Cantigas: | I | II | III | IV | V | VI | VII | VIII | IX | X | XI | XII | XIII | XIV | XV | XVI | XVII | XVIII | XIX | XX | XXI | XXII | XXIII | XXIV | XXV |
1. BRAGA que muyt'ey. NUNES completa o verso da seguinte maneira: ai, madre, que queixum'ei. PAXECO-MACHADO A y! madre, que [muyt] ey talvez seguindo a Braga. A reconstrución que fai Nunes non respecta o texto manuscrito e non nos parece convincente, xa que ademais de resultar cacofónica, non solucionaría a hipometría do verso. O mesmo ocorre coa proposta por Braga e PAXECO-MACHADO. Tavani (RM, p. 336) segue a Nunes para a reconstrución do verso no Indice dei primi versi, pero soluciona o problema da hipometría: Ay, madre, que [queixu]me ey. O substantivo queixume rexístrase en varias ocasións, nas cantigas de amigo, como complemento do verbo aver, pero sempre formando parte da locución aver queixume de (alguén): normalmente a amiga do amigo (cf. B 695, V 296), ou viceversa (cf. V 372, B 788; V 373, B 789) [1] . Nesta última cantiga, no v. 7, rexístrase o único caso da locución sen a preposición de: Porque ouv[e] el queixume, os meus / olhos choraron, se ben pode entenderse que a segunda parte da locución está elidida neste caso, pois aparece completa xa na primeira estrofa e volve aparecer de novo na terceira. Ademais, nesta mesma cantiga rexístrase un total de tres veces unha locución formalmente simétrica da que estamos a tratar, pero conceptualmente antónima: perder queixume de (alguén).
Nas cantigas de amor, sempre que aparece o termo queixume, ata onde puidemos comprobar, é acompañado do verbo aver e formando parte da locución citada arriba aver queixume de (alguén)(cf. B 253, Michaëlis, CA, nº 132) ou de (algo personificado: olhos, Amor) (cf. V 28, Michaëlis, CA, nº 454).
Mettmann, no glosario das Cantigas de Santa Maria, rexistra o termo emparellado co verbo aver nunha ocasión, e formando tamén parte dunha locución equivalente á que aquí se está tratando: aver queixume + adverbio (de alguén): quen lle fezesse nojo/ ond'ouvesse queixume (CSM, I, nº116, v. 31).
Por todo o que levamos visto, a expresión aver queixume de equivale a 'ter queixa de', e desde o punto de vista semántico, o substantivo non parece denotar un sentimento, senón que, como integrante da locución, parece levar implícita unha idea de 'transitividade', de relación entre a persoa que ten motivos para queixarse e a que orixina eses motivos de queixa, e sempre entre dúas persoas (ou entes personificados). Nunca coinciden a persoa que se queixa coa que provoca esa queixa, por dicilo doutro xeito; circunstancia que si debería darse no noso texto, de ser válida a reconstrución proposta por Nunes e mellorada por Tavani, xa que a moza sufriría un queixume que ela mesma orixinaría: e o motivo sería que non vi o meu amigo/ u el falasse comigo! (cf. nota ao verso seguinte).
R. COHEN, máis recentemente, edita con que mui[t’ eu err]ei, e propón varias outras posibilidades de reconstrución do verso, a primeira delas coincidente coa que se propón na nosa versión, e todas elas máis sólidas que as das edicións precedentes: que mui[to err]ei; que mui[to lh’err]ei; que mui[t’ eu lh’ err]ei; que mui[t’ i err]ei e que mui[t’ errad]’ ei.
A nosa proposta de reconstrución do verso, que non deixa de ser unha conxectura, [2] está baseada no cotexo desta cantiga con outros textos que tratan motivos comúns, en particular o motivo da sanha do amigo (cf. infra o comentario do contido). Tamén tivemos en conta que a expresión ponderativa que muito!, co valor de ‘canto, en qué gran medida’, é empregada polo noso autor na cantiga IV.
