Cantigas: I II III IV V VI VII VIII IX X XI XII XIII XIV XV XVI XVII XVIII XIX XX XXI XXII XXIII XXIV XXV

Cantiga: XIV      - A dona que eu quero ben

Comentario literario.

 

Contido e ornato estilístico.

Estrofa tras estrofa, Roi Fernandiz volve unha e outra vez sobre o mesmo tema: o desexo, indescritíbel [1] e inconmensurábel, de ver a dama, a pesar de que esa visión só aumentará a coita. A mestría do trobador permítelle modular de forma distinta o primeiro aspecto do tema, de cobra a cobra, de forma que consegue transmitir o proceso que ten lugar na mente do poeta, e a cantiga, sendo como é monotemática, non presenta unha textura ríxida. Estamos ante unha das “mil e unha variedades de transición” do sistema non paralelístico ás “diversas modalidades de paralelismo” (cf. V. Beltran, 1995:133-134).

 Na primeira estrofa o poeta fai unha descrición hiperbólica, por imposíbel, do seu desexo de ver a dona que ama. Na segunda estrofa insiste en hiperbolizar o desexo, pero engade un matiz novo, pois parece inclinarse por non a ir veer, ante as consecuencias coñecidas pola experiencia anterior. Na terceira estrofa faise unha ponderación dos pros e dos contras das dúas opcións, e a alternativa preséntase formalmente en dúas estructuras paralelísticas, unha negativa e outra afirmativa, para expresar mellor a oposición entre ambas. Finalmente, na derradeira estrofa descarta de plano a posibilidade de non ver a muller amada cada vez que poida. Unha vez máis, vemos como a cuestión se resolve paradoxalmente, a favor da opción máis gravosa para o poeta. Pero non é este o único paradoxo da cantiga. Os catro versos do corpo da segunda estrofa constitúen outro paradoxo, xa que despois de encarecer e hiperbolizar o seu desexo de ir u a possa ja/ veer, afirma que non a veer máis val. Nótese a maxistral utilización do encabalgamento entre os versos 9 e 10, que dá lugar a unha repetición (anadiplose), antitética neste caso, que concentra formalmente toda a dialoxía que se percibe ao longo do texto e que deu lugar a un bo número de composicións onde distintos trobadores se manifestaron a favor dunha ou outra opción [2] . Os dous versos do refrán aclaran esta aparente contradición.

A terceira estrofa presenta tamén unha disposición formal e conceptual que nos fala do dominio con que o noso poeta exercía a arte de trobar: os versos 13 e 15 son formalmente paralelísticos e semanticamente antitéticos. Pero se a ecuación condicional aberta no v. 13 parece lóxica (non veer a senhor = non aver sabor), abrindo unha espectativa de que a segunda ecuación, que comeza nun v. 15 formalmente paralelístico co v. 13, plantexada en termos semellantes inda que antitéticos, se resolva tamén loxicamente de forma contraria á primeira, resulta que se resolve de forma inesperada por medio dun paradoxo. E para máis filigrana, vólvese utilizar o encabalgamento para manter ata o final o misterio (veer a senhor = aver maior/ coita). Á vista da resolución da primeira das ecuacións esperaríase outra resolución para esta segunda, (*veer a dama = aver sabor), pero comprobamos unha vez máis que o xénero da cantiga de amor se rexe pola única lóxica do paradoxo.

A disxuntiva, o dilema perante o que se atopa o poeta namorado, que non sabe qué facer, está verbalizado na xa aludida contradición paradoxal da estrofa segunda, e sobre todo no corpo estrófico da terceira cobra, estructurada nunha dispositio bipartita que opón os dous primeiros versos aos dous últimos, no que constitúe un caso de communicatio, aínda que no noso caso o dilema non se deixa sen resolver, senón que o poeta opta por unha das dúas alternativas, a de ver a dama sempre que poida, aínda que é consciente de que a decisión oposta era a que máis lle conviña [3] .

