Cantigas: I II III IV V VI VII VIII IX X XI XII XIII XIV XV XVI XVII XVIII XIX XX XXI XXII XXIII XXIV XXV

Cantiga: IX      - Pero mia senhor nulha ren

Xustificación da edición.

 

1. O posesivo mia é monosílabo.

2. BRAGA m'hade, por claro erro de imprenta. Entre a forma átona do pronome e a forma verbal: mi á, faise sinalefa (cf. Cunha, 1961: 32-33). PAXECO-MACHADO se non.

4. NUNES le en B parcela cando no manuscrito está claro parecela. En V le tamén parcela, ignorando o signo de trazado irregular  que hai entre o r e o c e que podería interpretarse en última instancia como un e corrixido sobre un o. MONACI parecela, interpretando efectivamente a grafía conflitiva como e.

5. MONACI e NUNES, tal vez este último baseándose no anterior, len en V e seu cando no manuscrito hai un o claro. O italiano, aínda así, propón en nota (p. 435) a lectura que o.

6. NUNES à força. Na cantiga II do noso poeta atopamos unha lixeira variante desta expresión: u vos foron d' aqui filhar/ a força de vós e levar (vv. 6-7). A expresión á forza, probabelmente relacionada con esta, mantense con moita vixencia no galego actual.

7. BRAGA, atendendo á nota de Monaci (nunca ja? p. 435), introduce o adverbio, aínda que sen notificalo, para solucionar a hipometría do verso. NUNES nunca [ja], seguindo os editores precedentes. Engadimos tamén o adverbio ja como a solución máis lóxica para solventar a hipometría do verso. Por medio do apóstrofo representamos en nunc' a o encontro vocálico entre o -a final átono do adverbio e o a asimesmo átono do pronome, coa conseguinte elisión do primeiro (cf. Cunha, 1961: 33). PAXECO-MACHADO cínxense ao manuscrito e non corrixen a hipometría do verso.

9. En esto al hai sinalefa.

10. BRAGA parecerá. NUNES: parecer [ela] á que faría necesaria a sinalefa entre os dous a. A reintegración proposta por Nunes non é precisa, posto que a aparente hipometría do verso non sería tal, xa que a forma pois se considera bisílaba.

13. Este verso, con núcleo verbal infinitivo, é paralelo formalmente e antónimo conceptualmente da cláusula de lhi nunc' a [ja]/ querer dos vv. 7-8, e expresa a resignación do poeta a amar para sempre a dona ao comprobar que de tod' esto (o expresado nos vv. 7 e 8) al xi mi faz. En dona amar hai sinalefa.

14. Por razóns métricas sobra un dos tres monosílabos: per, que ou min. NUNES por min non se pode partir, e explica: "o sentido destes dois versos é: não está na minha mão deixar de amar esta dona". Aínda que a consideramos non totalmente convincente, entre as posibilidades de lectura crítica que se nos ocorren non hai ningunha que mellore a lectura e interpretación do filólogo portugués, que lle dá preferencia á lección de B como a máis plausíbel.

Tal vez a diverxencia entre os dous manuscritos se deba a un paso confuso no exemplar ao comezo deste verso, e puido ocorrer que ningún dos dous copistas o interpretou correctamente -dado que é practicamente seguro que B e V derivan do mesmo exemplar-.

