Cantigas: I II III IV V VI VII VIII IX X XI XII XIII XIV XV XVI XVII XVIII XIX XX XXI XXII XXIII XXIV XXV

Cantiga: XXI      - Id' é meu amigo d' aqui

Comentario literario.

 

Contido e ornato estilístico.

Ante a tesitura da partida do amigo [1] , próxima ou xa efectiva, ou ante a excesiva tardanza, en contra do prometido, as posicións adoptadas pola moza nos numerosos textos do corpus da cantiga de amigo que tratan este tema son moi variadas. Nun número importante de textos móstrase coitada, sen saber que facer, tratando de buscarlle unha explicación á tardanza do amigo ou preguntando por el, e habitualmente desafoga as súas coitas falando cunha amiga confidente ou coa propia nai.

Ás veces, indignada, móstrase segura de que o amigo, que tardou moito, non terá valor de presentarse ante ela, coma en B 571, V 175, de Don Denis; outras veces a súa actitude é de reproche ao amigo pola tardanza, como en B 579, V 182, do mesmo Don Denis.

En ocasións avisa ao amigo do castigo que o espera se tarda máis da conta: non poder falar máis con ela. Así ocorre en B 665, V 267, de Johan Perez d’Avoin.

Non faltan casos en que a moza toma a determinación de irse co amigo: B 1198, V 803, de Martin de Caldas, neste caso para evitar a morte por amor de ambos.

Pero é moi frecuente que a moza, ferida no seu orgullo, se deixe levar polo espírito da vinganza. O motivo da vinganza da moza contra o seu amigo rexístrase nunha trintena de textos [2] . Na maior parte das veces vai asociado ao tema da partida/ afastamento/ tardanza do amigo e admite moitas variacións [3] .

Nalgúns textos o amigo vaise ou xa se foi sen o consentimento da moza, sen seu grado, e esta, despeitada, promete vingarse cando volva: é o caso, entre outras, de B 673, V 275 de Johan Perez d’Avoin; B 678, V 280 de Johan Soarez Coelho; B 702, V 303 de F. Fernandez Cogominho; B 792, V 373, de Johan Vasquiz de Talaveira; B 925, V 513, de Don Gomez Garcia, ou B 1251, V 856, do xograr Lopo, que di así:

Por que se foi meu amigo
sen o meu grad’alhur viver
e se foi sen o meu prazer,
já non falará comigo
            nen hũa ren que el veja
            de quanto de mi deseja (Amigo, 463, primeira estrofa).

Noutras ocasións, coma na cantiga de Roi Fernandiz que nos ocupa, o que de verdade lle causa carraxe á moza é que o amigo se fora sen vela ou falarlle antes. É o caso de B 807, V 391, de Fernan Froiaz, ou de B 1241, V 846, de Martin de Padrozelos, que di na súa terceira estrofa:

ca se foi el d’aquí
sen meu mandad’e non me quis veer,
e ora manda-vos preito trager
que vos veja, por tal que veja mi;
            se el vir vós, nen mi per meu grado,
            San Salvador mi seja irado (Amigo, 454).

Nun número importante de textos a ledicia causada pola volta do amigo apaga todo ánimo de vinganza. Así ocorre en B 643, V 244, de Nuno Fernandez Torneol:

E sempr’eu punhei de lhi mal fazer,
mais, pois ora vẽo por me veer,
            madre, per bõa fe, led’and’eu (Amigo, 77, segunda estrofa).

Outras veces é a mesura da moza a que, por unha vez, fai que sexa compasiva, coma en B 847, V 433, de Reimon Gonçalvez:

Foste’-vos vós, meu amigo, d’aqui
noutro dia, sen vo-lo eu mandar
e ei vo-l’ora ja de perdoar
porque veestes chorar ante mi?
e, quant’é esto, pass’agor’assi,
            mais outra vez non engueedes em (Amigo, 247, primeira estrofa).

