Locus Criticus

Alfonso X

Nº 4: Non me posso pagar tanto (II) (Outubro 2009)

por en Out.02, 2009, arquivado en Alfonso X, Números recentes

En paralelo coa extremadamente complexa cuestión da interpretación da cantiga do Rei Sabio, e tal como anunciamos no seu día, propomos agora centrar o debate nas cuestións textuais, sen que iso signifique que a discusión sobre aquela outra cuestión fique fechada.

Malia seren diversas as dificultades ecdóticas que se rexistran ao longo do texto, optamos por tratalas todas nunha única entrada. Por causa disto, e para manter unha mínima orde, faremos catro partes na formulación, unha por cada estrofa.

Sería conveniente, pois, que os comentarios dos participantes mantivesen a secuencia da cantiga e remitisen sempre ás estrofas e aos versos da mesma.

A versión de M. R. Lapa inserida na entrada anterior, poderá servir de referencia para o texto crítico.

Os diversos lugares críticos enúncianse de xeito moi sucinto e, tendo en conta que se achega a versión fotográfica dos dous manuscritos para facilitar a consulta, non incluímos transcricións paleográficas dos mesmos, para evitar condicionar as lecturas dos participantes.

Na edición de M. R. Lapa poden verse as versións de editores anteriores.

Versión de B480

Versión de V63

Versión de V 63

Cobra I.
I.4
v. 4. nen d’amor nen…: d’am[b]içon [Michaëlis], d’amiçon [Lollis], de mixon [Lapa], d’anviçon [Lanciani-Tavani], de misson [G. V. Lopes].

I.7
v. 7. Verso hipométrico: mui [mui] perigosas [Michaëlis], mui perigo[o]sas [Lapa], mui[to] perigosas [G. V. Lopes].

Cobra II.
II.21
v. 21. mais tragerei un…:   dormon [Michaëlis, Lapa], dornon [suxestión de Lapa, G. V. Lopes].

Cobra III.
III.27
v. 27. Verso hipermétrico: nen de lançar a…: tav(o)lado [Michaëlis], tavolado [Lapa, con nota aclaratoria da pronuncia trisilábica], tav’lado [G. V. Lopes, coa nota: (por tavolado)].

III.30
v. 30.  …nen de bafordar: oimais, [Michaëlis], aqui, [Lapa], adés, [G. V. Lopes].

III.31
v. 31.  e andar de…: noute [Michaëlis, Lapa, G. V. Lopes], noite (?).

III.33
v. 33   e o roldar [Michaëlis], e a roldar [Lapa, Lopes], e a rold’ar (?).

Cobra IV.
IV.42
v. 42.   …pod’enganar: já já me i [Lollis], já mais me [Michaëlis], nunca me [Lapa, Lopes].

IV.43-47
vv.43-47.
Michaëlis: en armas, ca non m’é dado. / Doado / m’e de ar én razõar, / pois las non ei de provar.
Lapa: en armas, ca non m’é dado / (doado / m’é de as eu razõar, / pois las non ei a provar),
G. V. Lopes: em armas, ca non m’é dado / doado / de me as eu razõar, / poi’las nom hei a provar.

A estas cuestións, e a algunha máis que eventualmente se poida propor ao longo do debate, hai que engadir a do termo alacrán, editado con nasal por todos os editores aínda que tal vez sen unha base sólida nos manuscritos.

6 Comentarios máis...

Nº 3: Non me posso pagar tanto (I) (Setembro 2009)

por en Set.08, 2009, arquivado en Alfonso X, Números recentes

A cantiga de Afonso X cuxo incipit encabeza esta nova entrada foi considerada de xeito unánime pola crítica, desde os seus inicios, como unha das obras cimeiras da lírica medieval peninsular. A temática, o ritmo, a métrica, a riqueza léxica, a sutileza retórica, todo é salientábel nesta composición. Mais esa unanimidade, como se sabe, desaparece e polarízase cando se trata de interpretar o texto.

Propoñemos, pois, actualizar un debate iniciado hai xa máis de cen anos, que perdurou ao longo de todo o século XX e no que aínda hoxe en día se manteñen opinións moi diverxentes.

Partiremos do texto da edición de Lapa (CEM), conscientes da necesaria revisión de varios loci critici que, espallados por toda a cantiga, non nos impiden podérmonos facer cunha idea cabal do sentido literal do conxunto e tomar esta versión como base para o debate. As cuestións ecdóticas aludidas serán tratadas en sucesivas entradas.

Velaquí a versión de Lapa:

  Non me posso pagar tanto
do canto
das aves, nen de seu son,
nen d’ amor nen de mixon
5 nen d’ armas -ca ei espanto
por quanto
mui perigo[o]sas son,
-come dun bon galeon,
que mi alongue muit’ aginha
10 deste demo da campinha,
u os alacrães son;
ca dentro no coraçon
senti deles a espinha!
 
