Nº 10: Pois min amor non quer leixar (1º trimestre 2011)
por el 1 de Febreiro de 2011, arquivado en Airas Nunez, Números recentes
Na obra do clérigo Airas Nunez rexístrase un caso de notábel complexidade ecdótica que xa foi analizado a fondo, nas varias facetas que presenta, polo editor deste trobador, Giuseppe Tavani, na súa edición de 1963 (manexamos a edición galega: A poesía de Airas Nunez, Vigo: Galaxia, 1992). Sirva pois de pequena homenaxe ao grande mestre, esta volta a aquel seu traballo de hai case cincuenta anos.
A cuestión radica na presenza por duplicado nos cancioneiros quiñentistas (B873 e B885bis / V457 e V469) dunha das cantigas de amor, situadas nos lugares IV e XIV do total de quince composicións transmitidas por estes cancioneiros.
Partimos da idea xa indicada por Tavani de que se trata de dúas versións dun único texto poético.
Xunto coas imaxes de ambas as versións nos dous manuscritos, ofrecemos tamén as dúas versións editadas por Tavani, indicando as diverxencias máis salientábeis entre elas, aínda que non introduciremos aquí ningún argumento ou comentario nin do editor -que analizou os textos a fondo- nin propios.
A nosa intención é que, coa guía das variantes rexistradas por Tavani, poidamos mergullarnos comunalmente nos manuscritos para intentar dilucidar en toda a súa complexidade as vicisitudes sufridas por esta composición -na súa vertente textual- até que foi recollida por escrito, en versión dupla, polos cancioneiros quiñentistas.
Velaquí o texto da cantiga IV en B e V:
![]() |
![]() |
Velaquí o texto da cantiga XIV en B e V:
![]() |
![]() |
E velaquí o texto das cantigas IV e XIV na edición de G. Tavani:
![]() |
![]() |
As principais diverxencias entre ambas as versións son, moi esquematicamente, as seguintes:
a. Cambio na orde das estrofas I e II.
b. Carencia dun verso nas estrofas I e II (na cantiga IV).
c. Redistribución e reelaboración do contido no lugar onde falta o verso (na cantiga IV).
d. Encabezamento cos tres versos do refrán (na cantiga XIV), etc.
Son moitas e de moi diversa natureza as dúbidas e os interrogantes que se presentan: dende a tamén variada, e por veces aparentemente contraditoria, natureza das diverxencias entre ambas as versións, á decisión de editar dous textos ou un só e cómo.
Agardamos que a complexidade da cuestión formulada promova a participación.
23 de Novembro de 2010 a las 13:05
Tal como se indica na formulación, son diversos os problemas que presenta este caso. Un deles, tal vez o máis relevante, é o de se debemos considerar ou non o estribillo inicial como parte da composición. Tavani descarta esta opción, pois considera que se debe a unha confusión do amanuense: “en canto ó refrán, o carácter iterativo dos motivos introducidos nel fai descarta-la posibilidade de que na redacción orixinal este servise tamén de preludio a toda a composición: a súa posición no inicio do texto nº XIV probablemente sexa debida á intervención dos amanuenses, que puideron asimila-la estrofa caudada ó esquema do zéxel, moito máis coñecido ca aquela, sobre todo polo uso que del fixo Afonso X nas súas cancións marianas” (Tavani, 1992: 26). Unha vez descartado o estribillo inicial, a secuencia das estrofas na segunda das versións (XIV) sería, cando menos, sorprendente, pois comeza coa conxunción explicativa ca.
O certo é que a presenza duns versos de encabezamento é moi rara na lírica profana: só dez casos –á parte do que nos ocupa- entre as máis de 1500 cantigas. E eses dez casos non son nin moito menos homoxéneos, senón que presentan unha moi notábel variedade. Así, en dúas ocasións os versos de encabezamento non se repiten como refrán: son as coñecidas cantigas (16, 1) A lealdade da Bezerra… e (18, 28) O genete. No primeiro exemplo nin sequera comparten ningunha rima coas estrofas, mentres que no segundo si.
Nos casos restantes os versos de encabezamento si se repiten como refrán, mais a heteroxeneidade segue a ser notábel.
Coido que só en tres deles se podería falar estritamente de estrutura “zexelesca” ou de estrofa con volta. Serían as cantigas (49, 5) Ò, Rei Judeorum…, (147, 12) Par Deus, ai Dona Leonor e (147, 20) Un ricomaz, un ricomaz, que se axustarían a un esquema (AA/bbba/AA) onde o último verso da estrofa, a volta, retoma a rima do refrán, que é o esquema básico do zéxel.
Noutros casos si se emprega no corpo da estrofa algunha rima do refrán, pero non a rima inicial deste. Así na cantiga (49, 4) Lop’ Anaia non se vaia da que o hipotético esquema sería: (ABAB/cccbcb/ABAB).
Na cantiga (18, 32) Penhoremos o daian de Alfonso X, rexistramos outro tipo de estrutura menos regular en que tamén o último verso da estrofa introduce a rima do refrán, segundo este esquema: (AA/bbbaba/AA).
E noutra cantiga do propio Rei Sabio (18, 27) Non quer’eu donzela fea rexistramos aínda outra particularidade compositiva, pois os dous versos de encabezamento aparecen primeiro intercalados cos versos da estrofa e logo repetidos como refrán normal (AA/AbAb/AA).
Finalmente, na cantiga (10, 1) Poren Tareija Lopiz non quer Pero Marinho os versos introdutorios aparecen repetidos como refrán, pero non comparten ningunha rima cos versos das estrofas (AA/bbb/AA) e na cantiga (115, 5) Donas, veeredes a prol que lhi ten, atopamos outra peculiaridade pois só o segundo verso do dístico inicial é retomado como refrán: (AA/bbb/A).
Perante toda esta heteroxeneidade de estruturas tal vez non resultaría tan estraño atopar unha estrutura cun trístico de encabezamento que se repetise como refrán, independentemente do carácter caudado da estrofa. Os versos iniciais, como ocorre nas Cantigas de Santa Maria, condensan a razon sobre a que versa o resto da composición e constitúen unha unidade conceptual con sentido completo e pleno. No noso caso tamén ocorrería así e sería posíbel unha primeira estrofa xa explicativa iniciada pola conxunción ca. A concisión e a densidade conceptual dos versos introdutorios, que serían explicados/xustificados ao longo de varias estrofas, é compartida con outras das composicións aquí citadas, por exemplo a cantiga (10, 1), que a pesar de comezar cunha palabra gramatical non deixa de constituír unha unidade de contido pleno. En relación ao “carácter iterativo dos motivos introducidos no preludio” poderíase argumentar, por unha banda, que non hai nin moito menos unha repetición tan rechamante que resulte anómala e por outra que no estribillo inicial deste tipo de composicións se condensan, como se dixo, ideas que logo son ‘glosadas’ ou explicadas nas estrofas sucesivas, o que loxicamente leva á normal iteración dalgúns dos motivos introducidos no preludio, tal como tamén se pode comprobar no texto dalgunhas das cantigas citadas máis arriba.