Cantigas: I II III IV V VI VII VIII IX X XI XII XIII XIV XV XVI XVII XVIII XIX XX XXI XXII XXIII XXIV XXV

Cantiga: VI      - Ja eu non am[o] a quen soia

Xustificación da edición.

 

NUNES di que esta cantiga falta en C. B. (B), pero esta afirmación é falsa: é a cantiga número 904 deste cancioneiro. Onde si falta é en A, que só transmite as cantigas 2, 3 e parcialmente a 4 da nosa numeración.

1. BRAGA am'a  cinguíndose á lectura diplomática de Monaci, co que o verso resulta hipométrico. PAXECO-MACHADO non am a. A restitución do o final do verbo é, polo tanto, necesaria para corrixir a hipometría.

3. BRAGA sancta engadindo a consoante culta ausente nos dous manuscritos e polo tanto na lectura de Monaci que el manexa.

4. A posíbel lectura c'amei outra coita d'amor maior, queda descartada practicamente ao ser case de regra que a conxunción ca non contraia coa palabra seguinte comezada por vogal (cf. Cunha, 1961: 75-77 e 166-170). Porén a ambigüidade entre ambas lecturas é perfectamente funcional na interpretación oral, isto é, cantada, da cantiga. Rexistramos o mesmo contexto en Joan Servando (B 1073 e 1074): ca m'ei  todavia/ medo de morte, pero aquí non hai posibilidade de ambigüidade oral.

5. PAXECO-MACHADO Qu en m oi a mj. Parece que interpretan de forma errada o Quẽ do manuscrito como contracción do relativo Que, referido a Nostro Senhor, e mais en (forma abreviada de ende < INDE).

6. Cúmprese aquí a regra establecida por Cunha segundo a cal o que seguido de vogal, tónica ou átona, mantén a súa individualidade realizándose sempre como hiato (cf. Cunha, 1961: 58-74 e 135-165), pois aínda que desde o punto de vista do ritmo cadraría mellor a sinalefa para que o acento recaese na cuarta sílaba, isto orixinaría a hipometría do verso.

7. MONACI me(y)or, coloca entre parénteses o Y riscado do códice. BRAGA, partindo da lectura do editor italiano le mayor, co que o significado da palabra é o totalmente contrario e carente de lóxica.

En coita ouvese faise sinalefa.

11. O adverbio i refírese ao verso anterior; ao feito de que nunca o viran sen xuízo. A expresión non á i recado significa ‘non hai remedio, non hai solución (que impida que o vexan desacordado)’, xa que agora ten unha coita maior.

Tendo en conta que a cantiga versa sobre o motivo do ‘cambio de señora’, cabe a posibilidade de que a expresión en análise, non aver recado, poida ocultar un nivel de lectura baseado na acepción xurídica da palabra recado. Non esquezamos que o noso autor foi probabelmente magister en leis.

O padre Viterbo, no seu Elucidário dá como un dos significados do verbo recabdar o de ‘receber solenemente, e à face da Igreja, a uma mulher para consorte e contoral, santificando o seu legítimo contrato com o grande Sacramento, que JESUS Cristo instituiu para tornar santo o matrimonio’; e define a voz recabdo como ‘recebimento solene, em face da Igreja, e na forma dos sagrados cânones, santificado com a bênção do sacerdote’.

O Diccionario de Autoridades da Real Academia Española recolle a expresión sacar los recados, definida como “Phrase que vale acudir al Juez Eclesiástico, para que se hagan los autos Matrimoniales, y sacar el despacho para las amonestaciones”, que tal vez haxa que relacionar co significado con que a rexistra Viterbo en textos medievais. Na Enciclopedia Espasa ao termo recado dáselle neste mesmo contexo o valor de instrumento, de documento legal. Tamén Martín Alonso rexistra o termo recabdo no seu Diccionario Medieval Español co valor de “instrumento justificativo de algún derecho”.

Tratándose, como se dixo, dunha composición sobre o motivo do cambio de muller amada, a simultaneidade de significados con que é empregada a expresión non pasaría desapercibida para aquelas persoas do público familiarizadas coa terminoloxía xurídica. Efectivamente, se o poeta xa non está namorado da muller que amaba, senón doutra, definitivamente non vai haber cerimonia solemne de matrimonio con aquela muller nin documentos legais ao respecto.

 

   Servizo de publicacións da Universidade de Vigo - 2010 Xosé Bieito Arias Freixedo