Nunha ocasión a moza puxo en curso o seu proceso de vinganza contra o amigo cando este volveu, por desobedecerlle, pero logo tivo doo del. É a cantiga B 737, V 338, de Fernan Gonçalvez de Seavra:

por quant’el viu que me lh’eu assanhei,
            chorou tan muit’e tan de coraçon
            que chorei eu con doo del enton. (Amigo, 171).

A moza pode mesmo romper un xuramento de vinganza e perdoarlle ao amigo, ou confesarse disposta a facelo: así ocorre en B 939, V 527, de Sancho Sanchez, ou en B 1240, V 845, de Martin de Padrozelos, que despois de jurar na segunda estrofa que nunca vos fezess’amor (ó amigo), di na terceira estrofa:

-Amigu’en poder sodes meu,
se m’eu de vós quiser vingar,
mais quero-mi vos perdoar.

Con todo, a determinación de cobrar a vinganza do amigo ás veces é moi firme e, coma no caso da nosa cantiga, está alicerzada nun xuramento feito pola moza no momento máis álxido da súa cólera e que non se pode romper. É o caso da cantiga B 1201, V 806, de Nuno Treez, onde a moza afirma que non poderá durmir se non se vinga, e tamén de B 1229, V 834, e B 1230, V 835, ambas de Johan Baveca, das que a primeira di así:

Quisera-m’eu non aver jurado,
tanto vos vejo viir coitado
a mia mesura, ma[i]s que prol vos ten?
ca, u vos fostes sen meu mandado,
            jurei que nunca vos fezesse ben (Amigo, 442, segunda estrofa),

mentres que no derradeiro verso da segunda cantiga, desoíndo a intercesión da amiga confidente a favor do amigo, a moza afirma tallante:

            d’el morrer mi prazerá en (Amigo, 443).

O motivo do xuramento rexístrase en varias ocasións, coma na nosa cantiga, asociado ao da vinganza, e adoita aparecer baixo a forma dunha condicional na que a apódose fai referencia ao ‘castigo’ do que a moza será merecente, de non levar a efecto a vinganza exposta na prótase condicionante da oración -na maior parte dos textos, prótase e apódose aparecen por razóns estilísticas na orde inversa á habitual- como ocorre tamén na nosa cantiga, ou en B 1250, V 855, do jograr Lopo:

non fui filha de meu padre,
            se s’el[e] foi polo seu ben,
            ca sei que ma[l] lhi verrá en. (Amigo, 462; segunda estrofa)

Estas estruturas condicionais en que a moza expón os seus xuramentos, as súas juras, non son exclusivas do motivo da vinganza, senón que se empregan tamén con outros motivos. Porén, comparten coa nosa cantiga certas particularidades que cremos dignas de resaltar, como é o feito de repetirse, polo xeral en todas as estrofas, así como o de, habitualmente, estar dividida a estrutura bipolar de forma que un dos constituíntes forma parte da estrofa e o outro do refrán, tal como ocorre no noso texto, e tamén en B 634, V 236, de Vasco Fernandez Praga de Sandin e B 791, V 375, de Johan Vasquez de Talaveira:

rogu’eu a Deus que el me maldiga,
            se eu nunca por amiga tever
            a que mi a mi atal conselho der (Amigo, 204).

Mesmo a estrutura pode darse por duplicado en cada estrofa, como ocorre en B 1183, V 788, de Martin Campina:

e se o eu fiz,
nunca del aja dereito nen d’al,
            e se m’el tem torto en mi-o dizer,
            veja-s’el ced’aquí en meu poder (Amigo, 410; segunda estrofa).

No noso caso, os termos das juras realizadas pola moza na primeira estrofa (vv. 3-4) constitúen un motivo realmente raro, e lembran os da cantiga B 1042, V 632, de Johan Airas, aínda que nesta non se trata o tema da vinganza senón todo o contrario:

mais eu perça bon parecer que ei, (primeira estrofa)
mais eu perça bon parecer e prez, (terceira estrofa).

