Cantigas: I II III IV V VI VII VIII IX X XI XII XIII XIV XV XVI XVII XVIII XIX XX XXI XXII XXIII XXIV XXV

Cantiga: XVI      - Pero tant' é o meu mal d' amor

Xustificación da edición.

 

1. NUNES suprime o artigo o dos manuscritos, aínda que na sección de Correcções e Aditamentos, inclúe a seguinte nota ao v. 1: "Acrescente-se: I tante o meu C.V.B., isto é, tant'é o, etc., o que me parece dar uma sílaba a mais, a não ser que se faça uma só de t'e o". En efecto, o acento de entoación medial que recae sobre o verbo é, fai que no encontro entre as tres vogais consecutivas se elida o o final átono do cuantificador, absorbido polo e tónico do verbo, en tanto que o artigo determinado átono que segue o verbo perde tamén parte da súa natureza silábica dando lugar a unha sinalefa (cf. Cunha, 1961: 42). Esta solución contradí, en principio, a regra establecida por Cunha (1961: 31), segundo a cal "o hiato era a única solução possível" ao encontro de vogal tónica con vogal átona. PAXECO-MACHADO unha vez máis engaden un h ausente no manuscrito: [h]e.

4. BRAGA nacerá . Interpreta este verbo como futuro, e non marca pausa no final do verso anterior, co que priva de sentido non só a este verso senón a toda a estrofa; un sentido claro que pode apreciarse doadamente mesmo contando só coa lectura diplomática de Monaci sobre V.

5. BRAGA se, apost'a d'aqueste , lectura que non ten sentido. PAXECO-MACHADO aposta d aqueste (ídem nos vv. 11, 17 e 23).

No primeiro verso do refrán aparece as tres veces, en ambos manuscritos, un total de seis veces polo tanto, a forma aposta da queste, que nós editamos coma Nunes. De cinxirnos á lectura dos manuscritos habería que barallar a posíbel existencia da locución a posta de ou á posta de, que constituiría un hapax e que tería un significado de 'posterioridade', coincidente co da lectura "após tod'".

9. BRAGA conheci moderniza a forma.

10. BRAGA teria interpreta como r simple a grafía errada n de V, coa mediación de Monaci. Interpretamos a expresión non teer en ren (algo), co significado de 'non ter en consideración, non darlle ningún valor', considerando o en (lat. in) como preposición e non como forma abreviada do pronome ende (lat. inde) (vid. Michaëlis, Glossário, s.v. tẽer). PAXECO-MACHADO len ia en ren, sen notificar a corrección da lectura do manuscrito, onde por erro se le ia en mal.

13. BRAGA Pero tod' este mal , seguindo ao pé da letra a lectura diplomática de Monaci, co que mantén a hipermetría do verso. NUNES Per' este mal. É evidente que por razóns métricas é preciso suprimir dúas sílabas da lección dos manuscritos, aínda que non é preciso eliminar, como fai Nunes, a vogal final da conxunción, xa que ao haber sinalefa forma unha única sílaba co e do demostrativo este. Prescindimos só do cuantificador tod' (de tod' este), que probabelmente se ache aquí por unha repetición do tod' este do v. 7, debida a un lapso do copista do antecedente común de B e V.

19. En Muito é faise sinalefa. PAXECO-MACHADO [h]e.

22. BRAGA eu afástase innecesariamente da correcta lectura diplomática de Monaci. PAXECO-MACHADO eu.  En querria aver faise sinalefa.

 

   Servizo de publicacións da Universidade de Vigo - 2010 Xosé Bieito Arias Freixedo