Cantigas: | I | II | III | IV | V | VI | VII | VIII | IX | X | XI | XII | XIII | XIV | XV | XVI | XVII | XVIII | XIX | XX | XXI | XXII | XXIII | XXIV | XXV |
Contido e ornato estilístico.
A presente cantiga presenta basicamente unha estrutura de paralelismo posicional (Beltran, 1995: 135), aínda que se pode percibir unha leve pero real progresión do motivo inicial de cada estrofa. O contido da primeira cobra é o seguinte: o poeta decátase da loucura da súa intención de querer ben a senhor que viu (motivo a) e manifesta a súa decisión de abandonar tal idea (motivo b), pero o bon parecer da senhor impídelle facelo (motivo c).
As estrofas sucesivas repiten na mesma posición os motivos b e c, pero o motivo a da primeira estrofa vai sufrindo lixeiras modificacións que seguen unha progresión desde a intención da primeira estrofa (v. 3 ir osmar de vos querer ben) ata a transformación desa intención en feitos, na estrofa terceira (v. 16 vos fui amar; v. 17 vos amei), para finalmente, na última estrofa, cambiar xa a outro motivo (d): a petición á senhor de que non teña pesar polo feito consumado do seu amor por ela. É esa progresión a que xustifica a repetición paralelística do refrán, con referencia primeiro ao pasado (non mi-o leixou...fazer cando aínda era unha intención, nin cando estaba no inicio) e logo ao presente (nen mi-o leixa...fazer agora que é un feito consumado).
Nas catro estrofas aparece ligado o amor do poeta pola senhor a construcións de carácter negativo nas que se aprecia tamén a progresión do pensamento: desde a loucura e sen razón da actitude do poeta (I fazia mal sén; II non m’ era mester), pasando pola autoexculpación desa actitude (III non foi pelo meu /grad’..., nen ei/i culpa) ata a petición de comprensión para a mesma (non xe vos filhe pesar).
Atopámonos ante un dos tópicos que aparecen con máis frecuencia no xénero: a fatalidade do amor [1] (non é o poeta quen por propia iniciativa vai amar a senhor, senón que é Deus, Amor, os olhos, ou coma neste caso o bon parecer da senhor, quen o forza a amala), que neste caso, como adoito, aparece relacionada co tópico do medo á reacción da dama, como xustificación ante a mesma, de aí a insistencia no recoñecemento da loucura da súa actuación e na imposibilidade de loitar contra a forza de que é víctima.
O habitual é que o amor se mostre como unha cualidade xa adquirida (Tavani, 1986: 114-115) e non como proceso en curso, e a explicación atopámola neste texto paradigmático, onde se ve claramente que o amor é algo súbito, que xorde en toda a súa magnitude desde a primeira visión da dama. E tamén desde ese mesmo primeiro instante o namorado é consciente do seu fatal destino e de cómo ante a forza do amor e da beleza da dama non pode facer nada para liberarse. Se algún proceso hai é o dos intentos vans do poeta por verse libre do amor que o arrastra nunha perpetua agonía.
Se o tópico do amor forzado por Deus, Amor, os olhos, etc., e o da imposibilidade de loitar contra tamañas forzas, derivan nos resultados arquicoñecidos da coita hiperbolizada, da perda do sono e do sén, na morte ou no desexo da morte liberadora, non é frecuente -unha vez máis Roi Fernandiz vólvenos mostrar a súa ‘orixinalidade’- senón máis ben raro como veremos máis abaixo, que o poeta explicite a súa decisión de se partir ou quitar de amala, situada estratexicamente nos cuartos versos de cada estrofa [2] . Estes cuartos versos, entre os que hai correlación paralelística de forma e contido, entran en oposición co refrán de xeito que indirectamente se magnifica a beleza da senhor e exprésase a verdadeira dimensión da fatalidade do amor. De forma que este verso só ten sentido -desdea lóxica do xénero- nunha interpretación baseada no predominio do campo sémico da ‘reserva da dama’ ( Tavani, 1986: 118-123) , o medo á súa reacción. Fóra deste marco o verso resultaría paradoxal en contraposición co conxunto maioritario de cantigas de amor onde os poetas son víctimas da coita d’amor, que na nosa cantiga non se menciona, e incluso podería resultar un tanto desviante polo que de ousado ten o querer oporse aos designios do amor [3] .