A lectura de Nunes parece implicar un se impersoal -non un verbo pronominal partirse-, pero as documentacións do verbo partir en construcións co pronome se, son sempre casos de verbo pronominal (cf. por ex. R. Lorenzo, Glosario, s. v.). Unha transcrición ordenada e máis literal cá que el fai sería, máis ou menos: ‘por min non pode deixarse de xa sempre amar esta dama’; no texto por min sería o axente e a construción impersoal non se pode partir equivale á pasiva analítica con ser + participio: ‘non pode ser partido’, isto é, ‘non pode ser abandonado (o feito de amar tal dama)’. A construción aclárase un pouco se a cotexamos coa dos versos iniciais da estrofa anterior, onde os verbos principal e auxiliar tamén están introducidos pola preposición de, que na lingua actual resulta supérflua. Alí, nos vv. 7-8, o sentido lineal sería: ‘algunha vez me pracería (de) intentar nunca máis a querer’. Do mesmo xeito, nos vv. 13-14, o sentido lineal sería: ‘por min non se pode partir (de) amar esta dona xa por sempre’. En ambos casos a frase introducida pola preposición respondería á pregunta: o que?; o que me pracería?; o que non se pode partir? Na lingua medieval é frecuente o uso da prep. de relacionando un verbo auxiliar e o seu auxiliado (cf. por ex. J. L. Rodríguez, Glosario, s. v. de), e o noso autor emprégaa en máis ocasións (cf. por ex. a cantiga VII, vv. 8-10).

A única interpretación alternativa que se nos ocorre para estes dous versos, aínda que implica un hipérbato un tanto complexo, é ler no v. 13 esta don’a amar (tal vez o mantemento nos manuscritos dos dous a, inicial e final, sen contracción, estea indicando esta lectura), sendo a frase nominal esta dona o suxeito de non se pode partir, onde partirse tería o significado habitual de ‘librarse, deixarse de’. O sentido sería: ‘esta dona non pode librarse, polo que a min respecta, de que a ame para sempre’ ou ‘esta dona non pode librarse de xa sempre a eu amar’.

15. BRAGA quem quis  literalmente segundo a lectura de Monaci, desenvolve a abreviatura pero mantén a hipometría do verso e dálle un sentido un pouco forzado. PAXECO-MACHADO, cinxíndose pola súa parte á lectura de B, interpretan Qu en como contracción do relativo que (referido a Deus) coa forma en (referida a min, ao poeta). A reintegración do e do pronome como solución idónea á hipometría do verso parece fóra de toda dúbida.

O verbo destroir non aparece rexistrado por C. Michaëlis no seu Glossário, aínda que si se rexistra nalgunha das cantigas editadas no Cancioneiro da Ajuda; así aparece como rimante en dúas cantigas engadidas nos apéndices (CA 352 e CA 464), a primeira unha cantiga de amor de Fernan Rodriguez de Calheiros e a segunda un pranto de Pero da Ponte. Pola súa parte Nunes (Amor: 539) rexístrao só no noso contexto, pero non o fai no Glossário da súa edición das Cantigas de amigo. Trátase polo tanto dun termo raro nos xéneros das cantigas de amor e de amigo. No xénero de escarnho documéntase en catro ocasións, xunto coa variante destruir (cf. Lapa, Escarnho: 318). En tres destes casos o verbo aparece asociado á figura de Deus como axente da destrución, formando parte da expresión de maldición: que Deus me (vos, o) destrúa. Disto poderíase deducir que o uso do termo na nosa cantiga, asociado tamén á figura axente de Deus, podería ser un tanto atrevido ou arriscado (desviante), pola asociación que podería facerse coa expresión de maldición, porén o termo aparece tamén varias veces usado no xénero relixioso (cf. Mettmann, CSM, Glosario, s. v.), tamén coa figura de Deus como axente e en contextos que non teñen nada de paródicos ou desviantes.

16. BRAGA lhe  afastándose da lectura diplomática de Monaci.

19. O suxeito de faz-mi é, coma no verso anterior, o seu mui bon parecer, e como apunta Nunes: "A conj. e liga faz a igual verbo do verso precedente".  Interpretamos poder como substantivo.

20. NUNES  que lhi non  a pesar de lerse claramente quelho nos manuscritos. O troco do lho dos manuscritos por lhi, é innecesario se entendemos que o pronome o se refire ao mui bon parecer da senhor.

 

   Servizo de publicacións da Universidade de Vigo - 2010 Xosé Bieito Arias Freixedo