 

Ao longo de toda a cantiga, como é habitual, Roi Fernandiz utiliza con profusión os recursos da repetitio e da annominatio. Así, o verbo veer, o termo máis importante desde o punto de vista do contido, sobre o que se artella o conxunto da composición, aparece ao longo da mesma un total de dez ocasións (en posición destacada como rimante na primeira estrofa, nun caso de rima derivada; repetida no mesmo verso na segunda estrofa, (v. 10) destacada por estar situada en inicial de verso grazas a un encabalgamento e pola antítese entre os dous membros da repetitio; antítese veer/ non veer que se reitera na terceira estrofa.

Tamén é relevante, polo papel desempeñado no xogo de antíteses que verbalizan o dilema que se desenvolve na cantiga, a repetición da partícula negativa non [4] , rexistrada dúas veces por estrofa, un total de oito ocasións.

Outras repeticións que teñen lugar no seo dunha das estrofas, están asociadas case sempre á antítese, como por exemplo a repetición do v. 4: é, pero non é, ou as xa comentadas do v. 10: veer, non a veer e a dos versos paralelísticos da terceira estrofa: non vir - non averei // vir - averei. E aínda podería citarse o xogo de palabras paronomásico dos vv. 2-3 sabor ei / saberia.

A expresión aver sabor (de ver a amada) da primeira estrofa, ten o seu correlato negativo na terceira, onde non veer a amada é causa de non aver sabor de ningunha outra cousa no mundo.

Á interrogación retórica dos vv. 16-18, que inclúe o dístico do refrán, o poeta non espera resposta, senón que a emite máis como un reproche ou como unha lamentación resignada, porque sabe que a pesar de todos os inconvenientes expostos, non poderá subtraerse á forza dese desexo.

Para concluír faremos mención ao dato peculiar de que aínda que os termos dona e molher son empregados por Roi Fernandiz noutras composicións, sempre o fan acompañados do termo distintivo do xénero, senhor, que se rexistra en todas as cantigas de amor do noso autor salvo nesta e na peculiar cantiga V, onde se rexistran denominacións da amada propias do código da cantiga de amigo [5] .

 


[1]  O tópico do inefábel, da ‘imposibilidade de expresar con palabras’, utilizado como hipérbole, non se prodiga moito, pero atópase en autores de todas as épocas. Emprégao Vasco Fernandez Praga de Sandin para hiperbolizar a coita na cantiga B 87:

Nunca vos poderei
tan muit’en mia coita falar
que vus per ren possa mostrar
quan grave m’é de padecer, (CA, 371, vv. 29-32).  

Tamén o fai Johan Soairez Somesso en A 26, B 119:

Ca ja toda per nulha ren
non-na poderia saber
per min (CA, 26, vv. 15-17).

Pero Garcia Burgales emprégao na elaboradísima cantiga B 199, na terceira estrofa dedicada integramente a un hiperbólico panexírico da dama:

Non vus poss’eu contar todo seu ben,
non vus poss’eu dizelo mui gram ben
que lle vos, meu Sennor, fazer fezestes (Blasco, 14, vv. 19-21).

Tamén o emprega Pero d’Armea na cantiga B 1087-1088, V 679 para enxalzar a amada:

se Deus mi valha, non poss’eu achar
quen vosso ben todo possa dizer (Amor 229, vv. 5-6).

Roi Fernandiz utiliza este procedemento en dúas ocasións: unha na cantiga XVI (v. 3) para hiperbolizar o seu mal d’amor e a mui gran coita, e outra nesta cantiga, para hiperbolizar o seu desexo de veer a senhor.

Con posterioridade ao noso poeta Don Denis empregouno en varias ocasións. Ás veces para hiperbolizar a fermosura e dotes da dama, como ocorre en en B 520, V 123 e en B 498, V 81:

est’a melhor
de quantas som, e de cujo loor
nom sse póde per dizer acabar (Lang, 2, vv. 16-18);

mentres que noutras ocasións para hiperbolizar o sufrimento amoroso, como en B 510, V 93:

e levo tanto mal
que vos nom posso, nem sei dizer qual (Lang, 14,  vv. 8-9), así como en B 517, V 120.

Casas Rigall (1995: 115) alude á importancia da tópica do indicíbel xa salientada por Curtius (1948: 231-235) para a literatura clásica e medieval, e inclúea como unha das formas da hipérbole ou superlatio rexistradas na poesía amorosa de cancionero, xa en autores da fase epigonal da escola galego-portuguesa que se deu en chamar escola galego-castelá, como Villasandino, do que cita o seguinte exemplo:

Tu manificencia por tierra e por mar/ non se podría contar nin dezir (Villasandino, ba42, vv. 33-34).