Temos nesta cantiga un claro exemplo de como o xénero das cantigas de amor, constituído arredor dun reducido número de campos sémicos ( Tavani, 1986: 109-130; L. Curado Neves, 1993: 259-265 ), se fundamenta no importante número de motivos tópicos que se poñen en xogo e sobre todo na variada combinación e nas diferenzas de matiz no tratamento dos mesmos.
Roi Fernandiz utiliza unha combinación de varios motivos dos que só aparece con certa frecuencia en autores precedentes o motivo do amor forzado, contra a vontade do poeta (o tema máis importante do campo sémico do ‘amor do poeta’ (Tavani, 1986: 114-118), desde o noso punto de vista, paralelo ao da non correspondencia por parte da dama que define o campo semántico da ‘reserva da dama’ ( Tavani, 1986: 118-123 )), tratado tamén desde a perspectiva da imposibilidade de opor resistencia contra a forza do amor e que pode presentar outras facetas [4] . Outros motivos, como o xa comentado da decisión de deixar de amar a senhor, relacionado as máis das veces co anterior, ou o da petición de comprensión á senhor polo seu amor, para que non sinta pesar por el, tamén relacionado cos anteriores [5] , atópanse xa con menos frecuencia nos primeiros autores da escola. Finalmente, na cantiga trátase explicitamente o motivo do mal sen, da sen razón, da loucura que significa o amor do poeta pola senhor, que pode considerarse como unha das facetas do complexo motivo do amor forzado e que resulta bastante raro. Atopamos este motivo do amor cualificado de mal sen, de loucura, en poetas da primeira metade do s. XIII. Un deles, Osoir’Anes, que en B 41 ama a senhora pesar de recibir dela só mal e coita, sen terlle por iso rancura,recoñece que Tod’est’eu faço, e non faço cordura. Na primeira estrofa da cantiga B 141 de Pai Soarez de Taveiros, atopamos este motivo combinado con outro xa comentado e que o noso autor utiliza nesta mesma cantiga, o da decisión de se partir de querer ben á senhor:
Cuidava-m’eu, quando non entendia |
que mal sen era de vós ben querer, |
senhor fremosa, que m’én partiria (Vallín, 3, vv. 1-3). |
Trátase dunha coincidencia, ou Roi Fernandiz decide compor unha cantiga retomando estes motivos dun autor do que xa indicamos outras influencias no noso poeta? (cf. comentario da cantiga II). Tamén aparece o motivo na cantiga B 53 de Fernan Rodriguez de Calheiros:
Gran sandece me fez fazer |
por tal dona ir ben querer (vv. 7-12), |
e na cantiga A 72, B 185 de Nuno Fernandez Torneol:
Pero sei m’eu que faço mal-sen |
de vus amar (vv. 13-14) |
Non se rexistran no texto artificios coma o dobre que encaixen na ríxida ortodoxia, pero si se atopan varios casos de repeticións que non seguen unha estrita rixidez posicional e que independentemente da denominación que se lle dea [6] , se é que hai que darlle algunha, cumpren unha función clara na arquitectura da cantiga. Referímonos en primeiro lugar á repetición dos pronomes alusivos aos dous integrantes principais do círculo diexético, isto é, o poeta, eu (2, 4 I; 1, 4 II; que aparece ademais sen emparellar en 4 III e en 2 IV) e a dama, vos (1, 3 I; 2, 3, 4 III; 1, 2 IV, ademais da forma tónica vós en 3 II). O artificio serve para visualizar a distancia que o poeta pretende establecer con respecto á senhor.
Outros recursos do ornato estilístico chaman a nosa atención. O paralelismo literal que se dá entre os dous últimos versos do refrán, que cunha lixeira variación na flexión verbal prolonga desde o pasado ao presente a loita do poeta contra a forza do bon parecer da senhor.
