Locus Criticus

Nº 13 De quant’eu sempre desejei (4º trimestre 2011)

por el 15 de Decembro de 2011, arquivado en Cancioneiro da Ajuda, Números recentes

É sabido que en caso de lecturas diverxentes o Cancioneiro da Ajuda ofrece, na meirande parte das ocasións, unha versión mellor que a ofrecida polos cancioneiros da Biblioteca Nacional e da Vaticana. A maioría das más lecturas de B/V explícanse por erros de copia, ou por un hipotético intento de corrixir/ler erradamente un antígrafo xa deturpado (concretamente no proceso da ‘compilação geral’). Porén, algunhas variantes notábeis dificilmente se poden atribuír á mecánica do proceso de copia de manuscritos e poderían explicarse, talvez, pola variación/deturpación do texto ‘orixinal’ na súa circulación oral en medios profesionais xograrescos. Mais tamén se rexistran algúns exemplos de diverxencias de maior entidade que adoitan coincidir, canda outros indicios, na existencia dunha dupla tradición manuscrita para algúns dos autores (p. e. diferentes cantigas transmitidas).

Non é este o caso, porén, de Joan Soairez Somesso, para cuxa obra non parece haber indicios de peso que xustifiquen unha dupla transmisión manuscrita. A obra deste autor é transmitida por A e B, e tamén nesta oportunidade se cumpre a norma de que a lección de A é practicamente sempre mellor que a de B (A 14, B107; A20, B113; A 21, B114; A22, B115; A29, B122) ou equivalente (A16, B109).

Mais hai un caso, no derradeiro verso da cantiga A 15, B108, en que a versión de B, aparentemente, pode ser mellor que a do cancioneiro da Ajuda. O contexto da última estrofa é, nos dous cancioneiros, o que segue:

Imaxe de A 15

Imaxe de A 15

imaxe-de b-108

Imaxe-de B-108

Que C. Michaëlis edita, seguindo Ajuda, deste xeito:

E pois lh’eu est’ome tolher,
faça-m’ela mal, se poder,
e non o poderá fazer;
mais pod’entender, se quiser,
que logu’eu guardado serei
d’ela, e non a temerei
des que lh’eu esto feit’ouver.

Este último verso 28, en B presenta unha variante considerábel que non pode deberse a un erro de copia e que di: desque lh’este penhor preser.

E aquí xorden os interrogantes:

-Se, como parece evidente, non se trata dun erro de copia, cal é a orixe desta diverxencia?

-Polo menos en aparencia, a versión de A parece máis simple, unha lectio facilior, mais, éo en realidade?

-En todo caso, como actuar á hora de editar este verso?

As imaxes dixitalizadas dos textos completos poden atoparse na edición electrónica do Projeto Littera, onde en nota se afirma que a versión de B (desqlheste penhor puser) é “lição igualmente muito plausível” [http://www.Cantigas.fcsh.unl.pt/cantiga.asp?cdcant=81&pv=sin]

1 comentario para esta entrada:
  1. Rip Cohen

    It is not true that the readings of A are normally better than those of BV (A is usually better *metrically*, but by no means always). On many points of detail and of substance, the BV branch is superior. Here, clearly, B offers a more sound reading, guaranteed (I should think) by the irregular future subjunctive *preser*. A’s reading looks to me like a banalization of B’s.

Deixe un comentario