Cantigas: I II III IV V VI VII VIII IX X XI XII XIII XIV XV XVI XVII XVIII XIX XX XXI XXII XXIII XXIV XXV

Cantiga: XV      - Esta senhor que ora filhei,

Comentario literario.

 

Contido e ornato estilístico.

Como ocorre en tantas e tantas cantigas, a estrofa exordial concentra en si toda a información relativa ao tema principal: o poeta acaba de filhar unha senhor que se asaña contra el, e a dama en realidade sente prazer -pensa o poeta- aínda que a cantiga presenta unha expresión conscientemente ambigua que nos fai difícil saber se o que lle prace á senhor é que o poeta a pretenda ou o feito de assanhar-se contra el [1] . O resto da cantiga constitúe unha amplificatio da primeira estrofa: na segunda cobra insiste o poeta en que non merece a saña da dama, porque lle quere gran ben, e na terceira cobra porfía en exculparse e en demostrar a irracionalidade da sanha da senhor, para na fiinda abandonarse, non sen ironía, á vontade poderosa e caprichosa da dama.

Unha vez máis movémonos na lóxica do paradoxo, pola que tan a gusto navega o noso poeta. Os cinco primeiros versos seguen os cauces tópicos do xénero, pero de socato, no v. 6, faise unha afirmación (e pero faz seu prazer i) antitética a todo o dito anteriormente, en particular ao afirmado no v. 3 lh’é grav’ou lhi non praz; e afirmar á vez dous contrarios non deixa de ser paradoxal, como paradoxais son en si mesmos os dous versos do refrán -onde se concentra a esencia da cantiga- xa que que a sanha sexa consecuencia de algo pracenteiro é certamente un paradoxo. O razoamento da estrofa segunda: vv. 7-9 non/ meresco...desta sanha ren/ ergo se lhi quero gran ben, constitúe outro paradoxo ao que estamos habituados por ser un dos piares conceptuais do xénero: o amor do poeta como razon, causa, da ira da dama.

Consideramos que efectivamente Roi Fernandiz xoga cos motivos comúns coma os indicados en nota, pero dándolles unha dimensión nova que nos mostra a súa habilidade para tirar de determinadas circunstancias uns efectos contrarios aos esperados, logrando conciliar extremos que na partida se mostran claramente antagónicos e, en definitiva, o seu gusto por tensar ao máximo a liña de equilibrio entre a perspicuitas e a obscuritas. O proceso sería o seguinte: á senhor cáusalle pesar o amor do poeta por ela e asáñase contra el. Unha saña inxusta, inmerecida, xa que el a ama gran ben. No corpo das estrofas incídese no tópico do mal recibido da dama polo poeta a cambio do moito ben que a ama, e na inxustiza que isto supón.

Pero a idea central do poema vai un pouco máis alá e é destacada no refrán: á muller agrádalle (ata o punto de sentir pracer?) asañarse co poeta namorado.

Nesta cantiga, a reacción da senhor é das máis extremas das que se atopan dentro do campo sémico da ‘reserva da dama’, xa que o mal que sofre o poeta non se debe á indiferenza ou á negativa da señora a que lle fale ou a que poida vivir onde a vexa, senón que a dama adopta unha postura de activa ‘agresión’, mediante a que ela faz seu prazer, que raia no sadismo.

Unha reacción semellante da senhor, que goza causándolle mal ao pretendente, rexístrase na obra do trobador Estevan da Guarda, privado del rey don Denis, na cantiga B 620, V 221, na que, coma na nosa cantiga, o poeta namorado desexaba morrer por non causarlle pesar á senhor, pero cambia de idea porque como afirma no refrán

pois entendy
que lhe prazia de me mal fazer,
logu’eu des y desejey a viver.

Na fiinda incídese aínda máis sobre esta idea:

Non por mha prol, mays pera non perder
ela per min rren do que lh’é prazer (Amor, 109).

Se a ‘reserva da dama’ a leva a adoptar unha actitude negativa ante as pretensións do poeta, na nosa cantiga, atopámonos coa resposta máis negativa de todas as posíbeis da gama (Tavani, 1986:120): responde con saña, dun xeito irracional, para o ver do poeta. Pero insistimos en que o tópico da reacción asañada da dama, temida sempre polo poeta namorado que non ousa falarlle do seu amor por ela, ten aquí un matiz importante que é salientado: o prazer que sente a senhor causándolle mal.

Ocorre polo tanto que, ao final, e contra o afirmado nos vv. 3 e 4, a relación co poeta é pracenteira para a dama. O primeiro verso da fiinda é suficientemente ambiguo como para que poidamos interpretalo dunha forma xeral, referido á súa reacción asañada contra o poeta (‘e xa que quere facelo así’ = ‘e xa que quere asañarse así comigo’), ou dunha forma máis concreta na que este verso nos remite ao verso inmediatamente anterior (‘e xa que quere facelo así’ = ‘e xa que o quere facer así -o seu pracer-, ensañándose comigo’).

