Cantigas: I II III IV V VI VII VIII IX X XI XII XIII XIV XV XVI XVII XVIII XIX XX XXI XXII XXIII XXIV XXV

Cantiga: I      - Quantas coitas, senhor, sofri

Comentario literario.

 

Contido e ornato estilístico.

Atopámonos ante unha cantiga dominada polo equívoco, que se presta a diversas lecturas [1] .

O primeiro impulso é o de interpretala como unha parodia amorosa: as coitas, o afán que o namorado sente cando está lonxe da amada (sentimentos expresados nos versos do corpo das estrofas), todo se lle esquece no momento en que a amada está presente: xa non se lembra da coita, nin do afán, nin do amor que por ela sentía (negación realizada nos versos do refrán).

Outra interpretación posíbel tirada dunha lectura superficial, neste caso non paródica, sería estoutra: a ledicia de ver a amada faille esquecer ao namorado as coitas e males padecidos durante a súa ausencia.

A esta ambigüidade xeral da cantiga contribúe a ambigüidade do suxeito de nembr' agora, nos versos 6, 13 e 20, xa que este pode ser "eu" ou como interpretou Nunes "o sentido do que se diz nos primeiros versos de cada estrofe" (p. 312), isto é, as coitas e demais sufrimentos, dado que a elisión da vogal final átona do verbo no seu encontro coa vogal inicial átona do adverbio, impídenos saber con certeza se se trata da P1 nembro do IPr do verbo 'nembrarse', ou se pola contra se trata da P3 nembra, deste mesmo tempo do verbo 'nembrar' [2] .

Pero non é este o único paso da cantiga que se presenta ambivalente. No v. 2 atopamos o sintagma por vos veer asociado ao verbo sofrer, que pode interpretarse de dúas formas, ambas con importante representación entre os topoi do xénero de amor: por unha parte pode pensarse que estamos perante o tópico do sufrimento, da coita orixinada polo desexo de ver a senhor (sofri / por vos veer), desexo que era o ben máximo ao que aspiraban os trobadores galego-portugueses (Beltran, 1995: 45) e que atoparemos nos versos iniciais da estrofa segunda [3] ; pero por outra parte pensamos que no noso contexto pode interpretarse o feito de veer a senhor como outro dos tópicos máis frecuentes: a primeira visión da amada como orixe do amor e causa do sufrimento posterior do poeta, como veremos a continuación [4] . O que está clara é a intención de Roi Fernandiz de crear un texto ambiguo, conceptualmente complexo e a de tirar o máximo rendemento da competencia do público ao que se dirixía [5] .

A cantiga ten para nós, xa que logo, outra lectura que cremos poder xustificar como a xenuína.

Pode dicirse que entre as tres cobras hai un certo paralelismo desde o punto de vista semántico, xa que algúns motivos se repiten e outros varían lixeiramente [6] .

A primeira estrofa comeza co motivo tópico do sufrimento do poeta; un sufrimento que está hiperbolizado por medio da combinación do cuantificador e do plural nun enunciado exclamativo: Quantas coitas...! Inmediatamente, nos vv. 2 e 3 introdúcense sucintamente novos contidos que matizan o motivo inicial do sufrimento, nunha interpretatio en forma de enumeración acumulativa onde se especifica en primeiro lugar a causa do mesmo (o feito consumado da primeira visión da dama: por vos veer), e logo a solución adoptada polo poeta -se non imposta pola propia senhor- consistente en afastarse dela (me quitei/ de vós, e vosco non morei) [7] . Seguidamente, no verso cuarto, introdúcese un novo motivo: agora está de novo onda a dama (e pode vela). Finalmente no refrán, engádese o último motivo da estrofa, un motivo certamente raro: acontécelle algo desconcertante, xa que non se lembra de nada do pasado.

O motivo do refrán repítese loxicamente en todas as estrofas, pero tamén se repite o motivo do verso cuarto introdutorio do refrán, xa que hai unha correlación formal e conceptual, aínda que non literal, entre os cuartos versos de todas as estrofas.

