Cantigas: I II III IV V VI VII VIII IX X XI XII XIII XIV XV XVI XVII XVIII XIX XX XXI XXII XXIII XXIV XXV

Cantiga: XIII      - Ora mi-o tenhan a mal sén

Comentario literario.

 

Contido e ornato estilístico.

Esta cantiga xira en torno a un tema común ás catro estrofas: a determinación do poeta de dicir aos catro ventos o moito que ama á súa señora. Trátase dun tema que aparece con non demasiada frecuencia e que, ao contrario do que ocorre no noso texto, case nunca o fai como tema principal [1] .

En cada estrofa o tema aparece matizado por algún motivo secundario dos que, entre os moitos que constitúen a tópica do xénero, adoitan aparecer relacionados con este. Estes motivos secundarios son presentados no inicio de cada estrofa como posíbeis (ou máis ben previsíbeis, por habituais) obstáculos ou impedimentos para que o poeta poida levar a cabo a súa determinación: dirá no seu cantar o mui gran ben que lle quere á súa senhor a pesar de que o acusen de tolo ou pouco axuizado (estrofa I) [2] ; dirá o ben que lle quere á súa dama sabendo que terá que gardarse moito dos que lle pregunten por quen troba e de que a propia senhor se decate de que é por ela (estrofa II) [3] ; dirá o ben que lle quere á súa dama amada sabendo que isto o obrigará a afastarse dela (estrofa III) [4] ; a aqueles que intenten quitarlle da cabeza esta decisión de dicir o ben que lle quere a súa senhor failles saber que nunca o lograrán (estrofa IV). Mediante esta sucesión alternada e antitética entre un previsíbel obstáculo e a decisión tomada polo trobador, conséguese ao longo das catro estrofas ponderar a firmeza desta, para a continuación, na fiinda, resolver o asunto por medio dun dos tópicos máis recorridos do xénero ao aclarar que son Deus e Amor os realmente responsábeis do desexo e que a el non lle queda máis remedio que resignarse e aceptalo, aínda que o fai -e isto é o máis salientábel-, cunha importante dose de ironía, se como pensamos, os dous versos finais poden interpretarse como a continuación se indica: ‘pois non terei esa sorte’ (a de que Deus e Amor fagan que deixe de querela).

Polo que respecta ao motivo do segredo do amor, a cantiga resulta peculiar, xa que o v. 7 é anfibolóxico, tanto se se considera o pronome tónico coma se se considera átono, de xeito que podería interpretarse, ou ben como “negarei canto poida, que vós non sodes a que eu vin”, ou ben como: “negareivos (a vós) canto puider, que non sodes a que eu vin”.

Unha vez máis, partindo de motivos tópicos, o noso poeta consegue crear unha peza interesante por medio dunha combinación, dosificación e distribución equilibrada dos mesmos, culminando o labor con ese lostregazo da ironía final. De novo vemos un poeta que lle concede un coidado especial aos aspectos relativos á dispositio das súas composicións: a ‘afouteza destemida’ do poeta que se mostra disposto a non deixar nunca de trobar (I), a gardar o segredo do nome da dama (II), a sufrir as consecuencias da separación (III) e a manter a decisión a pesar de que queiran convencelo do contrario (IV) -decisións firmes acumuladas ao longo das catro estrofas e que obedecen ao gran amor do poeta pola dama-, contrasta coa razón expresada na fiinda, onde esa aparente afouteza ou fortaleza de ánimo para enfrontarse a todas as dificultades, traballos e sufrimentos que conleva o amor, queda reducida á mera resignación, ao tópico do amor forzado por Deus e por Amor.

A unidade do poema está fortemente asegurada por medio dun bastante complexo entramado de repeticións. Á parte de ser todas coblas capfinidas (vid. supra o apartado relativo á métrica), o poeta distribúe estratexicamente ao longo de toda a cantiga as palabras chave do contido, de forma que se incide de principio a fin no tema principal e recorrente: ‘a decisión firme do poeta de dicir nos seus cantares o ben que lle quere á dama amada’. Así, as palabras dizer, ben e querer reaparecen unha e outra vez estrofa tras estrofa.

Dúas destas palabras chave atópanse nos cuartos versos de cada estrofa: dizer e ben (agás na primeira estrofa onde o verbo se adianta ao verso terceiro), de forma que este verso cuarto resulta moi similar nas catro estrofas tanto formalmente coma conceptualmente, e serve de transición entre o corpo das estrofas e o refrán, pois por medio deste verso estrofa e estribillo fúndense perfectamente tanto sintáctica coma semanticamente. Nas estrofas segunda, terceira e cuarta, a transición entre o corpo da estrofa e o refrán lógrase por medio dun hábil uso do hipérbaton.

Nas estrofas terceira e cuarta o termo ben, ademais de no cuarto verso, aparece tamén no inicio do primeiro (coblas capdenals).

