Cantigas: I II III IV V VI VII VIII IX X XI XII XIII XIV XV XVI XVII XVIII XIX XX XXI XXII XXIII XXIV XXV

Cantiga: XIV      - A dona que eu quero ben

Xustificación da edición.

 

1. Entre o relativo que e o pronome eu hai hiato, mantendo ambas palabras a súa independencia silábica (cf. Cunha, 1961: 58-74 e 135-165).

2. Entre a preposición de e o pronome a, hai tamén hiato (cf. Cunha, 1961: 38).

4.BRAGA pero non sem dá co sentido do verso, modificando o rimante (sem en troques de seu), a partir da lectura diplomática de Monaci, pero non restitúe o verbo, mantendo a carencia do manuscrito, polo que o verso resulta hipométrico. PAXECO-MACHADO Falta todo o verso.

6. A conxunción que e o pronome a conservan, como é de regra, a súa independencia silábica (cf. As notas aos versos 1 e 2 desta mesma cantiga).

8. BRAGA a tanto desej'e nom ha. Ao non decatarse da carencia do manuscrito no inicio do verso, que nós solucionamos da maneira que cremos máis doada e lóxica, o editor portugués ten que buscar a forma de xustificar o resto do verso, e isto lévao a enlealo (interpretando o e final da terminación verbal como conxunción copulativa) e a facelo inintelixíbel cando a lectura do mesmo parece nidia. PAXECO-MACHADO E tanto desei e non a, interpretación errada similar á de Braga. A nosa restitución coincide coa de Nunes, quen non a marcou como tal no texto.

13. MONACI Se nõ. É unha lectura errónea, pois en V lese claramente o pronome a. BRAGA Se nom , segue a lectura diplomática errónea de Monaci, co que o verso resulta hipométrico. BRAGA averrey , apártase da lectura de Monaci duplicando o r de forma innecesaria. Se na cantiga XII, no v. 10, o editor portugués interpreta como futuro do verbo veer a forma de futuro verra, do verbo viir, apoiándose na lectura errónea do v. 22 de Monaci sobre V, onde le uerrã como P6 do futuro de indicativo de veer (B: ueeram), neste caso Braga cre necesario marcar a forma de futuro de aver mediante a duplicación do r, aínda que tamén pode tratarse dun erro tipográfico, tendo en conta que dous versos máis abaixo utiliza a forma de futuro do verbo aver sen o r duplicado.

14. BRAGA que de mim , partindo da lectura diplomática de Monaci. NUNES já de min , co que o verso segue sendo hipométrico. PAXECO-MACHADO [J]a de mj adoptan a solución de Nunes, pero non teñen en conta o til de nasalidade que en B hai sobre o j.

Para a nosa restauración temos en conta a lectura de V, onde o que inicial pode ser resto dun desenvolvemento erróneo da abreviatura de nunca nun estado anterior da tradición manuscrita; tal vez unha abreviatura latinizante como . Con base na palabra nunca, tamén podería conxecturarse que o copista de V leu que onde o exemplar tiña qua (ben só ou ben o adverbio completo ), mentres que o copista de B, que non entendeu tampouco o texto do exemplar, preferiu deixar un espazo en branco [1] . Outras posibilidades de reconstrución serían: [ja máis] de min...ou [oi máis] de min...

19. BRAGA nom é do yr por erro gráfico ou por interpretar tal vez do como adverbio de lugar (lat. de ubi), en vez do habitual d'u, e yr como infinitivo, co sentido de que o que se expón nos versos seguintes (non ver a dama cada vez que poida) é algo que non se sostén, que non ten onde ir? PAXECO-MACHADO non [h]e engaden un h innecesario.

22. BRAGA devia-lhe a fugir , engade un e innecesario e moderniza a vogal do radical do verbo, sen notificalo. NUNES devia-lhe fogir , cambia o a dos manuscritos (preposición) por un e, que el interpreta como parte do pronome lhe, cando a realidade é que a vogal final átona do pronome enclítico e a preposición sofren un encontro que dá como resultado a elisión da vogal e do pronome (cf. Cunha, 1961: 33-42). En nota (p. 559) Nunes apunta: "Parece-me não fazer sentido o lha (v. 22) do original, por isso o substitui por lhe. Poderá ler-se tambem: devi'a lhe fugir, isto é, devia a fugir-lhe em ordem directa". Pero esta lectura segue estando baseada nunha alteración innecesaria dos manuscritos, xa que o lha, como vimos máis arriba, fai perfectamente sentido.

 


[1]  A utilización da grafía qu, con valor de [k], era relativamente frecuente mesmo en contextos en que non tiña xustificación etimolóxica (cf. C. de Azevedo Maia, 1986: 642-643).

 
   Servizo de publicacións da Universidade de Vigo - 2010 Xosé Bieito Arias Freixedo