Cantigas: I II III IV V VI VII VIII IX X XI XII XIII XIV XV XVI XVII XVIII XIX XX XXI XXII XXIII XXIV XXV

Cantiga: II      - Se om' ouvesse de morrer

Comentario literario.

 

Contido e ornato estilístico.

Un dos motivos máis raros en toda a lírica galego-portuguesa, encadrábel dentro do campo sémico da coita de amor [1] é o do 'casamento da senhor con outro' [2] . Polo que sabemos, hai tres cantigas onde se fai alusión directa a este motivo, a saber: Meus ollos, quer vus Deus fazer, de Pai Soarez de Taveiros [3] ; Quant'eu de vós, mha senhor, receey, de Fernan Velho e a composición do xogral Lourenço Senhor fremosa, oý eu dizer, así como unha cantiga Quisera vosco falar de grado, de Don Denis, híbrido entre a tradición da canción de amor galego-portuguesa e a tradición da 'malcasada' procedente de alén dos Pirineos (vid. Lorenzo Gradín, 1991: 118).

Na presente cantiga de amor de Roi Fernandiz, atopamos un motivo rarísimo na lírica amorosa galego-portuguesa: a senhor é filhada contra a súa vontade e levada, ante a impotencia do poeta, que non lle pode valer.

A nosa interpretación desta composición do clérigo compostelán lévanos a incluíla dentro do reducido grupo de textos que tratan o motivo do casamento da dama con outro, e baseámonos para iso nunha serie de indicios de relacións intertextuais, como veremos.

Tivo presente Roi Fernandiz a cantiga de Pai Soarez de Taveiros (A 34, B 149) cando compuxo a súa? Fagamos unha breve análise do contido da composición de Pai Soarez (vid. infra no apéndice de textos o texto I).

-O campo sémico da cantiga é a coita d'amor  ('gran pesar') do poeta polo casamento da sennor con outro.

-Atopamos en primeiro lugar o motivo dos ollos, neste caso coa rarísima particularidade de que o poeta toma os seus propios ollos como interlocutores da súa mensaxe de queixa, pois toda a cantiga é unha apóstrofe dirixida a eles [4] .

-En segundo lugar aparécenos a figura do 'Deus ex machina', recorrente nas cantigas d'amor, que fai e desfai á vontade no que respecta aos sentimentos e relacións amorosas do poeta.

-Así como o amor irrompe de súpeto no corazón e na vida do poeta en numerosísimas ocasións a través do sentido da vista (vid. Tavani, 1986: 123), de xeito que o verbo veer é sinónimo en moitas ocasións de amar, tamén é a través dos ollos, por onde, neste caso, o pesar, o mal, a coita, entra no corazón do poeta, que utiliza para expresalo unha construción moi pouco frecuente: veer gran pesar (de alguén).

-O motivo do próximo 'casamento da dama' con outro é a orixe do gran pesar.

-Importante é tamén a figura do 'poeta desconcertado' que non logra entender por qué Deus lle causa tanto mal aos seus ollos. Neste sentido é de destacar a figura da polisíndeto, que encadea precipitadamente os razoamentos do poeta contribuíndo a expresar o seu estado de desconcerto e desazón.

-Aparece tamén o topos da 'morte por amor', en varias das diversas facetas que adoita presentar nas cantigas de amor:

      -morte liberadora da coita (vv. 3-4)

      -morte por amor como expresión hiperbólica do amor do poeta pola dama (v. 8).

      -morte como consecuencia do pesar insoportábel (v. 15).

-Por último tomamos nota de que neste caso o amor do poeta non era correspondido pola sennor: (Deus) nunca me d'ela quis dar/ ben. O pesar, polo tanto, é padecido polo poeta exclusivamente.

 

Centrámonos a seguir nos aspectos máis salientábeis do contido da cantiga de Roi Fernandiz.

