Cantigas: I II III IV V VI VII VIII IX X XI XII XIII XIV XV XVI XVII XVIII XIX XX XXI XXII XXIII XXIV XXV

Cantiga: V      - Quand' eu vejo las ondas

Métrica.

 

Cantiga de amor do tipo de refrán, constituída por tres cobras de catro versos hexasílabos de rimas femininas, alternas. Na rima a dáse sempre o mesmo rimante (ondas), polo que esta rima é unisonante e consonántica, mentres que a rima b é singular e asonante. A estrofa remata cunha coda ou refrán formada por dous versos da mesma medida, con rima propia tamén feminina e asonante, pareada.

Dobre [1] en posición de rima, ou palabra rima dobrada: 1, 3 ondas.

Hai un absoluto paralelismo conceptual entre as tres estrofas, que presentan en conxunto construcións sintácticas equivalentes. As estrofas segunda e terceira insisten de forma repetitiva nas ideas expostas na primeira por medio da figura de pensamento por adición que a retórica denomina commoratio. A equivalencia semántica entre as tres cobras é total e o paralelismo reflíctese tamén no aspecto formal con correspondencias paralelísticas literais (entre os cuartos versos de cada estrofa) e con repeticións literais: 3 I, III.

Esquema métrico:

             
6’a 6’b 6’a 6’b 6’C 6’C
Iondasi-a a-e
IIondas o-a
IIIondas ei-a

 

(cf. Tavani, RM, esquema 99: 81). No mesmo lugar o filólogo italiano cataloga o paralelismo rexistrado nesta cantiga dentro da Clase C da súa clasificación (cf. RM: 30-38), máis concretamente dentro do grupo C1.

Por outra parte I. Frank (RM, esquema 358) rexistra esta distribución de rimas só unha vez na lírica occitana, aínda que nunha cantiga sen refrán e con distinto metro.  Mölk-Wolfzettel rexistran este esquema rimático (esquema 1143) en varias composicións da lírica francesa desde as orixes a 1350, con metros diferentes: en once ocasións como esquema de rimas de composicións con estrofas de seis versos, e en cinco ocasións en estrofas soltas de composicións heteroestróficas. En ningún caso con versos octosílabos.

J. M. D’Heur (1975), dentro do capítulo IV titulado “Le système de l’assonance et ses implications historico-littéraires”, dedícalle un apartado específico á nosa cantiga, baixo este aclaratorio epígrafe: ‘Une chanson d’amour assonancée’. Aí dá datos que desvelan o carácter extraordinario deste texto que el considera “une tentative, belle au demeurant dans la sobriété de ses moyens, de transposer les ressources de l’assonance de la chanson d’ami à la chanson d’amour”: datos tales como que é a única cantiga de amor que utiliza a asonancia, ou que das asonancias rexistradas no corpo estrófico dúas delas:   -o-a(s) e -ey-a(s), son inéditas e froito dunha creación individual, mentres que da asonancia -a-e do refrán, só se rexistra un novo caso nun poeta posterior: Johan Zorro.

Nin que dicir ten que os rimantes dos versos do corpo estrófico son todos eles inéditos no xénero das cantigas de amor, salvo o termo velida, que non deixa de ser rarísimo neste xénero (cf. infra). Pero a pesar de seren algúns destes termos (como ribas, ondas, ben feita), relativamente frecuentes nas cantigas de amigo máis popularizantes, o certo é que tampouco na canción de muller se atopan como rimantes. Non rexistramos ribas, debrocas, costeiras, ben feita en ningún caso; rexistramos ondas só en dúas cantigas de Martin Codax, e incluso o cualificativo fremosa aparece como rimante só en tres cantigas de amigo. Polo que respecta aos rimantes do refrán, male e mare son exclusivos desta cantiga, xa que inda que o primeiro aparece con frecuencia e o segundo non é raro, nunca o fan coa alteración fonética que constitúe a paragoxe do e.

Roi Fernandiz fai un auténtico alarde de orixinalidade poética no cultivo da rima.

Polo que respecta ao ritmo, parece claro que esta composición tiña unha forte base acentual, xa que os versos que comparten as mesmas posicións estróficas teñen basicamente o mesmo comportamento na distribución dos acentos: na 1ª e segunda posicións estróficas os acentos recaen nas sílabas 3ª e 6ª; na terceira posición estrófica recaen sobre as sílabas 1ª, 4ª e 6ª; mentres que na 4ª posición estrófica se sitúan sobre as sílabas 2ª, 3ª e 6ª.

 


[1]  P. Lorenzo Gradin (1997: 213-214) non inclúe entre as variedades do dobre as “iteraciones determinadas por la utilización del paralelismo verbal o por otras variantes del procedimiento menos rígidas, como los denominados por Asensio paralelismo estructural y semántico” entre as que se atopa esta cantiga. Afirma que “una lectura atenta de esas cantigas demuestra que en ellas las repeticiones nunca cumplen con los requisitos del dobre, ya que, aunque a veces sean introducidas en el mismo verso de coblas sucesivas, no presentan carácter duplicado y simétrico ni se extienden a la totalidad de la composición”. Porén, na nosa cantiga, baseada no procedemento do paralelismo, a repetición do termo ondas si presenta os requisitos esixidos pola ríxida Poética fragmentaria de B.

 
   Servizo de publicacións da Universidade de Vigo - 2010 Xosé Bieito Arias Freixedo