E juro par Deus lo santo
15 que manto
non tragerei nen granhon,
nen terrei d’ amor razon
nen d’ armas, por que quebranto
e chanto
20 ven delas toda sazon;
mais tragerei un dormon,
e irei pela marinha
vendend’ azeit’ e farinha;
e fugirei do poçon
25 do alacran, ca eu non
lhi sei outra meezinha.
  Nen de lançar a tavolado
pagado
non sõo, se Deus m’ ampar,
30 aqui, nen de bafordar;
e andar de noute armado,
sen grado
o faço, e a roldar;
ca mais me pago do mar
35 que de seer cavaleiro;
ca eu foi já marinheiro
e quero-m’ ôi-mais guardar
do alacran, e tornar
ao que me foi primeiro.
 
40 E direi-vos un recado:
pecado
nunca me pod’ enganar
que me faça já falar
en armas, ca non m’ é dado
45 (doado
m’é de as eu razõar,
pois las non ei a provar);
ante quer’ andar sinlheiro
e ir come mercadeiro
50 algũa terra buscar,
u me non possan culpar
alacran negro nen veiro.
  (Lapa, CEM, nº 10)

Os eixes da polémica poderían resumirse nas seguintes cuestións:

  • Estamos perante unha cantiga de escarnio ou trátase dun sirventés moral?
  • Podemos identificar a voz poética coa do propio rei Afonso X? En que medida?

Non podemos expor aquí, por extenso, as diversas interpretacións que se sucederon ao longo do tempo; limitarémonos a anotar os argumentos fundamentais en que cada crítico basea a súa interpretación.

C. Michaëlis interpretou o texto como unha cantiga de escarnio e na nº V das súas Randglossen, [empregamos a tradución ao portugués: Glosas Marginais ao Cancioneiro Medieval Português, (Yara Frateschi Vieira et alii, Eds., Coimbra, 2004)], afirma que “Afonso X fala na primeira pessoa, mas evidentemente em nome e com o espírito de outrem, cujas confissões, talvez ouvidas casualmente, poderiam tê-lo divertido”.

C. de Lollis, contemporáneo de Michaëlis, criticou a interpretación desta -que ela sempre defendería- e propuxo unha lectura autobiográfica na que a desilusión e o desexo de renuncia presentes no poema non son poeticamente finxidos senón que obedecen a un sentimento persoal do propio rei. (“Per una canzone di Alfonso X”, en Studi di Filologia Romanza, VIII, 1901, pp. 380-386).

M. Rodrigues Lapa (Cantigas d’escarnho e de mal dizer, nº 10) extremará esta idea de que na composición se poden “adivinhar os verdadeiros sentimentos do autor”, de xeito que nesta cantiga “o pobre rei atraiçoado pela família e pelos nobres, desafoga o seu queixume e exprime nela uma necesidade imperiosa de evasão, que o distanciasse daquela rede de intrigas à sua volta”.

Lanciani e Tavani (As cantigas de escarnio, 1995: 145 e ss.) alertan sobre o perigo de “considerar que un poeta -medieval ou moderno- expresa espontánea e sinceramente os seus sentimentos” e inciden na “necesidade de avaliar os textos poéticos segundo os parámetros estéticos adecuados ó tempo e ó lugar da composición”. Poñen de manifesto, ademais, que a cantiga alfonsí presenta referencias intertextuais evidentes, que nos remontan ao exordio das cansós provenzais, aínda que desde unha perspectiva negativa; así como o desexo de abandonar as armas ‘porque son moi perigosas’, que contrasta ironicamente con outras composicións súas en que satiriza sarcasticamente a covardía dos seus cabaleiros; ou o motivo do mar, que consideran “unha referencia explícita á oposición entre o propio Afonso e, precisamente, o mar, sobre a que se artella a famosa cantiga de Pai Gomez Charinho” De quantas cousas eno mundo son.

Graça Videira Lopes (A sátira nos cancioneiros medievais galego-portugueses, 1994. pp. 157 e ss.) recupera e matiza a hipótese de C. Michaëlis, considerando que nesta cantiga de Afonso X se dá un caso de transferencia de voz, de xeito que o rei, que fala aparentemente en primeira persoa, en realidade está a falar por boca doutro personaxe. O argumento principal que manexa G. Videira baséase no feito de que o propio rei, noutra composición satírica, pon en boca dun non identificado Don Foan, cabaleiro que fuxira da guerra, palabras que “são estranhamente semelhantes ao universo deste sirventês, na sua clara recusa da guerra: (…) e diss’en essa ora: (…) E ao Demo vou acomendar prez deste mundo, e armas, e lidar, / ca non é jog’o de que omen chora” (LP 18, 13).  Segundo esta autora o halo romántico que a lectura autobiográfica permite, así como a forza da cantiga, non se verían diminuídos de vez, “sobretudo se entendermos a relação de certa forma mimética que o seu autor mantém com esse outro a quem aqui dá (daria) voz” (p. 159).

4 Comentarios máis...