Cantigas: | I | II | III | IV | V | VI | VII | VIII | IX | X | XI | XII | XIII | XIV | XV | XVI | XVII | XVIII | XIX | XX | XXI | XXII | XXIII | XXIV | XXV |
Contido e ornato estilístico.
Entre as cantigas de amigo en que predomina o campo semántico do ‘amor insatisfeito’ (Tavani, 1987: 155-162) hai un conxunto formado por pouco máis dunha quincena de textos que tratan o motivo do amigo assanhado, combinado nalgúns casos, e con diversos matices, co tema da ruptura amorosa.
A sanha, o enfado do amigo, débese ao mal trato recibido de parte da moza, e a reacción desta varía segundo os casos. Ás veces afirma que o amigo se asanhou sen motivo, como sucede na cantiga B 1255, V 860 do xograr Lopo:
Assanhou-se, madr’o que mi quer gran ben |
contra mi endoad’e foi s’ora d’aquen (Amigo, 467). |
Outras veces recoñece que se o amigo se foi sanhudo tiña motivos para facelo, aínda que non especifica eses motivos -creando un certo misterio- como se di no refrán da cantiga B 1274, V 880 de Martin de Ginzo:
se s’assanha non faz i torto |
o meu amigu’e tense por morto (Amigo, 487) |
Pero na maioría dos textos que tratan este tema, a sanha do amigo débese a que non puido ver a moza da que estaba namorado, e máis especificamente a que non puido falar con ela. Por iso a moza da cantiga B 1184, V 789 de Pero Meogo avisa á súa nai de que ten que ir ver o amigo á fonte, porque está citada alí con el e
se non for, assanhar-s’á (refrán). |
O mesmo ocorre na cantiga B 679, V 281 de Johan Soarez Coelho, onde a moza a quen non se lle deu unha ocasión propicia para verse con el, di
Quis el falar migu’e non ouve guisado |
e foi-s’el d’aqui sanhud’e mui coitado (Amigo, 112, segunda estrofa), |
e na cantiga B 694, V 295 de Estevan Reimondo, onde a moza lle comenta a súa nai, que aquí fai o papel de confidente, cómo o amigo está triste porque non puido falar con ela.
A sanha do amigo débese, como se dixo, a que non puido falar coa moza, e esta imposibilidade -nos textos que estamos comentando- non se debe á prohibición imposta pola nai, senón que na maioría dos casos, como xa se dixo, é froito do capricho da moza, que se negou a falar co amigo, ou do azar que non propiciou (aguisou) a ocasión para que falase con ela. No texto de Roi Fernandiz que nos ocupa (vv. 1-3) dáse a primeira das causas e na cantiga B 265 de Roi Queimado, danse as dúas de xeito simultáneo, polo que di a moza:
assanhou-s’un dia contra mi (v. 2) |
...por que non quij’eu con el falar |
quand’el quisera, nen se mi aguisou (Amigo, 150, segunda estrofa). |
As diversas posturas adoptadas pola moza perante a constatación da sanha do amigo converxen en torno a dous polos: por un lado hai unha serie de textos nos que a moza expresa a súa total indiferenza polo forte enfado do amigo, mostrándose en todo momento segura de dominar a situación. É o caso, por exemplo, da cantiga que acabamos de citar de Roi Queimado, na que a moza afirma que non lle importa nada a sanha do amigo:
se soubess’el quan pouq[u]’eu daria |
por sa sanha, non s’assanharia (Amigo, 150, refrán), |
ou na cantiga B 1118, V 709 de Pero de Berdia, onde o amigo está assanhado a pesar de que a moza afirma nunca lh[i] errei, e sabéndose dona da situación, continúa no refrán:
por aquesto non tenh’eu en ren |
sanha que sei onde mi verrá ben (Amigo, 344). |
Tamén na cantiga B 1014, V 604 de Johan Airas, a pesar da sanha do amigo, a moza sábese dona da situación, e mesmo planea vingarse porque o amigo non lle fala.
