Cantigas: | I | II | III | IV | V | VI | VII | VIII | IX | X | XI | XII | XIII | XIV | XV | XVI | XVII | XVIII | XIX | XX | XXI | XXII | XXIII | XXIV | XXV |
Contido e ornato estilístico.
Entre a diversidade temática rexistrada no xénero das cantigas de amigo, hai unha serie de textos nos que se fai alusión directa a que o amigo se vai ir, ou xa se foi, co rei, á corte (con el-rei morar; a cas d’el-rei, etc.) ou a unha empresa militar (na oste; el-rei servir, etc.) [1] .
Os enfoques son varios, pero todas teñen en común o motivo da separación e particularmente a tardanza do amigo, motivo este frecuentísimo nun número moito maior de textos nos que non se alude directamente á figura do rei. E como ocorre en moitos destes textos (vid. o comentario á cantiga XXI), a moza das cantigas en que aparece a figura do rei, pode manifestar o seu desexo de vinganza porque o amigo se foi sen vela antes ou sen dicirllo; é o caso da cantiga B 925, V 513, de D. Gomez Garcia, Abade de Valadolide:
Por que se foi e o ante non vi, |
sen mi-o dizer, a cas d’el-rei morar |
quando veer e me quiser falar, |
pois que o fez, eu lhi farei assi: |
por quant’andou alá sen meu prazer |
que ande un tempo sen meu bem fazer (Amigo 264; 3ª estrofa). |
Noutras ocasións, a amiga mostra a súa preocupación pola incerteza da sorte do amigo, que tarda onda o rei. Así o vemos na cantiga B 554, V 157, de D. Denis:
mais ja cuidei |
mil vezes no meu coraçon |
que algur morreu con pesar |
pois non tornou migo falar (Amigo 5, vv. 3-6). |
Na cantiga de F. Fernandez Cogominho B 704, V 305, a moza hai tempo que non sabe novas.../dos que ora estan con el-rei (1ª estrofa) e confésalle a súa preocupación á amiga confidente.
A preocupación da moza pode chegar a afectar o seu estado anímico, como ocorría noutras cantigas que trataban o tema da separación e da tardanza. Así, nalgún caso, a moza xa non pode durmir, pola demora do amigo en cas d’el-rei, e pídelle consello á nai. É o caso da cantiga B 833, V 419, de Pero da Ponte.
Tamén de Pero da Ponte é a cantiga B 836, V 422, na que o amigo se vai con el-rei morar e a moza cre que a única solución á coita que a embarga será a morte (motivos tópicos, como vemos, das cantigas d’amor) [2] .
Pero entre o conxunto de cantigas que estamos tratando interésannos, pola relación que manteñen coa nosa, un grupo de catro textos nos que a moza, en maior ou menor medida, se rebela contra o feito de que o rei lle leve o seu amigo, ou polo menos mostra a súa disconformidade.
Na cantiga B 834, V 420, de Pero da Ponte, a moza manifesta as súas sospeitas de que o rei ten algo que ver na dilación da volta do amigo:
Foi-s’o meu amigo d’aqui |
na oste, por el-rei servir, |
e nunca eu depois dormir |
pudi, mais ben tenh’assi: |
que pois m’el tarda e non ven, |
el-rei o faz que mi-o deten (Amigo 241, 1ª estrofa). |
Mais é nos outros tres textos aludidos onde a moza se sitúa dalgunha maneira nunha posición de competencia co propio rei. Desde esta perspectiva, a moza repróchalle ao amigo que a abandone a ela polo rei, coma na cantiga de Johan Airas B 1023 e 1049, V 613 e 639, onde ao contrario do que ocorre na nosa cantiga “en su conflicto con el rey que le arrebata al enamorado, la protagonista se siente, sin embargo, segura de las propias fuerzas, tal como afirma rotundamente en el refran (Rodríguez, 1980: 199):
mais id’ora quanto quiserdes ir, |
ca pois a mi avedes a viir” (Rodríguez, XLIII). |
Na fiinda desta mesma cantiga a moza manifesta a incompatibilidade entre o servizo amoroso a ela e o servizo ao rei:
non podedes dous senhores servir |
que ambos ajan ren que vos gracir (Rodríguez, XLIII). |
Este mesmo motivo do conflito entre a moza e o rei dáse noutra composición do propio Johan Airas de Santiago, B 1042, V 632, onde a protagonista se mostra segura de poder superar cando queira os favores concedidos polo rei ao seu amigo (Rodríguez, 1980: 256):
ca mais [lhi] valra se lh’eu [ben] quiser, |
que quanto ben lh’el-rei fazer poder (Rodríguez, LXII, fiinda). |
O motivo da excelencia dos favores da dama en comparación cos favores reais rexístrase tamén na cantiga B 733, V 334, de Pero Gomez Barroso, onde a moza está segura de que por moito ben que lle faga o rei ao seu amigo -que foi morar con el-, non se poderá comparar nunca co ben de poder viver con ela:
Punh’el rei ora de lhi fazer ben |
e quanto x’el quiser tanto lhi den, |
ca nunca ben no mundo pod’aver, |
se Deus mi valha, que lhi valha ren, |
se non viver migu’, enquant’eu viver (Amigo 167, 2ª estrofa). |
Estas últimas cantigas citadas en que a moza non só se comparaba en certa medida co rei, senón que se consideraba superior, contrastan coa nosa cantiga, pois nela a protagonista en vez desa autovaloración positiva mostra desde un primeiro momento unha actitude de derrota -na súa competencia co rei- convencida de non ser quen de facer que o amigo abandone ao rei para regresar xunto dela.
