Cantigas: I II III IV V VI VII VIII IX X XI XII XIII XIV XV XVI XVII XVIII XIX XX XXI XXII XXIII XXIV XXV

Cantiga: XIX      - Conhosco-me, meu amigo,

Comentario literario.

 

Contido e ornato estilístico.

A cantiga está dominada polo campo sémico do ‘amor insatisfeito’, con predominio de termos e fórmulas léxicas alusivas á coita. A expresión fazer pesar aparece nunha posición destacada formando parte do refrán, onde ademais está remarcada por medio dun encabalgamento, e aparece repetida nas estrofas primeira e terceira -aquí en tempo pretérito contrastando co pospretérito, hipotético, do refrán- tamén en posicións destacadas do verso: como rimante na primeira estrofa e en inicial de verso na terceira. A expresión dizer pesar é habilmente unida á anterior nunha acumulatio cun aquel de antítese, nos segundos versos do refrán, onde o substantivo aparece representado polo fórico lo.

As expresións citadas eran frecuentísimas no xénero da cantiga de amor, en contextos diversos. O poeta adoitaba manifestar o pavor que tiña a fazer ou a dizer pesar á súa senhor, e non con menor frecuencia queixábase de que a senhor, lonxe de lle fazer ben, non deixaba de lle fazer pesar e mal.

Moitas das cantigas de amigo que tratan o campo sémico do ‘amor insatisfeito’ ofrécennos unha perspectiva feminina desa relación frustrada. Serían aqueles “textos que representan o reverso da cantiga d’amor” Tavani, 1986: 156). Pero este punto de vista feminino non é uniforme, senón que presenta unha variada gama de posibilidades de realización concreta nos numerosos textos en que se rexistra (vid. Tavani, 1986: 156-162). Mais o certo é que son realmente escasos os textos en que o motivo principal é o arrepentimento da muller por lle ter causado, coa súa actitude, tanto pesar ao amigo.

No noso texto dedúcese que á protagonista, á muller dominadora da relación (señor-vasalo), por excederse no seu papel de senhor, se lle escapou das mans o control da situación, porque o amigo, despeitado, e en contra do establecido polas leis da fin’amor, non persevera nas súas demandas e abandona, deixando desconcertada á muller, que se mostra arrepentida ao decatarse de que xogou cunha arma do dobre fío e resultou tamén ferida (vv. 14-15).

Sen dúbida haberá que relacionar este texto e algún outro de Roi Fernandiz en que se trata o motivo do arrepentimento e da autoinculpación da moza pola súa desmesura na relación co amigo, con aqueles textos occitanos, franceses e sicilianos que tratan tamén este motivo da ‘orgullosa desesperada’ sobre os que chamou a atención o lembrado profesor Camilo Flores (1989: 303-312) [1] .

Lonxe da soberbia que caracteriza a actitude feminina en moitas cantigas de amigo, na nosa, a muller non só se mostra humilde desde a primeira palabra do texto recoñecendo a súa culpa (volvéndoo facer na última estrofa), senón que non ten reparo en insistir unha e outra vez (nas tres estrofas) no seu propósito de cambiar radicalmente de actitude con tal de conseguir a reconciliación, ata o punto de mostrarse disposta a sufrir o pesar que lle puidese ocasionar o amigo (v. 16).

Resulta interesante confrontar esta cantiga coa cantiga XXII do propio Roi Fernandiz, onde o arrepentimento da moza se troca en temor a non poder recuperar o amor do amigo asañado, aínda que o vexa e lle fale. Naquel caso, a diferenza da cantiga que aquí nos ocupa, a moza recoñece un erro moi puntual (non concederlle unha cita ao amigo), pero nos dous casos se utilizan algúns termos como amigo, amiga, falar, etc., que ademais do significado habitual teñen en certos contextos un contido semántico cunha maior especificidade erótica. No noso caso referímonos concretamente ao valor de amiga na expresión ‘seer ...convosc’amiga’ (vv. 9-10), ou ao valor de amigo na expresión ‘aver por amigo’ (v. 13), en contraste co valor formulario do mesmo termo na apóstrofe inicial.