Incluso hai casos extremos como a cantiga B 736, V 337, en que a moza, a pesar da intervención da amiga confidente a favor do amigo, persiste na súa decisión de non lle falar, porque desexando rematar a súa relación amorosa co amigo, considera
ca tanta prol mi ten de lhi falar, |
per boa fé, come de me calar (Amigo, 169, refrán). |
Doutro lado, nun segundo polo, aglutínanse unha serie de textos entre os que hai que incluír a cantiga de Roi Fernandiz, nos que a moza, lonxe de mostrar esa confianza no seu poder, manifesta unha personalidade atormentada polo arrepentimento, por estragar a súa relación co amigo por culpa da súa actitude, pola ruptura consumada. Así na cantiga B 1130, V 722 de Pero de Veer, onde a moza faltou á cita e estragou a relación:
Fiz ir meu amigo a Santa Maria |
e non foi eu i con el aquel dia: |
con el me perdi, |
por que lhi menti (Amigo, 352, segunda estrofa), |
ou en B 626, V 227, de Fernan Rodriguez de Calheiros, onde a moza se mostra arrepentida de tratar mal ao amigo, que agora non lle fala. A sobervia da moza truncou a relación:
Perdud’ei, madre, cuid’eu, meu amigo; |
macar m’el viu, sol non quis falar migo, |
e mia sobervia mi-o tolheu, |
que fiz o que m’el defendeu (Amigo, 60). |
Tamén en B 658, V 259, de Airas Carpancho, a amiga non lle falou ao amigo cando o viu, e perdeuse con el:
meu amigo vi, |
non lhi falei e con el me perdi (vv. 1-2). |
Agora, arrepentida, suplícalle á súa nai e confidente que interceda por ela ante o amigo:
Madre velida, ide-lhi dizer |
que faça ben e me venha veer (Amigo, 92). |
Noutras ocasións, como é o caso da nosa cantiga, a protagonista vive un verdadeiro drama interno, deixando traslucir unha personalidade en estado de dúbida, de inseguridade, sobre a que planea o temor ao fantasma da ruptura amorosa non desexada. Así ocorre na cantiga B 723, V 324, de Estevan Travanca, na que a moza mostra o seu temor a perder o amigo porque non lle quixo escoitar as súas peticións de perdón (Amigo, 158).
Outro caso parello ao de Roi Fernandiz é o da cantiga B 1268, V 874 de Johan de Cangas, que trata simultaneamente tamén os dous motivos da ruptura amorosa e o da autoinculpación, e onde a moza, ao ver que o amigo non acudiu á cita no santuario de San Momede, chea de tristura, pensa:
pois i non ven, sei ũa ren: |
por mi se perdeu, que nunca lhi fiz ben (refrán). |
De entre as cantigas femininas que tratan o motivo do amigo assanhado é preciso salientar as de Pero de Berdia, xa que lembran por moitas razóns a cantiga de Roi Fernandiz que nos ocupa, coa que parecen moi verosímiles as relacións intertextuais. A cantiga B 1120, V 712 do xograr galego comeza dunha forma paralela á nosa:
Assanhou-s’o meu amigo |
a mi, por que non guisei |
como falase comigo (Amigo, 347). |
Aínda se atopan nesta cantiga outros trazos que lembran a nosa: a moza afirma no v. 19 atendi seu mandado, fronte ao lhi saí de mandado da cantiga de Roi Fernandiz.
Pero a cantiga de P. de Berdia pertence ao grupo daquelas en que a moza adopta unha postura de total seguridade en si mesma, contrastando coa inseguridade (non ei nen un poder) da moza da nosa cantiga.
Outra cantiga de P. de Berdia xa citada, B 1118, V 709, por compartir o tema do amigo sanhudo ou assanhado, resulta importante para nós porque nela atopamos tamén a expresión sair de mandado, no v. 13, así como o desexo insatisfeito do amigo de falar coa moza. E ao seren estes, motivos e expresións que aparecen alternadamente neste grupo de cantigas que tratan o motivo do amigo assanhado, ou da moza arrepentida [1] , parécenos lícito ver na forma verbal errei, do v. 4 desta cantiga, a solución para a reconstitución do primeiro verso lacunoso do texto de Roi Fernandiz da forma en que o fixemos [2] .
O cotexo do noso texto cos demais que tratan o motivo da sanha do amigo exclúe a proposta de reconstitución de Nunes e a modificada de Tavani, xa que a moza é quen non viu o amigo onde este puidese falar con ela, que é a causa habitual da sanha do amigo. Polo que non ten sentido que a moza se queixe por algo que ela fixo mal, senón que se decata do erro cometido ao non acceder a unha cita co amigo. Este é o motivo de que Nunes se vexa na obriga de modificar a lección uy o (de ueer) dos manuscritos, por veo (de viir). Os dous motivos aparecen tratados xuntos con expresións similares nos vv. 1-2 da cantiga V 713, B 1121 de Pero de Berdia:
foi-s’o meu amigo d’aqui / sanhudo, |
porque o non vi (Amigo, 348), |
polo que se ven máis afinidades entre este autor e Roi Fernandiz.
Continuando coa análise dos motivos tratados nesta cantiga, podemos apreciar cómo a moza lle abre o seu corazón á súa nai, que cumpre aquí o papel de confidente e conselleira [3] , e aquí atopamos un motivo minoritario neste conxunto de cantigas, a saber: a moza móstrase totalmente segura non só de que o amigo deixou de amala (por culpa do seu erro), senón que ten a certeza de que non ten poder para facer que a volva amar; contrastando esta actitude coa que vimos noutras cantigas en que a moza mostraba, incluso dun xeito ostentoso, o seu poder sobre o amigo.
