Locus Criticus

Arquivo de Xaneiro, 2010

Nº 6: A lealdade da Bezerra (I) (1º trimestre 2010)

por en Xan.27, 2010, arquivado en Airas Perez Vuitoron

Comezamos o novo ano propondo unha reflexión sobre unha cantiga de Airas Perez Vuitoron moi coñecida e citada, que se presenta problemática nalgúns pasos. Trátase da famosa sátira política contra os alcaides que traizoaron o rei Sancho II entregando os castelos ao conde de Boloña, o futuro Afonso III. Unha composición importante, como o demostra o feito de que foi editada, entre outros, polos autores das tres edicións colectivas clásicas: Dna. Carolina Michaëlis, José Joaquim Nunes e Manuel Rodrigues Lapa.

Como se dixo, o texto presenta máis dun paso conflitivo, mais centrarémonos polo de agora nun deles, e formularémolo brevemente.

Este primeiro locus criticus atópase no dístico introdutorio da cantiga B 1477, V 1088 (Lapa 78; LP 16,1). Quen non coñece estes versos da edición ‘vulgata’ de Lapa?:

A lealdade da Bezerra pela beira muito anda,/ben é que a nostra vendamos, pois que no-lo Papa manda.

Vexamos o que nos ofrecen os manuscritos:

Imaxe de B

Imaxe de B

Imaxe de V

Imaxe de V

Lapa segue a C. Michaëlis na emenda do v. 2, pois non lle atopan sentido ao texto transmitido polos apógrafos, mais a súa versión diverxe o suficiente da lección de B -único manuscrito que nos transmitiu estes versos de encabezamento da cantiga, pois non foron copiados en V, cuxo copista se limitou a escribir as dúas primeiras grafías seguidas de varios puntos- como para deter a nosa análise sobre ela.

A propia Michaëlis introduciu outra emenda no v. 1, onde leu : *dos Bezerras*.

Graça Videira Lopes (2003), pola súa parte, introduce no primeiro verso unha variante textual (*da* por *aa*) sobre o texto de Lapa, o que cambia tamén substancialmente o significado do verso, e unha mudanza importante na prosodia, ao darlle un ton exclamativo: A lealdade aa Bezerra pela beira muito anda! /Bem é que a nostra vendamos, pois que no-lo Papa manda.

Tamén neste caso a lectura diverxe da versión do ms. Ademais da mudanza citada, xustificada pola confusión relativamente frecuente de *a* por *d*, omite o *q* presente en B no v. 1, aínda que admite a posibilidade de mantelo, e tamén adopta a corrección de Michaëlis no v. 2: *vendamos*.

Velaquí algunhas das cuestións que se nos presentan: É preciso alterar a versión do manuscrito ou esta pode dar sentido? É preciso prescindir de *q* no v. 1? Que se le no v. 2 en B, onde os editores manteñen a lectura conxectural de Michaëlis *vendamos*? Pode haber outra posibilidade de emenda máis axustada desde o punto de vista paleográfico?

2 Comentarios máis...