Locus Criticus

Nº 14 A Crexent’ en sua mua baia (1º cuadrimestre 2012)

por el 14 de Febreiro de 2012, arquivado en Números recentes

A cantiga A por que perço o dormir (B 960, V 547) de Joan Airas de Santiago é unha composición invulgar no noso corpus trobadoresco: considerada pola crítica un ‘escarnio de amor’, nela percíbese unha gradual deriva cara ao ámbito da descortesía (a voz poética masculina remata expresando unha imaxinada relación física forzada coa muller que desexa, despois dun rapto tamén imaxinado).

O texto desta composición presenta unha dificultade que afecta á interpretación do v. 6 da primeira estrofa.

Velaí o contexto deste verso nos manuscritos:

Imaxe de B

Imaxe de B

Imaxe de V

Imaxe de V

 

O conglomerado dos manuscritos foi segmentado e interpretado de diversos xeitos polos sucesivos editores, que se poderían sintetizar así:

Braga, Paxeco-Machado, Fernández Pousa: a que x’en ten sua mua baya.

Bertolucci: a que xent’en sua mua baya.

Lapa: a que xe ten en sua mua baia.

José Luis Rodríguez, editor de Joan Airas, retoma a lectura dos primeiros editores (a que x’én ten sua mua baia), pois aínda que non é ‘plenamente satisfactoria’, é a máis achegada á literalidade dos manuscritos.

Máis recentemente, primeiro na edición das cantigas de escarnio (2003) e agora na edición en rede do corpus completo das cantigas medievais galego-portuguesas, Graça Videira Lopes propuxo unha nova liña de interpretación que parece ir na vía correcta. Na súa lectura deste verso, que se axusta tamén á literalidade dos manuscritos, identifícase o topónimo do lugar cara ao que a dama se dirixe: Quexente.

Este topónimo, que parece funcionar como marca de autoría, volve aparecer no v. 26, coa forma Crecente, e rexístrase aínda, coa forma palatalizada, noutra composición deste mesmo autor: a coñecida pastorela Pelo souto de Crexente, (B 967, V 554).

Mais esta nova lectura, que como se dixo parece ir na liña certa, presenta á súa vez un grave obstáculo lingüístico: a partir dun étimo CRESCIENTE, podería explicarse a palatalización da variante Crexente, e mesmo a absorción da semivogal na prepalatal (Creixente>Crexente), mais non ten explicación a desaparición da vibrante do grupo inicial [kr] para dar unha forma Quexente.

Partindo desta liña de lectura, proponse aquí que a solución ao problema talvez poida xurdir por vía da análise paleográfica: é posible considerar a existencia dun erro de copista, que escribiría <q> onde o exemplar do que copiaba lía <c>, nun contexto de pouco espazo de separación entre grafías e en que o <r> tiña un hastil longo propio da cursiva.

Trátase dun erro que, con lixeiras variantes, é relativamente frecuente nos nosos cancioneiros, como se pode comprobar, entre outros, nestes cinco exemplos de B e V que se citan a continuación:

-(B 1221, V 826, de Joan Baveca e Pedr’Amigo) v. 44. B, V: queede (por ‘creede’).

-(B 1300, V 904, de Estevan da Guarda) v. 15. V: qeer (por ‘creer’).

-(A 21, B 114, de Joan Soairez Somesso) v. 15. B: qressomal (con abreviatura sobre o <q>), (por ‘creç’ o mal’).

-(B 612, V 214, de Pero Larouco) v. 22. V: qede (por ‘creede’).

-(B 715, V 316, de Roi Queimado) v. 16. V: queerey (por ‘creerei’).

No caso que nos ocupa, en que os dous apógrafos len quexente, habería que pensar que o erro xa estaba no exemplar do que copiaban, cuxo copista se viu talvez condicionado erradamente polo <a> inicial do verso, que interpretou intuitivamente como artigo feminino introdutor dun relativo (a que), cando en realidade se trata dunha preposición indicativa de dirección.

Parece lexítimo, pois, ler neste verso a forma Crexente do topónimo, similar á que se rexistra na pastorela citada.

1 comentario para esta entrada:
  1. Os editores

    Dámoslle as grazas ó colega Paulo Leme pola súa atenta lectura, o que nos permitiu corrixir un erro na presentación desta entrada.

    Agradecémoslle tamén os comentarios positivos que nos fixo chegar sobre Locus Criticus.

Deixe un comentario