A segunda estrofa comeza tamén co tópico do sufrimento amoroso hiperbolizado (na maior/ coita que podia viver), aínda que neste caso está matizado no v. 10 de forma distinta á da primeira estrofa: se alí o feito de veer a dama era a causa do sufrimento, aquí ocorre o contrario, xa que a coita está causada polo desexo insatisfeito de vela (desejando-vos a veer). A unión nunha mesma cantiga dos dous motivos que habitualmente se dan por separado (veer=coita; non veer=coita) visualiza o carácter paradoxal do amor.

A terceira estrofa iníciase tamén coma as precedentes cunha hiperbolización do sufrimento, neste caso desdobrando a coita por medio dunha repetición sinonímica nos termos mal e afan, en ambos casos cualificados polo cuantificador tanto en expresión ponderativa. Pero se nas dúas estrofas precedentes se especificaba a causa da coita, neste caso engádese un novo motivo recollido do refrán, aínda que utilizado de forma antitética a como se utiliza neste, e que non alude á causa da coita senón á lóxica consecuencia da mesma expresada cunha perífrase con valor de obrigatoriedade: a imposibilidade de esquecer tanto sufrimento (a nembrar-lh' avia de pran).

O texto constitúe un exemplo paradigmático do carácter esencialmente desgraciado e paradoxal do amor cortés na escola galego-portuguesa. Así, a primeira estrofa representa os numerosísimos casos en que veer a dama é sinónimo de amar, pero tamén o desencadeante das coitas (Tavani, 1986: 123), do que temos exemplos noutros textos do noso poeta (cf. a cantiga VIII, por ex.). O mesmo verbo veer ten na segunda estrofa un valor que se rexistra tamén nun número elevadísimo de cantigas d'amor: veer a senhor como aspiración máxima dos poetas.

É importante, porque se rexistra con moita frecuencia na obra do noso autor, resaltar este xogo cos diversos matices semánticos de certas palabras, en concreto cos do verbo veer, un dos termos chave na obra de Roi Fernandiz e no conxunto da obra amorosa (de amor e de amigo) da escola galego-portuguesa.

Na primeira estrofa incídese nas coitas sufridas por ver a dama e logo por separarse dela (expresadas en pretérito: sofri, quitei, morei); a segunda estrofa adopta a perspectiva da distancia e céntrase na coita que sofre o poeta polo desexo de vela (expresada en presente: vivo); a terceira estrofa está formulada de forma categórica como unha declaración axiomática, como unha especie de lei aplicábel á xeneralidade, e polo tanto intemporal: nos dous primeiros versos faise unha recompilación/recapitulación do mal de amor sufrido baseada na experiencia persoal de sufrimento e no terceiro apúntase a consecuencia lóxica esperada, aínda que a utilización da perífrase co verbo auxiliar en copretérito (a nembrar-lh' avia) converte o enunciado nunha mera hipótese que, como se ve no refrán, fica frustrada. A dispositio do poema responde, xa que logo, a unha estratexia estudada, dentro da cal a inclusión dun novo motivo na terceira estrofa adquire un valor de intensificación do paradoxo, pois só nesta última estrofa se verbaliza explicitamente a disparidade entre o que por lóxica parece o razoábel, o esperado, o que debería cumprirse (v. 17 a nembrar-lh'avia de pran), e o seu non cumprimento (refrán).