Queda constancia de que a interpretación desta cantiga non é doada, e permitirémonos poñer como proba disto aínda unha nova posibilidade de interpretación. Sabemos que é unha cantiga de amor; vimos que trata algún dos tópicos máis recorrentes do xénero de amor, e está incluída nun grupo compacto formado exclusivamente por cantigas de amor. Pero é totalmente descartábel a idea de interpretala como un texto paródico, como un escarnio de amor?

Termos e expresións como filhar, seer grave, non prazer, começar con, assanharse, sanha, fazer seu prazer, adquirirían un significado preciso de interpretarmos o texto en clave sexual: a muller está descontenta co seu novo amante, que non a satisfai (vv. 3-4), porque o que a ela lle gusta é unha relación de dominio, sádica, de aí que tome a iniciativa neste sentido, para satisfacer plenamente os seus desexos. O poeta, submiso ante tal furia, deixa que ela faga, pero teme -irónico- por si (fiinda).

É esaxerada unha interpretación coma esta? Probabelmente si, pero está claro que sen necesidade de alterar o texto para nada, dependendo da interpretación-escenificación do mesmo, poderían ser posíbeis unha lectura ‘seria’ e outra desviante, como vimos que ocorría xa na cantiga I de Roi Fernandiz, que tamén invita a unha interpretación como escarnio de amor.

Se polas circunstancias que fosen, o texto aparecese recollido na sección de cantigas d’escarneo e de mal dizer -onde por certo se atopan outras cantigas cun significado literal tanto ou máis serio có desta- non teriamos prexuízos de ningún tipo para aceptala como unha parodia dos tópicos do xénero de amor.

Compárense co noso texto, e entre si, os fragmentos seguintes da cantiga B 58 de Fernan Rodriguez de Calheiros:

Mais mia senhor faz seu prazer
(pois que me ten en seu poder),
que [me] faz entrar en prison,
u me non jaz se morte non (CA 342, vv. 18-21),

e da cantiga B 1369, V 977 de Martin Soarez:

poys que Caralhote ouv’en seu poder,
muy ben soube o que d’el[e] fazer:
meteu-o logo en hun carcer atal
hu muytus presos jouveron assaz,
e nunca hi tam forte preso jaz
que em saia, meios de morrer (Bertolucci XLIV, vv. 16-21).

O primeiro destes fragmentos está extraído dunha cantiga de amor, pero o léxico e expresións nel empregados aseméllanse moito aos empregados no segundo fragmento extraído dunha cantiga de escarnio con dobre sentido obsceno, de xeito que así descontextualizado non podería rexeitarse a posibilidade de que tamén o primeiro fose un fragmento dun texto obsceno coma a cantiga da que se tirou o segundo fragmento. O que nos fai considerar que en textos coma o noso, onde expresións que se prestan a esta dobre interpretación se manteñen ao longo do poema, non hai que descartar a priori que esa ambivalencia obedeza á vontade poética do autor.

Noutra orde de cousas, chamaremos a atención sobre a faceta que adopta o motivo da morte nos vv. 13-15, xa que se trata desde a perspectiva do suicidio, aínda que encadrado nunha especie de fórmula de xuramento co fin de hiperbolizar a firmeza do que se di.

Atopamos o motivo baixo esta mesma faceta na cantiga B 88 de Vasco Fernandez Praga de Sandin:

¡e nunca m’én Deus leixe ben achar,
se m’ant’og’eu non quisesse matar
que mais d’aquesto end’ela fazer! (CA, 372, vv. 16-18).

O suicidio como preferíbel á coita aparece nunha cantiga de Martin Soarez (A 41, B 153):

porque os quitaria d’i
por tal coyt’aver come min:
ante sse devia a matar (Bertolucci, IX, vv. 26-28)

e noutra do xogral Lourenço (B 1102, V 693):

mays mi valera já de me matar
eu, e non vira atan gran pesar (Tavani, 5, vv. 10-11).

Johan Soairez Somesso xoga co recurso da aequivocatio nas cantigas A 15 e A 18, de forma que as mortes que nelas se relatan poden entenderse como crimes cometidos polo propio poeta, como mortes a causa da coita de amor ou como suicidios.

En A 15, B 108, toda ela ambigua, os versos 13-21, por ex., poden entenderse como unha ameaza de suicidio, xa que o ome que vai morrer é o propio poeta:

e sei lh’eu un seu ome atal
qual averá morrer por én.
 
E non o pode defender
de morte, se mi mal fezer’,
ca ũa morte ei eu d’aver
...e tolher-lh’-ei
est’ome por que me mal quer (CA 15).