Este motivo da toma de consciencia por parte da moza namorada da súa impotencia para impedir a separación, que matiza dun xeito orixinal a nosa cantiga por contraste coas outras que tratan o tema da tardanza do amigo no servicio do rei, non é exclusivo do noso texto, pois atópase con variantes noutros textos onde non aparece a figura do rei.
Así, na cantiga B 628, V 229, de F. Rodriguez de Calheiros, a moza non pode lograr que o amigo estea con ela, unha vez que regresou. Utiliza unha expresión similar á empregada por Roi Fernandiz (v. 4), que podería traducirse como “por moito que lle diga non o consigo convencer para que quede”:
Nunca lho posso tanto dizer |
que o comigo possa fazer |
estar; |
ave-l’ei sempr’a desejar (Amigo 62, 2ª estrofa). |
Na terceira estrofa desta mesma cantiga citada utiliza o verbo rogar, empregado tamén polo noso autor (v. 10).
Outro dos textos en que se trata este motivo (probabelmente, porque resulta algo confuso) é a cantiga B 1228, V 833, de Johan Baveca, onde a moza recoñece que non ten poder para impedir que o amigo se vaia (ao contrario da nosa cantiga, onde a moza recoñece non ter poder para facer que o amigo volva):
e pero faç’i todo meu poder |
sol non vos poss’esta ida partir (Amigo, 441, 2ª estrofa) |
e, pero vos mil vezes roguei ia |
sol non vos poss’esta ida partir (3ª estrofa). |
A nosa cantiga comeza cun exordio totalmente atípico consistente nunha enumeración coordinada, en primeira persoa, das calidades da propia moza, que, se en principio pode encadrarse no tópico ámbito do panexírico, constitúe unha insólita autodesvalorización ao constatar que de nada serve a beleza [3] . A importancia deste encabezamento no que os distintos compoñentes da enumeración van encadeados e asemade matizados negativamente pola conxunción nin en acumulación polisindética, reálzase tamén polo feito de que a propia apóstrofe ao amigo distintiva do xénero, se retrasa ata o v. 5 do refrán, para destacar así os contidos dispostos anteriormente.
O motivo desta especie de autovituperatio é a xa aludida falta de poder, a impotencia da protagonista para forzar ao amigo a abandonar Sevilla, onde se atopa servindo ao rei, para volver onda ela.
Unha vez máis, apreciamos a predilección do noso clérigo por explotar ao máximo as posibilidades estéticas e conceptuais derivadas dunha hábil dispositio dos elementos, ata o punto de crear nos cinco primeiros versos unha situación paradoxal con respecto á situación tópica do xénero. Este paradoxo, que consiste en que a moza non é capaz de lograr que o amigo queira partir -cando o habitual é precisamente o contrario, que non poida impedir que o amigo se vaia-, resólvese inmediatamente no derradeiro verso do refrán, ao desvelarse que a partida intuída no primeiro verso do refrán é en realidade un regreso, xa que este se atopa lonxe, en Sevilla, co que de novo estamos dentro dos cánones máis ortodoxos do xénero. O xogo conceptual establecido na primeira estrofa é, pois, complexo, xa que, por un lado, parece apuntarse unha idea (non lograr que o amigo se vaia) que é radicalmente oposta á tópica habitual , mentres que, por outro lado, se emprega o termo máis tópico, partir, cun significado tamén contrario ao habitual (pois nesta ocasión equivalería a regresar).
É de notar que a colocación do termo chave partir en posición final de verso, contribúe á ambigüidade ou equívoco na interpretación, xa que o uso e a tópica levan ao auditorio a darlle sentido á unidade versal.
Fronte ao motivo habitual de que a moza non lle permitiría ao amigo falarlle cando volva, porque tardou ou se foi sen vela, e está asañada con el, nesta cantiga parece traslucirse unha impresión perceptíbel sobre todo nesta primeira estrofa, de que en certa medida o enfado da moza se dirixe tamén contra ela mesma por non ser capaz de facer que o amigo volva.