A cantiga está dividida en tres partes:

A primeira cobra, artellada en termos de retórica clásica, versa sobre o tópico da Morte derivada da Coita d'amor (campo sémico predominante) e constitúe unha especie de introito-resumo, bastante concentrado, do contido da cantiga: partindo dunha quaestio infinita, abstracta, formulada na fronte da estrofa: 'Se om' ouvesse de morrer', (ante a visión dun gran pesar da súa amada), descéndese na correspondente quaestio finita, na coda da estrofa, á realidade concreta do poeta: 'eu non podera máis viver' (ao ver como vós, miña señora, fostes filhada e levada pola forza sen que eu vos puidese valer nese trance). A repetición dos pronomes persoais eu e vos/ vós un total de cinco ocasións nestes catro últimos versos da estrofa enfatizan o carácter concreto do enunciado, en contraste co indefinido ome do v. 1. Este carácter concreto mantense nas tres estrofas seguintes -(II me (vv. 9, 11), vos (v. 12); III me (vv. 19, 22, 23); IV meus/meu (vv. 26, 30), mi/me (vv. 29, 31, 32), vós (v. 28), vosso (v. 28))- e contrasta co cerre do poema onde de novo se volve ao xenérico coa fórmula indefinida nulh’ ome.

As estrofas 2ª, 3ª e 4ª constitúen unha amplificatio dos motivos presentados na primeira. O tópico do poeta desconcertado que non sabe que facer para poder aturar a coita, adubíase coa insistencia no trazo orixinal de que a marcha da senhor é forzada, ata o punto de que mesmo podería pensarse que se trata dun rapto.

O motivo tópico da 'morte por amor', preséntase tamén aquí, coma na cantiga de Pai Soarez, desdobrado en varios aspectos: por unha parte, (v. 1, v. 5) a morte como consecuencia lóxica para quen ve sufrir a ren que máis soubess' amar, e por outra -paradoxos propios do amor- a desexada 'morte liberadora' da coita, que á súa vez presenta dúas facetas: ben como saída preferente "antes" de veer o grave pesar sufrido pola dama (vv. 13-14), ben como morte liberadora da coita que consecuentemente el sofre "despois" de ver tanto pesar (v. 23, v. 32). A causa de forza maior que trae consigo o afastamento da dama e a rara orixe da coita de amor (o sufrimento do poeta está causado polo 'sufrimento' da dama 'fillada' contra a súa vontade), así como a impotencia do poeta para valer á dama (pois o habitual é que o poeta se queixe da súa impotencia para valerse a si mesmo), revisten de auténtica orixinalidade estes motivos tópicos. A propósito disto, pensamos que a expresión veer gran pesar (da senhor) é empregada polo noso autor de maneira que resulta ambigua, xa que como fórmula estereotipada das cantigas que tratan o motivo do casamento da dama debería interpretarse como que o poeta ve algo relacionado coa dama -o seu casamento- que lle causa pesar, pero no noso caso o autor crea un contexto ambiguo, case de violencia, onde a fórmula en cuestión podería aludir ao pesar sufrido pola propia senhor ao ser casada contra a súa vontade (á força); pesar que foi presenciado polo poeta. Tal vez fose ese carácter ambiguo outro dos factores que provocou a versión tamén ambigua e irónica do xogral Lourenço.

Ás consecuencias de tan grave pesar veer (vv. 17 a 20) seguen, a partir do v. 22, encadeados nunha áxil acumulación polisindética que logra transmitir a desazón interna do poeta -nunha longa e pouco frecuente explicatio-, os seus razoamentos explicativos para este xeito de actuar de Deus (e explícase así por qué non se cumpre o topos da morte do poeta presentado na primeira estrofa):

-que Deus... (o Deus despótico que manexa ao seu antollo os sentimentos dos nosos trobadores)

por én me leixa de matar:
-que aja sempre que doer
-e que nunca possa tolher
estes meus olhos de chorar [5]
-e que sempr’ aj’ a desejar
vós e o vosso parecer
-e no meu mal sempre cuidar

rematando a sucesión nun punto climático constituído por unha exclamatio irónica:     

-Ben me posso maravilhar
por mi a morte non aduzer!,

por medio da cal nos dá conta do enganado que estaba: "eu que me marabillaba porque non me levaba a morte!, ¡iluso de min!" [6] .

 

A composición finaliza nunha fiinda onde de novo se abandona o caso particular e concreto para volver ao xeral e indefinido, conxurando a Deus para que non mostre a ninguén (nulh’ ome) un pesar tal que el non poida aturalo. Forma orixinal tamén de rematar a cantiga, pois o el do v. 36 encerra un atrevido equívoco, ao poder ter como referente tanto o substantivo ome do v. 35, coma o propio Deus do v. 33.

Ambas interpretacións estarían encadradas dentro da tendencia a hiperbolizar o sufrimento (a coita de amor), aínda que hai que recoñecer a rotundidade hiperbólica dun pesar tan grande coma o que o propio Deus poderia sofrer.

