Locus Criticus

Roi Paez de Ribela

Nº 2: E Deus vos fez por ben/mal de mi (Xullo 2009)

por Administrador en Xul.15, 2009, arquivado en Números recentes, Roi Paez de Ribela

Quen se dedica á edición de textos trobadorescos sabe da existencia de certos lugares de fronteiras incertas, onde atravesar esa liña difusa nos pode levar de empregar o paradigma como guía a caer na tentación do paradigma. Non é doado pisar firme neses terreos movedizos; ás veces, mesmo é imposíbel.

Un exemplo atopámolo na coñecida cantiga de Roi Paez de Ribela (A 198, B 349, LP 147, 12) que comeza:

Par Deus, ai dona Leonor,
gran ben vos fez Nostro Senhor!

Neste caso, os problemas de edición concéntranse na derradeira estrofa, para a que nos versos 23 e 24 os dous manuscritos ofrecen versións non só diferentes, senón antagónicas.

Vexamos o que din os manuscritos:

Versión de A

Versión de A

Versión de B

Versión de B

A lección dos versos en A, unha vez editada, é:
e Deus vos fez por ben de mi,
que ten comigo grand’amor

mentres que a versión de B é:
e Deus vos fez por mal de min,
que á comigo desamor

Cal das dúas é a versión máis achegada á intención do autor?

     Segundo a tradición manuscrita, deberíaselle dar prioridade á versión de A, e o certo é que na inmensa maioría dos casos este manuscrito ofrece unha lección mellor que a dos cancioneiros B e V. Mais se temos en conta unha serie de circunstancias que concorren neste caso concreto, a certeza non é absoluta nin moito menos.

     En primeiro lugar, a versión de B, onde a fermosura da dama é directamente proporcional  ao mal que lle causa ao poeta namorado, cadra perfectamente coa tópica do xénero da cantiga de amor, mentres que a versión de A choca frontalmente con esa tópica. Velaí a tensión entre o convencional, o ortodoxo e paradigmático e a diverxencia ou variación desviante.

     Porén, nunha cantiga en que xa no inicio se desvela o nome da amada, contravindo unha norma básica do amor cortés, pódese pensar que a lección de A buscaba ‘romper’ normas por diversas vías.

A cuestión adquire aínda novas perspectivas se tivermos en conta que unha análise do manuscrito da Ajuda nos desvela que a versión deste está corrixida por enriba, no verso 23, mentres que no v. 24 se percibe o raspado e a posterior emenda. Trátase dunha corrección complexa de explicar.

No propio cancioneiro da Ajuda temos moitos exemplos de como, no proceso de copia dun manuscrito das súas características, había un supervisor da copia, que o revisaba e anotaba na marxe as correccións que se debían facer. Mais neste caso concreto non hai ningunha anotación á marxe, e a corrección non segue o proceso habitual no manuscrito (raspado da tinta e copia da corrección), senón que no verso 23 está copiada por enriba da tinta da lección primeira (parece que o propio copista quixo trocar ben por mal, ou á inversa mal por ben), mentres que no verso 24 si se aprecia a rasura, mais a corrección está introducida dunha maneira moi ‘tosca’, como pode apreciarse na imaxe, e claramente por unha man diferente á do copista, o que talvez sexa indicio de dous momentos no proceso de corrección (quizais para evitar algunha incongruencia entre os dous versos).

Como explicar isto? Coincidía a versión primeira de A coa versión de B?

Á falta de consultar o orixinal de A, cumpriría confirmar no v. 23 cal era a lección primeira (coincidente ou diferente da versión de B/V?)  Se a lección de A no v. 23 era ben e no v. 24 A coincidía tamén coa lección desamor de B/V, habería unha clara incongruencia, o que levaría a unha ulterior corrección.

Se as correccións no v. 24 non foron anotadas na marxe, e aínda así foron feitas; e se polo xeito ‘groseiro’ de facelas o autor da emenda non é o mesmo que introduce coidadosamente moitas outras correccións anotadas nas marxes do manuscrito, de quen é obra? Haberá que pensar en dúas versións de autor da mesma cantiga? Ou haberá que pensar nunha modificación do texto orixinal do autor que incidía no aspecto desviante da cantiga? Será unha modificación espontánea introducida directamente no cancioneiro por un dos primeiros propietarios do mesmo? Os interrogantes poderían ser aínda moitos máis, e a dúbida sobre cal das dúas versións é a correcta segue sendo a mesma. Talvez un posíbel indicio do carácter tardío da modificación sexa o cambio da forma á de aver pola forma te˜ de te˜er, pois non sería preciso tal mudanza para inverter o sentido do verso, mais si se o que se pretendía era tamén un agiornamento da lingua.

12 Comentarios máis...