Locus Criticus

Arquivo de Febreiro, 2013

chamar-m’ han (per)jurada/ do amor

por en Feb.13, 2013, arquivado en D. Denis

O colega Rip Cohen proponnos analizar un paso do penúltimo verso da cantiga de D. Denis Mia madre velida (B 592, V 195).

Neste verso (v. 23), podemos ler como rimante a palabra periurada en V e a mesma palabra, sen punto sobre o <ı>, en B: perıurada.

Eis as dúas últimas estrofas nos apógrafos italianos:

Imaxe de B 592

Imaxe de V 195

Imaxe de B 592 Imaxe de V 195

(Para a versión íntegra dos textos manuscritos remitimos á páxina do Projeto Littera: http://www.cantigas.fcsh.unl.pt/cantiga.asp?cdcant=616&pv=sim)

O problema de edición radica en que se respectamos a lección dos manuscritos o verso resulta hipermétrico, fronte á perfecta isometría do resto da composición.

H. Lang, primeiro editor das cantigas de D. Denis, optou por prescindir da partícula inicial per- e leu o verso deste xeito: chamar-mh am jurada. Lectura que seguiría J. J. Nunes, con leves variacións gráficas: chamar-m’ an jurada. O significado que lle dan á palabra jurada no contexto das dúas últimas estrofas é o de ‘prometida, desposada, amada’.

En edicións posteriores, o propio Rip Cohen (500 Cantigas d’Amigo) cualifica a lectura de Lang como ‘imaginary’ e retoma a lección fiel aos manuscritos, malia a hipermetría do verso: chamar m’ án perjurada.

Graça V. Lopes, na máis recente edición en rede do Projeto Littera, edita tamén o verso hipermétrico segundo os manuscritos: chamar-m’-am perjurada, e dálle o sentido de ‘falso, que cometeu perjúrio’

Trátase, como vemos, dun locus criticus que atinxe dous aspectos da poética: a métrica e o sentido. Pode xustificarse unha funcionalidade específica para un verso hipermétrico, case conclusivo da cantiga, en relación ao contido global da mesma? Ten sentido o termo ‘perjurada’ (perjurada do amor) en relación ao resto da composición? Tería máis sentido o termo ‘jurada’ (jurada do amor) no conxunto do texto?

Deixe un Comentario máis...