Certamente a estrutura desta cantiga está solidamente artellada sobre varios eixes, entre os que destaca o que xira en torno ao lexema amig-, dándose mesmo algunha circunstancia curiosa.

Por un lado rexístrase en posición de rima o hapax amigar, que nos evoca primeiramente a concordia e a reconciliación desexada, pero ao mesmo tempo tamén ese grao de intimidade (Vid. Tavani, 1986: 159-160) que sempre acompaña as reconciliacións amorosas. Unha dobre vertente semántica que se percibe tamén na expresión citada aver por amigo (v. 13), así coma na tamén citada seer...convosc’amiga (vv. 9-10), onde por outro lado atopamos outra circunstancia rarísima na escola, como é a autodenominación da propia moza como amiga [2] .

O lexema amig- arredor do que se artella a cantiga, como dixemos, aparece destacado pola repetición nas tres estrofas da palabra amigo e polos xogos retóricos establecidos entre esta palabra, o hapax amigar e a forma feminina amiga, todos tres destacados en posición de rima (rima derivada), así como por medio da redditio ou epanadiplose sobre os termos amigo e amiga no v. 10.

O contido da cantiga está expresado dun xeito condensado na primeira cobra, da que as dúas restantes son unha amplificatio. Roi Fernandiz utiliza a combinación de tres adverbios de tempo (sempre, agora e nunca) cunha serie de formas verbais, de xeito que con moita axilidade e en só seis versos nos retrotrae a un pasado de reiterada actitude refractaria co amigo (sempre vos fiz pesar), para inmediatamente darnos conta da súa situación e dos desexos actuais de reconciliación (se agor’amigar/quisessedes; implicitamente alúdese tamén á ruptura da relación) e finalmente debuxar o futuro hipotético de felicidade que agarda ao amigo de aceptala de novo (refrán).

Nas dúas estrofas restantes amplifícase o exposto na primeira, insistindo na condición (repítese en todas as estrofas a construción sintáctica condicional, con se, outro dos recursos de repetición que cohexionan a estrutura do poema) e na recompensa (refrán). Nos dous primeiros versos da estrofa segunda engádese un novo motivo: a posibilidade de que terceiras persoas (os ‘miscradores’ referenciados indirectamente por medio do identificador quen quera) contradigan as afirmacións da moza e a necesidade de non darlles creto (Vid. Brea, 1992 e Brea, 1993). Logo repítese o motivo do desexo de reconciliación, mantendo a estructura sintáctica condicional, e no refrán insístese de novo no motivo do hipotético futuro feliz que agarda ao amigo.

Na terceira estrofa vólvese insistir nestes dous motivos do desexo de reconciliación e do futuro de felicidade e correspondencia amorosa (mantendo a estrutura sintáctica condicional), e retómase un motivo da primeira estrofa que fora abandonado na segunda: o recoñecemento por parte da moza do pesar causado ao amigo; pero engádese aínda un matiz máis que eleva cualitativa e cuantitativamente a firmeza do propósito da moza -e consecuentemente a capacidade suasoria do argumento- xa que estaría disposta non só a non fazer nin dizer pesar ao amigo, senón tamén a sufrir ela o posíbel pesar que lle puidese ocasionar o amigo (v. 16 pero me de vós veesse) [3] .

En todo momento, lonxe de cumprirse o concorrido tópico en que a moza alardea do seu poder sobre o amigo, no noso caso a muller deixa patente a súa falta de dominio sobre a situación, manifestada na súa pouco disimulada actitude de súplica perante o amigo. Pero tamén queda claro que a situación actual é froito precisamente do uso abusivo das prerrogativas de que gozaba en calidade de ‘domina’, de senhor.

O motivo do arrepentimento, aínda que non moi frecuente, atopámolo en máis ocasións [4] , unha delas, como xa se dixo, na cantiga XXII do propio Roi Fernandiz. Pero onde o motivo está tratado quizais dunha forma máis próxima en matices á do noso texto, é na cantiga V 847, B 1242 de Martin de Padrozelos, onde a moza coitada porque non ve o amigo ao que desexa moito recoñece o pesar causado reiteradamente ao amigo e afirma o seu propósito non xa de non fazer nin dizer pesar, senón o de fazer e dizer prazer ao amigo:

“Por quantas vezes pesar
vos fiz, de[s] que vos amei,
algũa vez vos farei
prazer e Deus non m’ampar
se vos cedo meu amigo,
non faço prazer e digo” (Amigo nº 455).

