Cantigas: I II III IV V VI VII VIII IX X XI XII XIII XIV XV XVI XVII XVIII XIX XX XXI XXII XXIII XXIV XXV

Cantiga: XXIII      - Madre, pois amor ei migo

Comentario literario.

 

Contido e ornato estilístico.

Esta cantiga está dominada polo campo sémico da ‘prohibición’ (vid. Tavani, 1987: 162-166.>). Rexístranse, en efecto, elementos pertencentes ás series léxicas deste campo (v. 2 non poder sofrer; v. 3 non veer; v. 7 coita; v. 9 coitada...).

Jean Marie D’Heur (1975: 503-508>), dentro do apartado dedicado ao conflito entre a nai e a filla, inclúe esta cantiga no grupo formado por unha trintena de textos nos que aparece a figura da ‘mère hostile’ e afirma ao respecto que “À mère sévère, fille insoumise et combative. Les réactions de la fille sont des réactions d’opposition. Elle supplie, elle implore, elle se lamente, elle proteste. Elle argumente, elle plaide. Jamais elle ne cède, ni ne se déclare vaincue par les rigueurs maternelles”(p. 508).

Entre esta diversidade de posturas rexistradas nas cantigas en que predomina o campo sémico da prohibición, nas que a moza e o amigo non ousan verse nin falarse na maioría dos casos, hai unha serie de textos onde o campo sémico da prohibición é abordado desde unha perspectiva que pón de manifesto a rebeldía da moza contra a autoridade materna [1] .

No conxunto de textos que tratan o motivo da moza rebelde atópanse variacións sobre o mesmo, como xa apuntou o propio Tavani no estudo citado.

Nalgún caso a moza desesperada porque non pode aturar máis o sufrimento padecido por non poder veer o amigo, móstrase disposta a esixir o consentimento da nai, aclarando tamén a súa determinación de desobedecela en caso de esta non acceder. É a postura adoptada pola moza da nosa cantiga, claramente exposta no refrán. E tamén a decisión da moza da cantiga B 675, V 277, de Johan Perez d’Aboin, da que transcribimos a segunda estrofa:

Pês a quen quer e mate-se por en
ca post’é já o que á de seer:
veer-vos-ei, se vos poder veer,
e poderei, ca, meu lum’e meu ben
cada que migo quiserdes falar,
falade migu’e pês a quen pesar (Amigo, 109),

e a da cantiga B 582, V 185, de D. Denis, onde o refrán tamén conclúe, como xa fixo notar Tavani, coa mesma expresión ‘pês a quen pesar’.

Do mesmo rei D. Denis é a cantiga B 587, V 190, onde atopamos outra variante da rebeldía da moza contra a prohibición materna: proponlle a fuxida xuntos:

guisade de nos irmos, por Deus, d’aqui
e faça mia madr’o que poder des i. (Amigo, 37, refrán) [2] .

Ás veces a moza obedece á nai, ou viuse forzada a facelo, mais planea desobedecela de novo. Así na cantiga B 631, V 232, de Fernan Rodriguez de Calheiros, na que a moza, que foi reprendida pola nai por estar atendendo o seu amigo, manifesta no refrán a súa decisión:

alá me tornarei e i lo atenderei (Amigo, 65).

Na cantiga V 284, B 682 de Johan Soarez Coelho, a moza sofre a coita por non poder veer o seu amigo, por culpa da prohibición materna; pero móstrase disposta non só a arriscarse a desobedecer as ordes maternas, senón a compensar o amigo polos males sufridos:

Pero mi-o ela non quer outorgar,
ir o-ei veer ali u m’el mandou
e por quanta coita per mi levou
farei-lh’eu est’e quanto m’al rogar,
e dés i saia per u Deus quiser  (Amigo, 115, 3ª estrofa) [3] .

Na cantiga V 382, B 798 de Nuno Perez Sandeu, a pesar da prohibición da súa nai, que está sanhuda coa filla porque quere ao amigo, a moza mostra a súa rebeldía dirixíndose ao amigo para comunicarlle

mais guisarei, meu amigo,
como faledes comigo (Amigo, 211, refrán).