Pero todo o proceso de enfatización das coitas sufridas, desde os seus inicios ata o momento actual, é un artificio que demostra que a cantiga de amor segue unha lóxica propia. Estamos por unha parte, como vimos, perante un texto que recorre aos tópicos máis frecuentes, pero por outro lado atopámonos tamén cun texto atípico xa que nel se rexistra un motivo raro como é o da satisfacción da máxima aspiración dos nosos trobadores: poder veer a senhor. Este motivo é introducido nos versos cuartos de cada estrofa, entre os que existen correlacións de tipo paralelístico, e o poeta deixa claro que é Deus o responsábel do novo encontro, precavéndose así contra a posíbel reacción hostil da dama. Como será o pracer producido pola soa visión da amada, a verdadeira dimensión da felicidade que produce, aínda que sexa debida ao azar, que esta se converte en bálsamo eficaz contra a maior e máis pertinaz das coitas? É precisamente o carácter insólito do cumprimento do desexo de ver a amada e a comprobación da súa eficacia contra toda coita, o que converte esta cantiga nun texto atípico. Realmente é paradoxal que este feito resulte tan estraño que mesmo faga pensar nunha interpretación paródica. Mais non é este o único caso na obra do noso clérigo onde rexistramos o motivo do cumprimento do desexo de ver a senhor: na cantiga IV, por exemplo, que mantén con esta o que Tavani (1986: 100-104) define como 'congruencias intertextuais', atopámolo de novo, así como un grao máis no optimismo heterodoxo de que fai gala o noso poeta en parte da súa obra.

Tal vez sexa demasiado aventurado interpretar o motivo do esquecemento da coita perante a visión da amada como unha variante do motivo da perturbación do poeta en presenza da muller amada [8] , pero un non pode deixar de pensar nun certo grao de relación entre ambos motivos, entre o esquecemento e o cegamento que produce como consecuencia a ilusión de que se esqueceu. A coita, o sufrimento amoroso, era unha verdadeira obsesión para os autores da escola, e practicamente imposíbel de esquecer [9] , de aí que das palabras empregadas polo poeta no refrán para expresar o que lle acontece, pareza desprenderse a súa propia perplexidade. A expresar este desconcerto contribúe a repetición da estructura concesiva nas dúas últimas estrofas, que salientan o carácter ilóxico da resolución.

Variando e extremando un pouco o enfoque, tendo en conta o importantísimo papel que o sufrimento xoga na natureza do amor cortés da escola galego-portuguesa, particularmente a coita derivada do desexo insatisfeito de ver a amada, podería aínda apuntarse outra interpretación do texto no sentido de que se o amor é esencialmente desgraciado, e se a separación contribúe de maneira fundamental para esa característica, o sufrimento, e con el o propio amor, desaparecen, porque non teñen razón de ser, cando non se dá esa circunstancia do afastamento que multiplica o desexo. O amor só é auténtico, só existe, cando o poeta sofre.

Ao longo de toda a cantiga hai esparexidos diversos casos de recursos do ámbito da annominatio e da repetitio entre os cales destaca a repetición dos termos relativos ao sufrimento: coita, que con variación morfolóxica aparece nas estrofas I e II. A repetición ten continuidade na terceira estrofa, esta vez mediante o procedemento da variación sinonímica, cos termos mal e afan, que á súa vez son sinónimos de coita, formando en conxunto unha serie que responde ao xa comentado proceso de hiperbolización e intensificación do sufrimento.

De notar son tamén as repeticións poliptóticas da estrofa 2ª, onde entran en xogo os termos vivo/viver e veer/vejo, formando unha estrutura de quiasmo na que os infinitivos, situados en posición marcada, na rima, quedan enmarcados polas formas de presente, que ocupan tamén unha posición privilexiada do verso pois sobre eles recae o acento interno. Á súa vez veer e vejo, ligan a estrofa co veer do v. 2 da primeira. Na terceira estrofa hai un novo caso de políptoto: tanto mal levou,/ com' eu levei, onde as palabras repetidas ocupan tamén as posicións marcadas do verso.

Entre este entramado de repeticións asistemáticas, se temos en conta a pouca rixidez da súa distribución (Beltran, 1995: 209, 214, 220), hai que destacar tamén a repetición do termo nembrar , no v. 17, un verso que resulta clave para a interpretación que propomos da cantiga, posto que nel, despois de expresar xa por dúas veces no refrán das estrofas I e II que non nembra nada, o poeta desconcetado, incide na que debería ser a resolución lóxica (a nembrar-lh'avia de pran), para de novo e definitivamente, no refrán da última estrofa retomar o leit-motiv en torno ao que xira toda a cantiga e que contradí a lóxica allea ao entramado conceptual da cantiga d'amor, aínda que -e isto si que é raro, polo seu carácter positivo neste caso concreto- si se cumpre a lóxica interna do xénero: ao poeta non lle nembra nada.