 

Se cotexamos ambas cantigas, atopamos unha serie de motivos (os ollos, o 'Deus ex machina' que fai e desfai á vontade, a morte liberadora, a morte de amor, o poeta desconcertado, etc.), que a pesar de ser coincidentes, poden ser incluídos no grupo de elementos tópicos do xénero da cantiga de amor.

Mais pensamos que outros elementos comúns a ambas cantigas se deben a unha coincidencia deliberada por parte do clérigo compostelán. En efecto, non só a rima (-er, -ar) é a mesma en ambas, senón que ata un total de seis palabras en posición de rima son as mesmas (morrer, pesar, fazer, veer, mostrar, prazer), dándose o caso de que no v. 2 de ambas composicións atopamos a expresión: veer gran pesar (da senhor) -expresión que máis tarde utilizará o xogral Lourenço (cf. infra) e que podemos considerar como unha marca deste 'subxénero' ou ciclo temático da cantiga de amor que trata o motivo do casamento da amada con outro [7] .

Mesmo o recurso á polisindeto, unido á repetición do adverbio nunca, utilizado para expresar o desconcerto e desazón do poeta ante o comportamento de Deus, é retomado e intensificado por Roi Fernandiz.

 

Na cantiga de Lourenço (B 1102, V 693) (vid. infra no apéndice de textos a cantiga III) atopamos de novo trazos comúns coas anteriores:

            -De novo a expresión veer gran pesar  (da senhor);

            -a figura do Deus ex machina, que permite que iso suceda;

            -o motivo dos ollos;

            -a morte;

            -o casamento;

            -o v. 2 (que vus levarom du vos eu leixei), que fai pensar na influencia directa dos vv. 6 e 7 da cantiga de Roi Fernandiz (u vos foron d'aqui filhar/ a força de vós e levar) [8] .

A ambigüidade entre o serio e o paródico no texto de Lourenço rompe o seu equilibrio a favor desta segunda opción precisamente por existir o precedente extremadamente serio da cantiga de Roi Fernandiz, que sería así a única onde se rexistra o motivo do casamento forzado da dama tratado en serio [9] . Tomando como referente esta cantiga, podemos percibir no v. 8 (e non ousastes vós dizer ca non) unha postura deliberadamente antitética á da senhor da cantiga de Roi Fernandiz, que foi levada á forza, (v. 7 a força de vós; v. pola forç’ a que vos prender/vi) e en consecuencia tal vez sexa posíbel considerar a cantiga do xogral como unha trivialización da do clérigo, ou mesmo un contratexto paródico dentro do 'subxénero' que estamos tratando, pois o aire trivial que se percibe na linguaxe e nas construcións da cantiga e sobre todo a ambigüidade do refrán, permiten entender que é a senhor a que lle causa o pesar ao acceder de grado a casar con outro. Desde esta interpetación, como dixemos, certas expresións aparentemente serias e convencionais con que o poeta se dirixe á dama adquiren un ton paródico:

aquel dia fora ben de morrer/ eu
-e non ousastes vós dizer ca non
-mays mi valera já de me matar/ eu, etc.

 

O conxunto de elementos comúns entre as catro cantigas, que relacionan unha con outra, con dúas ou coas tres restantes do grupo, permítenos incluír a de Roi Fernandiz neste pequeno conxunto das que tratan o motivo do 'casamento da dama con outro', aínda que este non se menciona explicitamente coma nas outras tres cantigas. As catro cantigas son variacións sobre o mesmo motivo do 'casamento da amada con outro'.

A de Pai Soarez, a primeira cronoloxicamente, céntrase na inxustiza e na imposibilidade do poeta para comprender a actuación divina, que permite que os seus ollos vexan como a súa señora vai casar con outro.

A de Roi Fernandiz céntrase na búsqueda dunha explicación desesperada á actuación divina, que primeiro lle permite presenciar como a súa senhor era filhada e levada e logo, contra toda lóxica, non lle concede o don da morte que o libere da coita.

Na de Fernan Velho, a menos orixinal das catro, xustifícanse os temores dun namorado demasiado receoso, pois a dama que ama, tal como el sempre temeu, vai casar con outro.

Lourenço, desde o lado paródico, insiste en que mellor lle fora morrer ou matarse o día en que viu como a súa senhor era levada e casada con outro, e así non sufriría o gran pesar que a dama lle causou ao acceder de grado a este casamento [10] .