Na segunda estrofa atopamos outro motivo empregado dun xeito totalmente orixinal. Referímonos ao motivo da ‘outra’ muller, empregado en numerosos textos e en moitas ocasións asociado ao motivo da infidelidade do amigo [4] . No noso texto a orixinalidade reside no feito de ser a propia moza quen (v. 7) aconsella ao amigo que busque ‘outra senhor’ xa que ela non está disposta a compartilo co rei e en situación de desvantaxe.
Nesta ocasión, como vimos máis arriba, estamos ante outro tipo de ‘infidelidade’ do amigo, que consiste no maior servizo ao rei ca á moza; póñense e opóñense nun mesmo plano o servizo amoroso (á senhor, de carácter literario) e o servizo feudal ao rei, do que aqueloutro era trasunto: non se pode servir á vez a dous señores por igual (será no fondo só unha cuestión de ciúmes?). Ela non o quere por vasalo. De aí que o insólito consello feito pola propia moza ao amigo para que busque outra senhor resulta aquí totalmente lóxico, e de aí tamén o emprego do termo senhor -máis propio do xénero cortés- no canto dos termos molher ou amiga designativos da ‘outra’ nas cantigas que tratan o tema da infidelidade.
Trátase, xa que logo, o motivo da ‘chanson de change’, pero dun xeito orixinal, ao ser a propia muller a que corta radicalmente a súa relación co amigo -mantendo a terminoloxía propia da metaforización da relación feudal (v. 8)- e o incita ao cambio de senhor.
Pode observarse que o verso clave da cantiga, onde se expresa o conflito entre os dous señores a que serve o amigo, está localizado no centro exacto da mesma (v. 9), prolongando a súa influencia ao verso seguinte por medio dun encabalgamento moi marcado, combinado, como vén sendo habitual no noso autor, cun hipérbaton.
Nos primeiros versos da estrofa seguinte, amplifícase o motivo do repudio, do abandono por parte da protagonista do seu amigo (vasalo servidor), negándolle radicalmente a este toda esperanza futura de reconciliación. A negativa do v. 13 é tallante: nunca vos...ante min. A antítese en posición de rima dos vv. 14-15 (ala/aca) contribúe a alicerzar a firmeza da negativa.
Todas as estrofas teñen en común a mesma estrutura sintáctica bipolar causal (nexo pois). Entre todas tres se rexistra unha correlación paralelística no verso precedente ao refrán, que intensifica a sensación da moza de falta de poder para convencer ao amigo. Na estrofa segunda incrústase dentro desta estrutura paralelística a idea principal do poema (a competencia entre a moza e o rei), polo que o nexo causal retrocede ao comezo do verso anterior.
Pode verse cómo de estrofa en en estrofa só varían os temas iniciais: o elemento causado da estrutura bipolar causal.
Ao longo de todo o poema hai unha constante tensión dramática expresada pola oposición dos termos designativos da figua do amigo ou relativos a el, por un lado, e os relativos á moza por outro. Así, o pronome eu rexístrase en cinco ocasións e está presente en todas as estrofas; as formas mi/min rexístrase unha vez en cada estrofa, e na terceira estrofa rexístrase tamén a forma átona me. Asimesmo, aparece tamén dúas veces o posesivo meu(s) relativo á moza.
En contraste rexístrase o termo amigo no refrán, polo que aparece en tres ocasións; e á súa figura alúdese por medio do pronome vos, tónico ou átono, un total de nove ocasións ao longo da cantiga.
Entre ambos personaxes, a figura de el-rei como fonte de conflito.
A repetición ao longo da cantiga das partículas negativas (non-nen) en sete ocasións e nunca en dúas, asociadas aos pronomes alusivos aos personaxes da moza e do amigo, contribúe a matizar negativamente a visión que aquela ten da súa relación con este: tanto na enumeración do exordio coma nos versos paralelísticos que preceden ao refrán (v. 4: vos eu tanto non...,etc.), ou particularmente nos vv. 8 (nunca vos eu...) e 13 (nunca vos... ante min).
Tanto esta cantiga (con toda probabilidade) coma a seguinte, tratan o motivo tópico do servizo ao rei, pero fano coa peculiaridade de que concretizan o lugar xeográfico en que este se realiza: Sevilla. Este feito, raro, así como a alusión da cantiga seguinte a que o amigo vai a Sevilla por fazer ben, ou desta a que vai facer máis polo rei ca por ela, como no fondo non podía ser doutra maneira -indirectamente estase valorando a lealdade do vasalo ao seu máis alto señor-, fannos pensar que talvez nalgún momento cantigas coma estas ou de índole similar, foron pensadas e utilizadas como propaganda, se non para favorecer o recrutamento, si para crear un estado de opinión favorábel, mesmo entre as propias tropas.
