Cantigas: I II III IV V VI VII VIII IX X XI XII XIII XIV XV XVI XVII XVIII XIX XX XXI XXII XXIII XXIV XXV

Cantiga: XVI      - Pero tant' é o meu mal d' amor

Comentario literario.

 

Contido e ornato estilístico.

As catro estrofas da cantiga, salvo algunhas variacións de matiz, son conceptualmente equivalentes. Constan cada unha de tres versos iniciais onde se pondera a gravidade do mal, da coita que o poeta sofre pola senhor; un cuarto verso onde pola contra se afirma que todo ese mal se reduciría a nada ou mesmo se tornaría algo pracenteiro de cumprirse a condición expresada xa no refrán de que tralo mal, o poeta agardase recibir al da senhor. Todo queda dito xa na primeira cobra e as tres restantes, por medio da expolitio, volven sobre o mesmo tema variando a expresión e engadindo informacións de matiz á idea principal. Así e todo, hai certas partes da expresión que presentan semellanzas dunha estrofa a outra. Por exemplo os versos 2-3 a mui gran coita que...por vós e 8-9 a gran coita que...por vós e a estrutura concesiva introducida polo nexo pero nas estrofas primeira e terceira.

As catro estrofas presentan unha estrutura unitaria onde os versos do corpo da estrofa e os do refrán están perfectamente engarzados tanto sintáctica coma semanticamente por medio dun cuarto verso de transición, de forma que os versos do refrán constitúen a prótase dunha oración bipolar condicional que ten a súa apódose situada nos versos do corpo estrófico: a relación entre o corpo das estrofas e o refrán é a maior, dada a interdependencia sintáctica e semántica entre os dous constituíntes da oración condicional. Ademais, os versos 4 a 6 das estrofas I e III constitúen á súa vez a apódose de cadansúa oración concesiva, que teñen as súas respectivas prótases nos tres primeiros versos do corpo estrófico. Do mesmo xeito están distribuídas as dúas partes da oración adversativa que constitúe a estrofa IV. A unidade estrutural das dúas partes da estrofa queda pois dobremente asegurada.

En realidade son o primeiro e cuarto versos de cada estrofa (máis unha pequena porción do verso segundo unida por medio de encabalgamentos nas estrofas III e IV), os que encerran a idea básica do corpo da estrofa: a contrariedade entre a magnificación do mal d’amor sufrido (vv. 1 a 3 de cada estrofa), fronte á vontade e total disposición a non darlle ningún valor, a non telo en conta ou mesmo a aturalo con gusto (v. 4 de cada estrofa), de cumprirse a condición expresada no refrán. Trátase dunha actitude e dunha formulación certamente orixinais.

Destacada a estrutura conceptualmente equivalente das catro estrofas, vemos que os cuartos versos de transición aos que faciamos referencia, dentro dunha sinonimia entendida en sentido amplo -xa que tratan un motivo común, bastante raro no xénero, como é que o poeta aja sabor sufrindo o mal causado pola senhor [1] -, seguen unha progresión cualitativa desde a primeira á cuarta estrofa, que dá mostras da meticulosidade do autor á hora de distribuír os contidos: na primeira estrofa o poeta afirma (utilizando a expresión bon dia nacera, antitética á tan frecuente maldición do día en que naceu), que se consideraría afortunado de cumprirse o expresado na condicional do refrán e a pesar do exposto na primeira parte da concesiva. Na tres estrofas restantes as afirmacións refírense ao mal sufrido e seguen unha progresión que vai desde a de non telo en consideración (v. 10 non o terria ja en ren), á de aturalo de bo grado (v. 16 sabor averia del ja) e finalmente á disposición do poeta a que aumentase a súa intensidade (v. 22 pero máis én querria aver). Esta progresión en que o poeta se deixa levar tal vez pola desesperación, ata dar a impresión de estar disposto a sufrir tormento e de gozar con iso con tal, non xa de recibir, senón de ter esperanzas de recibir (atender) da senhor despois algún ben (al), consegue un efecto impactante ao contrastar coa realista afirmación da fiinda, onde de repente se volve á normalidade tópica dun xénero onde calquera esperanza de ver recompensado o sufrimento amoroso é va. É precisamente isto o que o poeta lle bota en cara á dama e por extensión á tópica do xénero de amor: a imposibilidade de albergar ningún tipo de esperanza que faga soportábel o sufrimento.

