Cantigas: I II III IV V VI VII VIII IX X XI XII XIII XIV XV XVI XVII XVIII XIX XX XXI XXII XXIII XXIV XXV

Cantiga: IX      - Pero mia senhor nulha ren

Comentario literario.

 

Contido e ornato estilístico:

A dispositio dos diversos motivos que compoñen o contido desta cantiga segue a estrutura que V. Beltran (1995: 134-135) denomina ‘paralelismo posicional progresivo’, unha variante do paralelismo posicional que, por un lado, mantén o paralelismo conceptual interestrófico e, por outro, permite a progresión do pensamento co engadido dun motivo novo en cada estrofa, neste caso na primeira parte da mesma.

Vexamos cómo cada estrofa está dividida en torno a dous motivos: nos tres primeiros versos da primeira cobra o poeta constata o recorridísimo tópico de que da senhor só se recibe mal e que non se pode esperar outra cousa; o cuarto verso introduce xa o motivo do refrán [1] , outro topos moi frecuente: a fermosura da senhor forza ao poeta a amala [2] .

Na segunda estrofa engádese un novo motivo bastante menos frecuente no xénero: os intentos de rebelión contra a forza do amor, frustrados [3] , e aquí volvemos de novo ao motivo b, no cuarto verso introdutorio do refrán.

O inicio da terceira estrofa supón un avance con respecto ao motivo inicial da estrofa segunda: se alí se puña en práctica algún intento, aínda que inútil, de deixar de querer á senhor, aquí o poeta tomou consciencia clara de que nunca poderá deixar de amar a senhor; e parece resignarse. Logo volvemos outra vez ao motivo do amor forzado pola fermosura da dama, esta vez precisado pola mestura de dous novos matices tópicos: o da dama como obra mestra de Deus (Cf. M. R. Lida de Malkiel, 1977: 179-290) e o da figura de Deus como responsábel dos males do poeta, utilizando neste último caso unha expresión pouco frecuente, como xa se explicou na xustificación da edición relativa ao v. 15.

Por último, a fiinda remítenos ao refrán, co que está ligado por medio dos artificios das coblas capfinidas, das coblas capcaudadas e da palabra volta, como xa vimos, e conceptualmente complementa o argumento no que ao longo de tres estrofas insiste o refrán (o amor forzado pola fermosura da dama) co outro argumento xa tratado tamén nas estrofas segunda e terceira (a imposibilidade, a falta de poder, para deixar de amala).

Resultaría máis interesante, polo seu maior grao de orixinalidade, a interpretación da terceira estrofa derivada da lectura alternativa proposta no comentario ao v. 15 (cf.), dado que se o motivo consistente no desexo case sempre frustrado do poeta de ‘partirse de amar a senhor’ xa de por si era pouco frecuente (cf. comentario e notas á cantiga VII), adquiriría na nosa cantiga unha peculiaridade única, ao invertirse o enunciado e ser a dama e non o poeta quen non se pode partir de que el a ame.

Ao longo da cantiga rexístranse unha serie de repeticións tendentes a establecer nexos de unión entre as diversas partes da mesma, a pesar de a maioría delas non seren sistemáticas.

Roi Fernandiz recorre aos procedementos da annominatio para vincular os versos do estribillo cos que constitúen o corpo da estrofa e coa fiinda (vid.V. Beltran, 1995: 98-99). Constátase que as palabras nas que se fundamentan estes procedementos son as máis relevantes para o significado global da cantiga: o termo parecer, presente nos cuartos versos de cada estrofa, introdutorios do refrán, repítese no primeiro verso deste en todas as estrofas; na primeira por medio dunha figura etimolóxica (v. 4 parec’; v. 5 parecer). Temos outro caso na repetición asimétrica do verbo fazer I, 2-6; II, 9-12, e este mesmo verbo volve servir para ligar o estribillo da derradeira estrofa coa fiinda. Finalmente, a fiinda vincúlase tamén coas estrofas ao retomar, como rimante no seu segundo verso, o rimante do segundo verso do refrán: a palabra volta querer.

Merece ser destacada a introdución dos motivos iniciais da segunda e terceira estrofas, antagónicos entre si, (intento de resistencia versus resignación) por medio de expresións formalmente paralelas pero de significados contrarios (vv. 7-8 de...nunc’a  ja / v. 13 De ja sempr’), así como a colocación en posicións destacadas do verso dos infinitivos sinónimos: amar no v. 13 como rimante e querer, situado a principio do v. 8 grazas a un encabalgamento combinado cun hipérbaton entre este verso e o anterior.

O gusto do noso poeta polos xogos conceptuais derivados dun uso refinado das parellas antitéticas maniféstase, ademais de neste contraste entre os inicios das estrofas segunda e terceira, tamén na xa nomeada utilización do mesmo rimante para os segundos versos do refrán e da fiinda, aínda que aquí a antítese entre ben querer e non ...querer é só aparente, xa que os contextos completos son equivalentes e complementarios: o v. 18 mi-a faz a força ben querer (fórzame a querela) equivale aos vv. 19-20 faz-mi que non ei poder/ que lho non aja de querer (impídeme deixar de querela).

Xa na primeira cobra emprega como rimantes dous termos que adoitan aparecer, como xa vimos no comentario á cantiga anterior, en circunstancias que resalten a súa condición antitética: v. 2 mal e v. 4 ben. Unha rima antitética que verbaliza unha das facetas doutro dos tópicos máis concorridos do xénero, a saber: a fermosura da dama, e o amor provocado pola mesma, non trae senón mal para o poeta namorado. Noutras ocasións o mal recibido da senhor polo poeta contrasta co ben que este a quere, como podemos comprobar no segundo verso do refrán desta mesma cantiga, onde na asociación léxica ben querer ecoa, aínda que difuminada, a antítese á que aludimos.

Na estrofa terceira rexístrase o caso contrario, xa que a palabra rimante do v. 13 amar, remítenos por unha relación de sinonimia ao rimante querer do segundo verso do refrán e da fiinda.

Notábeis son tamén as repeticións asistemáticas das partículas negativas, sobre todo na primeira estrofa -caracterizando negativamente a relación do poeta coa senhor-,  e na fiinda -plasmando a súa impotencia ante a fermosura da dama.

Son múltiples así mesmo, ao longo da cantiga, as referencias directas ou indirectas, por medios gramaticais, aos dous actores principais (o poeta namorado e a dama), que manteñen álxida de principio a fin a tensión con que o namorado vive a súa relación coa senhor; tensión que se pode percibir por exemplo nos vv. 1-2 mia senhor- non mi, v. 3 eu-dela, v. 6 mi-a, vv. 15-16 Deus...me- (Deus) lhi, etc.


[1]  Unha vez máis constátase cómo este verso anterior ao refrán é atraído por este, de xeito que “é case idéntico nas tres estrofas” (V. Beltran, 1995: 135).

 

[2]  Para o tratamento deste topos do ‘amor forzado’ na escola cf. o comentario e as notas á cantiga VII.

 

[3]  Na cantiga VII viamos tamén algúns casos en que se trataba o motivo do intento de deixar de amar a senhor, non demasiado frecuente, e relacionado co do amor forzado, máis xenérico e moito máis frecuente, e do que este de intentar de deixar de amar a senhor tratado nos vv. 7-8 desta cantiga, e do que tamén viamos algúns exemplos na cantiga VII (cf.), podería ser considerado unha faceta.

 
   Servizo de publicacións da Universidade de Vigo - 2010 Xosé Bieito Arias Freixedo