Locus Criticus

Arquivo de Xuño, 2009

Nº 1: Eu atendend’o meu amigo (Xuño 2009)

por Administrador en Xuñ.25, 2009, arquivado en Airas Nunez, Números recentes

Queremos inaugurar locus criticus cunha das cantigas galego-portuguesas medievais máis universal. Por iso, traemos hoxe a este espazo de debate en rede a coñecida cantiga de amigo de Meendinho Sedia-m’eu na ermida de San Simión; máis concretamente centrarémonos na problemática edición do refrán desta emblemática composición. O desenvolvemento da cuestión é, excepcionalmente, un pouco longo, mais o complexo do caso e a abundancia de versións obrígannos.

Na versión ‘vulgata’ desta cantiga, que circulou sen ser cuestionada até non hai moitos anos, o corpo estrófico de dous versos ía seguido dun refrán tamén de dous versos: dous versos totalmente idénticos. Desde o punto de vista poético, o redobro do verso do refrán, funcionaba extraordinariamente ben e calou fondo no imaxinario do público actual, sobre todo despois da versión musicada de Amancio Prada co seu nostálxico Eu atendendo o meu amigo / eu atendendo o meu amigo.

Mais vexamos o que reflicten os manuscritos:

Versión do manuscrito B

Versión do manuscrito B

Versión do manuscrito V

Versión do manuscrito V

Versión do manuscrito K

Versión do manuscrito K

Esta lectura ‘tradicional’, co verso do refrán redobrado, ten a súa orixe na edición do Cancioneirinho das Trovas Antigas colligidas de um grande cancioneiro da Bibliotheca do Vaticano, do diplomático brasileiro F. Adolfo de Varnhagen. Para a súa edición de 1870, Varnhagen baseouse en parte, non no cancioneiro da Vaticana, senón nun por el denominado “Cancioneiro de um Grande de Hespanha”, cancioneiro desaparecido posteriormente e que parece que pode identificarse co manuscrito recentemente atopado por A. Askins na Bancroft Library de Berkeley (K), e que é considerado unha copia tardía de V.

Para editar o texto de Meendinho, Varnhagen segue unha transcrición que mandara facer do cancioneiro de Berkeley, o cal si omite o signo de abreviatura que había no seu antígrafo da Vaticana, polo que o razoamento do editor de considerar esas tres letras finais como abreviatura do verso do refrán, que debería ir redobrado, ten a súa lóxica, considerando que o hábito dos cancioneiros é o de abreviar os refráns a partir da segunda estrofa, reducíndoos a un fragmento máis ou menos longo do primeiro verso.

Carolina Michäelis, algúns anos despois, segue a edición de Varnhagen e edita tamén a cantiga con redobro do refrán, aínda que ela utilice posiblemente a edición paleográfica de E. Monaci, na que se transcribe V correctamente. E así o fixeron os editores sucesivos.

Foi G. Tavani quen, máis de cen anos despois, xa na década de 80 do século XX, chamou a atención sobre o feito de que esta versión tan divulgada, interiorizada polo imaxinario colectivo e tan comentada pola crítica, non respondía á realidade dos manuscritos. Tavani propuxo unha nova lectura en que a estrofa sería a habitual nas cantigas paralelísticas con leixaprén: un dístico monorrimo máis un refrán monóstico. Na súa versión interpreta a parte final do verso como unha conxunción copulativa seguida da forma de futuro do verbo vĩir: Eu atendend’ o meu amigu’! e verrá?

A nova proposta pasou desapercibida durante unha década e logo moi pouco a pouco foi desprazando a tradicional, aínda que non acabou de ser aceptada de vez.

