Locus Criticus

Arquivo de Maio, 2016

Nº 16: Joan Airas de Santiago. Don Pero Nunez era… (Abril 2016)

por en Mai.09, 2016, arquivado en - Joan Airas de Santiago, Números recentes

A cantiga de Joan Airas de Santiago (B 1468, V 1078, LP-RM 63:28) presenta no primeiro verso un paso aparentemente difícil de editar. Vexamos as imaxes dos dous primeiros versos nos manuscritos:

Imaxe de B

Imaxe de B
Imaxe de V
Imaxe de V

O locus criticus a que nos referimos está localizado no final do v. 1 e as edicións realizadas até agora foron presentadas polos editores como hipotéticas.

  • José Luís Rodríguez, na súa edición das cantigas do burgués compostelán edita: Don Pero Nunez era entorvado, e interpreta o termo entorvado como participio de pretérito de entorvar, que significaría: ‘turbar, transtornar’
  • Na web do ‘Projeto Littera’ dirixido por Graça Videira Lopes, edítase: Dom Pero Núnez era em tornado, e na nota explicativa interprétase como: “em giro, ou seja, em viagem de negócios”. E engádese o seguinte: “Poderíamos também ler era en tornado (tinha regressado), mas o pronome en (daí), utilizado neste primeiro verso e sem um referente anterior, não parece plausível. Seja como for, talvez não fosse impossível que o trovador fizesse aqui igualmente um jogo com entornado (bêbado, como na gíria que ainda hoje se usa)”.

Tratándose dunha cantiga en que o protagonista teme que a súa muller lle poña os cornos, intuímos que a lectura orixinal do texto deberá estar máis próxima á transmitida polo cancioneiro B. Por outra parte, a lectura de V non sería máis que un dos centos de casos de confusión gráfica de ‘c’ por ‘t’.
É preciso, pois, buscar argumentos para defender unha interpretación condicente co contido xeral da cantiga en que o motivo da infidelidade estea presente.
Consideramos que unha proposta plausíbel de lectura dos dous primeiros versos sería a seguinte:

Don Pero Nunez era en Cornado
e ia-s’a Santiag’albergar

O argumento para defender esta lectura é a existencia do topónimo Cornado perto de Santiago, rexistrado en documentos dos séculos XIII e XIV editados por Antonio López Ferreiro, tanto nos Fueros municipales de Santiago y su tierra como na Galicia Histórica, Colección Diplomática. Por exemplo, nun documento dos Foros municipais de Santiago de 1289 lese “Item em Cornado in Salgueiros I casal (…)ogo e teenno ora seus filos em preyto” e noutro de 1311 alúdese a un “Johan eans arcidiago de Cornado”. Noutros dous documentos recollidos na colección diplomática da Galicia Histórica, ambos de 1320, rexístrase outro “arcediago de Cornado” de nome Garcia Eans.

Joan Airas crearía así un xogo equívoco onomástico non moi escondido (en Cornado/encornado ‘con corna, cornudo’) que, situado xa no inicio do texto, indicaría o duplo sentido xocoso de toda a composición.

PS. Non podemos evitar lembrarnos dos e-mails que escribía un duque (agora ex) cando estaba en Palma.

Deixe un Comentario máis...