Locus Criticus

Nº 12: Já un s’achou con corpes (3º trimestre 2011)

por el 15 de Setembro de 2011, arquivado en Airas Perez Vuitoron

Unha non moi coñecida cantiga de Airas Perez Vuitoron (B 1483bis, V 1095; Lapa 85, RM 16, 11) presenta na versión máis divulgada, a de Manuel Rodrigues Lapa, algunhas  escollas editoriais que, pensamos, deben ser revisadas por non se axustaren como deberan á letra dos manuscritos.

Vexamos logo, antes de máis nada, os manuscritos e a seguir o texto da versión de Lapa.

nc2ba12_imaxe-de-b-1483bisB 1483bis nc2ba12_imaxe-de-v-1095V 1095
Já un s’achou con corpes, que fezeron
mui ben de vestir e logo lho deron;
e el baratou mui ben en filhá-lo:
já un s’achou con corpes, Martin Galo,
5 ca o vejo vestid’e de cavalo.
Já un s’achou con corpes na carreira,
ca o vej’andar com capa augadeira;
e, se non dou mao demo por vassalo,
já un s’achou con corpes, Martin Galo,
10 ca o vejo vestid’e de cavalo.
(Lapa, 85)

Nun noso traballo de hai uns anos (cfr. X. B. Arias, “A importancia do manuscrito”, 2004), propoñíase unha nova lectura do v. 8, que habería que interpretar como unha especie de xuramento co sentido de “se non é certo [a sospeita formulada nos versos anteriores], doume ao demo por seu vasalo”, isto é, “véndolle a alma ao diabo”; un equivalente ás expresións do galego actual ‘que me leve o demo / o demo me trague… se non…’; polo que o verso debería ser editado así:

E se non, dou-m’ao demo por vassalo.

Esta é, en efecto, a versión do verso que aparece na recentísima edición electrónica das Cantigas Medievais Galego-Portuguesas (Universidade Nova de Lisboa), dirixida por Graça Videira Lopes.

Mais mesmo nesta recente edición, mantéñense outras lecturas de Lapa que, como se dixo, diverxen dos manuscritos e merecen, coidamos, unha revisión conxunta. As diverxencias concéntranse no fragmento Já un s’achou con corpes, que aparece catro veces editado de xeito idéntico, nos vv. 1, 4, 6 e 9.
Dúas son as cuestións que se levantan:

-A primeira ten que ver coa interpretación (e modificación) do hu dos manuscritos, como pronome indefinido un: “Aquele um significa: uma certa pessoa”, di Lapa. Mais será precisa esta corrección cando os dous manuscritos len hu en todos os casos (un total de oito veces)?

-A outra cuestión problemática radica na forma corpes, que Lapa le en V, no primeiro verso, e para a que non atopa unha interpretación doada, mais que prefire á lección de B, torpes, que segundo el “também não faz bom sentido”. O certo é que tamén a lección de V é torpes tanto neste verso 1 como no v. 6. Só no v. 4 se le corpes en V, mentres que en B se le sempre torpes.

Neste caso somos da opinión de que se trata dun erro do copista de V, que con relativa frecuencia confunde *c* con *t*, tal como pode comprobarse nos versos 1, 8, 13 e 21 da cantiga V 1203 (Lapa 321) onde volve copiar de forma reiterada corpe(s) en vez de torpes(s).

Para atoparlle sentido á forma torpes no contido do texto coidamos que é necesario ter presente a cantiga que precede a esta nos cancioneiros (B 1483, V 1094), coa que se establece unha evidente relación intertextual e onde volve aparecer o xograr Martin Galo. Un sentido que estaría relacionado co valor de ‘feo, sucio, de maos costumes’ que tiña o termo TURPIS en latín, e para o que non é desatinado pensar aínda nun outro sentido oculto.

Non hai comentarios para esta entrada...

Deixe un comentario