Locus Criticus

Presentación

Hai xa uns anos, con motivo da nosa participación nunhas xornadas sobre edición de textos trobadorescos na Universidade Federal de São Paulo, onde tratamos algúns loci critici dos nosos cancioneiros medievais, das nosas conversas coa profesora Yara Frateschi agromou a idea de que conviría atopar un xeito para que todas aquelas persoas que estamos a traballar individualmente ou en grupos reducidos na edición da lírica trobadoresca a unha e a outra banda do Atlántico, puidesen poñer en común con outros investigadores as dificultades, dúbidas ou problemas con que se atopaban, así como consultar a opinión sobre as solucións propostas.

Non é preciso que haxa un océano por medio para que xurda unha dificultade oceánica de incomunicación: sempre se poden realizar consultas individuais entre os colegas a través do correo electrónico, mesmo con imaxes, mais isto resulta pouco práctico e, sobre todo, moi limitado.

Como participantes máis ou menos asiduos desde hai anos en blogs de diversa índole, hai xa tempo que barallamos a idea de aproveitar as características deste formato para o noso ámbito científico-académico. Precisamente, o seu carácter dinámico e áxil, que permite a contraposición de ideas en tempo real a milleiros de quilómetros de distancia, convérteo, desde o noso punto de vista, nunha ferramenta utilísima para a posta en común e o debate sobre cuestións diversas relativas á edición da lírica trobadoresca galego-portuguesa.

Velaquí está, pois, a ferramenta que, humildemente, poñemos ao dispor da comunidade de estudosos e estudosas da nosa poesía medieval para que, quen queira, participe activamente, tanto opinando e argumentando sobre os casos propostos por nós, como propondo o seu propio locus criticus para a análise e o debate colectivo. Sempre e en todo lugar, unha ferramenta aberta a quen pense que pode contribuír coas súas achegas. O obxectivo último do noso proxecto é o de sumar sinerxías para, entre todos, avanzar no coñecemento do noso eido de estudo e investigación.

Os contidos de Locus Criticus atinxirán principalmente cuestións ecdóticas, codicolóxicas e hermenéuticas relativas á edición da lírica profana, aínda que non excluímos a posibilidade de incluír temas relativos ás Cantigas de Santa María.

Inicialmente, na nosa primeira época (2009), propuxemos un tema cunha periodicidade mensual; nesta segunda época (2010-) a periodicidade dos números é trimestral, mais será, novamente, a propia evolución do foro de debate a que estableza a súa frecuencia.