Tamén hai correspondencia paralelística, como vimos, entre os cuartos versos de cada cobra, debido á atracción que sobre el exerce o refrán ( Beltran, 1995: 135 ) co que se opón: as formas do antepretérito con valor non real equivalentes ao pospretérito de indicativo, nos versos cuartos de cada estrofa, contrastan coa dura realidade do pretérito de indicativo do segundo verso do refrán, duplicada no presente de indicativo do terceiro verso do refrán, de forma que case parece percibirse a realidade futura nun último verso elíptico: ‘*nen leixará senhor fazer’.
Nos dous primeiros versos da cantiga rexístrase unha anadiplose combinada cunha traductio que establece unha especie de equívoco entre dous significados do verbo veer: por un lado o de ‘ver cos ollos’ que fundamenta dous dos tópicos máis recorridos na nosa escola e moi utilizados polo noso poeta (o do amor a primeira vista -veer=amar- e o do desexo, case sempre insatisfeito e fonte de coita, de veer a senhor) e por outro lado o significado de ‘decatarse, ver coa mente’.
Neste caso veer = amar, no v. 1, pero tamén, no v. 2 veer equivale á toma de conciencia inmediata do erro e ao intento, van, de liberarse. Todo isto nun lapso de tempo breve coma un alustro, maxistralmente recreado por medio da repetición da parella adverbial I logo... /... log’i, ao inicio e ao final dos catro versos do corpo da estrofa, como enmarcando todo o acontecido na mente e no corazón do poeta nese preciso intre en que se produce o ‘chispazo’ amoroso.
Non menos importantes, pola súa contribución á idea de insistencia que lle interesa transmitir ao poeta, son as repeticións dos verbos ir e amar, en perífrases sinónimas ou de forma illada, distribuídas de forma escalonada de xeito que se dá unha progresión desde o carácter de intencionalidade, incoativo, das primeiras aparicións (ir osmar de vos querer; ir começar con), fronte ao dun feito consumado das dúas últimas. O salto da intención ao feito saliéntase nos vv. 16-17, onde o verbo amar está repetido estratexicamente en epístrofe (ao final do segmento sintáctico, que non coincide nos dous casos co métrico), a primeira vez aínda formando perífrase con ir.
Roi Fernandiz utiliza en varias ocasións o encabalgamento, para situar en posición de relevo varios dos termos que concentran a esencia do contido da cantiga (ir/começar, culpa, amar); particularmente importantes son os rexistrados entre os vv. 8-9, 15-16, 16-17 e 23-24.
[1] Xa Carolina Michaëlis (CA: 478) chamou a atención sobre este aspecto da poesía de Roi Fernandiz.
[2] Os verbos partir e quitar non teñen aquí o significado habitual de separación imposta pola dama, nin tampouco o menos frecuente da marcha da propia senhor, senón o da decisión de abandonar o amor da dama, de deixar de amala. Precisamente sobre o xogo entre estes dous significados do termo partir xira a cantiga B 1122, V 714 de Pero Mendiz da Fonseca:
ca me quero de vós partir, | |
mais non de vos querer gram ben (Amor, 252, vv. 5-6); |
Martin Soarez utilízao tamén en A 47, B 159,
e non me quer leixar | |
partir de vos nen de vus ben querer (Bertolucci, XV, vv. 13-14), |
e tamén Afonso X en B 468bis.
Claro que a decisión de deixar de amar á senhor rara vez se pode levar á práctica. Só nalgunhas cantigas ‘de change’ viamos que o poeta era quen de cambiar o amor dunha muller polo doutra (cf. por exemplo as cantigas B 38 e B 39 de Osoir’Anes), aínda que mesmo nestes casos de ‘cambio de senhor’ na maioría das veces o novo amor tamén era forzado (lémbrese senón o refrán da cantiga III do noso Roi Fernandiz:
ca o dem’ agora d’ Amor | |
me fez filhar outra senhor ). |
[3] O motivo do intento de deixar de amar á senhor, como variante do motivo do amor forzado, é bastante frecuente, e precisamente na maioría das ocasións aparece como xustificación do amor ante a propia dama dentro dun marco de rechazo por parte desta.
