Cantigas: I II III IV V VI VII VIII IX X XI XII XIII XIV XV XVI XVII XVIII XIX XX XXI XXII XXIII XXIV XXV

Cantiga: XXV      - Madre, quer' oj' eu ir veer

Comentario literario.

 

Contido e ornato estilístico.

Un dos temas máis recorridos no xénero de amigo é o da separación dos namorados (máis concretamente, o da partida dun deles), como xa puidemos ver ao comentar a cantiga XXI. Alí puidemos ver tamén que as manifestacións concretas deste tema presentan modalidades moi diversas. En máis da metade dos textos en que aparece o tema da separación dos namorados, o amigo xa se foi, e normalmente sen despedirse da moza e contra a vontade desta, polo que unha das vías de resolución máis frecuente nestes casos é a da vinganza da moza (véxase o comentario á cantiga XXI).

Moi numerosas son tamén as cantigas que se centran no motivo da tardanza do amigo, que prometera volver pronto; nestes casos a moza tamén pensa ás veces na idea de assanharse con el cando volva, mentres que noutras ocasións o motivo central é o da preocupación pola sorte do amigo.

Nun número menor de cantigas a moza mostra a súa alegría ante o próximo regreso do amigo.

Pero hai tamén un número importante de composicións que tratan o tema da separación cando a partida dun dos namorados que a ocasionará -xeralmente a do amigo- aínda é un proxecto; isto é, desde unha perspectiva anterior á da súa realización efectiva.

Centrándonos neste grupo de textos, entre os cales se inclúe o noso, vemos que tamén son moi diversas as modalidades que adopta o tema da separación/partida cando esta aínda non se consumou, e case sempre con matices novos non só con respecto ás do grupo anterior onde os protagonistas xa están separados, senón que case todos os textos teñen algo que os fai peculiares con respecto aos demais deste mesmo grupo.

En ocasións a moza ameaza ao amigo con vingarse se finalmente se vai, como ocorre na cantiga de D. Denis B 603, V 206.

Nalgún caso, como en B 1051, V 641, de Johan Airas, avísao de que se se vai xa se pode ir esquecendo do seu amor:

quitade ben o coraçon
de min e ide-vos enton  (Rodríguez, LXIX, refrán).

Noutra cantiga deste trobador compostelán, a moza repróchalle ao amigo que se vaia co rei, porque non se pode dous senhores servir (B 1023 e 1049, V 613 e 639).

Na cantiga B 1143, V 735, de Johan Servando, a moza mesmo intenta algunha arte como a de mostrárselle sanhuda ao amigo [1] , confiando en que ao vela así este cambie de idea:

quando m’el sanhuda vir
non s’ousará d’aquend’ir (Amigo 365, refrán).

Bernal de Bonaval (B 1138, V 729) preséntanos unha moza que lle plantea ao amigo que se quere ir unha pregunta que cuestiona a veracidade do seu amor:

se mi vos queredes gram ben
ir como podedes d’aquén? (Amigo 359, refrán).

Fronte a esta diversidade de reproches ou ameazas, noutras ocasións a moza tratará de convencelo polas boas para que non se vaia. Así ocorre na cantiga B 1050, V 640, de Johan Airas, onde a moza promete compensar ao amigo, se se queda, de todos os sufrimentos causados anteriormente. Tamén nas cantigas B 1147 bis, V 750, de Johan Servando, e en B 1248, V 853, do xogral Lopo, a moza intentará convencer ao amigo para que non se vaia.

Outras veces, a moza centrará os seus esforzos en convencer ao amigo que se vai para que volva canto antes, como en B 835, V 421, de Pero da Ponte, ou en B 1260, V 865, do xogral Lourenço.

Non falta a cantiga en que á moza se lle ocorre como solución á separación a de irse canda o amigo que se vai, como ocorre en B 1198, V 803, de Martin de Caldas; nin tampouco falta a cantiga que se centra na imposibilidade absoluta da moza para impedir a ida do amigo, como en B 1228, V 833, de Johan Baveca (cf. tamén o comentario á cantiga XXIV).

Noutros textos dirixidos ao amigo que se vai ir, a moza móstralle o seu desconcerto e desamparo ante a situación que se aveciña, por medio das tópicas interrogacións retóricas: mais eu que farei?; e que será de mi?, etc. Vivir con gran coita de amor (B 938, V 526, de Sancho Sanchez) e mesmo a morte como cabo -e ao mesmo tempo liberación- deste sufrimento (Pero da Ponte B 836, V 422) son algunhas das respostas a esta pregunta adiantadas pola propia moza.

O grao de incerteza en que vivirá a moza desde a partida será tal, que lle preguntará a todos cantos veñan da corte cómo lle vai ao amigo que foi vivir co rei (Johan Airas B 1043, V 633).

Como se ve, a diversidade de realizacións concretas do tema da separación, cando esta aínda non é efectiva, é moi ampla. Pero a nós interésannos por afinidades de contido un pequeno grupo de textos que tratan o motivo da última cita, da cita de despedida antes da partida. Vimos que este motivo da despedida era moi frecuente nos textos en que a separación dos namorados era xa un feito consumado, e que normalmente se trataba dunha despedida frustrada (o amigo fórase sen ver antes a moza) que espertaba no ánimo da moza saña e desexos de vinganza (cf. o comentario á cantiga XXI).