 

O exercicio continuo de variación percíbese nidiamente, ademais de nos distintos matices que vai adquirindo o tópico da morte por amor, como xa vimos, na utilización da expresión veer gran pesar (da senhor) con distintas interpretacións, polos distintos poetas: así en Pai Soarez equivale a "ver algo, relacionado coa amada, que lle ocasiona un gran pesar ao poeta"; en Roi Fernandiz (vv. 2 e 3) equivale a "ver o sufrimento padecido pola senhor", mentres que no v. 16 equivale a "ver algo que a afecta negativamente a ela e que ocasiona gran pesar no poeta", e por último, en Lourenço, o pesar que o poeta ve da muller amada é precisamente que esta case por propia vontade con outro.

 

O feito de non haber referencias explícitas ao motivo do casamento na cantiga de Roi Fernandiz non é óbice para que poidamos incluíla neste 'subxénero'. No mesmo caso están dúas cantigas máis [11] do propio Pai Soarez de Taveiros, nas que aínda que non se alude explicitamente ao matrimonio por medio de vocábulos como casamento, casar, etc., cotexando estas cantigas coas xa comentadas percíbense unha serie de relacións tanto formais coma semánticas que permiten non só incluílas dentro do ciclo temático que estamos a tratar, senón que nos confirman a Pai Soarez de Taveiros, trobador da primeira xeración, como primeiro cultivador deste raro motivo do 'casamento da amada con outro' e fonte daqueles que trobaron con posterioridade [12] .

Vexamos: a cantiga de Pai Soarez A ren do mundo que mellor queria (B 147, A 32) (vid. no apéndice de textos a cantiga IV) é antecedente claro da de Fernan Velho; e así, o feito de que se explicite nesta última que o que o poeta sempre receou e temeu era 'que a senhor casase con outro', permítenos pensar que iso mesmo é o que temia e receava o namorado da cantiga de Pai Soarez, a pesar de que no seu texto non se explicite.

Pai Soarez utiliza, ademais, construcións que, como xa dixemos, son específicas deste ciclo temático: veer (da sennor)...quant'eu sempre temi.

Na cantiga Como morreu quen nunca ben... (B 150, A 35) (vid. infra no apéndice de textos a cantiga V) atopamos esta mesma construción veer (da sennor) quanto receou, que máis tarde utilizará Fernan Velho [13] ; pero interésanos máis esta cantiga polas súas evidentes relacións intertextuais coa presente cantiga de Roi Fernandiz.

 

Á parte dos motivos tópicos comúns a ambas cantigas, tamén hai neste caso algunhas coincidencias que nos fan pensar nunha influencia directa de Pai Soarez na obra de Roi Fernandiz. Así, o recurso retórico da infinitización que Roi Fernandiz utiliza, como vimos, no preámbulo da estrofa introdutoria da súa cantiga, sobre o topos da 'morte por amor', utilizárao Pai Soarez nas catro estrofas da súa cantiga e sempre para tratar este mesmo topos.

De novo aparecen as expresións veer gran pesar e veer quanto receou (da sennor), que empregarán logo Roi Fernandiz, Fernan Velho e Lourenço.

A perífrase da ren que mais amou (v. 2) para referirse á senhor, utilizaraa tamén Roi Fernandiz cunha variación de estilo: da ren que máis soubess' amar (v. 3) [14] .

 

As relacións intertextuais entre as cantigas que acabamos de relacionar xustifican suficientemente, cremos nós, a nosa interpretación desta cantiga de Roi Fernandiz, da que agora analizaremos algúns aspectos formais máis en detalle.

Destaca sobre calquera outra cousa a serie de recursos que teñen como finalidade recrear formalmente a impresión de dinamismo, de sucesión de razoamentos explicativos e xustificativos desencadeada na mente atormentada do namorado desde o intre mesmo en que contemplou como levaban forzada a súa senhor. Neste sentido cómpre notar en primeiro lugar que 32 dos 36 rimantes son verbos (salvo os dous antónimos pesar (v. 2 e 35) e prazer (v. 17) e o deverbal parecer (v. 28)). Con esta mesma finalidade o autor combina con habilidade outros recursos, como o polisíndeto xa comentado das estrofas terceira e cuarta, os enjambements dos vv. 12 a 15, e a antítese alternante entre os adverbios nunca e sempre, a partir do v. 17. E tamén contribúe a este fin o procedemento utilizado para a creación de cantigas atehudas consistente na ligación sintáctica interestrófica; procedemento mediante o cal se ligan as estrofas segunda, terceira e cuarta da nosa cantiga [15] . O resultado obtido é a recreación da actividade dunha mente en ebulición, atormentada, tratando de atoparlle explicación ou xustificación ao acontecido.

