Cantigas: I II III IV V VI VII VIII IX X XI XII XIII XIV XV XVI XVII XVIII XIX XX XXI XXII XXIII XXIV XXV

Cantiga: XIII      - Ora mi-o tenhan a mal sén

Xustificación da edición.

 

7. Cabe tamén a posibilidade de interpretar o pronome como átono, aínda que o significado global do verso non varía substancialmente (cf. infra, o comentario do contido, en nota).

10. No final do verso faltan nos manuscritos dúas sílabas, que nós reconstruímos, como xa fixera Braga e posteriormente Nunes, como a primeira persoa do futuro do verbo dizer: direi. Sen dúbida é a única reconstitución posíbel, dado que o verbo se repite nas catro estrofas nucleando o paralelismo de tipo conceptual existente entre elas: todas se resumen na idea da 'absoluta determinación do poeta de dizer o ben que quere e quererá a senhor'.

11. MONACI ei, pero a lectura é claramente eu. Posibelmente o erro se debe a que nos versos 17 e 23 si é ei a lectura de V.

13. BRAGA  Bem tenho eu quem m'estranh'acá, engadindo un o ao verbo teer e un m á conxunción que converténdoa en indefinido, tentando buscarlle un sentido ao verso corrixindo carencias que os manuscritos non teñen, cando o único erro transmitido por estes é a confusión de c por r na última palabra do verso. Probabelmente Braga non acudiu neste punto á sección de notas da edición de Monaci (p. 435), onde se dá a interpretación correcta: m'estranhará, da lectura diplomática de V mestranhaca.

NUNES, en nota aos vv. 13-14 comenta: "O verbo estranhar afigura-se-me ter aqui significação passiva, equivalendo portanto à (sic) frase m'estranhará...de vós a vós m'estranhareis isto". Destas palabras deducimos que o editor portugués lle dá ao verbo estranhar o significado de 'censurar, desaprobar, criticar, etc.', que é o significado que os glosarios lle atribúen habitualmente, xunto a outros máis concretos relacionados con este, como poden ser o de punir, fazer justiça’ (cf. MICHAËLIS, Gloss, s. v.) ou o de ‘detestar’ (cf, METTMANN, CSM Glos, s. v.), pero o significado deste verbo no noso texto, onde aparece seguido da preposición de, é o de 'afastar, desterrar, etc'. MICHAËLIS (cf. Gloss, s. v. estranhar), afirma: "Em castelhano estrañar significa, como nas demais línguas neo-latinas, tornar estrangeiro, banir, expatriar, desterrar. (Ex. Los judios habian sido estrañados de los reinos de Castilla en 1462)”. Unha das reaccións máis típicas da senhor ao coñecer os sentimentos do poeta cara a ela, é a de obrigalo a afastarse (cf. TAVANI, 1986: 120) e pensamos que é a iso ao que se refire Roi Fernandiz coa expresión ‘m’estranhará de vós’, aínda que non se trate dun afastamento físico, senón dun desterro do poeta do pequeno lugar que ata ese momento podía ocupar na vida da senhor, non no seu corazón.

Rexístrase o verbo no seu significado habitual de ‘reprochar, criticar, censurar’ en autores anteriores ao noso, como Roi Queimado (A 130/ B 251); Vasco Rodriguez de Calvelo (A 301/ B993/ V 581); Johan Mendez de Besteiros (B 861/ V 447), citados xa por Tavani na súa edición de Airas Nunez, autor posterior a Roi Fernandiz que utilizou o verbo nun contexto semellante ao da nosa cantiga, aínda que aquí xa a touro pasado (B 884/ V 467, Nunes CXLIII e Tavani XII, por onde cito): dixe-ll’o ben que lle quer’e enton / [e]strañou-mi·o de guisa que sol / non me quis falar...

Na cantiga B 405, V 16 de Afonso Fernandez Cebolhilha, atopamos a expresión andar muit’estranho (de alguén) co significado de ‘afastarse, andar lonxe’: Sempr’averey muyt’estranho d’andar/ dos que am de ffalar en algũ(u) bem...