Se volvemos analizar os manuscritos vemos que a proposta de Tavani presenta tamén unha serie de anomalías. Anomalías con respecto ao usus scribendi dos copistas respectivos de B e V. Por exemplo, unha das constatacións realizadas ao analizar o traballo do copista c no cancioneiro da Biblioteca Nacional é que este non abrevia nunca as formas de futuro verrá ou verria, e que, cando unha forma de futuro doutro verbo con vibrante múltiple aparece abreviada, as grafías correspondentes á vibrante múltiple (rr ou ir) nunca aparecen abreviadas, polo que os grafemas presentes no manuscrito no final do verso en cuestión non poderían ser a abreviatura completa de e verrá (cfr. X. B. Arias, “Sobre o refrán da cantiga de Meendinho. Análise das varias hipóteses de lectura”, in Actas do Congreso O mar das cantigas, M. Brea (ed.), Santiago de Compostela, Xunta de Galicia, 1996, p. 12).

Nunha edición das cantigas dos tres xograres homenaxeados no ano 1998 (CILRP 1998), con motivo do día das letras galegas, entre eles Meendinho, os editores aceptan a lectura de G. Tavani, mais introducen unha emenda que solucionaría esta dificultade. A súa lectura é: e ver[r]á , co que se dá por suposto que a abreviatura non representa a vibrante múltiple. (cfr. A. Fernández Guiadanes et al, Cantigas do Mar de Vigo, Santiago de Compostela, Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, 1998, pp. 68-70). Estes mesmos autores si rexistran unha vez a forma de futuro abreviada ũra, mais hai unha diferenza importante con respecto ao noso caso que non pode obviarse, e esta é que nesta ocasión si se rexistra a presenza dun <r> na palabra abreviada.

Alén das anteriores, aínda existen outras posibilidades de interpretar os manuscritos sen nos desviarmos dos datos que estes nos transmitiron.

Así, B. Arias propuxo en 2003 unha lectura fiel aos manuscritos que se podería explicar razoabelmente desde o punto de vista paleográfico. A súa proposta, de xeito resumido, sería esta: supoñamos unha versión anterior ao antígrafo de B/V. Nese antecedente común o copista cometeu un erro ao interpretar unha hipotética secuencia *euera do exemplar que copiaba (posibelmente un rótulo en letra gótica onde os conglomerados de palabras son moi frecuentes, así como a práctica inexistencia, nalgúns casos, de separación entre os distintos grafemas). Ante tal secuencia o copista leu abreviando o <e> e o <r>: e ũa ou eũ a, interpretando o u con valor consonántico, lección que logo pasou a B e a V e que é a causa de todas as nosas matinacións.

Porén, a lectura que se escondía no conglomerado *euera era estoutra: e u era, onde a grafía u ten valor vocálico e representa o adverbio de lugar (de do lat. UBI) e era é a forma da terceira persoa do copretérito do verbo seer. A anomalía orixinaríase así nese conglomerado de equívoca interpretación. O verso completo, ficaría, daquela, así: Eu atendend’ o meu amigo; e u era?

O hipotético conglomerado *euera, do que segundo a hipótese devandita derivan en última instancia as leccións de B e de V, aínda ten outra posibilidade de segmentación, que dá orixe a unha nova interpretación tamén admisible, a saber, eu era.

Rip Cohen no ano 2003 realiza na súa edición de 500 cantigas d’amigo unha nova proposta de interpretación, segundo a cal o verso ficaría así: eu atendendo meu amig’, e ũa. Nela, ũa tería un valor arcaico derivado do latín UNUS, que equivalería a “soa, sozinha” e que incidiría na circunstancia de extremada soidade en que se atopa a rapariga. Mais tamén neste caso esta interpretación non se corresponde co usus scribendi do copista de B, pois tanto na súa forma masculina como feminina, os derivados de UNUS latino aparecen escritos cun agá <h> inicial como apoio gráfico.

Fica claro, pois, que aínda no caso de cinxirse fielmente aos manuscritos, e de procurar buscarlle sentido á composición sen introducir emendas, por veces resulta complicado atopar unha solución plenamente satisfactoria, mesmo tratándose dunha cantiga amplamente coñecida e estudada.

18 Comentarios máis...