Locus Criticus

Arquivo de Xuño, 2011

Nº 11: Vós, que soedes en corte morar (2º trimestre 2011)

por en Xuñ.15, 2011, arquivado en Martin Moxa

Retomamos a actividade do Locus Criticus propoñendo un debate sobre unha cantiga que presenta tamén unha dupla versión nos manuscritos. Trátase da tençon Vós, que soedes en corte morar, copiada en dúas versións con variantes significativas nos apógrafos italianos: en B 888, V 472 e en V 1036.
A situación da composición nos cancioneiros deu orixe tamén a unha discusión sobre a identidade dos dous trobadores contendentes, discusión que aínda non está cerrada, mais para a que o clérigo Martin Moxa e o xograr Lourenço son os que acadan un maior consenso, fronte á figura de D. Pedro de Portugal, conde Barcelos. G. Tavani e Luciana Stegagno, editores respectivamente das cantigas de Lourenço e de Moxa, así o consideraron no seu momento.
Á marxe da atribución, centraremos aquí o debate sobre cuestións textuais. As variantes máis significativas concéntranse sobre todo na terceira estrofa, aínda que non son exclusivas desta. Limitarémonos nun primeiro intre a ofrecer as versións manuscritas e a formular dúas cuestións.
Velaquí se reproducen as versións dos manuscritos (para facilitar a collatio situamos nunha columna B 888 e V 472, e noutra columna V 1036):

nc2ba11_imaxe-b-888
Versión de B 888
nc2ba11_imaxe-v-1036
(Versión de V 1036)
nc2ba11_imaxe-v-472
(Versión de V 472)

Coma no caso da cantiga de Airas Nunes do número anterior, é evidente que tamén estamos diante de dúas versións dun único texto poético. Mais como explicar as diverxencias máis notábeis entre elas? Pódense atribuír ao propio autor? Débense á mouvance sufrida pola composición na súa circulación oral nos medios profesionais, até que en dous momentos diferentes foi recollida por escrito? Son variantes debidas á intervención restauradora dun copista sobre un texto deturpado? En calquera caso, dada a entidade das variantes, para o editor ábrese un abano con distintas posibilidades á hora de realizar a edición do mesmo:

  1. Edítanse dúas versións textuais, unha baseada exclusivamente en B 888/V 472 e outra baseada en V 1036?
  2. Edítanse dúas versións textuais, unha baseada en B 888/V 472 e outra baseada en V 1036, pero recorrendo eventualmente ás variantes da outra versión?
  3. Edítase un só texto tomando como base unha das versións e eventualmente recorrendo ás variantes da outra versión? De facelo así, cal das versións tomamos como base da edición, B 888/V 472 ou V 1036?
Deixe un Comentario máis...