O lexema desempeña un papel clave na cantiga B 130 de Nun’ Eanes Cerzeo, onde aparecen as formas estranhas co valor de ‘alleas, descoñecidas’, estranho co valor de ‘alleo, afastado, hostil’, e estranhar co valor de ‘rexeitar, sentir alleo’.

16. BRAGA, NUNES é já, se ben este último admite que "é possível que é esteja por ei. Dado o paralelismo conceptual entre as catro estrofas, coidamos indubidábel que se trata da forma da P1 do Ind. Pres. do verbo aver, constituínte da perífrase aver a + infinitivo, aínda que un pouco disimulada polo hipérbato, que ao mesmo tempo que indica futuridade, cos adverbios ben e ja como coadxuvantes engade o significado de 'firme resolución, obrigatoriedade, necesidade'. No v. 22 desta mesma cantiga atopamos de novo a perífrase en cuestión. MICHAËLIS, (cf. Gloss, s. v. aver), recolle esta perífrase e dá unha lista de verbos que "dependem de aver a", entre eles dizer. Indica a ilustre filóloga que a expresión "exprime a ideia de necessidade", se ben os casos que rexistra co infinitivo dizer, desde o noso punto de vista, expresan exclusivamente a idea de futuro: (CA 43, vv. 26-28) e fiz mui mal-sen/ ca non mi-avi'a dizer nulha ren/ ond'eu nen outre fosse despagado; (CA 65, vv. 7-9) e pero sei que, pois m'ant'ela vir',/ non lh'ei a dizer ren/ de com'og'eu poderia guarir; (CA 341, vv. 16-17) non vo'l(o) ei a dizer,/ ca non [m']avedes a creer.

21. BRAGA que m'ei, ca m'ende , partindo da lectura diplomática de Monaci, dálle á secuencia o sentido de 'pois teño para min que diso...'. Pero existen problemas de hipermetría. A interpretación de pode como P1 do Ind. Pret., ademais de ser un caso excepcional no conxunto do corpus trobadoresco atentaría contra a consecutio temporum (entre pode e aja a dizer), o que fai inviábel esta interpretación; pode só pode ser considerado como persoa 3 do presente de indicativo, ou en último caso como persoa 3 do pretérito de indicativo (cf. por ex. MICHAËLIS, Gloss. e METTMANN, CSM. Glos., s. v. poder). NUNES que nunca me pode partir, prescinde do adverbio ende presente nos dous apógrafos e opta por darlle validez á conxunción trasmitida tanto por B coma por V, aínda que é probábel que esta se deba a un erro de copia nun estadio anterior da tradición manuscrita, dado que tanto o verso anterior coma os dous posteriores comezan por que.

A nosa lectura debe ser interpretada do seguinte xeito: 'nunca pode apartarme desa idea de dicir nos meus cantares canto vos quero...'. O suxeito de pode partir, que debe interpretarse con valor de futuro é o mesmo có de pod'unha ren creer e có de quiser cousir.

22. Para manter o isosilabismo é preciso facer sinalefa entre o a final de aja e a preposición a.

26. BRAGA que vol e'y queyra a partir da lectura de Monaci de V ; NUNES qu'eu ley[xar]-vos queyra. O verbo "leyxar " que reconstrúe Nunes non nos parece o máis apropiado, sobre todo tendo en conta que o suxeito é o trobador e non a senhor, quen si tería poder para "leyxar"; a non ser que o verbo leyxar se entenda co significado de afastarse fisicamente, o que non parece que deba facerse. Por outra banda, vus sería o único pronome átono deste tipo que non aparece abreviado no poema. PAXECO-MACHADO Que uo le [i]a non queyro , lectura que tampouco ten sentido. A nosa lectura está practicamente visíbel en B, quitando dúas letras: o a final de uolea, facilmente confundíbel cun u e o o final de quyro en vez dun a, co que tamén pode confundirse de maneira doada. Nótese ademais que en V aparece a forma rematada en a:   yra.

A nosa lectura ademais estaría apoiada na litote mesturada con políptoto que o trobador utiliza nos dous versos da fiinda: non querra.../ que...non queira.

 

   Servizo de publicacións da Universidade de Vigo - 2010 Xosé Bieito Arias Freixedo