O trobador Vasco Rodriguez de Calvelo trata tamén o tema da rebeldía da moza contra a prohibición materna en dúas composicións que teñen en común coa nosa o feito de que a filla se dirixe abertamente á súa nai, reprochándolle o non deixarlle ver o amigo ou falarlle. Na cantiga V 436, B 850, a nai non poderá impedir que a moza reciba o mandado do seu amigo:

e muito mal mi fezestes,
mais sobr’aquesta perfía
será oj’aquí con migo
mandado do meu amigo (Amigo, 250) [4] .


Na cantiga seguinte deste autor V 437, B 851, a rebeldía da moza, que viu casualmente o seu amigo, radica na súa actitude fronte á nai, a quen parece querer dicirlle que se amole, porque puido ver o amigo sen ter agora que agradecerlle nada a ela, que llo prohibía:

Mostrou-mi-o Deus e fez-me gran prazer,
sen aver eu a vós que gradecer  (Amigo, 251, fiinda).

De Johan Servando é a cantiga B 1149bis, V 742, onde a pesar do castigo físico recibido a moza foi ver o seu amigo, e di que poden guardala de veelo, pero non de amalo:

Pero me feriron por el noutro dia,
fui a San Servando se o veria:
poden-m’agora guardar,
mais non me partirám de o amar (Amigo 372).

Tamén na cantiga B 657, V 258, de Airas Carpancho, a situación da moza, que está guardada pola nai, obedece a un acto de desobediencia anterior:

Por quanto m’outra vegada
sen seu grado con el vi
guarda-me d’el a perfia (Amigo, 91, 3ª estrofa).

Pola súa banda, a moza da cantiga B 1253, V 858, de Lopo, jograr, diríxese directamente á nai e dille tallante que non será quen de impedir, aínda que queira, que vaia a San Leuter co seu amigo:

Fazede-mi ora quanto mal poderdes,
ca non mi guardaredes, pero quiserdes,
d’ir a San Leuter falar con me[u] amigo. (Amigo, 465, 2ª estrofa).

Como se ve, as variacións sobre o motivo da rebelión contra a autoridade materna son diversas, e van desde a desobediencia simplemente planeada e mantida en secreto, pasando pola desobediencia xa efectiva pero non confesada á nai, a outros casos en que a moza, a filha, se dirixe de forma directa á madre, reprochándolle a súa actitude cohercitiva e manifestándolle abertamente a súa decisión de desobedecerlle, de rebelarse contra a súa autoridade.

A moza da nosa cantiga estaría dentro deste último grupo de textos que mostran unha rebelión aberta contra a prohibición materna, aínda que hai un trazo que a diferencia dos demais textos, e este é que a moza procura en todo momento xustificar o seu desexo de ir ver o amigo; recoñece que a súa petición é unha ousadía (vv. 7-8), pero xustifícaa no sufrimento en que vive (vv. 2-3, v. 7, v. 9); mesmo apela ao amor materno (v. 15) para lograr o consentimento da nai, e incluso chega a utilizar como argumento o propio feito de ser sincera coa nai, de ser ela mesma quen lle conte que está namorada (vv. 13-14). Todas estas argumentacións están dispostas de maneira que culminan, en positivo, coa petición expresada no primeiro verso do refrán, e contrastan, por representaren actitudes antitéticas, coa decisión manifestada nos dous últimos versos do refrán de romper a obediencia debida á nai. Todas as estrofas teñen a mesma estrutura en canto á organización dos conceptos, de forma que no primeiro verso do refrán se expresa o desexo da moza de ter o permiso da nai para poder verse co amigo. Antes deste verso, polarízanse os argumentos ‘positivos’ con que a moza trata de convencer á nai, e que aínda sendo da mesma índole varían de estrofa a estrofa. Despois do primeiro verso do refrán, nos dous últimos, sitúase o único argumento de carácter ‘negativo’, pero seguramente o máis efectivo para convencer á nai. Pensamos que nesta oposición equilibrada ao longo de toda a cantiga de argumentos tendentes a convencer á nai ‘polas boas’, en contraste co argumento máis contundente expresado no refrán para convencela ‘polas malas’, radica un dos principais atractivos da mesma. Mesmo parece que a moza, que ten xa a súa determinación tomada, estea ofrecéndolle á nai unha serie de razóns para que ela mesma se xustifique por darlle permiso á filla. A combinación de dúas estruturas sintácticas bipolares en cada estrofa, unha causal que liga os tres versos do corpo da estrofa co primeiro do refrán (por medio dos nexos pois vv. 1e 9;  ja que v. 13), e outra condicional que liga os catro primeiros versos do conxunto da estrofa aos dous últimos (senon v. 5), pon de relevo por un lado a serie de razoamentos esgrimidos pola filla fronte á petición para a que son utilizados (conseguir o permiso materno) e por outro lado resalta a oposición entre eses argumentos e o argumento definitivo da rebelión, se fose necesaria. Con respecto aos motivos iniciais de cada estrofa, onde a moza expón os seus razoamentos á nai, hai que dicir que da primeira á terceira estrofa hai unha progresión ou gradación encadeada:  na primeira a filla expón o sufrimento por non ver o amigo; na segunda di que é ese sufrimento, a gran coita, o que fai que se atreva a contarlle o que lle pasa; mentres que na terceira cobra utiliza como argumento precisamente o feito de ser ela mesma quen llo conta.