Rexistramos este motivo da última cita antes da separación na cantiga B 718, V 319, de Men Rodriguez Tenoiro, onde a moza -contrastando co motivo tópico que acabamos de ver da despedida frustrada- négase a cumprir o desexo do amigo de vela antes de irse, porque non lle pode facer tal prazer a quen lle fai tan gran pesar.

Tamén en B 805, V 348, de Fernan Froiaz, aparece o motivo da última cita de despedida, coa particularidade orixinal de que é o amigo quen anda triste porque se van separar, xa que queren levar d’aqui á moza, e el quere falar antes con ela, cousa que ela tamén desexa: i-lo-ei ante veer (v. 15).

Finalmente, tamén no noso texto se trata como motivo principal o da cita de despedida antes da separación, da partida do amigo, que se vai a Sevilha el-rei servir. A cantiga está moi próxima conceptualmente á cantiga anterior, e entre ambas pode establecerse unha relación de secuencialidade que nos levaría a invertir a orde de ambos textos [2] . Na presente cantiga a moza, sabedora da decisión do amigo, diríxese á súa nai para manifestarlle o seu pesar pola inminente partida do amigo e para pedirlle que a deixe ir despedirse del. Ao contrario do que ocorre en moitas ocasións, a rapaza acepta -aínda que lle pesa- que o amigo se vaia, xa que se vai...por fazer ben. A súa preocupación máis peremptoria é a de poder despedirse do seu amigo, polo que concentra todos os seus esforzos en conseguir o permiso da nai. Vemos tamén que, coma na cantiga XXII, a actitude da nai é desde un primeiro momento favorábel aos desexos da filla e que a súa figura só representa un obstáculo teórico [3] .

A actitude da moza cambia radicalmente na cantiga XXIV -secuencialmente posterior a esta- ao comprobar que o amigo non atende os seus requirimentos para que volva.

A abordaxe do tema da partida do amigo desde a perspectiva da inminencia da separación dá lugar a unha sensación de premura no ánimo da moza, que non pensa máis ca en velo antes de que se vaia. Esta sensación de apremio, de présa, sentida pola filla ante a inevitábel e inminentísima marcha do amigo, está presente ao longo de toda a cantiga. A cita co amigo ten un prazo real máis alá do cal non pode posporse, concretizado xa no primeiro verso da cantiga por medio do adverbio oje, que matiza dun xeito importante o motivo da petición de permiso para ir despedirse do amigo [4] . O recurso da exclamatio, nos versos cuartos das dúas primeiras estrofas, que son en realidade unha súplica dirixida á nai, cumpre esa dobre función de por un lado conmover o seu ánimo para que ceda á petición, e por outro lado contaxiala a ela tamén desa sensación de apremio.

Nesta mesma dirección apunta o xogo establecido ao longo do texto, baseado na repetición poliptótica do verbo ir, do que se combinan diferentes formas con distintos suxeitos e con distintos matices de significado, o que combinado co carácter dialogado do texto contribúe a crear e a transmitir esa sensación de premura da que vimos falando. Pode dicirse que este xogo, que se repite nas tres estrofas da cantiga, é un dos piares principais sobre os que se artella toda ela: a moza quere ir despedir o amigo que se quer ir, e a nai insta á filla para que vaia ao mesmo tempo que se ofrece tamén a ir con ela: -Filha, ide; eu vosqu’irei.

O verbo ir rexístrase un total de trece veces, contando as seis do refrán, onde Roi Fernandiz emprega o recurso da epístrophe ou epífora para remarcar a duplicidade de suxeitos diferentes (a nai e a filla) que se suman na acción de ir. Está claro que ir, nos seus distintos matices de significado, é a palabra clave da cantiga.

Para que non quede dúbida da vehemencia do desexo da moza, esta maniféstao claramente nos versos centrais das tres estrofas, entre os que se dan correspondencias de tipo paralelístico debido á utilización reiterada de construcións frecuentes nestes casos, como a prerífrase obrigativa ir lo-ei-veer, ou a fórmula de cortesía se vos prouguer; complementadas nos tres casos con invocacións á nai.

A figura da madre ten un papel principal na composición. Aínda que como xa dixemos a súa actitude é positiva con respecto ás demandas da filla, esta recoñece a súa autoridade na fórmula tópica mia madr’e mia senhor  (cf. D’Heur, 1975: 495-496 e Corral Díaz, 1996: 120-122.). As invocacións directas á madre -outro dos elementos importantes da arquitectura da cantiga- son dúas en cada estrofa: na primeira as dúas son de demanda e súplica (vv. 1 e 4), pero nas estrofas restantes, a primeira das invocacións é tamén de demanda, mentres que a segunda, expresada tamén en versos que manteñen correlación paralelística, a alusión á madre é de agradecemento [5] .