Non debe descartarse que sobre o termo ben, repetido estratexicamente como se viu un total de seis ocasións ao longo da cantiga, poida sustentarse aínda outra interpretación baseada nunha lectura siléptica do termo nos versos cuartos de cada estrofa: na lectura que lle demos ata agora, a palabra formaría parte da usual expresión ponderativa do amor do poeta pola súa dama: querer gran ben (querer moito, amar). Mais ao mesmo tempo o substantivo ben ten un uso moi frecuente no xénero de amor, en expresións como fazer ben, aver ben da senhor, etc., onde o substantivo, que se presenta extremadamente polisémico, adoita equivaler segundo os casos, a ‘aceptación do namorado como pretendente, por parte da dama’, ‘poder veer a senhor’, etc.

A consideración de que é unha loucura (v. 1 Ora mi-o tenham a mal sén) e a razón para o rexeitamento por parte da dama (vv. 13-14 Ben tenh’eu que m’estranhará / esto de vós) estaría máis xustificada se o sentido velado que se desprende da afirmación do poeta é a súa decisión de pregoar aos catro ventos cal é o ben que quere da súa señora.

A presenza  do determinante o, lo en todos os casos, facilitando a confluencia dos dous significados, pode ser indicio de que esta ambivalencia non é azarosa, senón conscientemente buscada. De novo Roi Fernandiz nos volve mostrar o seu gusto polas vías do equívoco e a súa habelencia para manexarse por elas con extrema sutileza.

O outro termo do triángulo a que aludiamos antes, o verbo querer, non só aparece unha vez por estrofa por estar situado no estribillo, senón que se repite no segundo verso deste por medio dunha variación poliptótica. Na terceira e cuarta estrofas o verbo querer aparece repetido aínda unha terceira vez, neste caso dentro do corpo da estrofa, coa particularidade de que o significado non é o de ‘amar’, senón o de ‘desexar, ter vontade de’, o mesmo significado có que ten no primeiro verso da fiinda, onde tamén se repite.

Fóra destes tres termos é importante a repetición do pronome eu dúas veces no refrán e unha vez polo menos no corpo da estrofa (agás na cuarta) e mais na fiinda. Un total de trece ocorrencias en toda a cantiga, demasiadas para atribuílas ao carácter de comodín do termo, aínda que a súa función non sexa outra cá de elemento de ligazón dos versos da estrofa cos do refrán, por unha parte, e das diversas estrofas entre si e coa fiinda por outra: xa vimos como as tres primeiras estrofas eran capfinidas sobre a base desta palabra, que tamén serve como nexo entre o refrán da cuarta e a fiinda.

Ao longo da cantiga rexístrase unha aliteración do son martelante velar xordo, que incide na idea de fixación, de decisión firme, mesmo parece que dun testalán teimoso. O fonema aparece en inicial absoluta de verso en 13 dos 26 versos da cantiga. Se lle sumamos as seis ocasións en que aparece na segunda sílaba do verso, temos un total de 19 sobre 26. Ademais o fonema repítese ao longo da cantiga noutros puntos clave: no primeiro verso do refrán, na sílaba cuarta onde descansa o acento interno, polo que xoga tamén un papel importante no políptoto ou annominatio morfolóxica por flexión establecida entre os dous versos do estribillo (quero - querrei), políptoto que nas estrofas terceira e cuarta se estende ao corpo da estrofa combinándose con variación de significado do verbo (v. 15 e v. 20), tal e como ocorre na fiinda (querra (desexará, permitirá) - queira (ame)), aínda que só neste último caso podería falarse de antanaclase.

É precisamente neste contraste de significados do verbo querer entre os versos do refrán e os da fiinda, onde radica a ironía que resolve de forma totalmente inesperada a serie de motivos tópicos ata aí acumulados: o que ata aí parecía firmeza na decisión, resulta ser froito da resignación do poeta a amar, forzado por Deus e por Amor.

O mesmo son velar xordo volve aparecer na paronomasia do v. 20: quiser cousir.

É de notar tamén, por outras razóns, o circunloquio do v. 8, onde se denomina a senhor por medio da perífrase a que eu vi, xa que nesta definición compróbase unha vez máis ata que punto é produtiva nos xéneros amorosos a equivalencia dos verbos veer e amar [5] .

Destacan tamén a predilección por construcións negativas para expresar precisamente a idea contraria buscando a intensificación significativa do contido do discurso, tal como ocorre nos vv. 2-3; así como o hipérbato dos vv. 7-8, onde ademais se rexistra unha negación pleonástica que nunha lectura literal carece de lóxica xa que expresa a idea contraria á que o poeta quere transmitir.

 


[1]  Atopamos noutras cantigas o motivo concreto da intención do poeta de trobar pola señora amada, de dicir nos seus cantares o gran ben que lle quere. Por exemplo, a cantiga de Fernan Rodriguez de Calheiros B 62. Na primeira estrofa atopamos expresións moi próximas ás da primeira estrofa da nosa:

Pero que mia senhor non quer
que por ela trobe per ren,
nen que lhi diga quan gran ben
lhi quero, vel en meu cantar,
no-na leixarei a loar     (CA, 346)

Noutra cantiga deste mesmo autor (B 68) atopámolo xa rendido e manifestando o desexo contrario de ‘leixar de trobar’ pola senhor.