Fronte á inmensa maioría de pretendentes rexeitados ou ignorados que ven na morte a única vía de liberación da coita, Johan Garcia de Guilhade, no derradeiro verso do refrán da cantiga B 424, V 36, manifesta unha actitude optimista e expresa de forma xenial a idea de que o poeta namorado debe soportar a coita coa esperanza de recibir algún día o ben da amada:

Quantos an gran coita d’amor
eno mundo, qual og’eu ei,
querrian morrer, eu o sei,
e averian én sabor.
Mais mentr’eu vos vir’, mia senhor,
sempre m’eu querria viver,
e atender, e atender! (CA, 234).

Se neste caso a esperanza, e só a esperanza, de recibir o ben da amada fai que o poeta rexeite a morte liberadora, o noso poeta mostra tamén unha actitude positiva ante a coita e afirma estar disposto a soportar un maior sufrimento se tivese a esperanza dalgunha recompensa, pero na fiinda parece resignarse a non poder vivir nin sequera de esperanzas coma Garcia de Guilhade.

Ao longo da cantiga o autor pon en xogo, ademais, diversos motivos tópicos dos máis frecuentes no xénero (v. 9 coita desde o primeiro momento; vv. 13-14 perda do sen, vv. 20-21 negativa da senhor a falarlle ou a escoitalo, etc.), que lle son perfectamente válidos para os seus obxectivos. Destaca a utilización no v. 3 do motivo da ‘imposibilidade de expresar algo con palabras’ [2] , utilizado sempre como fundamento dunha hipérbole, un tropo ao que os trobadores galego-portugueses lle concedían bastante importancia, a xulgar polo seu frecuente uso.

Un dos autores que máis se prodigaron no emprego da tópica do ‘indicíbel’ nas súas composicións foi Don Denis. Interésanos traer a colación a obra do rei trobador portugués porque é autor dunha cantiga (B 520, V 103) que, a pesar de tratar un motivo tópico, parecería estar feita a partir da fiinda da nosa cantiga, en particular a segunda estrofa, que retoma todas as palabras da nosa fiinda -o primeiro verso íntegro, cun lixeiro cambio de orde- mantendo os rimantes en posición de rima: Ca non atend’eu de vós al/.../.../ senon que aquel mayor mal/ que mi vós poderdes fazer/ faredes.

A repetición do termo mal [3] en todos os primeiros versos de cada estrofa, así como na fiinda, e o seu ecoar na posición de rima do primeiro verso do refrán, constitúe a columna vertebral da cantiga desde o primeiro ao último verso. Ademais de por medio do termo mal -que á parte das nove referencias directas aparece referido tamén por medio de varias referencias indirectas (v. 10 o, v. 14 lhi, v. 16 del, v. 22 én)-, hai dúas alusións máis ao sufrimento amoroso por medio do termo específico deste campo sémico: vv. 2 e 8 coita. Entre esta acumulación de alusións ao mal de amor, que contribúen a magnificalo, e as alusións ao seu antónimo a través do indefinido al [4] , establécese unha oposición dialóxica que culmina, como se acaba de indicar, dentro dos parámetros máis ortodoxos do xénero e que está claramente explicitada nos rimantes do refrán, que como é habitual concentra a parte esencial do contido. Este diálogo entre o mal e a posibilidade de al cérrase na fiinda co triunfo do sufrimento sobre calquera esperanza. No refrán pénsase na posibilidade de que tralo mal (situado no primeiro verso) poida vir al; pola contra na fiinda -onde se altera a orde dos rimantes- négase esta posibilidade no primeiro verso, e no segundo, no verso que conclúe a composición, a última palabra insiste no único que o poeta espera da muller: mal.