Nas tres restantes estrofas, o noso autor deixa ver unha vez máis trazos da súa orixinalidade mostrándonos unha moza que parece gozar poñéndose ela mesma como premio para o amigo, en caso de faltar ao xurado:

logu’ el seja o senhor/ e eu sua (vv. 9-10),
logo me lh’ eu quera ben (v. 16),
ca en seu poder seja eu (v. 22),
se el ven e m’ eu non vingar (refrán).

Merecen ser salientadas, porque ao noso entender parecen indicar un caso claro de intertextualidade, as similitudes entre algunhas expresións empregadas polo noso autor coas rexistradas nunha cantiga de Fernan Fernandez Cogominho (B 702, V 303; Amigo 134, por onde cito) que trata tamén o mesmo tema da vinganza da moza: vv. 7-8 non dades agora nada /por mi, que lembran os vv. 13-14 da nosa cantiga; v. 15 mais veredes meu amigo, que recorda os vv. 19-20 da cantiga do clérigo compostelán; vv. 9-10 mais mui ben vingada/ serei de vós, quando virdes, similar ao primeiro verso do refrán da nosa cantiga. Na cantiga de Cogominho aparece ademais a expresión sair de mandado, que Roi Fernandiz empregará na cantiga seguinte.

Polo que respecta ao noso texto, xa na primeira estrofa está exposto todo o contido conceptual do mesmo. No primeiro verso exponse un dos motivos máis frecuentes no xénero, o da partida do amigo. No segundo verso apúntase un motivo ou circunstancia nova que matiza de forma importante o motivo anterior, restrinxindo a gama de variantes que aquel pode presentar no corpus das cantigas de muller galego-portuguesas: o amigo negouse a veer a moza antes de se ir. A continuación, nos versos restantes (3-6), interrelacionando estrofa e refrán, engádese outro motivo: o da firme decisión da moza, apoiada cun xuramento, de vingarse do amigo cando volva. E é este o motivo principal da cantiga, que se repite nas tres estrofas restantes -adoptando unha estrutura idéntica tanto formal (condicional) coma conceptual (a fórmula de xuramento -que coincide coa apódose da estrutura condicional e que se repite nas catro estrofas nunha especie de correlación paralelística).

O motivo inicial das estrofas segunda e terceira, pola súa parte, son unha amplificatio dos motivo iniciais da primeira estrofa -e xa que logo da cantiga. Se nos vv. 1 e 2 se refería a partida do amigo sen despedirse, isto é, o mal feito do amigo, na segunda e terceira estrofas refírense as razóns dese comportamento do amigo, o por qué o fixo; ou mellor dito, as conxecturas que a moza fai sobre as razóns do comportamento do amigo. Estamos en efecto ante unha moza que matina no acontecido, que non pode evitar darlle voltas buscándolle unha explicación á actuación do seu amigo: (vv. 13-14) non se despediu para que eu pensase que non lle importaba e así (vv. 7-8) cando volvese había eu de quererlle mellor (en ambos casos cunha combinación de enjambement e de hipérbaton para destacar termos clave: eu, querrei, melhor, ren, el. A etopea complétase coa caracterización indirecta da rapaza como unha persoa que nun momento de despeito é quen de analizar as razóns do amigo para non despedirse dela e ao mesmo tempo é capaz de calcular friamente a vinganza (exposta na fiinda), nuns versos (19-21) onde de novo se combina o encabalgamento co hipérbaton para destacar separándoos e situándoos nas posicións principais do verso e non sen certa ironía, os dous termos da parella meu amigo, que neste xénero forman, con diferenza , a asociación léxica máis numerosa rexistrada na inmensa maioría de textos [4] .