Polo que respecta ao ornato da cantiga son de destacar os recursos pertencentes ao ámbito da repetitio, e moi especialmente os varios xogos de repeticións establecidos nos tres versos do refrán.

Aínda que de forma asimétrica, en todas as estrofas se dá unha repetición que de ningunha maneira pode ser considerada froito do azar. Así na primeira estrofa repítese que non (vv. 2-3), na segunda estrofa atopamos unha figura etimolóxica na repetición de coita (v. 7) / coitada (v. 9), mentres que na terceira estrofa o políptoto se duplica: sabedes (v. 13)/ sei (v. 14), querer (v. 14)/ queredes (v. 15).

Pero é no refrán, como se dixo, onde se concentran o maior número de repeticións léxicas; e isto débese sen dúbida a que é tamén no refrán onde se concentra a esencia do contido da cantiga: a disxuntiva entre a concesión do permiso materno ou a determinación de desobedecela se non llo concede. O primeiro verso do refrán (v. 4) aparece repetido integramente nos dous versos seguintes, por medio dunha figura etimolóxica: mandade-mi-o (v. 4) / mandado (v. 5) -ambos termos situados a principio e a final de verso respectivamente- e dun políptoto: ir veer (v. 4) / irei ...veel’ (vv. 5-6) -tamén aquí veer ocupa unha posición destacada a final e inicial de verso respectivamente, no segundo caso grazas a un hipérbaton-. Por medio destas figuras enfatízanse os conceptos clave da cantiga, coa particularidade de que no segundo rexistro os termos en cuestión aparecen matizados negativamente non só polo nexo condicional negativo (senon), senón tamén por medio da repetición da preposición sen en dúas expresións coordinadas, recorrentes nas cantigas de amigo, que unha vez máis contribúen para pór de relevo a firme decisión da moza de facer a súa vontade pese á oposición materna: sen mandado...e sen vosso grado.

 


[1]  Tavani, 1987: 164, inclúe entre as cantigas que tratan o motivo da rebelión da moza contra a nai, a cantiga nº 20 do noso autor, cantiga que nós excluímos do mesmo por considerar que o filólogo italiano parte dunha interpretación errada (cf. o noso comentario á cantiga XX).

 

[2]  De D. Denis é tamén a cantiga B 600, V 203, onde a moza se mostra disposta a irse co amigo, pero por compracer o desexo del, simplemente. Non hai trazos do campo sémico da ‘prohibición’.

 

[3]  Tamén de J. Soarez Coelho é a cantiga B 688, V 290, onde a moza que vive coitada lle propón ao seu amigo a fuxida xuntos, aínda que non hai referencias explícitas que permitan falar aquí do campo sémico da prohibición. Esta cantiga é importante porque no dístico da terceira estrofa repite os rimantes da terceira estrofa da cantiga XX de Roi Fernandiz: a expresión  filhe-xi-vos doo e o adverbio soo (cf. o comentario á cantiga XX).

 

[4]  Con respecto á coincidencia de rimantes entre esta cantiga e a de Roi Fernandiz (migo/amigo; mandado/sen vosso grado) haberá que atribuíla antes á escaseza de rimas empregadas ca a hipotéticas relacións de intertextualidade

 
   Servizo de publicacións da Universidade de Vigo - 2010 Xosé Bieito Arias Freixedo