Toda a cantiga está artellada en torno aos matices de significado do verbo falar. Unha vez máis vemos cómo Roi Fernandiz gusta de empregar os xogos conceptuais baseados na sutileza semántica, cando lle dá ao verbo falar nalgúns casos o sentido de ‘falar de amor, ter unha conversa-cita amorosa’ [4] , mentres que noutros rexistros deste mesmo texto o termo ten o significado neutro e unidireccional de ‘dirixir a palabra’.
Esta sutileza de significados constitúe, como se dixo, a columna vertebral da cantiga. O termo aparece na mesma un total de cinco ocasións de forma directa e a duplicidade de interpretación está habilmente distribuída de forma alterna en todas as estrofas, de xeito que nas aparicións da palabra nos versos 3, 8 e 14 falar equivale a ‘falar de amor, ter unha cita amorosa’, mentres que nos rexistros localizados nos versos 4 e 16 o termo ten o outro significado neutro de ‘dirixir a palabra’, sen precisión de reciprocidade, e tamén o de ‘dar explicacións do sucedido’. De maneira que na primeira estrofa é a moza a que lle dá os dous significados (v. 3 versus v. 4). Nas dúas estrofas seguintes oponse o primeiro significado con matices eróticos, que é o que lle dá a nai nos vv. 8 e 14 e indirectamente no v. 9 én, ao que lle dá a filla no v. 16 e indirectamente no v. 10 i) [5] .
O noso texto resulta orixinal porque estamos ante un dos raros casos en que a madre non só non desempeña un papel negativo, senón todo o contrario, estimulando a filha para que vaia falar co amigo -que é precisamente aquilo polo que suspira a moza en tantas e tantas composicións-, pero ao mesmo tempo o estado actual da relación da filha co amigo está tan deteriorado, ou polo menos esa é a certeza que a moza ten, que ante o estímulo da nai para ir ‘falar de amor’ co amigo, a filla pensa que de nada lle serviría nin sequera dirixirlle a palabra para tratar de excusarse. Para a súa propia consideración, a gravidade do mal feito pesa máis ca o poder que a súa palabra poida ter sobre o amigo..
[1] Para os motivos da moza arrepentida e da autoinculpación nas líricas francesa, occitana e siciliana, remitimos unha vez máis ao artigo de Camilo Flores (1989: 303-312).
[2] Incluso podería pensarse que o ey dos manuscritos é o resultado dunha interpretación errónea dunha fase manuscrita anterior en que a forma errey aparecía abreviada.
[3] Neste caso non estamos ante a figura da nai que cumpre o papel represivo propio do campo sémico da prohibición, senón que é a propia nai quen anima á filla desesperanzada para que vaia ver o seu amigo, porque esta xa dá por perdido o seu amor. Aquí, coma noutras cantigas do noso autor, estamos ante a figura dunha madre que “loin d´être ... hostile,...se présente autant comme une confidente et même une alliée que comme une ennemie” (D’Heur, 1975: 514-518. A cita é desta última páxina). Véxase tamén, para a actitude positiva da madre, E. Corral, 1996: 185-193. Esta actitude favorábel da nai pode chegar mesmo a casos coma o da cantiga V 599 de Johan Airas, onde a nai máis ca unha confidente ou conselleira actúa case coma unha alcoviteira, propóndolle á filla que vista unha determinada roupa que lle senta moi ben e que se lle mostre con ela, en cos, ao amigo, como a mellor solución para que este deixe de estar sanhudo.
[4] Aínda no galego actual, se ben en claro retroceso, o termo falar ten o significado parello de ‘namorar, ser noivo ou noiva de’, cando se di por exemplo que “fulano fala cunha filla do alcalde”.
[5] Con respecto á polisemia do termo falar, e ao seu papel axial na nosa cantiga, hai outros textos como a cantiga B 686, V 288 de Johan Soarez Coelho, onde constitúe tamén o motivo central, aínda que con matices diferentes: o amigo mandoulle recado, di a moza, para que lh’aguis’eu de comigo falar, e ela, dando mostras dunha pretendida candidez que encerra moita malicia, afirma na terceira estrofa que
nunca con nulh’ome falei... |
desque naci, nen ar foi sabedor |
de tal fala, nen a fiz, nen a sei (Amigo, 119), |
onde está claro que fronte a un falar equivalente a ‘falar de amor’, se opón outro falar ou fala cun maior e máis específico contido erótico.
Servizo de publicacións da Universidade de Vigo - 2010 | Xosé Bieito Arias Freixedo |