Se se examinan os textos citados que tratan o tema da vinganza da moza contra o amigo, pode verse que esta consistía na maior parte dos casos en non falar máis co amigo (con todas as consecuencias que isto podía conlevar; incluso a morte) e nalgunha ocasión en non lle volver fazer ben. No noso caso a concretización da vinganza (vv. 25-26) merece un dobre comentario: en primeiro lugar pola súa ambigüidade, xa que pode interpretarse como unha variación tanto de non falar (non quererei falar con el, nin escoitar nada do que me diga), coma de fazer ben (non lle quererei conceder -fazer- nada, ningún ben -nulha ren-, do que me pida). O segundo aspecto a destacar é o feito de que ata o final, ata a fiinda, non se desvela en qué consiste a vinganza planeada desde un principio e xustificada ao longo do texto, mais habilmente posposta para os derradeiros versos da cantiga. Unha vez máis temos un exemplo da importancia que o noso trobador lle outorgaba á dispositio dos contidos e tamén da súa arte para tirarlle o maior rendemento a este aspecto da poética.

Ao longo de toda a cantiga patentízase unha tensión dramática entre o personaxe do amigo, referido polo termo habitual amigo nos vv. 1 e 20 e logo por medio de numerosísimas marcas gramaticais, como o pronome el, que ademais de aparecer nos dous versos do refrán en oposición a m’ eu e a migo (marcas gramaticais alusivas á moza), aparece repetido en todas as estrofas e na fiinda; significativamente na segunda estrofa, onde ademais das dúas veces do refrán se rexistra tres veces máis nos tres primeiro versos da estrofa, co que Roi Fernandiz consegue recrear maxistralmente a idea de verdadeira obsesión que move a vontade da moza. Á figura do amigo fan tamén referencia os pronomes lhe/lhi que se repiten nas tres últimas estrofas e na fiinda.

A figura do amigo móstrase sempre en oposición á da moza, referida esta por medio do pronome eu, que aparece unha vez no refrán e se repite logo nas estrofas segunda, terceira e cuarta. Este eu adquire un significado especial cando aparece naqueles versos das estrofas citadas en que se expresa o segundo termo do xuramento, a consecuencia de non respectar o xuramento, xa que ese eu designa, como xa dixemos máis arriba, o premio, o pagamento con que se compensaría a violación das juras. Nos versos en cuestión de cada estrofa apréciase cómo neste aspecto o noso trobador se mostra totalmente singular, e podemos ver expresamente esa tensión creada entre a figura masculina e a feminina:

vv. 9-10 el seja o senhor/e eu sua...; v. 16...logo me lh’ eu quera ben; v. 22 en seu poder seja eu.

Á figura da moza aluden ademais outras marcas gramaticais repetidas ao longo de toda a cantiga, como os pronomes me, mi (tónico e átono) e migo, rexistradas un total de dezaseis ocasións, contando as do refrán.

Outra repetición importante aínda que asistemática é a da partícula negativa non, que ademais de aparecer no primeiro verso do refrán aparece tamén en todas as estrofas e na fiinda modulando negativamente a relación entre ambos personaxes: o amigo non a quixo ver (v. 2), para que pensase que non lle importaba (v. 13) non se despediu (v. 14), pero a moza non ha quedar sen vingarse (refrán), non ha ser del (v. 10) e non escoitará os seus rogos (v. 25).

Sabemos xa da habilidade de Roi Fernandiz para os xogos fónicos, e da súa particular predilección por este tipo de recursos para ornamento das súas cantigas. Na presente composición utiliza un por duplicado, consistente en repetir dúas palabras fonicamente próximas pero con contido semántico distinto: na primeira e terceira estrofas, o xogo entre ben e ven contribúe a integrar aínda máis o corpo da estrofa co refrán.

Outro aspecto que merece ser salientado é a repetición poliptótica do verbo veer, e non só polo feito en si da repetición, senón polo xogo conceptual consistente na distinta matización semántica que o termo adopta en cada caso. Así no v. 2 veer ten o valor aproximado de ‘acudir onda alguén para falar con el’, no v. 13 equivale a ‘decatarse’, mentres que no v. 19 o verbo en futuro expresa unha ameaza.

