Cantigas: I II III IV V VI VII VIII IX X XI XII XIII XIV XV XVI XVII XVIII XIX XX XXI XXII XXIII XXIV XXV

Cantiga: XVIII      - Os meus olhos, que viron mia senhor

Comentario literario.

 

Contido e ornato estilístico.

Esta cantiga recorda polo tema á cantiga XII: o poeta adianta o sufrimento dos seus ollos, que non poderán afacerse lonxe da senhor que viron, cando o poeta se vaia para outras terras.

En ningún dos dous casos sabemos a qué obedece a marcha do poeta, se á imposición da dama, se á súa propia decisión (o que parece pouco probábel), ou se se debe a outra causa (tal vez, pondo en relación esta cantiga coas cantigas de amigo do mesmo autor XXIV e XXV, nas que o amigo ten que abandonar a terra para irse a Sevilla servir ao rei).

A figura dos ollos personificados, independizados do poeta e con vontade e sentimentos propios, é un motivo frecuente no xénero das cantigas de amor, como vimos no comentario á cantiga XII. Aos exemplos alí aducidos engadiremos aquí unha cantiga de Fernan Padron (A 287, B 978, V 565), contemporáneo do noso clérigo, non só pola semellanza do exordio onde ambos utilizan este procedemento retórico consistente no desdobramento do eu lírico, senón tamén porque entre ambos textos se rexistran outras similitudes, que pensamos van máis alá da mera coincidencia de fórmulas e estereotipos, e que tal vez habería que multiplicar se o texto de Roi Fernandiz non se atopase incompleto:

F. Padron A 287, B 978, V565
v. 1 Os meus olhos, que mia senhor foron veer
v. 7 non poderan dormir
v. 9 da que os faz por si chorar
v. 2 foron veer
v. 8 o bon semelhar
Roi Fernandiz B 914, V 501
v. 1 Os meus olhos, que uyron mha senhor
v. 7 e o sono perder
vv. 6-7 esta dona que os faz sempre chorar
v. 9 fossen ueer
v. 2 o seu muy fremoso parecer.

O desdobramento do eu lírico vese nidiamente nos vv. 8-9, onde o poeta lles reprocha o prexudicárense eles mesmos e o prexudicáreno a el, ao ir ver a senhor.

Coma na cantiga XII (cf.), o motivo dos ollos volve aparecer asociado ao do choro.

 

   Servizo de publicacións da Universidade de Vigo - 2010 Xosé Bieito Arias Freixedo