Atopamos este motivo xa en autores da primeira metade dos. XIII, relacionado sempre co motivo da loita imposíbel contra o amor forzado, coa excepción do primeiro exemplo, a cantiga B 38 de Osoir’Anes, onde o poeta decide partirse de súa senhor obrigado máis ben polo desamor desta:
Sazón é ja de me partir | |
de mia senhor, ca ja temp’ei | |
que a servi, ca perdud’ei | |
o seu amor (CA, 321, vv. 1-4). |
Tamén sería excepción a cantiga B 971, V 558 de Afonso Eanes do Coton, onde o poeta si conseguiu quitarse voluntariamente de amar á súa senhor, porque desexaba un ben mayor, aínda que agora se mostra arrepentido por se quitar da dama abandonada, pois perdeu definitivamente o amor dela.
Pero o máis habitual é que ese desexo de deixar de amar a senhor causante de tantas coitas se quede só nun desexo imposíbel de cumprir, como pode comprobarse na cantiga B 141 de Pai Soarez de Taveiros
Cuidava-m’eu, quando non entendia | |
que mal sen era de vós ben querer, | |
senhor fremosa, que m’én partiria (Vallín, 3, vv. 1-3); |
en B 50 de Ruy Gomez o Freire
E pesa-vus de vus amar | |
eu, e non m’ei end’a quitar | |
... | |
ca se d’al ouvesse poder | |
aver-vus ia desamor (CA, 334, vv. 7-8 e 11-12); |
Fernan Rodríguez de Calheiros trata tamén este motivo en B 52
valera-me mais muito ja | |
que vus quisesse... | |
gran mal, se vo’-lo podesse querer (CA,336, vv. 9-11) |
e B 53, onde trata asemade o motivo da sen razon do amor pola senhor, que atopamos tamén na nosa cantiga:
Gran sandece me fez fazer | |
por tal dona ir ben-querer | |
... | |
pois ora non ei poder d’ir | |
i, nen poss’én meu cor partir (CA, 337, vv. 7-12). |
Martin Soarez faino en A 47, B 159,
e non me quer leixar | |
partir de vos nen de vus ben querer (Bertolucci, XV, vv. 13-14), |
en A 49, B 161 e en A 55, B 167
todus maravilladus son | |
de non poder meu coraçon | |
per algunha guisa quitar, | |
por tod’esto, de vus amar (Bertolucci, XXIII, vv. 4-7); |
Afonso X trata este motivo na xa citada e coñecida cantiga B 468bis
e por ende per rem partir | |
de vos muyt’amar non posso (Amor,25, vv. 23-24); |
Fernan Gonçalvez de Seabra faino na cantiga A 213, B 443, V 55
que non poss’eu, per niun sen, | |
partir-me de lhe ben querer (CA,213, vv. 15-16) |
En A 108 , B 217 de Pero Garcia Burgales, o poeta recoñece que nunca intentará fuxir ao amor, pois non ten poder para liberarse del, mentres que en A 126, B 241, de Fernan Garcia Esgaravunha, recoñece que o intentou moitas veces sen éxito, mesmo tentou querer ben outra senhor:
Punnei eu muit’en me quitar | |
de vos, fremosa mia sennor, | |
e non quis Deus (Spampinato, 16) |
Johan Airas emprégao en varias cantigas con matices propios que resaltan a súa personalidade poética; así en B 959, V 546 afirma con ironía que só se a dama deixa de parecer ben el intentará lhi ben non querer, xa que non pode ‘querer mal a quen/ Nostro Senhor quis dar tan muito ben/..., e tan bon parecer (Rodríguez, 17, vv. 12-14), ou na cantiga B 961, V 548 onde é a propia senhor, a quen parece reprochárselle tamén con ironía a preocupación mostrada pola prol do seu pretendente, quen lle pide que deixe de amala:-quitade-vos, amigo, de mal sén/ e non amedes quen vos non quer ben (vv. 9-10), ao que el responde que non pode porque tanto el coma o seu corazón están en poder de Amor.
