Cantigas: | I | II | III | IV | V | VI | VII | VIII | IX | X | XI | XII | XIII | XIV | XV | XVI | XVII | XVIII | XIX | XX | XXI | XXII | XXIII | XXIV | XXV |
2-3. A nosa interpretación destes dous versos baséase nun desdobramento do eu lírico, tan frecuente na escola, que consideramos se dá aquí (cf. Casas Rigall, 1993). Se en moitas ocasións os poetas galego-portugueses ven cómo os seus ollos ou o seu corazón actúan con vontade propia, neste caso a fórmula para referirse á amada móstranos unha senhor detentora do poder sobre o poeta e sobre o seu corazón, para enfatizar a dependencia feudo-vasalática: senhor do meu coraçon/ e de mi. Esther Corral (1996: 113) prolonga o sintagma de referencia á amada considerando o termo ben como un substantivo: senhor do meu coraçon/ e de mi ben. Nós consideramos este termo como adverbio dependente de cuidav’. De todos os xeitos, non hai dúbida que o poeta buscou crear un paso ambiguo, de non doada interpretación para o auditorio, xogando coa posibilidade de interpretar como substantivo ou como adverbio a forma ben.
3. NUNES, que en B le cuydan e en V le cuydar, transcribe como imperfecto de indicativo: cuydav'enton. A lectura de B, dubidosa entre cuydan ou cuydau, permite, en todo caso, a interpretación de Nunes como imperfecto de indicativo: cuydav'entón, que é a lectura que nós adoptamos.
Nunes apunta a posibilidade de que quizais haxa que ler eu en vez de e ao principio do verso, probabelmente porque considera o e inicial do v. 3 como nexo copulativo de dúas oracións coordinadas distribuídas ao longo dos vv. 1 e 2 a primeira e 3, 4 e 5 a segunda. Por iso se ve obrigado, no verso quinto, a facer unha pausa despois de visse. En realidade o e inicial do v. 3 só une dúas frases preposicionais que modifican a senhor.
5. BRAGA visse; poyl-a , NUNES visse; poil'a e PAXECO-MACHADO uysse, poy la , con pausa e interpretando o e como parte do sufixo modal-temporal do verbo. Aceptando esta lectura como posíbel en última instancia, nós interpretarmos o e como conxunción, e consideramos que o e final do morfema verbal está elidido (cf. Cunha, 1961: 33-36). Por outra parte, tanto a conxunción que coma o pronome a, manteñen a súa independencia silábica (cf. Cunha, 1961: 58-74 e 135-165 para a conxunción, e p. 37).
6. BRAGA des hi afastándose de xeito extraño da correcta lectura diplomática de Monaci. Mais adopta a lectura do italiano, desy, sen analizala, nos versos 12 e 18.
8. O posesivo mia é monosílabo.
10. BRAGA teer em, interpreta em como preposición (lat. in), co que o significado da expresión teer em rem sería 'non ter en consideración, non ter en conta (dada a súa pouca importancia)'. Pensamos que é esta a lectura correcta, tendo en conta que a expresión teer en ren se rexistra noutra ocasión con este valor na obra do noso autor (cf. cantiga XVI, v. 10 non o terria ja en ren), así como na doutros autores, por exemplo Pero d’Armea, que a emprega nunha cantiga que garda moitas similitudes coa nosa, como veremos: B 1081, V 673 se eu já muy gram coyta tenh’en ren (Amor, 223, refrán).
Deixamos aberta, así e todo, a posibilidade dunha interpretación diferente para este caso, onde no en dos manuscritos poderiamos ver a forma abreviada do pronome demostrativo ende (lat. inde); o significado da expresión sería: 'coidaba non ter nada diso (de 'quanta coita avia d'amor'), que a perdería toda'. Desta forma o significado de non...teer sería paralelo ao de perder e ao de quitar, da primeira e terceira estrofas. PAXECO-MACHADO ueer en ren. O manuscrito B, permite en efecto facer esta lectura: ueer én ren.
12. BRAGA desy (cf. nota ao v. 6).
16. MONACI coyta.
18. BRAGA desy (cf. nota ao v. 6).
Servizo de publicacións da Universidade de Vigo - 2010 | Xosé Bieito Arias Freixedo |