Insistiremos pois na variación dos diferentes procedementos de hiperbolización empregados nas distintas estrofas, que centran a súa énfase no sufrimento amoroso. A este fin contribúen tamén os encabalgamentos dos vv. 2-3 e 8-9.

Finalmente parece oportuno indicar que a obsesión do poeta pola coita d' amor ten a súa correspondencia na obsesión polo obxecto da mesma, a muller amada, referida no texto por medio do termo habitual senhor no v. 1, que volve aparecer na súa variante mia senhor no v. 11; pero tamén por alusións indirectas por medio de marcas gramaticais: en concreto o pronome vos, coa variante vosco do v. 3, que se rexistra un total de nove veces no texto, contando as tres do refrán.

 


[1]   Esta ambigüidade xa a fixemos notar nun pequeno traballo noso anterior (1994: 179), onde lle atribuímos o carácter de sutil parodia amorosa. A cantiga é recollida tamén como parodia amorosa por Graça Videira Lopes (1994: 171-172).

 

[2]  Polo que respecta aos encontros vocálicos deste tipo, só faremos referencia a eles nos comentarios naqueles casos en que sexa pertinente por razóns métricas ou, como é o caso, de interpretación. Os encontros vocálicos interverbais na poesía trobadoresca foron estudados con profundidade e sistematicidade por Celso Cunha, principalmente nos traballos: "Hiato, sinalefa e elisão na poesia trovadoresca" e "Novas observações sobre o hiato na antiga versificação galego-portuguesa", traballos recollidos con posterioridade nos volumes recompilatorios de 1961 e 1982, polos que citamos.

 

[3]  Cf. as notas á edición correspondentes ao verso 2, onde indicamos a posibilidade dunha lectura diferente para a segunda parte deste verso, acorde con esta interpretación, baseada na substitución do e dos manuscritos polo adverbio u.

 

[4]  Un caso de utilización do verbo veer co dobre valor que rexistramos na nosa cantiga témolo por exemplo en B 1097, V 688, onde o termo fai alusión por un lado á primeira vez que o poeta viu a senhor (valor que ten na primeira estrofa da nosa cantiga), e por outro lado ten o valor de 'ver de novo, tras un período de separación' (valor que ten na segunda estrofa da nosa cantiga):

Quand'eu vi a dona que non cuydava
nunca veer, logo me fez aly
mays ca mi fez, hu a primeiro vi,
tan muyto levar d'afam e de mal
que morrerey..., hu non jaz al,
quand'eu, ante, mays ca todus levava (Marroni, nº 4, estrofa I).

 

[5]  Esta mesma construción rexistrámola tamén empregada con clara intención de ambivalencia por Pero Garcia Burgales no último verso da cantiga A 103, B 211:

...esmoresco no dia, que non sei
que me faço, nen que digo, tant'ei,
amigos, gran coita pola veer (Blasco, nº 25, vv. 19-21).

 

[6]  Nunha parte do imprescindíbel estudo que vimos citando (1995: 128-149), dentro do capítulo dedicado á dispositio, Vicenç Beltran examina a estructura interna da cantiga d'amor, con resultados moi interesantes relativos á distribución dos motivos constituíntes segundo esquemas paralelísticos de diversa índole.

 

[7]  O afastamento da senhor, imposto por esta, é un dos temas máis frecuentes dentro do campo sémico da 'reserva da dama' (cf. Tavani, 1986: 118-123), mentres que o afastamento voluntario adoptado como solución polo namorado para tratar de esquecer a coita é tamén un tema recorrente no xénero, e o propio Roi Fernandiz ten unha composición onde este é o tema principal (cf. cantiga XVII).