Un caso semellante é o da repetición poliptótica do verbo querer, que ademais de aparecer no refrán, rexístrase unha vez máis en cada estrofa (agás na cuarta) e na fiinda. No refrán querer significa ‘ter vontade de’; no v. 2, onde o suxeito segue sendo o amigo, tamén ten ese valor, mentres que nas estrofas segunda (v. 7) e terceira (v.16) o verbo ten o significado de ‘amar’, e o suxeito é a moza. Por último, na fiinda, é a moza tamén o suxeito da forma querrei, que nesta ocasión expresa de novo o valor de ‘ter vontade de’ e contrasta directamente (o termo sustenta o artificio das coblas capfinidas) co expresado no verso anterior, do refrán, referíndose ao amigo, resumindo así o espírito da cantiga: v. 24 quand’el quiser...v. 25 non querrei.

Ademais destes recursos que acabamos de ver, que contribúen á integración entre as diferentes estrofas e polo tanto á unidade da composición, xunto coa xa comentada repetición de ideas (xuramentos) -sempre como apódose dunha estrutura sintáctica condicional que tamén se repite- poden sinalarse tamén outros recursos de repetición que se cinguen ao ambito da estrofa. É o caso do polisíndeto da primeira estrofa, que encadea tanto os distintos motivos uns cos outros, coma os dous membros de que consta cada un deles.

Nos vv. 9-10 da segunda estrofa, a apódose da estrutura condicional que se dá en todas as estrofas, combínase de forma orixinal un caso de zeugma (recurso per detractionem) coa repetitio (recurso per adiectionem): el seja o senhor e eu (seja) sua, que non seerei.

De notar é tamén, pola súa rareza, a aplicación do termo senhor ao amigo, sobre todo pola expresión en que aparece, que de cumprirse significaría darlle unha reviravolta á tradicional relación feudal metaforizada na canción cortés (muller=señor; home=vasalo) que, a pesar de estarmos falando dunha cantiga de amigo, subxace nas palabras da moza.

 


[1]  Para as distintas perspectivas que adopta o motivo da partida nos xéneros amorosos cf. X. X. Ron Fernández (1994) e tamén L. Curado Neves (1993), que o considera un campo sémico independente.

 

[2]  Rip Cohen (1996) estudou a poética da Sanhuda nas cantigas de amigo, relacionada habitualmente co motivo da vinganza que é fundamental nesta cantiga de Roi Fernandiz. Non analiza no seu estudo esta composición do noso autor, pero si a seguinte, onde é o amigo o que está assanhado e onde a actitude da moza contrasta dun xeito moi notábel coa que mostra nesta.

 

[3]  O motivo da vinganza da moza aparece tamén asociado ao da infidelidade do amigo con outra muller: así en B 668, V 271, e B 678, V 273, de Johan Perez d’Avoin e B 846, V 432, de Johan Garcia de Guilhade. Noutras ocasións o amigo fíxolle pesar, sen especificar máis, pero polo que a moza o castigará: B 710, V 311, de Gonçalo Eanes do Vinhal. A causa da vinganza pode ser que o amigo faltase a unha cita: B 650, V 251, de Pero Garcia Burgales.

 

[4]   A disociación dos dous elementos desta parella por medio dun enjambement rexístrase, ademais de neste verso, en sete ocasións máis, dándose a peculiaridade de que catro destes rexistros se dan na obra de Johan Airas de Santiago: V 559 (vv.19-20), V 598 (vv. 7-8), B 1041, V 611, (vv.7-8) e B 1041, V 631, (vv.13-14). Os demais rexistros son B 1217, V 822, (vv. 2-3) de Pedr’Amigo de Sevilha; B 1226,  V 831, (vv. 2-3) de Johan Baveca; e B 561, V 164, (vv. 1-2) de D. Denis.

 
   Servizo de publicacións da Universidade de Vigo - 2010 Xosé Bieito Arias Freixedo