Locus Criticus

Roi Fernandiz clerigo de Santiago

Nº 8: que vos queirades, amigo, partir / de Sevilha… (3º trimestre 2010)

por en Mai.25, 2010, arquivado en Números recentes, Roi Fernandiz clerigo de Santiago

A piques de enviar á imprenta unha edición das cantigas do clérigo trobador Roi Fernandiz de Santiago gustaríame expor unha decisión editorial á competente opinión das persoas que seguen este sitio de análise e debate.

A cuestión atópase no refrán da cantiga nº 24 do corpus deste autor: Ora non dev’eu preçar parecer (B931, V519; LP 142, 6). Refrán que eu considero de dous versos, fronte ás edicións precedentes que o editan como monóstico.

Antes de máis, eis as imaxes dos manuscritos (en B hai un salto do recto ao verso do folio e en V hai un cambio de columna)

imaxe-de-b-a

imaxe-de-b-b

(imaxe de B)

imaxe-de-v-a

imaxe-de-v-b

(imaxe de V)

Tentarei ser breve na exposición do asunto e dos argumentos:

En B, á altura do v. 1, na marxe dereita, unha cruz (+), probabelmente da man de Colocci, indica que a cantiga está incompleta. En efecto, despois da primeira estrofa, da que o refrán se conserva incompleto, o copista deixa espazo en branco para catro ou cinco liñas.

Sobre a entidade desta lacuna do manuscrito, Pilar Lorenzo [“Gomez Garcia, abade de Valadolide”, en La literatura en la época de Sancho IV, 1996, p. 225] considera que falta unha estrofa, a segunda; carencia que estaría indicada polo copista coa devandita cruz. O feito de tanto B como V reservaren varios renglóns sen copiar texto, B o espazo xusto para que caiba unha estrofa, parece corroborar esta hipótese. Porén, o texto conservado ten sentido en por si (agás polo carácter incompleto do segundo verso do refrán) feito este que xustificaría por si só a marca empregada para indicar a carencia.

En V, despois do v. 5 da primeira estrofa, que cadra no final da columna a, o copista deixa tamén un espazo en branco, que marca con catro puntos en vertical ao inicio de liña, coma  se quixese indicar que faltan catro liñas por copiar. Porén, de faltar unha estrofa, estas liñas non serían suficientes.

Como resolveu a crítica este locus criticus?

T. Braga, aínda que remata con punto final o verso anterior, deixa unha liña de puntos para reflectir a carencia do manuscrito V recollida na lectura diplomática de Monaci por medio de catro liñas en branco. J. J. Nunes, a pesar de que recolle na sección de variantes (Amigo, III, p. 511) o inicio do v. 6 que aparece incompleto en B, non o toma en consideración e considera o refrán formado unicamente por un só verso: quevos queirades, amigo, partir. Paxeco-Machado len De seuy correctamente, mais non lle atopan significado. Propoñen seuy = seur? segur? seruir? ceur? senhor? Finalmente na edición completan o verso dunha maneira que cremos moi desacertada: Des eu y [tanto rog al:]. Tavani (RM: 149) tampouco toma en consideración este fragmento, polo que considera o refrán monóstico.

Máis recentemente, R. Cohen (2003: 332) edita a cantiga cun refrán monóstico e interpreta o fragmento de B como inicio dunha segunda estrofa perdida.

Mais é aquí onde xorde a contradición coa tópica convencional das cantigas de amigo, pois o termo chave partir aparece agora usado nun contexto totalmente anticonvencional: segundo os manuscritos a moza non é quen de convencer o seu amigo para ‘partir’, para que se vaia.

Ese anticonvencionalismo é a causa probábel de que R. Cohen -seguindo hipótese de Nunes (1973, III: 241-242)- decida intervir na lección dos manuscritos para modificar a abreviatura do pronome u9 rexistrada en B e V, trocándoa por un adverbio de negación: non. A súa lectura do verso é, xa que logo: que non queirades, amigo, partir. Así, rematando aí a estrofa, si que cadraría co uso habitual do termo partir.

Hai que ter en conta que os dous apógrafos italianos reflicten unha lacuna do exemplar. Ante a incerteza da entidade desta lacuna, ambos deixaron varias liñas en branco. O copista de B, máis ‘arriscado’, recolleu a secuencia de seuy, inmediatamente anterior á lacuna, mais o copista de V xa non a escribiu.

E este fragmento danos a clave do que para min é, case con certeza, o comezo do segundo verso incompleto do refrán.

Pondo o pequeno fragmento en relación coa cantiga seguinte do autor, onde aparecen as secuencias: meu amigo, que se quer ir/a Sevilha el-rei servir… e A Sevilha se vai d’aqui / meu amigo por fazer ben, e cos versos 9 e 10 desta mesma cantiga: pois ides máis ca por mí por el-rei / fazer, afirmámonos na idea de tratarse dunha alusión á conquista da cidade andaluza por parte do rei Fernando III, na cal tomaría parte o amigo que a moza, con ciúmes do propio rei, pretende facer volver. Ou ben unha alusión ao servizo do amigo ao rei na corte, establecida na cidade andaluza con posterioridade á súa conquista. Partindo desta premisa e a título meramente conxectural, o segundo verso do refrán podería reconstruírse máis ou menos do seguinte xeito: de Sevi[lha, u el rei fostes servir], ou destoutro: de Sevi[lha, u el rei ides servir].

Deste xeito, estariamos ante un uso poeticamente moi interesante e orixinal do termo chave, que tería nada menos que o valor contrario ao que adoita ter: en vez de ‘irse’ significaría ‘regresar’. A moza non é quen de facer que o amigo regrese de Sevilla, onde está servindo ao rei.

Hai máis argumentos ecdóticos, métricos e semánticos que apoiarían a idea dun refrán de dous versos: o copista de B non deixou o espazo dunha liña en branco habitual entre estrofa e estrofa; a estrofa con catro versos de corpo estrófico máis un dístico de  refrán é, con moito, a máis usada polo autor; non ten sentido que a moza ameace o amigo para que non se  atreva a pararse ante ela cando volva de ‘alá’ se se está a queixar de que non é quen de facelo ‘partir’  de ‘acá’.

A estrofa ficaría así:

Ora non dev’ eu preçar parecer,
nen palavra que eu haja, nen sén,
nen cousa que en mi seja de ben,
pois vos eu tanto non posso dizer
5 que vos queirades, amigo, partir
de Sevi[lha, u el rei fostes servir].
8 Comentarios máis...