Autores máis tardíos como D. Denis utilizan tamén este motivo, unido ao motivo da autoexculpación en B 528, V 111:
Ca sabedes que se m’end’eu quitar | |
podéra, des quant’a que vos servi, | |
mui de grado o fezéra logu’i (Lang, 32, vv. 15-17), |
e aínda o empregará noutras cantigas, como en B545, V 148 e en B 543, V 146, onde repite en todas as estrofas, coma na cantiga de Roi Fernandiz o seu desexo de se quitar, de se partir de a querer ben, pero vese forzado polo seu coraçom, que pode máis ca el:
e partir-m’ia de vós querer bem | |
mais tolhe-m’end’o coraçom poder (Lang, 66, vv. 11-12). |
O motivo é empregado tamén de maneira novidosa por Pedr’Amigo de Sevilha en B 1094, V 685, pois non é o trobador quen se quere partir de amar a súa senhor, senón que di sufrir el o castigo de Amor por quantos se quitaron/ d’amar (vv. 8-9).
Rexistrámolo tamén noutros autores como Pai Gomez Charinho(B 810, V 394), Afonso Paez de Braga (B 854, V 440), Johan Mendiz de Briteiros(B 858, V 444), Airas Engeitado (B 971, V 558), Martin Perez Alvin (B 1056, V 646 e B 1059, V 649).
[4] Temos exemplos en Vasco Fernandez Praga de Sandin (B 83)
non sei sen vos viver, | |
nen sei al d’este mundo desejar | |
se non vos, e muit’e sen meu grado (CA, 367, vv. 17-19); |
Johan Soairez Somesso (A 14, B 107)
ca vus pesa de vus amar | |
e non posso end’al fazer (vv.13-14) |
e (A 21, B 114)
forçou-mi o seu amor | |
e seu fremoso parecer (v. 4); |
e (A 21, B 114)
na cantiga B 49 de Roi Gomez, o Freire, atopamos un matiz interesante no motivo do amor forzado:
vosso dessamor que m’ora ten forçado (CA, 333, vv. 30-31); |
na obra de Fernan Rodriguez de Calheiros atopamos tamén este motivo (B 51)
macar m’end’eu quisesse al, non | |
queria o meu coraçon! (refr.); |
en Pero Garcia Burgales (A 86, B 190) ca vus non quero pelo meu grado! (v. 7) e sen o meu grado vus quero gran ben (v. 19).
Na nosa cantiga atopámolo tamén baixo a faceta da autoexculpación do poeta (vv. 15-16 nen ei/ i culpa, porque vos amei), faceta que xa fora utilizada polos primeiros trobadores, como Vasco Fernandez Praga de Sandin, quen en B 80, despois de facer unha descrición, pouco frecuente pola súa extensión, dos dons da senhor que o obrigan a amala, excúlpase por facelo: E por esto.../non me devedes vos culp’a põer (CA, 364, vv. 8-9), e o mesmo autor insiste neste motivo en A 7: o fremoso parecer da dama forzouno a amala, deducíndose que nen sequera Deus podería máis sobre o corazón do poeta.
Tamén en B 855, V 441 de Afonso Paez de Braga o amor e a coita están forzados polo fremoso semelhar da dama, sen que o poeta poida end’al fazer.
Johan Mendiz de Briteiros, en B 859, V 445 confesa estar forçado polo amor da dama, e engade un matiz novo ao concretizar a beleza daquela: non posso fugir/ a esses olhos (Finazzi-Agrò, nº1, vv. 5-6).