En A 18, B 111, mantense a ambigüidade: o ‘vassalo’ despeitado ameaza á senhor con que morrerá un ome dela como vinganza, pero o ome que vai morrer é o propio poeta. Estamos ante unha nova posible ameaza de suicidio para liberarse da coita:

Pero sei que ren non dá
ela por est’ome perder,
mais per sa morte saberá!  (CA 18, vv. 15-17).

A ambigüidade destes dous textos é tal que o lector comentador do códice manuscrito da Ajuda anota á marxe unha orde imperativa: matallo!

            Na fiinda da cantiga B 522, V 105 de D. Denis, o namorado fala mesmo da posibilidade do suicidio da súa señora, se esta chega a saber que é a ela a quen ama:

ca tal é que ante sse matara
ca mi falar, se o sol cuydara (Amor 52).

Unha vez máis son empregadas as figuras da repetitio e da annominatio no ornato da cantiga, aínda que nesta ocasión só o verbo fazer se repite con certa sistematicidade ao longo da cantiga, un total de seis veces, aínda que tres delas no refrán.

Na primeira estrofa da cantiga retómase o adverbio ora do v. 1 no primeiro verso do refrán e os termos fazer e prazer dos vv. 2 e 3 respectivamente, no segundo verso do refrán. Xa na segunda estrofa, o segundo verso do estribillo retoma a locución e pero e mailo locativo i do cuarto verso da estrofa; ao mesmo tempo que o verbo assanhar-se do primeiro verso do refrán retoma o radical do substantivo sanha do segundo verso da estrofa. Na terceira cobra, ademais de atopar de novo repetido o verbo fazer do terceiro verso, no segundo do refrán, en expresións antitéticas (fazer pesar-fazer prazer), este verso retoma o posesivo seu do verso cuarto da estrofa. Finalmente, na fiinda, atopamos de novo o verbo fazer que une o segundo verso do estribillo co primeiro da fiinda, mentres que o pronome mi/min se repite en posición de rima nos versos primeiro do refrán e segundo da fiinda. Entre todas as palabras que compoñen o refrán unicamente a preposición contra non ten parella en ningún outro lugar da cantiga. Desde o noso punto de vista non se trata dunha casualidade, senón dunha confirmación de que o autor non excluía as palabras do estribillo ao elaborar os recursos da repetitio e da annominatio, senón que as barallaba no mesmo mazo cás dos versos do corpo estrófico, como por outro lado vimos comprobando noutras cantigas, de maneira que neste caso a multiplicación de termos repetidos no refrán e que aparecen ademais nunha das estrofas ou na fiinda, crea unha malla de ligacións do refrán co corpo das estrofas, e de relacións interestróficas a través do estribillo, que compacta solidamente o conxunto da cantiga.

 


[1]   É un motivo frecuentísimo o do mal recibido polo poeta da súa senhor. Inserido no marco máis amplo do ‘amor non correspondido’, este motivo aparece nunha gran parte das ocasións expresado por medio de xogos antitéticos entre os termos ben e mal, para facer alusión a que o mal recibido da senhor é un inxusto pagamento ao ben que el a ama, no que podería denominarse como o motivo do ‘mal por ben’. Na cantiga B 500, V 83 de Don Denis, rexistrámolo nunha expresión parecida á do noso texto (vv. 7-9), onde o poeta nega tamén que mereza tal trato da senhor, a non ser se é así como esta paga o seu grande amor:

que vos non mereci
outro mal, se non se vos ey amor,
aquel mayor que vo’l’eu poss’aver (Amor, 31, vv. 3-5).

No conxunto amplo de textos que tratan este motivo pode acoutarse un grupo máis reducido de cantigas que tratan o motivo concreto da senhor que sente prazer, que goza facendo sufrir ao namorado. Rexístrase na cantiga B 58 de Fernan Rodriguez de Calheiros:

Mais mia senhor faz seu prazer
(pois que me ten en seu poder (CA, 342, vv. 18-19).

Pero Mendiz da Fonseca emprégao en B 1124, V 716:

poys mhas coytas prazer vos son
en grave dia eu vos vi (Amor, 254, vv. 5-6)

e mais en B 1125, V 717, onde o poeta namorado afirma que xa perdeu o sén e o dormir pero que á súa senhor

lhi praz de quanto mal mi ven (Amor, 255, refrán).

Tamén se rexistra o motivo en dúas cantigas de Don Denis, B 541, V 144 e B 546, V 149, na primeira das cales a idea se repite nas tres estrofas:

I. Que prazer avedes, senhor,
de mi fazerdes mal por ben
que vos quig’e quer’
II. Prazer avedes do meu mal
pero vos amo mais ca mi
III. Muyto vos praz do mal que ey  (Amor 89).

 
   Servizo de publicacións da Universidade de Vigo - 2010 Xosé Bieito Arias Freixedo