Noutra orde de cousas e para completar o capítulo da cohexión interna da cantiga, aos recursos xa citados máis arriba haberá que engadir a oposición entre as figuras da moza e do amigo. A primeira detenta a voz poética e está representada -á parte da forma amiga do v. 10- por medio de marcas gramaticais entre as que destaca principalmente o pronome eu, presente en todas as estrofas nun total de seis veces, contando as do refrán. A figura do amigo, narratario do discurso, aparece profusamente ao longo de todo o texto -ademais de na forma amigo presente nas tres estrofas- por medio do pronome de segunda persoa, tanto tónico como átono, profusamente reiterado ata un total de doce ocasións, contando as do refrán, nunha repetición estrutural que pon de manifesto a obsesión da muller polo amigo perdido e o seu desexo vehemente de reconciliación, sutil e habilmente expresado nas dúas primeiras estrofas por medio da correlación das formas tónicas do pronome coas formas ligadas: v. 4 vós comigo; vv. 9-10 eu...convosco, que resume as aspiracións da moza ao unir as dúas personae expresando ao mesmo tempo a reciprocidade da unión.

 


[1]  Resulta interesante, e tamén podería aplicarse no noso texto, a hipótese proposta por Camilo Flores de considerar as cantigas de amigo -de autoría masculina- como cantigas que “en vez de evocaren o amor inxenuo dunha doncela, parecen escritas para satisfaceren a vaidade masculina, retratando ao mesmo tempo ideas reprimidas ou frustracións de home, nunca de muller”, consideración que estende ás cancións de muller en xeral “tanto cando apresentan unha orgullosa arrependida como cando poñen en escea unha rapariga pronta a entregarse e a satisfacer os soños eróticos do seu amigo” (cf. por exemplo a presente cantiga ou a XXII para a primeira destas circunstancias, e a XX para a última).

 

[2]  Rexístrase na cantiga de Johan Garcia de Guilhade V 346, B 744, curiosamente tamén formando parte da mesma estrutura léxica co verbo seer: v. 14 sempre vos eu fui amiga. Este mesmo autor utiliza o termo noutra cantiga, tamén en función enunciativa e dentro da mesma estrutura léxica. Para os valores sémicos e as funcións de amiga, véxase E. Corral Díaz, 1996:143-159, especialmente as pp. 148-149.

 

[3]  Lémbrese que ademais do pesar causado pola senhor ao poeta, o motivo do pesar causado á dama é tamén un dos tópicos máis frecuentes nas cantigas de amor, de forma que nesta cantiga, concretamente nos vv. 2 e 16 hai referencias ao xénero de amor.

 

[4]  O motivo atópase esbozado, e nunha etapa aínda incipiente do arrepentimento, na fiinda da cantiga B 602, V 205, de Don Denis Falou-m’oj’o meu amigo:

“E foi-s’end’el tan coitado
que tom’end’eu já coidado”
(Amigo, nº53)

Atópase tamén na cantiga B 626, V227 de Fernan Rodriguez de Calheiros Perdud’ey, madre, cuyd’eu, meu amigo (Amigo nº60) na que a moza se mostra arrepentida da sobervia con que tratou ao amigo. Finalmente, tamén se rexistra en dúas cantigas de Johan Lopez de Ulhoa: na primeira B 698, V 299, Eu fiz mal sen, qual nunca fez molher a moza recoñece arrepentida que desdeñou o amigo e lle ocultou os seus sentimentos:

que o tive sempr’en desden e non
pôd’el saber ren do meu coraçon (Amigo, nº 130)

Na segunda B 699, V 300, Já sempre, mentre vyva for, vyverey mui coitada (Amigo nº 131), que segue nos cancioneiros á anterior, a moza mostra o seu arrepentimento por tratar con saña ao amigo cando el se foi, e teme que el agora dea por finalizada a relación entre ambos.

 
   Servizo de publicacións da Universidade de Vigo - 2010 Xosé Bieito Arias Freixedo