 

[2]  Para o dilema ou polémica plantexada sobre a cuestión de se era mellor satisfacer o desexo de ir ver a senhor ou non a ir ver, para a participación do noso clérigo neste debate, e para o motivo do aumento da coita derivado da visión da amada, véxase o comentario e as notas á cantiga XI.

 

[3]  Casas Rigall (1995: 148-149) estuda o procedemento da communicatio aplicado á poesía cortés castelá, na que segue sendo frecuente o dilema plantexado na nosa cantiga sobre qué será mellor: se nunca ver a dama, ou vela sempre que se queira? Entre os exemplos que achega, citaremos un que parecería remontarse ao noso texto, ou a outros dos autores galego-portugueses que participaron neste ‘debate’:

Tanto crece mi deseo/ cuanto vos puede mirar;/ otro tanto mi penar/ la hora que no os veo;/ que no sé cuál es mejor/ ni qué sienta mejoría,/ si jamás nunca os ver/ o cada ves que quería (Evangelista, re326).

 

[4]  De entender os termos mozdobre e dobre no dobre senso que lles dá V. Beltran (1995: 194 e 199), teriamos que falar aquí de mozdobre (sobre veer) e de dobre (sobre non).

 

[5]  O termo dona aparece aquí empregado co valor con que se rexistra de forma maioritaria no código da cantiga de amor: como denominación referida á dama concreta obxecto do amor do poeta (cf. E. Corral: 1996: 61, onde o exemplo de Roi Fernandiz é atribuído, por evidente lapso, a Roi Queimado).

Pola súa parte o termo molher é empregado habitualmente no xénero da cantiga de amor como denominación xenérica, pero tamén como denominación dunha ‘persoa concreta’, e nese caso aparece en sintagmas léxicos acompañado dun determinante que normalmente é un indefinido. O noso caso é o único en que se rexistra a forma molher co determinante esta (cf. E. Corral, 1996: 19-54, en especial 29-31).

No cancioneiro particular de Roi Fernandiz, as alusións á dama obxecto do amor do poeta fanse maioritariamente por medio do termo distintivo do xénero: senhor, que pode aparecer só, en apóstrofe (cantigas I, II, IV, VII, XII, XVI...), ou en sintagmas do tipo mia senhor, vocativo ou non (cantigas IX, X, XIII, XVII), a fremosa mia senhor (cantiga X), esta senhor (cantiga XV), a senhor (cantiga III).

Tamén se alude á amada por medio doutros termos xenéricos como acabamos de ver nesta cantiga XIV: o termo molher aparece nas cantigas VII e XIV; mentres que o termo dona rexístrase nas cantigas IX, XIV e XVIII.

Como é lóxico, na obra do noso autor atópanse tamén numerosas referencias á amada por medio de procedementos gramaticais como os pronomes vós, vos ( cantigas I, II, IV, VII,etc.), ela (cantigas VI, IX, etc.).

Resultan moi peculiares as denominacións da amada na cantiga V, xa que os termos substantivados velida, fremosa e ben feita, así como a súa disposición como variantes sinonímicas en posición de rima, son propios da cantiga de amigo de tipo tradicional.

Mais, ás veces, Roi Fernandiz fai referencia á amada utilizando a figura da perífrase ou circunloquio, á que xa se fixo referencia de pasada nos comentarios correspondentes. A muller amada é, na cantiga II, a ren que máis soubess’amar de quantas Deus quiso fazer; na cantiga VI, quen soia (amar) e a que ben quigi; na cantiga VIII, a que eu vi e quen me morrer faz e dizer: moir’eu; na cantiga X, as máis recorrentes a senhor do meu coraçon e de mi e a fremosa mia senhor; na cantiga XIII, de novo a que eu vi; na cantiga XIV a dona que eu quero ben.

Para a continuidade das referencias perifrásticas á amada na poesía cortés posterior á escola galego-portuguesa, vid. Casas Rigall, 1995: 39-42.

 
   Servizo de publicacións da Universidade de Vigo - 2010 Xosé Bieito Arias Freixedo