Fernan Garcia Esgaravunha en A 121, B 237, combina este con outros motivos tópicos:
des aquel dia, sennor, que vus vi, | |
sen vosso grado me vos faz Amor, | |
e sen o meu, querer gran ben, sennor (Spampinato, 11, refrán) |
En B 952, V 540 de Johan Airas de Santiago, o poeta non pode facer nada contra Amor:
Ca vos non posso, senhor, desamar, | |
nen poss’amor, que me força, forçar (Rodríguez, nºXI, vv. 19-20). |
[5] O motivo é empregado con matices diversos, sempre no marco do campo semántico da ‘reserva da dama’. Atopamos exemplos en B 87 de Vasco Fernandez Praga de Sandin, onde o poeta lle roga á dama que non se queixe por amala:
non vus deviades queixar | |
a min, porque non sei sen vos viver (CA, 367, vv. 16-17); |
tamén en varias cantigas de Johan Soairez Somesso, como A 14, B 107 onde lle pide á dama que se amala lle causa pesar, que o sufra, porque senón morrerá de amor
non catedes | |
... | |
o pesar que vus eu faço en vus querer | |
ben... (CA, 14, vv. 3-6), |
mentres en A 23, B 116 afirma que se ousase, pediríalle á dama que o deixase vivir onda ela, e tamén que lle negase o pesar que sentise por deixalo:
rogar-l’ia que me leixasse | |
u ela vivesse morar; | |
e rogar-l’ia outra ren: | |
que o pesar, que ouvess(e) én, | |
que todavia mi-o negasse (CA,23, vv. 3-7) |
e algo parello ocorre en A 24, B 117, onde o poeta lle pide á dama que o engane e lle oculte o pesar que lle causa por amala:
non vus pes ja de vus amar,> | |
Por Deus, e se vus én pesar’, | |
non mi-o façades entender | |
... | |
por ben pagado me terrei, | |
se me quiserdes enganar (CA nº 24, vv. 7-14); |
vus rogu’eu... | |
... | |
que por vus eu muit’amar, non | |
vus caya, senhor, en pesar (CA,338, cuarta estrofa) |
e en B 62 do mesmo Calheiros
E pois, quando a vir’, rogar | |
lh’ei por Deus que lhi non pes én (CA, 346, vv. 6-7); |
en A 131, B 252 de Roi Queimado
quero-vus rogar | |
que vus non pes, por Deus, de vus veer, | |
nen de falar... (CA, 131, vv. 17-19); |
tamén atopamos este motivo no refrán de dúas cantigas de Pero D’Armea:
B 1079, V 671:
que vos non pês de vos amar, | |
ca non sey al tan muyt’amar (Amor,221) |
e B 1086, V 678:
que vos non pês o que vos rogarey | |
e depoys, se vos prouguer, morrerey (Amor, 228). |
En B 815, V 399 de Pai Gomez Charinho, o poeta pídelle á senhor que non vos pês que os seus ollos miren para ela.
Rexístrase tamén en B 1065, V 656 de Bernal de Bonaval
rogar-vos-ey, por Deus, se vos prouguer, | |
que vos non pêz de vos eu muyt’amar, | |
poys que vos non ouso por al rogar (Indini, 4, vv. 4-6); |
en B 404, V 15 de Afonso Fernandez Cebolhilha:
E, poys assy é, venho vus rogar | |
que vus non pes, senhor, en vus servir | |
e me queirades por Deus consentir | |
que diga eu atanto, en meu cantar (Marroni, 1, vv. 22-25); |
en B 508, V 91 de D. Denis:
pois de vós nom ei nenhum bem, | |
de vós amar nom vos pes em, | |
senhor (Lang, 12, refrán) |
e en B 615bis, V217, de Estevan Fernandiz D’Elvas:
Ay boa dona, sse Deus vos perdom, | |
que vos non pês do que vos eu dyrey: | |
eu viv’en coita, ca tal senhor ey (Amor,105, vv. 1-3); |
ou en B 856, V 442 de Afonso Paez de Braga
rogar-vos-ey, | |
come ssenhor que am’e que sservi, | |
que non vos pês d’en vós cuidar (Amor,129, vv. 7-9) |
[6] Vid. V. Beltran, 1995: 194 e 199, que propón a utilización do termo dobre nun duplo sentido máis amplo.
Servizo de publicacións da Universidade de Vigo - 2010 | Xosé Bieito Arias Freixedo |