2. NUNES veo. Esta troca da forma uy o de V e uy quier de B (Nunes le uy qmer), onde aparece a primeira persoa de perfecto do verbo veer, pola terceira persoa de perfecto do verbo viir, ten unha explicación: o propio Nunes recoñece en nota a este verso -que "completa queixume do verso precedente" - que "a maneira mais corrente de dizer seria: ei queixume de meu amigo que non veo, etc." (Amigo, III: 240), e é precisamente isto, que o queixume deba terse con respecto a alguén, o que o leva a modificar, como acabamos de ver, o verbo vy (de veer) por veo (de viir), para a moza poder ter queixa do amigo que non acode á cita amorosa. Contra a interpretación errada de Nunes, que asocia o verso ao tópico moi frecuente consistente en que o amigo non acode (non veo) á cita, provocando a tamén tópica sanha da moza ou a precocupación desta pola sorte do amigo, neste caso trátase de que é a propia moza a que di que non viu (non vi) o amigo, polo que o texto forma parte doutro conxunto de cantigas asociadas conceptualmente por presentaren outros motivos comúns, como o do amigo assanhado. Remitimos unha vez máis para a análise dos contidos.
PAXECO-MACHADO len o meu en B, ou ben esquecen dar a lectura diplomática no cadro das variantes.
3. BRAGA segue a lectura diplomática de Monaci, polo que ao non incluír o adverbio inicial o verso ten unha sílaba menos. PAXECO-MACHADO Qu el , interpretan como Q o H inicial do manuscrito.
6-7. BRAGA e NUNES consideran que hai un terceiro verso de refrán (cf. transcricións manuscritas).
BRAGA hu el . Interpreta o uel da lección diplomática de Monaci como amálgama do adverbio u e mailo pronome el, e seguindo os seus criterios de edición, grafa o primeiro engadindo un h inicial. NUNES vel interprétaa como conxunción concesiva e no seu ‘Glossário’, remitindo a este mesmo contexto, dálle o valor de 'embora'. (Amigo, III: 700, s.v. vel). PAXECO-MACHADO Vel.
Aínda que certamente se lle podería buscar sentido a ese hipotético terceiro verso do refrán, como veremos, consideramos que hai argumentos sólidos, sobre todo de carácter métrico e semántico, como para considerar que ese verso hipotético se debe a un erro de copia, e que é preferíbel e máis correcto editar un refrán de dous versos, tal como se fai na edición de COHEN.
O esquema abba CC que queda se non se edita ese hipotético verso terceiro do refrán, é o máis frecuente con diferenza na obra do noso autor, e tamén no conxunto da escola galego-portuguesa. De editar ese hipotético verso terceiro do refrán, na primeira estrofa este mantería a rima B dos versos 2 e 3. Mais nas etrofas II e III rexistraríase unha dupla irregularidade. Por un lado ese verso ficaría solto na estrofa, sen rimar con ningún outro, e por outro lado significaría un cambio do esquema estrófico das estrofas II e III con respecto a I, pois en I este hipotético terceiro verso do refrán repetiría a rima B mentres que en II e III introduciría unha nova rima D.
Non deixaría de ser anómala, tamén, a repetición literal dos vv. 3 e 7, exclusiva da primeira estrofa e ausente por completo nas outras dúas. Todo o cal, considerado en conxunto e no conxunto da obra de Roi Fernandiz significaría unha irregularidade demasiado flagrante.