[1] Tavani, inclúe o conxunto destes textos dentro do campo sémico da ‘prohibición’, considerando que en ocasións “o atranco non vén causado por unha prohibición explícita senón debido a causas de forza maior -por exemplo, a separación do amigo ocupado no servicio do rei” (1996:165). Unhas páxinas antes, tratando dos tres campos sémicos primarios compoñentes da área da ‘relación de amor’ afirma que “O campo sémico do ‘amor insatisfeito’, como xa se dixo, resulta incompatíbel cos outros dous campos sémicos primarios: en efecto, non se dá nunca o caso dun texto en que se trate de amor non correspondido e no que interfiran elementos propios da ‘concordia de amor’ ou da ‘prohibición’ á relación exercida por terceiros” aínda que “estes tres campos sémicos participan das mesmas series léxicas” (1996: 155). Nesta afirmación dáse un problema de terminoloxía, dado que se identifica ‘amor insatisfeito’ con ‘amor non correspondido’ cando esta última denominación é moito máis restritiva cá primeira e en realidade só nalgúns casos como nos da infidelidade do amigo se poden considerar equivalentes, xa que noutras moitas ocasións non se podería falar de amor non correspondido, pero si de amor insatisfeito. No noso mesmo texto, por exemplo, pódese falar claramente de amor insatisfeito, pero non se pode falar estritamente de amor non correspondido; se acaso dunha percepción ou intuición da moza nese sentido.
Sen pretendermos facer unha revisión da clasificación do filólogo italiano -para a que non é este o lugar- pensamos que tal vez sería máis acertado facer unha primeira clasificación dos campos sémicos da área da relación de amor distinguindo por un lado o da ‘concordia de amor’, isto é ‘o amor correspondido e sen trabas’, e por outro lado o do ‘amor insatisfeito’; dentro deste incluiríanse dunha parte os textos en que a pesar de tratarse de casos de amor correspondido este non pode levarse a cabo, ben por motivos pertencentes ao campo sémico da ‘prohibición’ (materna), ou ben por outro tipo de impedimentos como as ‘causas de forza maior’ aludidas por Tavani, mentres que doutra parte se situarían os textos encadrábeis dentro do campo sémico do ‘amor non correspondido’, por exemplo os casos claros da infidelidade do amigo.
[2] O motivo da coita orixinada pola partida do amigo que se foi co rei rexístrase tamén na cantiga B 1249, V 854, do xogral Lopo, así como nas cantigas de Johan Airas B 1043, V 633, na que a moza coitada pola partida do amigo preguntará a todos cantos veñan cómo lle vai ao seu amigo en cas d’el rei, e na B 1044 e 1048, V 634 e 638, na que a moza, que morre de amor porque o amigo se foi a cas d’el rei, pide que non lle digan ao amigo que morreu por causa del.
[3] A cantiga lembra neste sentido outra de Johan Garcia de Guilhade (B 742, V 344) onde -a modo dun peculiar sirventés- a moza se queixa de principio a fin de que de nada vale neste mundo trastocado o ser a máis fermosa das mulleres, concluíndo na fiinda:
e pois que non á de valer | |
bon talho, nen bon parecer, | |
parescamos já como quer (Amigo, 177). |
[4] O motivo da outra muller, asociado ou non ao da infidelidade do amigo, rexístrase en D. Denis B 564, V 167; Johan Perez d’Avoin B 668, V 271; B 670V, 273; B 674, V 276; Gonçal’Eanes do Vinhal B 712, V 313; Roi Queimado B 715, V 316; Afonso Mendes de Besteiros B 729, V 330; Garcia de Guilhade B 747, V 349; Fernan Velho B 844, V 430; Pero da Ponte B 832, V 418; Johan Garcia, sobrinho de Nun’Eanes B 846, V 432; Sancho Sánchez B 937, V 525; Johan Airas de Santiago B 968, V 555; B 147, V 637; Juião Bolseiro B 1170, V 776; B 1174, V 780; Pero D’Armea B 1205, V 810; Johan Baveca B 1223, V 828, entre outros. Cf. tamén E. Corral, 1996: 125 para a utilización da denominación outra senhor na cantiga de amigo, e en xeral as pp. 119-126 para a denominación senhor na cantiga de amigo; así como A. Pichel, 1987:191-194, onde por certo hai un erro de atribución ao consignar como pertencentes á cantiga nº CCLXVIII da edición de Nunes, e polo tanto a Roi Fernandiz, uns versos que en realidade son da cantiga nº CCLXXVIII desa edición, da autoría do tamén clérigo Sancho Sanchez.
Servizo de publicacións da Universidade de Vigo - 2010 | Xosé Bieito Arias Freixedo |