Cantigas: I II III IV V VI VII VIII IX X XI XII XIII XIV XV XVI XVII XVIII XIX XX XXI XXII XXIII XXIV XXV

Cantiga: I      - Quantas coitas, senhor, sofri

Métrica.

 

Cantiga de amor do tipo das de refrán constituída por tres estrofas singulares formadas á súa vez por unha fronte ou corpo da estrofa, que consta de catro versos octosílabos agudos de rimas masculinas cruzadas, e mais un refrán de tres versos tamén octosílabos agudos que introducen dúas novas rimas distribuídas de forma que riman o primeiro co terceiro mentres que o verso intermedio do refrán queda solto.

Entre os cuartos versos das tres estrofas hai unha correspondencia paralelística que afecta tanto ao contido coma á forma; debido a esta coincidencia formal no inicio destes versos estamos tamén ante un caso de relación interestrófica polo artificio das coblas capdenals [1] I. e, pois me Deus; II. e, pois vos; III. e, pois me vos Deus. O artificio das coblas capdenals tamén liga as estrofas II e III no seu primeiro verso: pero [2] .

Esquema métrico:

8a 8b 8b 8a 8C 8D 8C
I i ei εn a
II or er
III ouan

(cf. Tavani, RM, esquema 173: 5)


Trátase dunha combinación de rimas que só se rexistra en cinco composicións dos cancioneiros galego-portugueses, das cales só a nosa cantiga e outra de amigo de Pero da Ponte -e esta parcialmente- aplican este esquema con versos octosílabos agudos.

Era aínda máis rara na lírica de alén dos Pirineus. Frank (RM, esquema 611) só rexistra esta combinación de rimas nunha composición de Guiraut Riquier, de versos heptasílabos. Mölk-wolfzettel, pola súa parte, non a rexistran en ningún caso na lírica francesa desde as orixes ata 1350.


[1]  Sobre a flexibilidade con que a escola galego-portuguesa entendía e aplicaba este artificio de repetición léxica, cf. V. Beltran (1995: 204-205).

 

[2]  En Tavani (RM, pp. 247) só aparecen catalogadas como capdenals as estrofas II e III, nos vv. 1 e 4.

 
   Servizo de publicacións da Universidade de Vigo - 2010 Xosé Bieito Arias Freixedo