En principio, tanto a lectura u el (adverbio + pronome) coma vel (conxunción) parecen posíbeis a partir dos manuscritos. Pero hai que ter en conta varios puntos: tanto en B coma en V, o adverbio u a principio de verso vai sempre grafado hu (salvo rarísima excepción coma a lección de V, do v. 4 da cantiga de Afonso Sanchez V 19, B 408), como se ve no verso 3 desta mesma cantiga, e outras palabras que comezan pola vogal u a principio de verso, tamén se grafan co u precedido de h. Por outro lado, tanto en B coma en V a grafía u emprégase tanto con valor consonántico coma con valor vocálico, pero a principio de verso, salvo erro noso, só en ocasións rarísimas como a citada aquí arriba se utiliza a grafía u con valor vocálico, e si con valor consonántico: ui, uos. Con valor exclusivamente consonántico e só a principio de verso, o copista de B utiliza tamén a grafía v maiúsculo co primeiro hastil máis alto, que é a grafía que emprega neste caso, polo que nos inclinamos pola lectura vel.
De todas formas tanto a grafía de B coma a de V poden proceder dunha grafía anterior común u. En A o adverbio u e outras palabras que comezan por u en inicio de verso represéntase sen h, de aí que a posibilidade das dúas interpretacións siga en pé.
Seguindo a interpretación de Braga, o verso u el falasse comigo, ten sentido no conxunto da cantiga, nas tres cobras en que aparece. Na primeira cobra sería repetición literal do v. 3 e cerraría perfectamente a problemática presentada por este: a amiga quéixaselle á nai porque non viu o amigo en circunstancias 'onde puidese falar con ela'. Supono tan enfadado que coida que, aínda falándolle, non será quen de telo de novo por 'amigo', no momento ou lugar en que el falase con ela.
A lectura de Nunes, vel [el] falasse comigo, desde o punto de vista do engarzamento do sentido do verso no conxunto da composición, parece moi clara a primeira vista. Pero existe unha circunstancia que hai que ter en conta: o significado concesivo que Nunes lle outorga á conxunción vel ('embora', aínda que) non está xustificado historicamente. A conxunción vel, orixinariamente disxuntiva, non está rexistrada con valor concesivo nin nos glosarios nin nos estudos gramaticais sobre a lingua da época. Dos distintos valores con que se rexistra na lingua medieval (cf. C. de Azevedo Maia, 1986: 878, onde tamén se citan algúns glosarios que recollen o termo), o único que lle acae no contexto en que nós a atopamos é o de 'polo menos, sequera'; valor idéntico ao que lle dá Panunzio (Ppon: 83) a esta conxunción no v. 21 da cantiga de amor Se eu podesse desamar (B 980, V 567, A 289) e ao que ten, por exemplo, no v. 5 da cantiga B 1588, V 1120 de Afonso Eanes do Coton (Lapa, Escarnho, 46).
Descartada a interpretación de Nunes, editor que outorga valor concesivo á partícula vel, poderíase interpretar esta partícula co significado de 'polo menos, sequera', o máis común con que aparece rexistrada nos glosarios. O verso concentra en si e expresa toda a dúbida e inseguridade que asaltan o corazón da amiga que, arrepentida por non ver o amigo u el falasse con ela (v. 3), e aínda que conta co permiso da nai para irlle falar, polo desassanhar, ten tal temor polo seu mal feito que se consideraría satisfeita se el 'sequera, polo menos, falase con ela' (vel falasse comigo). O posíbel argumento en contra da opción vel, de que o trístico do refrán sería polimétrico, ao ser os dous primeiros versos heptasílabos e o terceiro hexasílabo, non o sería tanto se consideramos que son relativamente frecuentes os refráns polimétricos (cf. Tavani, RM: 299-314. Son as páxinas do Indice delle formule sillabiche relativas ás Strofe polimetriche, se ben é preciso comprobar na sección do Repertorio metrico se se trata de versos do refrán ou do corpo da estrofa, xa que só nesta sección están diferenciados tipograficamente. Tavani considera polimétrico o refrán desta cantiga).
Sería unha interpretación complexa, certamente, mais a outra hipotética opción, u el, non podería considerarse precisamente unha lectio facilior se interpretamos que está baseada tamén na polisemia do verbo falar. O v. 3: u el falasse comigo e o hipotético terceiro verso do refrán: u el falasse comigo, aparentemente idénticos, expresarían conceptos moi distintos. No primeiro caso trátase dunha cita amorosa (que polas razóns que sexan, non tivo lugar), mentres que no segundo caso se trata dun simple diálogo, unha conversa normal, de dúas persoas entre as que houbo unha relación amorosa, agora xa finalizada (ese é polo menos o temor da moza): 'de que me vale falarlle, se non podería facer que no intre en que falase (conversase) comigo o fixese como 'amigo'?