Por outra parte observamos que o texto está inzado de repeticións de termos chave que a pesar de non seren simétricas si se dan no número e coa sistematicidade suficiente como para cohexionar as diferentes estrofas entre si e como constituíntes dun todo. No parágrafo anterior aludiamos á repetición alternativa dos antónimos sempre e nunca rexistrada nas dúas últimas estrofas e mais na fiinda. Nas dúas primeiras estrofas rexístrase en catro ocasións a repetición do verbo veer, dúas veces na expresión veer gran pesar (vv. 2 e 16), tópica nos textos que tratan o motivo do casamento da senhor, resaltando deste xeito, aínda que con variacións sobre a variante máis estendida, o motivo do sentido da vista como porta de entrada para o sufrimento do poeta. Nas dúas primeiras estrofas pode mencionarse a correlación entre os vv. 6-7 de I e o v. 12 onde se insiste na violación da vontade da senhor a quen el viu filhar/prender (nótese a rima sinonímica) á forza.

Aínda pode engadirse como procedemento de interconexión entre as dúas primeiras estrofas o recurso á antítese. Así na primeira estrofa, nos vv. 1 e 5, localízanse en posición de rima os termos morrer e viver, conceptos que volverán aparecer na estrofa seguinte tamén en posición destacada do verso, a inicial, remarcados aínda máis nos dous casos polo enjambement, nos vv. 14 e 15.

Pero a idea da morte non se restrinxe a estas dúas cobras, senón que se rexistra tamén na terceira e na cuarta, constituíndo un dos motivos máis importantes da cantiga, que se vai modificando ao longo da mesma: na primeira estrofa aparece a morte como consecuencia ou desenlace lóxico despois de veer gran pesar da dama; na segunda estrofa a morte como desexo antes de ter que asistir a esa visión desgraciada; na terceira estrofa (v. 23) a morte como solución liberadora do sufrimento, pero coa matización especial de que esa solución é negada por Deus [16] ; e por último, na cuarta estrofa a irónica constatación da negación da morte como desenlace lóxico de todo este proceso de sufrimento, que presenta tamén o trazo orixinal de mostrarnos unha rarísima, se non única, personificación da morte [17] .

É de destacar tamén como elemento cohexionador de toda a cantiga a presenza  en todas as estrofas da perífrase aver de (a, que) + infinitivo, normalmente con valor aspectual de obrigatoriedade, o que contribúe a expresar a sensación de fatalismo que embarga o corazón do poeta: v. 1 ouvesse de morrer; v. 15 aver a estar; v. 19 aver a queixar; v. 24 aja sempre que doer; v. 27 sempr’ aj’ a desejar, v. 29 mi á d’ escaecer.

Relacionada con esta idea de fatalidade está a sensación de impotencia do poeta ante todo o que está a presenciar e a vivir; idea recreada por medio da repetición do verbo poder, que se rexistra en todas as estrofas e na fiinda, un total de sete ocasións, e que cando ten o significado de ‘ter poder ou capacidade de’, aparece sempre matizado directa ou indirectamente por algunha partícula negativa resaltando a magnitude do sentimento de impotencia: v. 5 non podera máis viver; v. 8 non puid’ eu; vv. 9-10 non me soub’ i.../...como podesse; v. 21 posso; v. 25 nunca possa; etc.

A figura de Deus como potencia suprema, aparece tamén repetida estratexicamente nos vv. 4 e 33 -o cuarto polo principio e polo final- formando parte dos enunciados de carácter xenérico a que aludiamos máis arriba, e tamén aparece nos vv. 20 e 22, na terceira estrofa, asociada nos dous casos ao actualizador esto en enunciados explicativo-argumentativos do caso concreto do poeta.

O deíctico esto, en función substantiva e repetido dúas veces como dixemos (vv. 20 e 22), aparece combinado por medio da variación sinonímica con outros substantivos máis frecuentes distribuídos polas catro estrofas e a fiinda, alusivos ao sufrimento do poeta, sentimento que aparece repetido obsesivamente ao longo da cantiga: pesar (vv. 2 , 16 e 35), coita (v. 11), mal (v. 30).

