Cantigas: | I | II | III | IV | V | VI | VII | VIII | IX | X | XI | XII | XIII | XIV | XV | XVI | XVII | XVIII | XIX | XX | XXI | XXII | XXIII | XXIV | XXV |
MANUSCRITOS: B 931 (fol.199v. b e fol. 200r. a), V 519 (fol. 82v. a/b).
Cantiga numerada en B por Colocci co nº 931 colocado sobre o primeiro verso á metade da columna. Sobre este mesmo verso, no extremo dereito, a coñecida apostila colocciana tornel, indicadora do refrán. Á altura deste mesmo v. 1, na marxe dereita, unha cruz (+), probabelmente da man de Colocci (cf. este apartado do comentario á cantiga XII) indica que a cantiga está incompleta. En efecto, despois da primeira estrofa, da que o refrán se conserva incompleto, o copista deixa espazo en branco para sete liñas máis.
Sobre a entidade desta lagoa do manuscrito, P. Lorenzo (1996: 225) considera que falta unha estrofa, a segunda; carencia que segundo ela estaría indicada polo copista coa cruz a que aludimos aquí arriba.O feito de tanto B como V reservaren varios renglóns sen copiar texto, B o espazo xusto para que caiba unha estrofa, parece corroborar esta hipótese. Porén o texto conservado ten sentido en por si, salvo polo carácter incompleto do segundo verso do refrán; feito este que xustificaría por si só a marca empregada para indicar a carencia.
Neste espazo en branco, sobre o primeiro verso da segunda estrofa copiada, contra a esquerda, unha grafía que recorda un 9, probabelmente da man de Colocci, que precisamente por causa do espazo en branco estaría a piques de trabucarse na numeración. O humanista italiano separa os versos do refrán coa habitual marca en forma de ángulo, se ben na primeira estrofa coloca a marca no segundo verso do refrán.
En V, despois do v. 5 da primeira estrofa, que cadra no final da columna a, o copista deixa tamén espazo en branco, que marca con catro puntos en vertical ao inicio de liña, coma se quixese indicar que faltan catro liñas por copiar. Mais, de faltar unha estrofa, estas liñas non serían suficientes, e ademais vimos cómo este copista, na cantiga anterior, deixaba espazo -marcándoo cun punto ao inicio de liña- para tres versos máis, cando en realidade só faltan dous. Por outra parte ao coincidir no final da columna non se pode apreciar ben cál sería a dimensión do espazo reservado, xa que aínda que o copista adoita deixar unha marxe inferior bastante ampla, ás veces esta vese reducida ao copiar algún verso máis do habitual.
Servizo de publicacións da Universidade de Vigo - 2010 | Xosé Bieito Arias Freixedo |