Locus Criticus

Nº 9: Quer’ eu, amigas, o mundo loar (4º trimestre 2010)

por el 28 de Setembro de 2010, arquivado en Joan García de Guilhade

A cantiga de amigo (B 743, V 345) de Joan Garcia de Guilhade resulta moi orixinal pola linguaxe hiperbolizante do gozo amoroso. Aínda que o sentido xeral se percibe nidiamente, o texto presenta algunhas dificultades de edición, sobre todo na segunda estrofa e tamén na fiinda. Para evitar condicionar as interpretacións dos participantes non imos incluír nesta presentación as versións dos diversos editores. Limitarémonos a ofrecer as imaxes dos manuscritos e, para contextualizar o contido, o texto da primeira das estrofas, que non presenta problemas, na edición máis recente, de Rip Cohen.

Eis as imaxes dos manuscritos:

guilhade-b PDF Printing 600 dpi
(Imaxe de B) (Imaxe de V)

E velaquí o texto crítico da estrofa I, na edición citada de R. Cohen:

Quer’ eu, amigas, o mundo loar
por quanto ben m’ i Nostro Senhor fez;
fez me fremosa e de mui bon prez,
ar faz mi meu amigo muit’ amar;
aqueste mundo x’ est’ a melhor ren
das que Deus fez a quen El i faz ben.

Esperamos, xa que logo, as reflexións dos/das colegas a propósito dos lugares críticos sinalados: (i) versos 9-12 da segunda estrofa, (ii)versos 15-16 da terceira e (iii) fiinda.

2 comentarios para esta entrada:
  1. Rip Cohen

    I would just like to say that I see no problem in vv. 15-16. There is one place where we could alter the reading slightly, however. We could read *e con el pod’ eno mundo viver*, instead of *pode no* — an alternative that comes up scores of times in the MSS. I confess I spent a few hours considering different possible emendations in v. 10, but in the end I felt confident that the text as Nobiling prints it is correct.

  2. Bieito Arias

    1. Nos vv. 9-10 da segunda estrofa, na lección proposta por Nobiling corríxese a lección dos manuscritos e engádese unha conxunción copulativa no inicio do verso, ao tempo que se muda o xénero (con respecto a B) ou o número (con respecto a V) do substantivo:
    may-los amigos, que no mundo son,
    [e] amiga[s], muit’ ambos lezer an:

    Fronte a esta versión, que foi seguida en edicións posteriores, penso que aínda merece ser obxecto de consideración a miña proposta de 2003 (Antoloxía), que era esta:
    mai-los amigos que no mundo son
    amigos, muit[o] ambos lezer han.

    O masculino plural do v. 10 axústase á versión paleográfica de B, e ao mesmo tempo, na forma abreviada da terminación , o signo *9* , realizado neste manuscrito B dun xeito moi similar a un *a*, vemos a que podería ser a causa de que en V apareza a forma feminina (amiga), pois podería deberse a unha interpretación errada do signo *9* do exemplar como un *a*, por mor da escasa prolongación do trazo inferior (de feitura parecida á que presenta en B).
    Nesta versión o termo *amigos* refírese, nos dous casos (vv. 9 e 10), aos dous membros individuais dunha parella (indefinida) de namorados, e tamén aos dous membros da parella (el e ela) fai referencia o pronome indefinido *ambos* do v. 10.
    Penso que aquí existe un problema que podería invalidar a versión dada por Nobiling. A razón sería que o pronome indefinido *ambos* fai referencia a dúas unidades, aínda que sexan colectivos (*ambos equipos*), pero non pode facer referencia a grupos constituídos por varios individuos. Na lingua actual sería incorrecta unha construción do tipo: *os amigos e amigas do fillo asistiron, ambos, ao funeral*. Sería preciso que os especialistas na historia da lingua corroborasen ou negasen a incorrección desta construción na lingua medieval.
    Considero, pois, que é posíbel unha lectura baseada en B, se entendemos que a repetición do termo *amigos* ten unha función enfática, deste xeito: ‘para os amigos amigos, ou sexa, para os namorados que de verdade están namorados e poden gozar do seu amor, este mundo é moi pracenteiro.’
    Non sería preciso emendar o verso coa inclusión innecesaria da conxunción copulativa, pois a hipometría pode resolverse restaurando a vogal elidida do cuantificador *muit[o]*.
    Aínda sería posíbel unha variante desta interpretación na que o carácter enfático sobre o termo *amigos* se mantén plenamente, aínda que neste caso por medio do cuantificador *muito* que non modificaría a *lezer* senón a *amigos*. Sería esta:
    *mai-los amigos que no mundo son
    amigos muit[o], ambos lezer han.
    *

    Penso mesmo que, sen necesidade de incluír a conxunción copulativa, sería posíbel aínda outra lectura baseada en V, e para min preferíbel tamén á de Nobiling, que retomaría a interpelación do verso inicial dirixida ás amigas, en plural:
    *mai-los amigos que no mundo son,
    amiga[s], muit[o] ambos lezer han.*

    2. Outra cuestión é a da fiinda e a necesidade de resolver a hipometría dos dous versos, que se corrixe nas edicións existentes engadindo unha conxunción no primeiro verso:
    *[E] quen aquesto non tever por ben*
    e engadindo un adverbio ou un indefinido no segundo:
    Nobiling: *[ja] nunca lhi Deus dé*; Cohen: *nunca lhi deus [ar] dé*.

    Habería que comprobar se a dinámica das fiindas permite excepcionalmente un metro diferente ao das estrofas, pois neste caso concreto, o carácter sentencioso destes dous versos parece perfecto e moi contundente tal como está nos dous manuscritos.

Deixe un comentario