Tamén Don Denis desfalece nun momento determinado na perseverancia esixida ao amante cortés, e manifesta o seu desexo de deixar de trobar, na cantiga B 498, V 81:

Oy mays quer’eu já leixa’lo trobar
e quero-me desenparar d’Amor (Amor, 29).

Na cantiga B 1450, V 1060 de Johan de Gaia, o poeta decide probar outras vías de conquista e servizo amoroso, e o v. 7 da súa cantiga é totalmente idéntico ao primeiro verso da cantiga de Don Denis que acabamos de comentar, o que casa perfectamente co gusto de Johan de Gaia pola intertextualidade (cf. DLMGP: 345-346):

poys me non val trobar por mha senhor,
oymays quer’eu já leixar o trobar
E buscar outra razon, se poder,
per que possa esta dona servir (Amor, 264, vv. 6-9).

Pero é en Airas Nunes onde atopamos un espírito parecido ao do noso clérigo, de determinación de continuar trobando pola súa señora a pesar de todas as adversidades e críticas: en B 873, V 469 e B 885bis, V 457, o poeta móstrase alegre e trobador, e disposto a seguir trobando, porque Amor faino andar alegre e faino trobar e cantar pola senhor, a pesar de que os que amor non han o cousecen. A diferenza  é a ironía final do texto de Roi Fernandiz: en Airas Nunes a decisión é sincera.

 

[2]  Pois non ha recibir ningún ben ou prol a cambio. Cf. a cantiga A232/ V34 / B422 de Johan Garcia de Guilhade.

 

[3]  O motivo do segredo do amor, do ocultamento da identidade da senhor, unha das normas básicas do amor cortés, atópase con relativa frecuencia expresado polo mesmo termo que emprega o noso trobador, negar, en autores anteriores a el, e nas dúas vertentes que pode presentar este motivo encadrábel dentro do campo sémico da ‘Reserva da dama’ (cf. Tavani, 1986:121). Son a vertente do ocultamento da identidade da dama aos curiosos que lle veñen preguntar (cf. Brea, 1992 e 1993): por ex. Johan Soairez Somesso A 17 /B 110 e A 28/B 121; Martin Soarez A 48/B 160; Nuno Fernandez Torneol A 77/B 180 bis; Johan Soarez Coelho A 183, Pero Garcia Burgales A 85/ B 189 bis..., e a vertente da negación do amor á propia senhor por temor ás represalias desta: por ex. Pero Garcia Burgales A 87 /B 191 ou Johan Garcia de Guilhade B 427/V 39.

Un caso interesante de variación sobre este motivo constitúeo a cantiga B 375 de Afonso Mendez de Besteiros, onde nos versos que expresan o desexo de ser quen de manter o anonimato da dama ocúltase un dobre sentido dotado dunha forte carga irónica, o desexo de deixar de amar á senhor:

non querria deste mund(o) outro ben
se non poder negar quen quero ben
 
e per nega-l(o) eu cuidaria ben
a perder coitas e mal que a mi ven (CA, 436, refrán e fiinda).

 

[4]   A “obriga do amante de apartarse de onde ela reside” (Tavani, 1986:120) é outro dos tópicos máis recorridos dentro deste campo sémico da ‘reserva da dama’, e nesta ocasión está expresado por medio do verbo estranhar seguido da preposición de. O noso autor móstrase tamén aquí amante dos matices peculiares, ao utilizar un verbo bastante usado en contextos similares, cun significado diferente ao habitual (cf. nota ao verso).

 

[5]  Para o tópico dos ollos como vía de entrada do amor, cf. S. Spina (1966: 72-74), G. Tavani (1986: 127), V. Beltran (1995: 27-28 e 39) e en especial C. Alvar (1989). Como xa se viu noutras cantigas (I, VII, VIII, XII), no noso autor atópase con frecuencia o tópico do ‘amor a primeira vista’, do amor como sentimento repentino xurdido de forma irremediábel desde a primeira visión da dama. Na escola galego-portuguesa non se atopan reflexións ou opinións sobre a natureza do amor ou sobre cómo o amor entra polos ollos para ferir no corazón, como se atopan na escola siciliana e na lírica occitana; entre nós o tópico simplifica a súa expresión a fórmulas do tipo desque vos vi, desque eu vi, e outras similares, e incídese sempre no feito de que se trata dun amor a primeira vista, dun frechazo. Destácase que o amor e as súas consecuencias comezan desde o momento en que se ve á dama por primeira vez. Citaremos a título de exemplo, á parte das cantigas devanditas do noso autor, as cantigas B 44 de Monio Fernandez de Mirapeixe; B 81 de Vasco Fernandez Praga de Sandin; A 288, B 979, V 566 de Pero da Ponte; B1053, V 643 e 1054, V 644 de Martin Perez Alvin, ou B 1083, V 675 de Juião Bolseiro.

 
   Servizo de publicacións da Universidade de Vigo - 2010 Xosé Bieito Arias Freixedo