Aínda poderían citarse outras repeticións rexistradas practicamente ao longo de toda a cantiga, como a do verbo querer, que aparece nas tres primeiras estrofas (vv. 4, 13 e 20) e reaparece por duplicado na fiinda (vv. 33 e 34), sempre co valor de desexar, nunca co de amar.

E neste mesmo capítulo habería que volver mencionar o artificio da palabra volta ou mot tornat que se rexistra nos catro versos da fiinda. A repetición de rimantes da fiinda chama a atencióna aínda máis porque todos os seus rimantes están repetidos e porque as palabras retomadas non nos remiten non xa á parte final da última estrofa, como era hábito entre os provenzais, senón  ás tres primeiras estrofas e non á última (cf. Lang, 1934: 30 e 40).

 

 

APÉNDICE DE TEXTOS

 

-I-
 
PAI SOAREZ DE TAVEIROS
A 34, B 149

Meus ollos, quer vus Deus fazer
ora veer tan gran pesar
onde me non poss' eu quitar
sen mort', e non poss'eu saber
5por que vus faz agora Deus
tan muito mal, ay ollos meus!

Ca vos faran cedo veer
a, por que eu moiro, casar,
e nunca me d'ela quis dar
10ben, e non poss' or' entender
por que vus faz agora Deus
tan muito mal, ay ollos meus!

E de quen vos esto mostrar',
nunca vos mostrará prazer,
15ca log' eu i cuid' a morrer,
ollos, e non poss' eu osmar
por que vos faz agora Deus
tan muito mal, ay olhos meus!

 

(Vallín, VII)

 

-II-
 
FERNAN VELHO
A 258, B 435, V 47

Quant' eu de vós, mha senhor, receey
a ver, der o dia en que vus vi,
dizen-mh-ora que mh-o aguisa assy
nostro Senhor, como m' eu receey:
5de vus casarem: mays sey hunha ren,
se assy for: que morrerey por én!

E sempr' eu, mha senhor, esto temi
que mh'ora dizen, de vós a veer;
des que vus soubi mui gram ben querer,
10per boa fe, sempr'eu esto temi:
de vus casaren; mais sei hunha ren,
<se assy for: que morrerey por én!>

E sempr' end' eu, senhor, ouvi pavor
des que vus vi e convosco falei
15e vus dix' o mui grand' amor que ei;
e, mha senhor, d' aquest' ey eu pavor:
de vus casaren; mays sei hunha ren,
<se assy for: que morrerey por én!>

 
(Lanciani, II)

 

-III-
 
LOURENÇO, JOGRAR
B 1102, V 693

Senhor fremosa, oy eu dizer
que vus levaron d’u vus eu leixei
e d’u os meus olhos de vós quytey:
aquel dia fora ben de morrer
5eu, e non vira atan gran pesar
qual mi Deus quis de vós amostrar.

Por que vos foron, mha senhor, casar
e non ousastes, vós, dizer ca non,
por én, senhor, assy Deus mi perdon,
10mays mi valera ja de me matar
eu, e non vira atan gran pesar
[qual mi Deus quis de vós amostrar].


(Tavani, I)

 

-IV-
 
PAI SOAREZ DE TAVEIROS
A 32, B 147

A ren do mundo, que mellor queria,
nunca m’én ben quis dar sancta Maria;
mais, quant’ end’ eu no coraçon temia,
ei! ei! ei!
5Sennor, sennor, agora vi
de vus quant’ eu sempre temi!

A ren do mundo, que eu mais amava
e mais servia, nen mais desejava,
Nostro Sennor, quant’ end’ eu receava,
10ei! ei! ei!
Sennor, sennor, agora vi
de vos quant’ eu sempre temi!

E, que farei eu, cativ’ e cuitado?
que eu assi fiquei, desamparado
15de vos, por que cuita grand’ e cuidado
ei! ei! ei!
Sennor, sennor, agora vi
de vos quant’ eu sempre temi!


(Vallín, V)

 

-V-
 
PAI SOAREZ DE TAVEIROS
A 35, B 150

Como morreu quen nunca ben
ouve da ren que mais amou,
e que[n] viu quanto reçeou
d’ela, e foi morto poren:
5ay, mia sennor, assi moir’ eu!