Á hiperbolización do mal de amor contribúen tamén os cuantificadores tanto, todo e muito dos versos 1, 7 e 19 respectivamente.

Tamén é significativo o corte versal dos segundos versos da dúas primeiras estrofas, entre os que hai correspondencia paralelística, xa que en ambos casos se sitúa en posición de rima o verbo que expresa o sufrimento, pospoñendo a causa do mesmo para o comezo do verso seguinte, en anáfora: por vós.

Para finalizar referirémonos a unha peculiaridade formal que relaciona esta cantiga coa seguinte, que consiste na utilización dos mesmos rimantes, na mesma orde, nos versos do corpo estrófico da primeira cobra:

v. 1 mal d’amor; v. 2 ei; v. 3 non (o) sei; v. 4 senhor/Senhor.

A relación entre ambas cantigas non se reduce a este xogo métrico, pois rexístranse máis coincidencias léxicas entre elas e ambas parecen dúas secuencias sucesivas da desgraciada experiencia amorosa do poeta.

 


[1]  A razón habitual que dá o poeta, nos raros casos en que di que sofre a gusto pola senhor, é que a ela lle agrada velo sufrir. Normalmente o poeta móstrase disposto a morrer gustoso, con tal de causarlle prazer á dama. Atopamos este argumento nun número reducido de cantigas.

En A 8, B 98 de Vasco Praga de Sandin:

de grado querria saber
se avedes algun sabor
en quanto mal m’ides fazer;
ca se sabor avedes i,
gran ben per est’é pora mi (CA, 8, vv.2-6).

Nuno Rodriguez de Candarei utilízao na cantiga A 68, B 181, V 1061:

Assi morrerei, pecador!
E senhor, muito me praz én!
Se prazer tomades por én,
non o dev’eu a recear (CA, 68, vv. 11-14).

Na cantiga A 133, B 254 de Roi Queimado ao poeta praceríalle morrer por dous motivos, o de agradarlle á dama e o de liberarse das coitas:

e desejaria
muito mia mort’ e querria morrer
por mia senhor, a que prazeria,
 
e por gran coita, en que me viver
vejo por ela, que perderia   (CA, 133, vv. 22-25).

Tamén utilizou este motivo Bernal de Bonaval na cantiga B 1063, V 654:

ca mi seria muy melhor
mha morte ca mha vid’, en tal
que fezess’y a vós prazer (Amor, 207, vv. 17-19).

Pero é na cantiga B 376 de Afonso Mendez de Besteiros onde o motivo da morte gozosa, porque agrada á dama, constitúe o tema central, como se pode comprobar na última estrofa e na fiinda:

Ca de viver mais non m’era mester;
e praz-mi muit’en morrer des aqui
por vos. E tenho que mi Deus [faz] i
ben, mia senhor, polo que vus disser’:
        Moiro por vos, a que praz, e muit’én
        de que moir’eu, e praz a min por én!
 
E ben vos juro, senhor, que m’é ben
con [a] mia morte, pois a vos praz én (CA, 437).

 

[2]  Para o uso deste topos na escola galego-portuguesa véxanse as notas ao comentario da cantiga XIV do noso autor.

 

[3]  Este sería outro exemplo de dobre, de entendermos este artificio no sentido amplo que lle dá V. Beltran (1995:194 e 199).

 

[4]  Este indefinido al é utilizado en numerosas ocasións, esta é unha delas, como equivalente de ben, normalmente en posición de rima en antítese con mal.

 
   Servizo de publicacións da Universidade de Vigo - 2010 Xosé Bieito Arias Freixedo