Cantigas: I II III IV V VI VII VIII IX X XI XII XIII XIV XV XVI XVII XVIII XIX XX XXI XXII XXIII XXIV XXV

Cantiga: I      - Quantas coitas, senhor, sofri

localización nos manuscritos.

 

MANUSCRITOS: B 899 (fol. 193r. b); V 484 (fol. 77r. b e 77v. a).

Numerada en B co 899 por Colocci, esta cantiga aparece precedida da rúbrica Roy fernandez de Stiago. Os sete versos da primeira estrofa están copiados en tan só cinco liñas no manuscrito; os versos foron separados polo humanista italiano, aínda que só nalgúns casos, cunha marca en forma de ángulo, que é a que habitualmente utiliza para separar o texto da estrofa do do refrán. De todas formas, Colocci separa erroneamente os vv. 1 e 2 e os vv. 6 e 7, como se ve comprobando a inclusión destas marcas no texto do manuscrito (vid. a correspondente transcrición paleográfica).

O feito de que esta primeira estrofa non estea correctamente separada en versos en B, senón en scripta continua, é indicio de que algún manuscrito precedente dos apógrafos italianos estaba dotado de notación musical, ou de que polo menos o texto da primeira estrofa estaba disposto para tal fin.

Por medio da apostila tornel situada á altura da terceira liña, onde remata o trazo horizontal da marca de separación entre estrofa e refrán, o humanista italiano fai notar que se trata dunha cantiga de refrán. (Para as apostilas métricas e notas de Colocci véxase: V. Bertolucci Pizzorusso, 1966: 13-30 e 1972: 197-203. Véxase tamén M. Brea/F. Fernández Campo, s. d.: 40-56).

Do lado dereito da segunda estrofa, unha liña vertical parece indicar que os tres versos do refrán, que aparecen separados por unha liña en branco, forman parte desta segunda estrofa, e non da seguinte. O inicio do refrán está marcado co signo habitual en todas as estrofas.

Angelo Colocci fai preceder esta cantiga en V da rúbrica atributiva Roy Fernandiz. O copista de V, decatándose de que o exemplar amalgamaba en cinco liñas os sete primeiros versos, cópiaos en candansúa liña, aínda que separa erroneamente os vv. 2 e 3 (entre de uos e he uosco) e os vv. 6 e 7 (entre agora e ia).

   Servizo de publicacións da Universidade de Vigo - 2010 Xosé Bieito Arias Freixedo