Como morreu quen foi amar
quen lle nunca quis ben fazer,
e de que lle fez Deus veer
de que foi morto con pesar:
10ay, mia sennor, assi moir’ eu!

Com’ome que ensandeçeu,
sennor, con gran pesar que viu,
e non foi ledo nen dormiu
depois, mia sennor, e morreu:
15ay, mia sennor, assi moir’ eu!

Como morreu quen amou tal
dona que lle nunca fez ben,
e quen a viu levar a quen
a non valia, nen a val:
20ay, mia sennor, assi moir’ eu!

(Vallín, VIII)

 

-VI-
 
DON DENIS
B501, V 84

Quant’eu, fremosa mha senhor,
de vós receei a veer,
muyt’er sei que nom ei poder
de m’agora guardar que nom
[vos] veja: mais tal confor’ei
que aquel dia morrerei
e perderei coitas d’amor.

E como quer que eu maior
pesar nom podesse veer
de que entom verei, prazer
ei ende, se Deus mi perdom;
porque por morte perderei
aquel dia coita que ei
qual nunca fez nostro senhor.

E pero ei tam gram pavor
d’aquel dia grave veer
qual vos sol non posso dizer,
confort’ei no meu coraçom,
porque por morte sairei
aquel dia do mal que ei
peior do que Deus fez peior.

(Lang, 5, corrixindo no v. 2 a súa lectura: aveer)


[1]  Tomamos como punto de partida a clasificación dos campos sémicos realizada por Tavani (1986, cap. III)

 

[2]  Para o tratamento deste motivo  véxase o meu artigo “O motivo do casamento da senhor nas cantigas d’amor”, publicado en 1998 nun volume de homenaxe ao profesor Ramón Lorenzo (vid. Bibliografía).

Para os aspectos relacionados co estado civil da dama cantada nas cantigas d’amor, cf. M. C. Vilhena (1991:209-221) e V. Beltran (1995:29-31).

 

[3]  Vid. infra as consideracións sobre a inclusión de outras dúas cantigas deste autor no grupo das que tratan o motivo do casamento da dama.

 

[4]  Para unha clasificación dos diferentes destinatarios da voz poética nas cantigas d’amor véxanse en D’Heur (1975) os capítulos I e II da sección I da terceira parte. Só en dúas cantigas d’amor, as dúas de Pai Soarez, unha delas a que estamos comentando, o poeta se dirixe aos seus propios ollos.

 

[5]  Para o topos dos ollos que choran, e tamén dos ollos como vehículo dos praceres e dos tormentos do amor, cf. Spina, 1966: 69-78.

 

[6]  O motivo tópico do poeta marabillado por non morrer a pesar de sufrir tal coita é relativamente frecuente, pero aquí está tratado desde unha perspectiva irónica que o fai orixinal. Cf. por ex. a cantiga B 1081, V 673 de Pero d’Armea

maravilho-m’eu como non morri
con gram coita, mays Deus non mi perdon (Amor,223, vv. 9-10).

 

[7]  Fernan Velho (vid. infra no apéndice de textos a cantiga II) utilizará tamén outras expresións equivalentes: Quant'eu de vós...receey/ a ver (vv.1-2); 'esto temi/ ...de vós a veer (vv. 7-8).

 

[8]  Xa C. Michaëlis chamou a atención sobre o verbo ‘levar’ como “termo consagrado, empregado no sentido de casar por varios trovadores” (Lições de filologia portuguesa, p. 395), o que corrobora a nosa interpretación da cantiga de Roi Fernandiz, a pesar de que nela non se aluda directamente ao casamento.

 

[9]  Si se rexistra no xénero satírico, como se ve na propia cantiga de Lourenço e nalgúns casos máis como en B 104 de Johan Soairez Somesso ou B 1354, V 962 de D. Lopo Lias. Con respecto á cantiga de Lourenço, Tavani, na súa edición da obra do xogral, considéraa como cantiga d’amor, e mesmo no DLMGP (p. 426) cualifícaa como “bastante convencional”. Nós pensamos que o texto é orixinal non só por tratar un motivo pouco frecuente, senón pola perspectiva paródica empregada.

 

[10]  Graça Videira Lopes (1994: 354) inclúea tamén no apéndice de cantigas non incluídas na edición de Lapa, aínda que o motivo desta inclusión é o ‘casamento forzado’, sen facer alusión ao equívoco creado en torno a este motivo.