O feito de o poeta se quitar (de separarse, de se ir) de onde mora a dama, obedeza ás razóns que sexan (intento de esquecela, por imperativo da propia dama, por outra causa de forza maior ou sen especificar), ten sempre como resultado a maior das coitas para o poeta namorado. A magnitude do seu sufrimento é tal que lle fai perder a noción do tempo que pasa lonxe dela; por exemplo en B 1115, V 706 de Lourenço, onde aos que lle din que só hai oito días que non a ve, el responde:

dizen que mays d'oito dias non á
e a mi é que may[s] d'un an'y á! (Tavani, nº 2, refrán),

ou en B 1113, V 704 do jogral Lopo, quen afirma que por moi pronto que volva, nunca virá cedo:

ca, se hun dia tardar hu eu for
e hu vos non vir, ben terrey, mha senhor,
que á hun an'ou mays que alá tardei (Amor, nº 249, estrofa II)

e

que á mil dias que sen vós morey (ídem, estrofa III).

Cantigas estas que teñen o seu contrapunto no xénero de amigo nas orixinais composicións de Juião Bolseyro (B 1165, V 771; B 1166, V 772 e B 1176, V 782), onde a moza namorada se queixa de que as noites en compañía do amigo pasan voando, mentres que na súa ausencia se fan eternas.

Como exemplos da variedade de formas que adopta o motivo da separación do namorado da súa senhor, e das coitas que isto lle ocasiona, podemos citar a cantiga B 954 e 955, V 542 de Johan Airas de Santiago, onde o poeta se quita da senhor porque a súa presenza onda ela lle causa pesar. Quitarse ou partirse da senhor, pode equivaler tamén a renunciar ao seu amor voluntariamente, por non recibir ningún ben a cambio, aínda que todo aquel que o intenta se confesa logo na maior das coitas e arrepentido por querer máis ben ca aquel de que gozaba: por exemplo en B 971, V 558 de Airas Engeitado. E deste mesmo autor é a cantiga B 974, V 561 onde o poeta, que se foi de onda a senhor afirma que só poderá sobrevivir se a volve ver de novo, porque xa outra vez que se fora de onda ela e estivera a morrer, guariu enseguida así que a volveu ver. Outra variante do motivo é a imposibilidade de se quitar, de se ir de onda a senhor: é o que ocorre na cantiga B 1059, V 649 de Martin Perez Alvin. Tamén en B 1077, V 669 de Pero D'Armea o poeta, que se quitou contra a súa vontade de onde moraba a súa senhor, confesa que desde aquela nunca viu pracer de nada e que só volvendo vela poderá sentirse gozoso no mundo. Pero interésanos máis outro texto do propio Pero D'Armea porque recorda a cantiga de Roi Fernandiz e corrobora a nosa interpretación, pois nel o poeta namorado manifesta que á mayor coyta que sufriu desde que se quitou da senhor non lle dá ningunha importancia agora que a volveu ver:

mays Deus, senhor, non mi faça lezer,
se eu já mui gram coyta tenh'en ren
poys que vos vejo, meu lum'e meu ben(Amor, nº223, estrofa I).

Sobre esta cuestión de se o volver veer a senhor é un remedio eficaz ou aínda agrava o sufrimento, xiran non poucos textos que defenden unha ou outra postura, sen prexuízo de que un mesmo autor defenda as dúas, como é o caso do noso clérigo Roi Fernandiz de Santiago (cf., ademais da presente, as cantigas IV, XI e XIV).

 

[8]  Un dos maiores cultivadores deste motivo do esquecemento absoluto perante a fermosura cegadora da dama foi Pero Garcia Burgales, que o utiliza por exemplo nas cantigas A 88, B 192; A 99, B 206 e B 220. Cf. Spina, 1966: 57-60, onde o autor estuda as diversas variantes deste motivo tanto na nosa escola coma na occitana.

 

[9]  Exemplo disto é a cantiga A 266, B 450 de Bonifaz de Genua, onde o poeta perde a noción de todo, ata de si mesmo, pero segue a ser consciente da grande coita que sofre:

Non sey que faço, nen ei de fazer,
nen en que ando, nen sey ren de mi,
se non atanto que soffr'e soffri
coita d'amor qual vus quero dizer (Piccat, vv. 7-10).

 

 
   Servizo de publicacións da Universidade de Vigo - 2010 Xosé Bieito Arias Freixedo