No último verso do refrán atopamos outro motivo moi frecuente, pero tratado desde unha perspectiva pouco usual: a separación equivale a non veer, e isto tanto no xénero de amor coma no de amigo, é sinónimo de sufrimento. Neste caso a voz da moza concretiza este motivo incidindo particularmente no plus de sufrimento que deriva da incerteza de non saber cánto tempo pasará ata que o volva ver [6] .

Na última estrofa cómpre salientar tamén o xogo semántico baseado na expresión fazer ben, tan usada no xénero da cantiga de amor [7] , que aquí se emprega con dous significados diferentes entre si e á súa vez diferentes do significado habitual da expresión no xénero cortés. No segundo verso da cobra fai referencia ao servizo do rei: servir ao rei é ‘fazer ben, facer o ben’, mentres que a mesma expresión no verso vinte ten un significado equivalente ao das expresións fazer prazer e fazer amor rexistradas nos vv. 6 e 13 respectivamente, alusivas á gran mostra de cariño que sería que a nai a deixase ir ver o amigo.


[1]  O motivo da moza sanhuda foi estudado a fondo por Rip Cohen (1996).

 

[2]  Este exercicio de relación secuencial, totalmente artificial, en ningún caso pretende demostrar que ambas cantigas foron compostas seguindo esa secuencialidade, senón que só pretende contrastar dúas perspectivas diferentes para un motivo común como é o da separación dos namorados pola marcha dun deles a Sevilha el-rei servir. Como fixo notar M. L. Indini, (DLMGP: 582-583) o motivo da partida “pode considerar-se o núcleo temático central sobre o qual se articula todo o sector de composições ‘femeninas’ de Roi Fernandiz”, xa que nelas “referem-se-lhe as fases cronológicas e os diferentes estados de ânimo que anteceden e seguem à separação”, aínda que de ningún xeito se pode falar de secuencialidade entre os sete textos.

 

[3]  Neste caso a relación entre a nai e a filla entraría no apartado que D’Heur (1975: 511 e ss.) titulou como “Mère et fille en accord”, máis concretamente no grupo subtitulado “La mère alliée des amants”. En realidade, como xa dixemos ao comentar a cantiga XXII, no noso autor non só se cumpriría a conclusión a que chega o estudoso belga no traballo citado de que “la mère des chansons d’ami se présente autant comme une confidente et même une alliée que comme une ennemie” (p. 518) -en contra das afirmacións xeneralizadoras de Jeanroy e Carolina Michaëlis recollidas por D’Heur no apartado 5 deste mesmo capítulo baixo o epígrafe de ’Mère et fille devant la critique’ (p. 517)- senón que no noso autor a nai non adopta unha actitude activamente obstaculizadora ou de prohibición, salvo tal vez na XXIII, onde tampouco está expresa senón que hai que deducila.

 

[4]  O motivo da cita co amigo é unha das constantes do xénero e como tal é abordado desde moi diferentes perspectivas, como tivemos ocasión de constatar en cantigas anteriores (cf. por exemplo a cantiga XX onde prima o temor a faltar a unha cita co amigo, a cantiga XXII onde a moza considera que estragou a súa relación por non propiciar un encontro co amigo, ou a cantiga XXI onde a moza xura que se vingará do amigo que se foi e non se encontrou con ela antes para despedirse). Un dos puntos de vista desde os que se trata con relativa frecuencia este motivo é o da petición de permiso á nai para ir ver o amigo (cf. o  noso comentario á cantiga XX), e a fórmula quer’oj’eu ir veer meu amigo empregada na cantiga, con variantes, ou outras fórmulas equivalentes, son utilizadas, en case todos estes textos. Pero a particularidade do noso texto con respecto aos demais que tratan este motivo, é que a petición de permiso é para unha cita co amigo xusto antes da partida deste; trátase dunha cita de despedida. Noutros dos casos a filla argúe, para convencer á nai, que o amigo morre d’amor por ela, como en B 730, V 331, de Afonso Mendez de Besteiros; con frecuencia a razón que dá é a presenza  segura ou probábel do amigo nun lugar de romaría, como é o caso das cantigas de Johan Servando B 1148, V 740, e B 1149, V 741, por pór un exemplo das denominadas cantigas de santuario; pero a combinación dos motivos da petición de permiso á nai, do encontro co amigo e da partida/separación non se rexistra máis ca na cantiga do noso clérigo, salvo erro.

 

[5]  Aplicando o concepto no sentido amplo que propón V. Beltran, habería que falar aquí dun caso de dobre sobre o termo madre, a pesar de non aparecer sempre na mesma altura estructural.

 

[6]  Noutra cantiga de Johan Soarez Coelho, B 690, V 292, a incerteza da moza vai aínda máis alá:

Ai, Deus, a vo-lo digo:
foi-s’or’o meu amigo:
e se o verei, velida (Amigo 123).

 

[7]  Para o uso desta expresión e os seus múltiples valores cf. S. Spina, 1966: 176-185, onde alude explícitamente ao “sentido vago” que ten no noso texto (pp. 183-184).

 
   Servizo de publicacións da Universidade de Vigo - 2010 Xosé Bieito Arias Freixedo