 

[11]  G. Vallín, a editora de Pai Soarez, só inclúe unha máis, a cantiga A 35, B 150 (ademais da xa comentada A 34, B 149), no ciclo temático do casamento da amada con outro home (1996: 177). Nós consideramos xustificada a inclusión neste ciclo tamén da cantiga A 32, B 147

 

[12]  Lembremos a este respecto as palabras de S. Spina (1966: 101) que cualificaba a Pai Soarez como “o pai de quase todos os tópicos do formalismo poético galego-português”.

 

[13]  Se temos en conta, como entende Spina (1966: 47) que o topos “compreenderá, não apenas os esquemas de pensamento, de sentimento, de atitude, de argumentação, como ainda os próprios esquemas na sua forma estereotipada”, parece posíbel incluír neste grupo algunhas cantigas máis, pois aínda que non se explicita o tópico no seu aspecto conceptual, abondaría coa presenza  do estereotipo formal para que un auditorio versado a asociase case automaticamente co motivo en cuestión. Sería o caso, coma tal, da cantiga de Don Denis B 501, V 84, (cf. no apéndice de textos a cantiga VI), ou da cantiga A 122, B 238 de Fernan Garcia Esgaravunha.

 

[14]  Na cantiga VIII do noso clérigo (cf.) rexístranse vestixios da influencia directa desta cantiga de Pai Soarez na obra de Roi Fernandiz.

 

[15]  Este procedemento de concatenación interestrófica foi estudado con detalle por Elsa Gonçalves (1993), onde dá conta doutros traballos anteriores sobre o tema e delimita o corpus de textos que o utilizan. A nosa non é unha cantiga atehuda, pero o procedemento de liaison interestrófica é o mesmo, e aínda que usado parcialmente, os efectos estilísticos son evidentes.

 

[16]  O motivo da negación da morte liberadora para prolongar a agonía do namorado, e a lamentación deste, atopámolo con diversas variantes noutros autores xa desde a primeira época: rexistrámolo en B 8 bis (CA, 319) de Diego Moniz, onde é a senhor quen lle nega a morte ao poeta; tamén en varias cantigas de Johan Soairez Somesso, como en A 26, B 119, onde é Deus quen impide a morte liberadora do poeta, ou en B 128  (CA, 382) onde é Amor quen o non leixa morrer; outro autor que o empregou con frecuencia foi Martin Soarez, en A 40, B 152, en A 44, B 156, en A 45, B 157 e en A 51, B 163; na cantiga A 68, B 181bis, atribuída con dúbidas a Nuno Rodriguez de Candarei (cf. DLMGP, s.v.); en A 111, B 224 de Johan Nunez Camanez; en B 222 (CA, 408; Blasco, 35) de Pero Garcia Burgales; e en autores tardíos como Pai Gomez Charinho en B 818, V 402 ; en B 862, V 448 e B 863, V 449 de Johan Mendiz de Briteiros; e tamén aparece en varias cantigas do rei Don Denis: B 498, V 81; B 501, V 84; B 503, V 86 , así como nun texto do seu privado Estevan da Guarda, a cantiga B 623, V 224; aínda que do propio Estevan da Guarda é outro texto (B 620, V 221) onde o poeta renuncia expresamente á morte liberadora que sempre desexou, e quere seguir vivindo, cando soubo que á  senhorlhe prazia de me mal fazer”. Tamén foi motivo tratado por algún xogral, como Pero de Veer en B 1061, V 651 e 652.

Unha variante interesante do motivo atopámola en B 81 (CA, 365) de Vasco Fernandez Praga de Sandin, onde o poeta comprende que non poderá cumprir o seu desexo de morrer para liberarse da coita, porque se el morrese falarán mal da súa dama:

...morrer
tanto m’a mi devi(a) a prazer!
Mais prazer é que eu nunca verei,
ca por mia morte sei [eu] que alguen,
senhor fremosa, querrá vosso ben
e vossa mesura  me]ospreçar (CA, 365, estrofa II).

 

[17]  As personificacións na canción cortés son frecuentes en número pero restrinxidas no que se refire aos elementos personificados: os obxectos da mesma son na maioría dos casos o propio sentimento do amor, ou ben o corazón ou os ollos do poeta (cf. Casas Rigall, 1993: 390-393).

 
   Servizo de publicacións da Universidade de Vigo - 2010 Xosé Bieito Arias Freixedo