morre por unha dona que nunca viu, sabe que morrerá por ela cando a vexa, e que morrerá despois cando deixe de vela:

A que non vi e mh assy vay matar;
sol que a vir, hu a vir matar-m’ a;
pois que a vir, hu a non vir non á
ren que me possa de morte guardar  (Beltrami, 7, vv. 13-16).

De Afonso Paez de Braga é a cantiga B 856, V 442 na que se mesturan os efectos positivos e negativos da visión da senhor: o poeta que despois de moito desexalo, logrou ver a súa dama, séntese tan ben que non pode deixar de cuidar nela, e quere seguir deleitándose aínda que coñece ben as consecuencias negativas que o agardan: e vejo ben que lazerarey hy (Amor, 129, v. 16).

Pedr’Amigo de Sevilha afirma que a coita producida por ver a senhor da que estaba afastado e que nin podía imaxinar que a volvería ver, é maior cá sufrida a partir da primeira vez que a viu, e acabará irremisibelmente na morte:

Quand’eu vi a dona que non cuydava
nunca veer, logo me fez aly
mays ca mi fez, hu a primeiro vi,
tan muyto levar d’afam e de mal
que morrerey..., hu non jaz al     (Marroni, 4, vv. 1-5).

Tamén en B 1105, V 696 de Johan Babeca se expresa que a causa concreta do aumento da súa coita é pensar que se vai ter que separar dela de novo:

e, poys vos vejo, mayor coyta ey
que ant’avya, senhor, por que m’ei
 
End’a partir  (Amor, 241, vv. 5-7).

Como ilustrativa da opinión contraria, aludiremos aquí á cantiga B 1081, V 673 de Pero d’Armea, quen terciou tamén neste debate con este texto que ten algunha relación co do noso autor, coa diferenza  de que no seu caso o efecto da visión da dama é positivo e oposto, polo tanto, ao da nosa cantiga:

mays Deus non mi perdon,
se eu já muy gram coyta tenh’en ren,
poys que vos vejo, meu lum’e meu ben (Amor, vv. 10-12).

 

[3]  Spina (1966: 69), alude de pasada a este tópico, que é un dos máis frecuentes da lírica trobadoresca.

 
   Servizo de publicacións da Universidade de Vigo - 2010 Xosé Bieito Arias Freixedo