Como se ve, ademais das cuestións métricas aludidas máis arriba, tanto a versión de BRAGA como a de NUNES resultan problemáticas por outras razóns, quer gráficas, quer semánticas. A rotundidade dos dous versos do refrán cadra co verso precedente, que nas estrofas II e III non admitiría a matización do verso hipotético nin desde o punto de vista semántico nin sintáctico. Pensamos que existen argumentos sólidos para concordar coa edición de COHEN.
10. BRAGA s'é vos en sabor que edes Lectura errónea, derivada da lectura diplomática de Monaci de V.
17. BRAGA, PAXECO-MACHADO pois lhi say demandado. NUNES pois lhi assi ei demandado , cambia o texto dos manuscritos porque se lle "afigura deturpado no texto" (cf. Amigo, III: 240) e altera o significado por completo.
Estamos ante un rexistro da expresión sair de mandado, que significa ‘desobedecer, faltar ao acordado’. Esta expresión documéntase, dentro do xénero da canción feminina, nas cantigas V 303, B 702 de Fernan Fernandez Cogominho, no refrán; V 310, B 709 de Gonçal’Eanes do Vinhal (v. 12); V 382, B 798 de Nuno Perez Sandeu (v. 9); V 391, B 807 de Fernan Froiaz (vv. 13-14); V 709, B 1118 de Pero de Berdia (v. 13) e V 747, B 1144 de Johan Servando (v. 9), entre outras.
Rexístrase ademais a expresión sair de mandado nunha cantiga de escarnio de Pero da Ponte (B 1646, V 1180): E, poys qu'[o á] o concelho/ dos cornos apoderado,/ quen lhi sayr de mandado/ fara-lh'el mao trebelho. O sentido parece claro: 'desobedecer, saír do mandado' (cf. Panunzio, Ppon: 181, onde remite ademais a outras documentacións, con este mesmo significado, rexistradas na Crónica Troyana).
Nunes, que como vimos altera o texto manuscrito, pon este verso en boca da nai; Braga non puntúa nin usa guións para marcar o diálogo, polo que non sabemos se fala a nai ou a filla. Pero é en boca da moza arrepentida pola súa desobediencia, por faltar ao acordado, onde a expresión comentada cobra todo o seu sentido. Ademais a forma verbal ten que ser bisílaba, por razóns de métrica, polo que queda descartada unha terceira persoa e polo tanto o suxeito só pode ser a moza, a non ser que, coma Nunes, alteremos a lección dos manuscritos. A este respecto hai que notar que no manuscrito da Vaticana sobre o a e o y de sayr, aprécianse dous puntos que poderían ter a función diacrítica de indicar que ese encontro debe resolverse en hiato.
Lemos lhi saí, aínda que é posíbel tamén a lectura lh'i saí, entendendo que a moza concretiza por medio do adverbio i a circunstancia en que faltou ao acordado co amigo.
[1] A locución aver queixume de/ende, rexístrase nas seguintes cantigas de amigo: V 683, B 1092; V 271, B 668; V 282, B 680; V 296, B 695; V 325, B 723; V 372, B 788; V 373, B 789; V 603, B 1013; V 845, B 1240.
[2] É este un deses casos para os que A. Blecua, (1983: 125-126) afirma que “la conjetura, sin embargo, es recomendable siempre que exista un locus criticus oscuro, porque de este modo se llama la atención sobre él y permite un diálogo -o un debate- filológico que enriquece el conocimiento del texto”.
Servizo de publicacións da Universidade de Vigo - 2010 | Xosé Bieito Arias Freixedo |